O Pleno da Corporación Local do Porriño acordou por maioría manter a cesión da parcela municipal a “Aceesca” no polígono das Gándaras que se tivera acordado por unanimidade xa no pleno do mes de xaneiro. O acordo maioritario adoptouse onte fronte a petición do grupo “EU Son” que plantexaba reverter esa cesión.

“EU Son” argumentaba criterios de protección medio ambiental por tratarse dunha parcela cercana á “Rede Natura”. Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas explicoulle ao voceiro de “EU Son” que durante os traballos de limpeza realizados na parcela polo Concello “en ningures tívose actuado en espazo natural protexido”.

Non obstante, o tenente de alcalde ofreceu tanto a “EU Son” coma ós restantes grupos da corporación ampliar a superficie de transición entre a parcela que ocupará o futuro centro de formación dual e a zona de protección natural.
Pereira informou das conversas mantidas coa Consellería de Medio Ambiente nas que amosou a vontade do goberno municipal de ampliar esa superficie de transición coa conformidade da administración autonómica. De tal xeito que o Concello realizaría unha modificación puntual do Plan do Polígono das Gándaras para cualificar como “Solo Rústico Protexido de Espazos Naturais” unha franxa de preto de 31.000 metros cadrados. Con esa barreira, habería maior garantía para a conservación do espazo das Gándaras que é “Rede Natura” e tamén se daría seguridade xurídica para que “Aceesca” desarolle o seu proxecto de centro educativo.

O concelleiro de Infraestruturas, conforme anunciou onte no pleno, convocou a todos os grupos da Corporación a unha reunión da Comisión de Urbanismo que terá lugar o vindeiro martes 3, ás sete da tarde, na que dará maior detalle da proposta. Pedro Pereira manifestou que “lamentamos que ‘EU Son’ non amosara disposición ao consenso ofrecido cando a nosa proposta vai encamiñada a aumentar o espazo de protección.