O Goberno local do Porriño vén de iniciar as obra de mellora e reforma da Escola Infantil A Galiña Azul de Torneiros, con cargo á liquidación do Consorcio Galego de Benestar, cun orzamento de 37.577,53€.

Os traballos, que comezaron a semana pasada, estarán rematados a finais deste mes de agosto e abranguen a retirada do perpiaño superior do inmoble, a colocación de novas baixantes, a reparación da caneta posterior e do comedor, coa demolición de varios tabiques; a eliminación das filtracións de auga; arranxo de muro de contención do xardín de xogos, substitución do pavimento; reconstrución do cadro eléctrico; colocación dun novo pechamento metálico na entrada ou  arranxo xeral do mobiliario, xogos, elementos e bambáns.

A reforma, recuperación e reparación da Galiña Azul en Torneiros, non só era unha demanda longamente solicitada polas veciñas e veciños e responsábeis do centro, senón un dos compromisos da alcaldesa, Eva García de la Torre que, de novo, pide á Xunta a creación dunha nova gardería no Porriño, considerando que “somos o concello no que máis nenos nacen na provincia e o segundo en crecemento vexetativo de toda Galicia”.