A Policía Local do Porriño recupera un coche que fora roubado o pasado mes de novembro

Axentes da Policía Local do Porriño recuperaron o pasado martes, no casco urbano, un coche que figuraba coma roubado en Vigo en novembro do ano pasado.

O xefe da Policía Local sinala que estas actuacións forman parte do Plan de Seguridade e Prevención da Seguridade Cidadá posto en marcha dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure, e que ten coma obxectivos perseguir a comisión e prevención dos Delitos contra o patrimonio das persoas.

O coche, logo da súa recuperación, será entregado ao seu propietario, “logo da inspección ocular, co obxecto de localizar ao presunto autor ou autores do roubo do mesmo”.

Dende a Policía Local recomendase ás veciñas e veciños que, ante calquera tipo de incidencia, chamen ao número de teléfono  620404040, que é “inmediato e sen intermediarios”.

Os traballos para levar o saneamento aos novos vestiarios e aos baños públicos do Campo do Atios estarán rematados este mes

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está realizando dende hai unha semana os traballos para levar o saneamento aos novos vestiarios e aos baños públicos do Campo de fútbol de Atios.

Carrera apunta que as obras contan cun orzamento total de 30.000€ e abranguen o ancheamento da estrada, dende a popularmente coñecida coma ‘chegada do Carballo’ ata a Travesía de Novás, un treito de máis de 200 metros, “o cal mellorará a entrada e saída de vehículos dende o campo de fútbol”.

Os fondos para acometer estes traballos, como subliña o alcalde accidental, corresponden ao ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra, e a previsión é que os mesmos estean rematados a finais deste mes de agosto.

@depo_es abre este mércores no Concello un servizo de atención á veciñanza sobre o proceso de regulación castastral

A Deputación de Pontevedra colabora co Concello do Porriño para habilitar, a partir deste mércores, día 8 e agosto, un servizo provisional de atención ao público para que veciños e veciñas poidan tramitar máis facilmente as súas consultas sobre o procedemento de regularización catastral que se está realizando na actualidade.

Durante dúas ou tres semanas, haberá na Casa Consistorial do Porriño persoal disposto polo Goberno provincial para atender todas as demandas da veciñanza sobre este proceso. O servizo poderá ampliarse durante máis tempo no caso de estimarse necesario. O horario de atención ao público será en horario de mañá, entre as 8:30 e as 14:30 h.

A Deputación de Pontevedra habilita este servizo despois de que o Concello do Porriño lle solicitase colaboración para atender á cidadanía que se está vendo afectada polo procedemento de regularización catastral.

Estímase que por este proceso no Porriño están afectadas unhas 3.000 persoas. Delas, unhas 2.000 xa recibiron as notificacións derivadas de dito procedemento, mentres que outras 1.000 o coñecerán en próximas datas. 

O Goberno local cumpre co seu compromiso e acomete a reparación, mellora e reforma da Gardería da Galiña Azul, en Torneiros, que estará rematada a finais deste mes de agosto

O Goberno local do Porriño vén de iniciar as obra de mellora e reforma da Escola Infantil A Galiña Azul de Torneiros, con cargo á liquidación do Consorcio Galego de Benestar, cun orzamento de 37.577,53€.

Os traballos, que comezaron a semana pasada, estarán rematados a finais deste mes de agosto e abranguen a retirada do perpiaño superior do inmoble, a colocación de novas baixantes, a reparación da caneta posterior e do comedor, coa demolición de varios tabiques; a eliminación das filtracións de auga; arranxo de muro de contención do xardín de xogos, substitución do pavimento; reconstrución do cadro eléctrico; colocación dun novo pechamento metálico na entrada ou  arranxo xeral do mobiliario, xogos, elementos e bambáns.

A reforma, recuperación e reparación da Galiña Azul en Torneiros, non só era unha demanda longamente solicitada polas veciñas e veciños e responsábeis do centro, senón un dos compromisos da alcaldesa, Eva García de la Torre que, de novo, pide á Xunta a creación dunha nova gardería no Porriño, considerando que “somos o concello no que máis nenos nacen na provincia e o segundo en crecemento vexetativo de toda Galicia”.

