Axentes da Policía Local participan nos ‘Campamentos de Verán’ organizados polo Concello

Membros da Policía Local do Porriño participaron este mes de xullo nos campamentos de verán do Concello- abertos a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos de idade- co obxectivo de “reforzar a proximidade e a confianza cos máis pequenos”.

As actividades desenroladas pola Policía dividíronse en dúas partes: a primeira consistente na explicación das funcións dos axentes, normas de seguridade vial enfocadas ao uso da bicicleta coma vehículo e cal é o xeito de poñerse en contacto coa Policía Local en caso de necesidade, “subliñando sempre a idea de que un policía é un amigo”, indica o xefe do corpo, Daniel Rodríguez.

Doutra banda, os axentes desprazaron aos lugares nos que se celebran os campamentos distintos vehículos policiais: un furgón de atestados, coches e motos, nos que se explicaron ás rapazas e rapaces as súas particularidades, interactuando con elas e eles e respondendo as súas preguntas.

O xefe da Policía Local engade que estas actividades veñen de dar continuidade á ‘Campaña de Educación Vial’ que “realizamos cada ano en todos os centros de ensino do Porriño”.

A Policía Local intercepta a 30 condutores que circulaban polo Porriño baixo os efectos da cocaína, marihuana ou heroína, entre outras drogas

Dende o pasado mes de febreiro, e seguindo as instrucións das concellerías de Seguridade e Tráfico, a Policía Local co Porriño está a levar a cabo unha campaña sobre o consumo de drogas entre os condutores e, doutra banda, acción constantes para acabar co ‘menudeo’ a pequena escala.

O xefe da Policía Local sinala que no eido desta campaña, os axentes realizaron 30 probas positivas en drogas a persoas que circulaban polo Porriño aos mandos dun vehículo, “todas elas sancionadas con multas de 1.000€ a perda de 6 puntos no carné de conducir”.

Dacordo cos datos da Policía, 26 dos infractores eran homes e 4 mulleres; 12, o 40% de todos eles, deron positivo en cocaína; 9, (o 30%) consumiran THC (marihuana); 6 (o 20% do total) deron positivo en heroína, e 3 (o 10%) en outras substancias.

Os policíasinterviron, en 19 casos, a diferentes persoas, substancias estupefacientes, e todas elas foron propostas para sanción pola infracción da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá.

Alerta sobre os efectos das drogas

Conducir baixo os efectos das drogas ten consecuencias que fan a circulación moi perigosa, no caso dos opiáceos e derivados e habitual unha alteración da percepción; incremento das posibilidades de distracción ou de durmirse ao volante; asunción de riscos e decisións perigosas por mor dunha falsa sensación de control ou movementos máis lentos.

Polo que se refire a substancias coma a cocaína, a mesma causa comportamentos impulsivos; diminúe a sensación de fatiga o que leva a conducir durante máis tempo do recomendable; incita a unha sobrevaloración das propias capacidades transmitindo unha falsa sensación de confianza para afrontar situacións perigosas e leva a asumir máis niveis de risco, aumentando este comportamento ao volante coa realización de manobras temerarias ou o incremento da velocidade.

Cortes e desvíos de tráfico o venres,sábado e domingo pola celebración de Porrigalia

A Policía Local do Porriño informa que a causa da celebración de Porrigalia, o venres, día 20, sábado, 21 e domingo 22 de xullo, haberá cortes, restricións e desvíos do tráfico rodade en distintas rúas do casco urbano.

Na rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento co Fernández Areal, a circulación estará cortada dende o venres, día 20, ata as 2 da tarde do domingo, 22.

Tamén estará prohibido circular por Ramón González e Manuel Rodríguez , ata o cruzamento con San Sebastían, dende este venres ata o domingo e, finalmente o tráfico da rúa Pío XII estará desviado pola rúa Fontevella.

Do mesmo xeito, a parada do autobús para Tui, estará na Avenida de Galicia e no cruzamento con Salceda –acceso a Atios-Vilafría- nos dous casos debidamente sinalizado.

A Policía Local arresta a un individuo de 38 anos de idade reclamado hai ano e medio pola xustiza para entrar na cadea

Axentes da Policía Local do Porriño detiveron o pasado domingo, día 15, a un individuo de 38 anos de idade, que atopábase  fuxida da xustiza tentando evitar o seu ingreso en prisión e, deste xeito, forzar a prescrición da súa condena.

