Hoxe, xoves 23 de abril, celebramos o Día Internacional do Libro. Pero temos que facerllo dende a casa. Así que o departamento de Cultura do Concello e a Biblioteca Municipal lembran a oferta de contidos, lecturas e recursos on line que están a ofrecervos para facer máis levadeira esta corentena. http://ecultura.net/suxerencias-da-biblioteca-municipal/
Eva García, alcaldesa de O Porriño poñerá en común cos voceiros dos restantes grupos políticos da corporación, a proposta de acordar unha modificación orzamentaria para destinar fondos e partidas que non van a empregarse en axuda social aos máis desfavorecidos e apoio aos sectores económicos máis sensibles do municipio.
A proposta do goberno municipal consiste en destinar achegas e partidas orzamentarias que non se empregarán, por exemplo, en eventos deportivos ou festivos, para manter axudas por emerxencia social nos colectivos máis castigados polo confinamento, e tamén, empregar eses cartos en inxectar liquidez no tecido do pequeno comercio e hostalaría para axudarlles a remontar a crise.
A alcaldesa trasladará esta proposta aos grupos políticos na vindeira reunión da Comisión Municipal Especial de Seguimento do Covid-19 que volverá a reunirse o vindeiro luns 27. Nesa reunión, o goberno municipal tamén informará aos voceiros dos restantes grupos da corporación, das medidas despregadas ata de agora polo Concello en materia de limpeza, desinfección, achegas de axudas alimentarias e económicas á poboación en risco de exclusión e outras accións en diferentes eidos. Asimesmo nesa reunión, goberno e grupos comezarán a estudar como pode ser a desescalada a nivel local segundo as pautas que marquen tanto o Goberno Central como a Xunta de Galicia.
Finalmente, na reunión de Comisión de Seguimento do Covid-19, alcaldesa e grupos acordarán a data e o xeito de celebración dun pleno da corporación municipal. Decidirase se é presencial coas medidas de hixiene e aloxamento precisas ou ben telemática. O Concello do Porriño dispón do programa “Séneca” (o mesmo que ten o Parlamento de Galicia, por exemplo) que permite a celebración de sesións telemáticas. E por outra banda, a Deputación Provincial implementou o sistema “Xestiona” para que os concellos pontevedreses poidan celebrar reunións “on line” dos seus órganos de goberno.
Esta mañá, a factoría do grupo “Coren” no Porriño fixo entrega dunha nova doazón de produtos ao Concello para o Banco de Alimentos “SOS Porriño”. Esta achega, como outras procedentes de empresas da contorna, adquiren unha importancia moi grande debido ao incremento de demandantes de axuda alimentaria na vila, a consecuencia de prolongarse o estado de alarma. David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais, persoal de Protección Civil e voluntarios do Banco de Alimentos recolleron os lotes que un camión de “Coren” trasladou ata o almacén de “SOS Porriño”.
Publicamos hoxe a terceira quenda do ciclo de vídeos de #Porriñodeportenacasa. Mary Artos, primeira adestradora do Club Patín Porriño, amósanos exercicios para a columna e zona lumbar para o mellor coidado das nosas costas.
Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, iniciou o pasado venres 17, este ciclo baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.
Nas dúas primeiras entregas foron Ana Alonso, preparadora física do Balonmán Porriño e Xoel Souto, da U.D. Atios os encargados de darlles pautas de mantemento físico aos nosos maiores para mellor levar o confinamento. https://youtu.be/RZRrufkRNkU
O Concello do Porriño anuncia, a través de “Porremprego”, que dende esta semana abrese o proceso de preselección de aspirantes á contratación de 24 postos de traballo eventuais durante seis meses que reforzarán diferentes servizos municipais. O proceso realizase a través da oficina do Servizo Público de Emprego (SEPE).
Segundo informa “Porremprego”, as persoas que estean interesadas en participar na preselección que fará a oficina do SEPE terán que poñerse en contacto a través do correo electrónico oficina.emprego.porrino@xunta.es ou a través do teléfono 886 110 404. Deste xeito pode´ran comprobae se xa están inscritos cos códigos correspondentes nas ocupacións demandadas ou ben anotarse no caso de non estiveran inscritos.
A selección final e contratación levarase a cabo en “Porremprego”, servizo dependente do Concello do Porriño, entre as persoas preseleccionadas polo SEPE. Evidentemente ese proceso final de selección e contratación terá lugar cando demita a actual situación de estado de alarma.
Lembramos que as prazas que se convocan son: 1 traballador/a social; 1 diplomado/a en Turismo; 3 oficiais de carpintería; 2 oficiais de primeira soldador; 1 oficial de primeira electricista; 4 oficiais de primeira de albanelería; 2 peóns de obras públicas; 1 auxiliar de enfermería; 2 auxiliares de biblioteca; 1 auxiliar técnico de informática/arquivo; 2 peóns forestais; 2 peóns de limpeza e 2 conserxes. Todos eles a contratar a xornada completa durante seis meses.