Este luns, día 6, na Praza de Antonio Palacios, dobre sesión dentro da programación cultural de agosto: o contacontos Anxo Moure e o concerto de Najla Shami e Sérgio Tannus

O programa de artes escénicas ‘Vive o Camiño’ inclúe a particular proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués que concienciará da importancia de protexer o patrimonio forestal da ruta xacobea, a cargo do lucense Anxo Moure, que estará este luns, día 6 de agosto, ás 8 da tarde, na Praza de Antonio Palacios.
De seguido, ás 9 da noite, no mesmo lugar e dentro da Programación Cultural Municipal deste mes,: concerto de voz e guitarra ‘Camiños de culturas’, con Najla Shami e Sérgio Tannus.

O vindeiro domingo, 5 de agosto, a Entidade Local Menor de Chenlo celebrará a X Festa do Cabrito ao Espeto.

Como cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol en Chan da Carreira será escenario desta festa gastronómica que, grazas ao esforzo e implicación dos veciños e veciñas de Chenlo, xa se ten consolidado como evento de referencia na comarca e en toda a provincia.

Chenlo conta con repetir o éxito acadado nas anteriores edicións e recibir a unhas 2.000 persoas, tal e como explicaron os organizadores do evento durante o acto de presentación na Casa Cultural de Chenlo.

Manuel Alejandro Lorenzo, alcalde pedáneo, invitou  a todo o mundo a achegarse este domingo a Chenlo e compartir eles esta festa “que xa é patrimonio cultural de todos os veciños e veciñas”.

A festa comezará ás 11 da mañá coa degustación de pinchos e a actuación dun grupo de gaitas,  mentres empezan a asarse os cabritos que se degustarán na comida popular que terá lugar á 1 e media da tarde. A organización ten disposto un tobogán acuático para combater a vaga de calor e gozar da actuación do grupo Os Cabritos de Chenlo.

Outro dos pratos fortes fortes deste ano chega da man de Víctor Fábrega, “Tucho”, cos seus monólogos facendo as veces de pregoeiro. Xa pola tarde haberá moitos agasallos e sorpresas, ademais do tradicional sorteo cabrito dos Cabreiros, nunha tarde que estará amenizada polo grupo 3.COM.

Está previsto que se asen uns 100 cabritos, ademais de 200 quilos de churrasco.  Os precios das racións non variarán dos pasados anos: 20€ por cada ración de cabrito, 12€ por ración de churrasco, 3€ o pincho, 180 un cabrito enteiro e 90€ medio cabrito…por suposto, todas as racións inclúen empanada, patacas, bebida, pan, café e rosca.

A alcaldesa defende a xestión de “control” feita polo Goberno local en relación coas facturas e rexeita a suposta ‘manipulación’ da que fala o PP

A alcaldesa, Eva García de la Torre, quere aclarar aos cidadáns, en relación coa ‘manipulación’ da que fala o Partido Popular e que ten que ver con facturas que entraron no Concello, que aquelas que non eran correctas, ben polo feito de que o importe non era o acordado, o concepto das mesmas non era o que se indicaba ou non quedaba explicado, con exactitude, o servizo que se prestaba, tiñan que sinalarse coma ‘non conformes’.
 
García de la Torre salienta que o que se fixo dende o Goberno local foi poñer, de xeito moi claro e visible, ese ‘non conforme’, “porque temos a obriga de facer unha labor de control de todo o que se paga dende o Concello” e por iso, cando a esas facturas se reenviaron coa documentación anexa que acreditaba o servizo prestado, as mesmas contabilizáronse e entraron no expediente.
 
A alcaldesa pregúntase “cando os responsábeis do Partido Popular falan do uso de ‘tipex’ para alterar as facturas qué o que queren dicir? que ren afirmar que o ‘tipex’ empregouse para poñer máis cantidade da que indicaba a factura? ou que estaba por riba da parte na que figuraba conforme ou non conforme?”
 
Os conceptos da facturas son de gasto corrente, coma Fenosa, Telefónica, pago de comedor do CEIP da Ribeira, que non pagaba a Xunta e que o Goberno local decide que asuma o Concello, “aínda que o Partido Popular nunca estivo dacordo”, hai facturas de limpeza, de recollida do lixo ou de asistencia técnica dun enxeñeiro e que xa fora adxudicada e que non foi posible tramitar antes por falla de persoal.
 