A orde de busca e captura para o seu traslado á prisión fora dictada polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, logo de que este home fora xulgado e atopado culpable dun Delito de Lesións.

Logo da súa detención, foi conducido, este luns, polos axentes ao Xulgado de Instrución nº 2 do Porriño, en función de garda, e dende o mesmo emitiuse a orde para o seu traslado á cárcere de A Lama.

Non é o primeiro arresto deste tipo que fai a Policía Local do Porriño este ano: o pasado mes de febreiro  fora detido un home que levaba un ano fuxido dende que o Xulgado do Penal número 3 de Vigo ordenase a súa entrada en prisión.

O Concello do Porriño pásase ao híbrido adquirindo por ‘renting’ un novo vehículo para a Policía Local

A Policía Local do Porriño dispón xa dun novo coche, adquirido polo sistema de ‘renting’, que vén tanto a iniciar a renovación do parque deste corpo, que conta con vehículos de máis de 15 anos de antigüidade algún deles superando os 350.000 quilómetros, coma a facer unha aposta polo coidado do medio ambiente.

O novo coche, un Citroen DS, modelo 5, que foi recibido pola concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, e polo xefe da Policía, Daniel Rodríguez, supón que O Porriño pasa a ter un vehículo de que dispoñen moi poucos concellos e, ademais, segundo subliña o xefe da Policía, “mellora e actualiza os nosos medios, preserva a seguridade dos axentes e, o máis importante, mellora notablemente o servizo aos cidadáns”.

Os coches híbridos aportan beneficios para o medio ambiente grazas ao seus baixos consumos globais, á posibilidade de condución en modo EV (eléctrico) e as baixas emisión que emite á atmosfera.

O Goberno local xa tomara medidas, hai días, para arranxar os dous puntos deteriorados da beirarrúa de 2 quilómetros de Pontellas que empezará a repararse pasadas as Festas de San Campio

O tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, logo da denuncia do PP local sobre o estado das beirarrúas feitas hai un ano na parroquia de Pontellas, sinala estaba xa ao tanto desta situación e que en canto tivo coñecemento da mesma “púxeme en contacto co que fora director desta obra, cos técnicos municipais e coa empresa que realizou os traballos para arranxar este problema”.

Manuel Carrera subliña que o ‘deterioro’ ao que se refire o PP local “está localizado en dous sitios concretos” dunha beirarrúa que mide máis de 2 quilómetros e que, dacordo coas primeiras análises do mesmo, trátase dunha circunstancia “atípica”, que vaise arranxar axiña.

Carrera reitera que xa hai días que falou coa empresa fixera a obra que “tomará as medidas precisas e levará a cabo as reparacións que sexan necesarias en canto rematen as Festas de San Campio”.

O concelleiro de Vías e Obras engade que “agradezo ao PP que estea pendente destas circunstancias, coma fan os veciños, e que vele pola seguridade e integridade das porriñesas e porriñeses porque iso si é facer política en positivo”.

Tres días de lecer, entretemento, música, diversión e xogos, proposta de ‘Porrigalia 2018’ que ‘tomará’ as rúas do Porriño do día 20 ao 22 deste mes

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e a concelleira de Festexos, Soledad Girón, presentaron este venres a ‘Porrigalia 2018’, a 5ª edición desta festa que ‘tomará’ O Porriño entre os días 20 e 22 xullo e que  terá coma grandes citas os concertos de ‘Mojinos Escozíos’, o venres, día 20, e de ‘Ses’ o 21 que, coma salientou a alcaldesa toca en Porrigalia grazas á contribución da Deputación de Pontevedra, que asume o seu caché.

Soledad Girón indicou que Porrigalia mantén o seu carácter de celebración aberta a todas as idades e, neste sendo, a súa programación está pensada para que as veciñas e veciños poidan gozar da mesma nas rúas,con actividades nas que pode participar toda a familia.

Venres, día 20

A festa empezará ás 9 da noite do venres co ‘Desfile da Garda Pretoriana’, entre San Sebastián e o Concello, diante do cal será o aceso do pebeteiro, que este ano fará a atleta porriñesa Carla Guisande.

De seguido, chegará o momento da ‘Animación’ por parte dos ‘Gardas de Ent’, xusto antes da actuación de ‘Mojinos Escozíos’ na rúa Domingo Bueno (22:30h.).

