@depo_es aproba a financiación da adecuación paisaxística da Avenida de Galicia do Porriño con máis de 600.000€

A presidenta da Deputación de Pontevedra  informou á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, da aprobación pola Xunta de Goberno dun investimento para O Porriño con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019.

En concreto, son 604.227,42€ cos que O Porriño poderá financiar a adecuación paisaxística da Avenida de Galicia e o seu entorno. Este ano a institución provincial pon a disposición de O Porriño ao través do Plan un total de 1.132.222,96€ un 3,22% máis que no 2018.

Máis polo miúdo, coma Carmela Silva comentou con Eva García de la Torre, a actuación está orientada a acondicionar o espazo urbano da avenida e a súa contorna, como acceso principal a O Porriño.

As obras contemplan a mellora estética e dotacional de máis de 2.000 metros cadrados, vaise incrementar o espazo para usos pasivos e recreativos, dotarase de atractivo e unidade o conxunto e limparanse os elementos confusos e negativos. Amais, vaise executar a implantación de mobiliario, creación de zonas recreativas e de descanso, integración a través da vexetación, e instalación de beirarrúas con zonas verdes. A actuación tamén implica a execución dunha zona de estancia cuberta e axardiñada, unha mediana de viario con xardín descontinuo de céspede e macizos, novos xardíns, supresión de barreiras arquitectónicas e rotonda con novo xardín.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 786.933,47€, o concello de O Porriño tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 100.133,94€ na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 245.155,51€ da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 40 traballadores e traballadoras para o concello.

O Concello instala un quentador de auga e un sistema de calefacción na Escola Unitaria de Mosende na que os rapaces pasaban tanto frío que tiñan que estar na clase co abrigo posto

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Educación, Lourdes Moure, vén de visitar a Escola Unitaria de Mosende onde o Concello colocou un quentador de auga e un sistema de calefacción.

A escola, subliña a alcaldesa “carecía de calquera instalación para que as nenas e nenos estivesen quentes”. En menos dunha semana o Concello dispuxo os mesmos, investindo uns 6.000€, e “agora os pequenos xa no pasan frío xa que mesmo tiñan que estar na clase cos abrigos e as cazadoras postas e non podían nin lavarse as mans porque a auga saía conxelada da billa”.

Escola Infantil de Torneiros e CEIP de Atios

A actuación na Escola Unitaria de Mosende é outra máis das accións de mellora e arranxo que acomete o Goberno local nos centros de ensino do Porriño. A finais de agosto, a alcaldesa supervisara persoalmente o remate dos traballos de reforma e mellora da Escola Infantil A Galiña Azul de Torneiros, nas que o Concello investiu 37.577,53€

As obras abrangueron a retirada do perpiaño superior do inmoble, a colocación de novas baixantes, a reparación da caneta posterior e do comedor; a demolición de varios tabiques; a eliminación das filtracións de auga; arranxo oe muro de contención do xardín de xogos; substitución do pavimento; colocación dun novo pechamento metálico na entrada; amaño do xardín e o céspede; substitución dos zócolos; reparación de   xogos, elementos e bambáns; pintado das varandas, selado de fiestras ou a limpeza das fachadas cun tratamento de auga a presión.

Do mesmo xeito,  impulsou as obras de mellora da cuberta e dos baños do centro CEIP Plurilingüe de Atios, cun orzamento de 15.000€.

Cero euros da Xunta de Galicia

“Todos estes traballos foron asumidos polo Concello na súa totalidade maila que as competencias, exclusivas, en materia de Educación son da Xunta de Galicia”. Eva García de la Torre insiste na necesidade, como fixo durante todo este mandato,  de que o Goberno galego se faga cargo do arranxo das fendas dos centros de ensino públicos do Porriño, “cumprindo coa súa obriga”.

Neste eido, a rexedora reitera que, logo de pedir reiteradamente a construción dunha nova gardería e un novo colexio,  “á vista do estado do CEIP Fernández López”, a Xunta destina nos ‘cero euros’  a estas demandas nos seus orzamentos para 2019, aínda máis, conclúe a alcaldesa, “tampouco contempla partida algunha dos 50.000€ demandados polo Goberno do Porriño para os comedores escolares”.