“Son facturas”, insiste Eva García de la Torre, quen salienta que “non falamos de modificar unha obra que estaba orzamentada nunha cantidade e despois resulta que é outra cantidade moito máis alta, algo que nós sí poderiamos dicir que fixo o PP no seu momento..se quere o Partido Popular falamos de cando gobernaba neste concello e dun contrato de máis de 200.000€, e que partiu en catro partes e que ao final a empresa facturou ao Concello, a maiores, 98.000€ máis”.
 
O que alcaldesa quere que as veciñas e veciños do Porriño saiban que do que se fala que “non é doutra cousa que do pago de facturas e non desa ‘manipulación’ que se inventa o Partido Popular que está abonado ao ‘difama que algo queda”.
 
García de la Torre lembra que o Concello, porque así o esixe o artigo 25.2 da Lei de Bases de Réxime Local, ten a obriga de prestar servizos básicos, “sí o sí”, e se non se poden contratar segundo as normas de contratación do sector público, polas razón que sexan, non podemos deixar de prestar o servizo e hai que págalo.
 
É mi doado acusarme de que hai empresas que o pasan mal o que van a ter que facer un ERE porque non cobran o que lle debe o Concello e logo cando teñen que asumir a responsabilidade no Pleno, xa non digo de votar a favor do pago, bastaría con absterse, non o fan: votan en contra so para facer dano a esta alcaldesa e, de rebote, as empresas e persoas que prestan servizos ao Concello do Porriño”.
 
Eva García de la Torre enfatiza que se fose citada polo Fiscal para explicar todo isto, logo da denuncia anunciada polo Partido Popular, “explicarei, polo miúdo, cada unha das facturas, porque non hai unha sombra de dúbida sobre nin unha soa das facturas que levamos a Pleno, nin unha soa sombra, nin un pero”.
 
Por último, la alcaldesa sinala que esta é a cuarta vez que o PP sae en prensa falando das facturas o cal amosa a alarmante falla de proxecto que ten un partido que aspira a gobernar no Porriño e que en tres anos e medio que levamos deste mandato non fixo unha soa proposta que responda a un so problema dos que teñen as veciñas e veciños do Porriño”.
 
García de la Torre cualifica de “descaro” que os responsábeis do PP local digan que a eles sí os reciben nas consellerías da Xunta e logo non explican qué é o que logran para os cidadáns. “Estiveron co conselleiro de Sanidade e non temos mellor centro de saúde ou con máis persoal, ou con mellores condicións para os cidadáns: que expliquen qué fixeron alí e que expliquen qué propostas e proxectos teñen para as porriñesas e porriñeses á marxe de atacar á honorabilidade desta alcaldesa, o a realidade é que queren volver ao poder para organizar de novo aqueles ‘feiróns’ de emprego para humillar as persoas que estaban necesitadas?”.

O paro baixa, un mes maís no Porriño, que no que vai deste ano reduciu o desemprego ata taxas de hai unha década

Dende 2008 non se coñecía no Porriño unha taxa de desemprego semellante á do pasado mes de xullo no que o paro volveu a baixar na vila situándose en 1.420 persoas, o que representa o 15%.

Dacordo cos datos difundidos este xoves polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, o desemprego está 8 puntos por debaixo do que había cando o actual Goberno local empezara a súa xestión logo de herdar do anterior un porcentaxe de desemprego do 23,1%, con 2.139 porriñesas e porriñeses sen traballo, 713 máis que na actualidade.

En relación co mes de xullo de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego baixou de 1.663 a 1.420, o que supón que hai 243 traballadoras e traballadores máis no Porriño.

En relación co inicio deste ano 2018, o desemprego baixou en 269 persoas, o que representa un descenso, de 3 puntos en so 7 meses, máis que ningún outro concello da Área Metropolitana.

Porriño Accede’ e ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, programas impulsados polo Goberno local, teñen unha porcentaxe de éxito de preto do 75%, o que representa que 2 de cada 3 participantes nos mesmos están traballando.