Sábado, día 21

O sábado 21, empezará coa ‘Animación na rúa’, ás 11 da mañá na Praza de Antonio Palacios, seguida da Exhibición de Cetrería, unha proposta que recupérase nesta edición de Porrigalia e, de novo, o Desfile da Garda Pretoriana’. Xa pola tarde-ás 6- será o momento da ‘Exhibición de loitas e xogos’, diante do Concello, ao tempo que ábrese, ata as 9 da noite, fronte á Igrexa de Santa María, ‘Pekegalia e Bebegalia.

A tarde seguirá coa Exhibición de Cetrería, a actuación pola rúa de ‘Festicultores Troupe’, dende as 8, e ás 10 e media, no escenario de Domingo Bueno, a actuación de ‘Ses’.

Domingo, 22

O domingo, día 22, ao mediodía, Pablo Trasno empezará animando o día na Praza de Antonio Palacios; de seguido unha nova Exhibición de Cetrería, antes da Butukada e a Charanga polas rúas da vila.

Ás 6 da tarde, diante do Concello, ‘Exhibición de loitas e xogos’ e as ‘Finais dos xogos’-tiro de corda, traga-bolas, carreira de ovos, tres en raia, canastra, puntería, tiro de menhir e serpe de globos-; de novo, ‘Exhibición de cetrería’, ás 7 e media, Animación e, ás 10 da noite, na Praza de Antonio Palacios, Espectáculo de Clausura e Lume, da man de Deabru Beltzak, con ‘Les tambors de Feu.

A concelleira de Festexos, subliñou que ‘Porrigalia 2018’, aposta tamén por ‘Obradoiros participativos’, aos que pode sumarse todo o mundo, e que teñen coma obxectivo o entretemento, este ano serán de pedra, petroglifos, forxa, cestería, cerámica coiro e madeira.

A alcaldesa visita o xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño no que se retomaron, logo de máis de 20 anos, os traballos arqueolóxicos, nos que colabora o Concello do Porriño

Un equipo de investigadores internacionais, liderado polos arqueólogos Eduardo Méndez-Quintas e Manuel Santonja, do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH) retomaron a semana pasada os traballos de investigación nas Gándaras de Budiño, “considerado historicamente o xacemento paleolítico máis importante de Galicia”.

Como puido comprobar a alcaldesa, Eva García de la Torre, que fixo unha visita ao lugar, estas investigacións, nas que participan investigadores portugueses, españois, franceses e australianos, teñen como obxectivo “explicar as características xeolóxicas deste importantísimo xacemento e datar definitivamente os diferentes episodio de ocupación humana”, sinala Eduardo Méndez-Quintas, director destes traballos.

200.000 anos de antigüidade

O xacemento de As Gándaras de Budiño foi un dos primeiros lugares de época paleolítica escavados en Galicia, tralo seu descubrimento en 1961. Inicialmente perforado por Emiliano Aguirre, mundialmente coñecido por ser o impulsor do proxecto Atapuerca, Budiño pasou a converterse nun xacemento altamente problemático, subliña Méndez-Quintas, “posto que as primeiras datacións deste lugar indicaban un cronoloxía de uns 26.000 anos, cando este tipo de lugares tiñan que ter unha idade superior aos 100.000 anos de antigüidade”. Esta circunstancia levou a idea de que no NW da Península Ibérica existía un Paleolítico atípico e anacrónico con respecto ao que acontecía no resto do SW de Europa. “Isto supuña un argumento para defender a idea do “atraso secular de Galicia”, o cal xa arrincaba no Paleolítico.

As investigacións actuais inciden nunha situación totalmente diferente, xa que “na actualidade sabemos que a primeira presenza humana na nosa rexión é anterior aos 300.000 anos, en cronoloxía semellantes as de outras rexión Europeas. Doutro lado os traballos en curso no xacemento indican que estamos ante depósitos moi antigos e con restos arqueolóxicos cunha cronoloxía que debe exceder amplamente os 200.000 anos de antigüidade”, afirma  o director da escavación.

Estes traballos enmárcanse dento do proxecto de investigación internacional “Minho/Miño: Os primeiros poboadores do río Miño”, que estase a desenvolver de xeito simultáneo nas dúas beiras do río . Asemade estas investigación nas Gándaras de Budiño contan co apoio económico do Concello do Porriño.

Difusión dos traballos

Durante os traballos de escavación, e en colaboración co Concello, organízanse visitas guiadas aos traballos arqueolóxicos todos os días ás 5 da tarde, ata o vindeiro sábado, 14 de xullo, último día de traballos nesta primeira fase de investigación no xacemento.