A alcaldesa visita as novas dotacións deportivas da Granxa, que serán unha realidade en poucos meses grazas á achega de 800.000€ por parte da Deputación de Pontevedra

A alcaldesa, que dende hai menos dunha semana é tamén a máxima responsable da área de Deportes do Concello- visitou este mércores as obras da novas instalacións de atletismo da Granxa.

As mesmas, que contarán cun orzamento de 1 millóns de euros, serán unha realidade grazas a unha achega de 800.000€ por parte da Deputación de Pontevedra que, coma todas as inversións do organismo provincial no Porriño, foron asinadas pola propia alcaldesa.

A nova instalación deportiva de A Granxa, que segundo o proxecto estará rematada o vindeiro mes de maio, é “unha aposta de futuro”, sinalou García de la Torre, quen asegurou que porá a dispor dos máis de 650 integrantes do Club Atletismo do Porriño  dunhas “dotacións óptimas e punteiras”.

As mesmas contarán  cun módulo cuberto cunha recta de 6 rúas de 60 metros de lonxitude;  disporá dun teito dotado de lucernarios que permitan o paso da luz natural. A maiores, contará co alumeado axeitado para o desenrolo de competicións e adestramentos e prevese a instalación dun sistema de ‘fotofinish’.

Na parte central da pista executarase un módulo de lanzamento de peso cun aro de formigón provisto dun anel de seguridade. O entorno terá un espazo verde de céspede que integra a instalación coa súa contorna.

As instalacións estarán preparadas para a práctica de distintas modalidades e disciplinas de atletismo, ademais de salto de altura, de lonxitude, triplo salto ou salto con pértega.

A alcaldesa engadiu que á par que se leva adiante a construción deste novo emprazamento deportivo, vaise avanzar no proxecto que permita que as instalacións que están preto do mesmo  dispoñan doutros servizos coma oficinas e vestiarios.

O Concello asina convenios de colaboración con clubs e asociacións deportivas do Porriño, para a formación de novos deportistas nas súas categorías inferiores, por un importe de 600.000€

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e representantes de clubs e asociacións deportivas do Porriño, realizaron este martes a sinatura ‘simbólica’ dos convenios de colaboración deportiva que o Concello ten con cada un deles.

Estes convenios, como subliñou a alcaldesa –que dende este martes é ademais a responsable de Deportes- “supoñen, como levamos defendendo dende que chegamos ao Goberno local hai case catro anos, unha aposta forte, decidida, continuada e constante con todas as modalidades deportivas que se practican na nosa vila e, esencialmente, coa formación de novos deportistas, nas categorías inferiores dos nosos clubs”.

Eva García de la Torre sinalou que a sinatura este 2019 é ‘simbólica’ porque a mesma xa se pode realizar on line, por medio do programa ‘Xestiona’, tal e coma coñecen os responsábeis deportivos.

En total, o Concello do Porriño destina a estes convenios 600.000€ que, sinalou  Eva García de la Torre, grazas ao traballo dos técnicos e funcionarios municipais e ao impulso da xestión telemática, que permitirá que os nosos clubs poidan cobrar xa o 80% do importes dos mesmos.

A alcaldesa lembrou que “O Porriño é, sen lugar a dúbidas, o Concello do Deporte posto que destina á actividade deportiva, máis dun millón de euros”. Esta cantidade representa preto do 6% dos 17 millóns que ten o Concello do Porriño de orzamento total anual, “unha porcentaxe que deixa ben claro noso compromiso cos deportistas, adestradores, técnicos, xuíces, aficionados  e directivos dos nosos clubs”.

A alcaldesa pon en marcha os traballos de arranxo e mantemento da Piscina Municipal e substitución do climatizador da mesma, todo cun orzamento de 114.000€

A alcaldesa, que dende este martes exerce tamén a Concellería de Deportes, estivo na piscina municipal para comprobar o avance das obras de mantemento e arranxo que están realizándose na mesma.

As devanditas obras consisten, dunha banda, na reparación de paneis de policarbonato do teito, a substitución de 7 placas e a unión do ‘Pavillón 1’ e a piscina. Ademais, vaise substituír os traveseiros de metal que forman parte da separación entre a zona do ‘Pavillón número 2’ e a piscina.

