O Concello do Porriño poderá contratar a 40 traballadoras e traballadores ao longo deste ano 2019, con cargo á Liña 3 de fomento do emprego do Plan Concellos, da Deputación de Pontevedra.

O organismo provincial vén de aprobar, para poder realizar estas contratacións, unha achega para O Porriño de 245.155,51€. A selección deste persoal farase entre persoas desempregadas, a través do Servizo Público de Emprego e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2019.

Será o propio Concello do Porriño, lembra a alcaldesa, Eva García de la Torre, o que solicite os postos que precisa cubrir. Habitualmente, trátase, entre outros, de “persoal para traballos en obras, persoal para xardinaría e medio ambiente ou para mantemento”.

Hai que lembrar que a través do ‘Plan Concellos 2019’, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3% máis que en 2018. Para a Liña 1 -Investimentos- destínanse un total de 30 millóns de euros, para a liña 2 -amortización, pago de débedas e gastos correntes- van un total de 3,9 millóns de euros e para a liña 3 -Emprego- achéganse 9,5 millóns de euros.