O Concello disporá de 247.680 € para aboar eses 24 contratos que é o importe da achega outorgada pola Deputación Provincial a través da Liña 3 do Plan Concellos 2020.
Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil repartirán a domicilio máscaras de protección reutilizables e lavables para os veciños e veciñas de O Porriño.
O reparto realizarase tanto no casco urbano como nas parroquias, porta a porta. Tamén distribuíranse nos establecementos comerciais que permanecen abertos. Nunha primeira quenda que comezará entre esta tarde e mañá martes, repartiranse 3.000 máscaras e nos vindeiros días agardase chegar a distribuír máis de 20.000, segundo estimacións do goberno municipal.
Veciñas de O Porriño realizan, de xeito desinteresado, estas máscaras con tecido doado por firmas téxtiles da contorna. Despois da súa elaboración son esterilizadas e logo envasadas nunha bolsa na que aparece unha etiqueta que informa que son reutilizables, lavables a unha temperatura recomendada de 30 graos e que se recomenda gardar unha distancia social entre persoas e manter a hixiene nas mans.
Xoel Souto, preparador físico da Unión Deportiva Atios, é o encargado de facer esta segunda entrega do ciclo #Porriñodeportenacasa que subimos hoxe ás redes sociais do Concello.
Nesta quenda, Xoel preparou unha serie de exercicios para o mellor mantemento físico das persoas maiores de 80 anos que a consecuencia do estado de alarma, permanecen confinados nos seus fogares e non poden saír ás rúas.
Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, iniciou o pasado venres 17, un ciclo de vídeos baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.
Na primeira entrega, foi Ana Alonso, preparadora física do club “Balonmán Porriño” ofreceunos unha clase dirixida especialmente a persoas maiores, entre 70 e 80 anos, con bo estado de saúde e sen patoloxías previas graves.
Pedimos que os netos e netas, fillos e fillas axuden aos avós e aos pais por se tiveran dificultades para ver o vídeo aínda que o procedemento de descarga e visión é moi sinxelo.
A Policía Local do Porriño informa da interceptación, por segunda vez en tres días, dun conductor que infrinxiu o estado de alarma. Nesta segunda ocasión, ía acompañado dunha muller que estaba oculta, nos asentos traseiros. Segundo o atestado policial, a muller presentaba síntomas compatibles co “Covid-19” e foi trasladada en ambulancia.
Os feitos acaeceron na noite do venres 17. Nun control da Policía Local, o vehículo que conducía este individuo foi interceptado. Ainda que inicialmente intentou fuxir do control, rematou desistindo e obedecendo os sinais de alto dos axentes. Comprobouse que xa fora detido nun anterior control, o martes 14 e que tiña o permiso de conducir suspendido. Por estes feitos, ambos ocupantes do coche foron denunciados por incumprir o estado de alarma. E a maiores, o conductor denunciado ante o xulgado de garda por presunto delito contra a seguridade vial e o vehículo inmovilizado.
Por outra banda, a Policía Local do Porriño informa que ata o mediodía do sábado 18 de abril e dende o inicio do estado de alarma, impuxeronse 285 denuncias por diversas infraccións. A tramitación das correspondentes sancións económicas corresponderá á Subdelegación do Goberno. A contía das multas oscila entre 600 e 30.000 €.
O Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, estrea nas redes sociais do Concello, un ciclo de vídeos baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.
Segundo explicou Julio Bernárdez, xefe do Servizo de Deportes do Concello, “o propósito é axudar á poboación, nestas datas de confinamento, a realizar certa actividade física”. Conforme as instrucións do concelleiro David Alonso, responsable de Deportes, “pretendese chegar a todos os públicos, incluídos colectivos como terceira idade, embarazadas ou persoas con capacidades diversas que tamén precisan de facer exercicio durante estes días de confinamento”.
Ana Alonso, preparadora física do club “Balonmán Porriño” ofrécenos a primeira clase que vai dirixida especialmente a persoas maiores, entre 70 e 80 anos, con bo estado de saúde e sen patoloxías previas graves.
Pedimos que os netos e netas, fillos e fillas axuden aos avós e aos pais por se tiveran dificultades para ver o vídeo aínda que o procedemento de descarga e visión é moi sinxelo.
A Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) propoñen á infancia e mocidade de Porriño diversas actividades de tempo libre a realizar para seguir quedando na casa, agora que chega a fin de semana. Tratase de traballos manuais, pasatempos e xogos que se ofrecen a través do enlace coa páxina web de “Cinedomevr360º” , plataforma que colabora coa Concellería de Educación e coa OMIX do Porriño en diversas actividades formativas e de lecer. Agardamos que sexa do voso gusto.