Estes traballos, “que levan proxectados xa tres meses e que era completamente necesario realizar”, sinala Eva García de la Torre, contan cun orzamento de 24.000€, procedentes dun remanente da Concellería de Servizos Socias, que foran parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que o organismo provincial autorizou a empregar no arranxo da piscina.

Substitución do climatizador

O vindeiro luns, día 11, empezará a tarefa de substitución do climatizador da piscina. “Hai dous anos unha inspección de Sanidade determinara que o seu funcionamento non era o axeitado”. Daquela, por mor dos orzamentos municipais prorrogados non fora posible levar a cabo o recambio.

Posteriormente, e aprobado o ‘procedemento de urxencia’ dende Intervención do Concello, licitouse o cambio do mesmo,unha licitación que foi adxudicada hai un ano por 90.000€”, e que agora vai facer posible a substitución.

Este traballo, subliña a alcaldesa, vaise realizar seguindo unha planificación que “permitirá que as instalación sigan funcionando con total normalidade e sen que os usuarios sufran incomodidades ou vexan alterada súa actividade”.

Bases da convocatoria de premios ás comparsas participantes no Entroido do Porriño 2019

A Concellería de Festas do Concello do Porriño convoca o tradicional desfile de comparsas, dentro do programa de actividades do Entroido 2019.

As presentes bases rexerán a concesión de premios ás comparsas por participación nos desfiles programados polo Concello.

REQUISITOS XERAIS:

a) Participantes.-

Poderán optar aos premios establecidos nas presentes bases, todas aquelas comparsas integradas por un mínimo de 10 compoñentes, e poderán inscribirse en dúas modalidades:

Infantil: ata 12 anos.

Adultos: a partir de 13 anos en adiante.

O maior número de compoñentes por idades definirá a clasificación da comparsa na categoría infantil ou adultos.

Cada asociación ou colectivo únicamente poderá presentar unha comparsa en cada unha das modalidades.

b) Inscricións:

As inscricións deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello en impreso normalizado para esta finalidade, e achegarán a seguinte documentación de carácter obrigator

c) Prazo de inscrición:

As asociacións e colectivos participantes poderán inscribir as súas comparsas no Rexistro Xeral do Concello, no impreso normalizado que se achega ás bases, dende o luns día 11 de febreiro ata o mércores 20 de febreiro do 2019, ambos inclusive.

d) Importe dos premios a repartir:

A cantidade máxima destinada a premios de participación, para ambas modalidades no entroido establécese en 13.950 euros con cargo ao vixente orzamento municipal, aplicación orzamentaria 334.4800010 (RC Nº 249).

O importe dos premios determinaráse según o número de compoñentes da comparsa seguindo este desglose:

ADULTOS:

de 10 a 19 compoñentes………………….. 300 €

de 20 a 39 compoñentes………………….. 550 €

de 40 a 59 compoñentes …………………. 850 €

de 60 compoñentes en adiante……….. 1.000 €

INFANTIL:

Repetiráse a mesma estrutura.

O importe máximo establecido de 13.950 euros, repartiráse ata acadar esta cifra e seguindo rigurosamente a orde de inscrición.

Aquelas comparsas que desexen participar no Entroido fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción a premio por participación.

e) Orde de participación:

Nos desfiles participarán en primeiro lugar as comparsas inscritas na categoría Infantil seguidas das comparsas de adultos e según a orde de inscrición no concurso.

Cada comparsa deberá levar un cartel que indicará o seu nome, o lugar que ocupa no desfile e o número de compoñentes.

f) Obrigas das comparsas:

As comparsas que aspiren ao premio de participación teñen a obriga de estar inscritas e participar nos desfiles do sábado e martes de entroido, e no acompañamento do enterro da sardiña o mércores de cinza.

g) Percorrido nos desfiles:

Os desfiles celebraránse nas datas e horarios sinalados no programa de festas do entroido.

