A Deputación de Pontevedra colabora co Concello do Porriño para habilitar, a partir deste mércores, día 8 e agosto, un servizo provisional de atención ao público para que veciños e veciñas poidan tramitar máis facilmente as súas consultas sobre o procedemento de regularización catastral que se está realizando na actualidade.

Durante dúas ou tres semanas, haberá na Casa Consistorial do Porriño persoal disposto polo Goberno provincial para atender todas as demandas da veciñanza sobre este proceso. O servizo poderá ampliarse durante máis tempo no caso de estimarse necesario. O horario de atención ao público será en horario de mañá, entre as 8:30 e as 14:30 h.

A Deputación de Pontevedra habilita este servizo despois de que o Concello do Porriño lle solicitase colaboración para atender á cidadanía que se está vendo afectada polo procedemento de regularización catastral.

Estímase que por este proceso no Porriño están afectadas unhas 3.000 persoas. Delas, unhas 2.000 xa recibiron as notificacións derivadas de dito procedemento, mentres que outras 1.000 o coñecerán en próximas datas.