Os dous, xunto coa colaboración con outras administracións, en especial a Deputación de Pontevedra, lograron que preto de 150 porriñesas e porriñesas teñan hoxe un emprego.

Esta colaboración abranguerá nas vindeiras semanas, á Zona Franca de Vigo que, coma se comprometeu coa alcaldesa, este mércores o seu delegado, David Regades, durante unha visita ao Polígono de A Granxa, incrementará a súa actuación no Porriño co aumento do chan industrial e as axudas a emprendedores e novas empresas, o cal redundará no aumento do emprego “fixo e de calidade”.

A alcaldesa lamenta que Rueda non veña a O Porriño coma vicepresidente da Xunta para interesarse polo lindano, o Centro de Saúde, o tren ou a nova gardería e sí para facerse a foto co presidente local do PP

A alcaldesa, Eva García de la Torre, vén de amosar a súa sorpresa pola anunciada visita, este xoves, ao Porriño do vicepresidente da Xunta de Galicia a O Porriño para asistir á presentación da ‘X Festa do Cabrito o Espeto de Chenlo’.

García de la Torre confesase estupefacta polo feito de que Alfonso Rueda viaxe con este motivo a O Porriño e non o fixese nos últimos tres anos para apoiar a retirada do paso a nivel do centro da vila; interesarse pola contaminación por lindano no barrio do Contrasto, en Torneiros;  para aclarar porqué nos pasados 8 anos o Goberno de Galicia, do cal é vicepresidente, non acometeu a construción dun novo centro de saúde, ou aumentou  o seu persoal , empezando por un pediatra, ou para anunciar que a Xunta de Galicia construirá outra gardería no Porriño, o segundo concello de Galicia e primeiro da provincia, en nacemento de nenos, e explicar ás nais e pais do Porriño porque sí decidiu abrir unha nova en Mos, á que vense na obriga de desprazarse coas súas cativas e cativos.

Eva García de la Torre da a benvida ao vicepresidente da Xunta e arela que esta visita ao Porriño teña continuidade con outras nas que se traten co Goberno local os temas anteriores e que, unha vez máis, non sexa so para aproveitar e facerse a foto co presidente local do seu partido, o Partido Popular, Manuel Alejando  Lorenzo, que tamén é o alcalde pedáneo de Chenlo e que, tamén isto causa asombro: este ano invita, por primeira vez á alcaldesa do Porriño á presentación desta festa á que o Concello contribuíu máis que nunca estes tres anos pasados.

O Consorcio de Augas do Louro prestará os servizos de baleirado de fosas sèpticas domésticas

O Comité Directivo do Consorcio do Louro, presidido pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, vén de acordar que prestará os servizos de baleirado de fosas sépticas, transporte e xestión dos lodos na depuradora de Guillarei.

A iniciativa xurde da necesidade de dar unha alternativa real e viable a aquelas vivendas que, a día de hoxe, non teñen posibilidade de conectar polo de agora ás redes de saneamento.

Trátase dunha resposta dos catro concellos ás demandas dos veciños e veciñas para que, mentres non sexa posible facer a conexión, as vivendas teñan garantido o servizo en igualdade de condicións e a un custe similar.

O servizo prestarase de xeito uniforme nos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui e estará regulado mediante unha ordenanza única, co mesmo prezo público nos catro concellos e incluirá, de ser necesario, o servizo de limpeza e desentullo de canos e desaugadoiros.

O prezo por baleirado será de 100,86€ mais o IVE correspondente, ao que se lle engadirá unha taxa anual de depuración de 46,80 € que se liquidará unicamente co primeiro baleirado de cada ano natural.

Deste xeito, o Consorcio pretende facilitar aos veciños o mantemento periódico das fosas sépticas e pozos negros particulares, de tal xeito que se garanta a correcta xestión dos lodos e se eviten verteduras incontroladas, o que, sen dúbida, repercutirá nunha melloría na calidade das augas dos pozos ou mananciais.

O acordo someterase a información pública para acadar a súa aprobación definitiva, momento no que se poderá solicitar o servizo presentando unha solicitude en calquera das catro oficinas do Consorcio.

O texto completo da ordenanza pode consultarse na web do Consorcio consorciodolouro.es.