Sábado: Partirá da rúa Antonio Palacios, desprazándose por Domingo Bueno, Praza San Sebastián e rematará na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Martes: Partirá da praza San Sebastián e rematará na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Enterro da sardiña: As comparsas participarán no acompañamento da sardiña co seguinte percorrido: Saída do Círculo Recreativo Cultural, continuando pola rúa Domingo Bueno, baixada pola fonte de San Sebastián seguindo por Manuel Rodríguez ata o Concello onde se procederá á lectura do testamento. De seguido rúa Peña e rematará perto do albergue de peregrinos (Paseo do Louro) onde se procederá á incineración.

O velorio terá lugar nas instalacións do Círculo Recreativo Cultural en horario de 17.00 horas ata ás 19.00 horas.

O testamento da sardiña será redactado polas comparsas pero sen carácter obrigatorio. Aquelas que desexen participar no testamento deberán presentalo no Centro cultural municipal en sobre pechado e dirixido á Concellería de Festexos, dende o luns día 11 de febreiro ata o mércores 20 de febreiro do 2019, ambos inclusive, en horario de 9.00 h. ata ás 14.00 h.

Estes percorridos e horarios poden ser obxecto de variación por causas meteorolóxicas.

h) Comité de observación e valoración de premios:

Este comité será nomeado mediante resolución da Alcaldía e terá competencias para a valoración das inscricións realizadas polas asociacións ou colectivos, cumprimento da documentación esixida según as presentes bases, desenvolvemento dos desfiles, descalificacións e asignacións dos premios según n.º de compoñentes, emitindo proposta de concesión de premios que será resolta por resolución da Alcaldía.

Estará formado por n.º impar de membros no que se incluirá, cando menos, un representante da Policía Local, un representante do departamento de Cultura e un representante da Concellería de Festas.

A participación supón a plena aceptación do disposto nas presentes bases e o incumprimento de calquera das cláusulas dará lugar á perda do dereito de optar aos premios de participación.

A alcaldesa cesa de todos os seus cargos dentro do Goberno Local ao tenente de alcalde, Manuel Carrera, e ao concelleiro Marcelino Coto

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, vén de cesar dos seus cargos dentro do Goberno local ao tenente de alcalde de concelleiro de Vías e Obras e Deportes, Manuel Carrera, e ao concelleiro de Urbanismo, Industria, Comercio e Medio Ambiente, Marcelino Coto.

A

García de la Torre indica que viuse “forzada” a tomar esta decisión diante da “ineficacia e deslealdade” no exercicio dos seus cargos destes dous concelleiros aos que, lembra, “non so entreguei máis competencias das que figuraban no acordo de Goberno, asinado hai preto de catro anos, senón que di total independencia e confianza plena para a xestión das súas concellerías”.

Nulo interese na xestión do día a día

No que se refire a isto último, a alcaldesa aprecia, hai tempo, un interese nos dous concelleiros cesados so nos grandes proxectos e non no día a día, que é esencial para os cidadáns. Precisamente, son as veciñas e veciños os que de cote “transmítenme o seu descontento coa xestión de problemas que lles afectan na súa vida cotiá e que non foron resoltos polos devanditos concelleiros”.

“Ante estes feitos non quedou outra saída que dar un golpe na mesa e cumprir coa miña obriga que é a de solucionar eses problemas”. García de la Torre asegura que vai dar resposta aos porriñeses e porriñesas no que nos demandan, nas cousas grandes e nas pequenas, “temos un equipo solvente e persoal técnico e funcionarios moi cualificados para afrontar este traballo”.

Deslealdade

A esta falla de eficacia, salienta a alcaldesa, súmase unha “deslealdade” que pasa, non so polos intentos destes dous concelleiros de que sexa a alcaldesa quen asuma a súa falla de eficacia, senón os “seus ofrecementos reiterados ao Partido Popular, ben sexa para integrarse nas súas candidaturas ou para sumarse a unha moción de censura”.

Logo de asinar os decretos de cese nas súas funcións, García de la Torre asumiu as competencias que estes concelleiros viñan desempeñando ate hoxe.

O grupo ‘Viogen’ da Policía Local, integrado por 3 axentes formados en Violencia de Xénero, Psicoloxía, Dereito ou Criminoloxía, actuou o ano pasado en seis casos de violencia machista

O grupo ‘VIOGEN’ da Policía Local do Porriño actuou o ano pasado en seis casos de violencia machista semellantes ao que se produciu hai uns días na parroquia de Cans.

Este grupo, formado por tres axentes, ao mando de Daniel Rodríguez, xefe da Policía Local, é o encargado de “iniciar e completar un protocolo de actuación” que ten coma principal obxectivo “a protección da vítima”.

Obxectivo: garantir a seguridade da vítima

Daniel Rodríguez explica que dende que se produce un delito de violencia de xénero, os policías acompañan en todo momento á persoa que sufriu a agresión. “Garantimos a súa seguridade, acudimos con ela ao centro de saúde, sempre sen uniforme para evitar una dobre victimización, a poñemos en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) do Concello, cos Servizos Sociais municipais, procuramos que teña un lugar no que estar e evitamos que o seu agresor poida ter contacto con ela”.

A vítima nunca está soa, subliña o xefe da Policía Local, quen engade que este procedemento abrangue, “por suposto”, a localización, detención e posta a disposición xudicial do agresor, todo elo en colaboración cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, coma a Garda Civil ou, no seu caso, a Policía Nacional.

Formación en Violencia de Xénero

Os tres axentes do grupo ‘VIOGEN’ da Policía Local do Porriño teñen formación específica en violencia de xénero, psicoloxía, ademais de acoso e ciberacoso. Esta formación é, en todos os casos, regulamentada e oficial: adquirida na Academia de Seguridade, en centros dependentes do Ministerio do Interior, especializados en Seguridade Pública e mediante estudos universitarios, coma Licenciatura en Dereito e Criminoloxía.

Todas as actuacións realizadas nun caso de Violencia de Xénero pola Policía Local, en conxunto, e polo grupo ‘VIOGEN’, en concreto, están coordenadas coa Subdelegación do Goberno que, coma xa adiantaron dende a mesma, porá en funcionamento nas vindeiras datas un novo protocolo de control das vítimas de cara a extremar a súa protección e evitar, completamente, a súa vulnerabilidade ante o seu agresor.

@depo_es propón sete accións formativas no punto ‘SmartPeme’ do Porriño

As oficinas do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra no Porriño acollerán durante o mes de febreiro un total de 7 accións formativas no Multicentro Muncipal de Torneiros.

As mesmas teñen coma obxectivo  a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade.

Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

O Porriño acollerá os seguintes obradoiros: iníciase o xoves 7 de febreiro, ás 19:00h, co curso “Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console”.

“Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos” chegará o martes 12 ás 17 horas.

O xoves desa mesma semana, ás 19 horas, impartirase “Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero”.

A acción “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet” terá lugar o martes 19 ás 18 horas.

O xoves 21 de febreiro, ás 19 horas, chega “Chatbots: A automatización da atención á clientela”.

O martes 26, tamén ás 19 horas, impartirase o curso “Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais”.

Por último, o xoves desa mesma semana, ás 19 horas, terá lugar “Como promocionar o teu propio evento en redes sociais”.

As persoas que queiran poden anotarse chamando ao teléfono 886 20 20 20 ou entrando no portal web SmartPeme  – www.smartpeme.depo.es.

En marcha, por terceiro ano consecutivo, o programa de emprego ‘Porriño Accede’, dirixido a veciñas e veciños en situación de desemprego

A Concellería de Emprego e Formación, dirixida por Soledad Girón, pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, o programa de emprego “Porriño Accede”, dirixido a veciñas e veciños do Porriño en situación de desemprego.

‘Porriño Accede’ ten como obxectivo mellorar as posibilidades de atopar un traballo das desempregadas e desempregados do Porriño e para iso dirixe accións formativas deseñadas polas empresas, que incorporan prácticas non laborais. Trátase de mellorar as competencias profesionais e contribuír á inserción das usuarias e usuarios no mercado laboral. 

 Para formar parte do programa ‘Porriño Accede’, abrirase un rexistro de persoas interesadas, que serán informadas e seleccionadas no momento previo á execución dos cursos. Deberase acudir ás oficinas do Multicentro Torneiros, cumprimentar un formulario de inscrición e aportar a tarxeta de demandante de emprego actualizada.