A Consellería de Sanidade comunicou ao Concello que O Porriño continúa coas mesmas restricións que tiña. Non hai cambios despois da reunión de avaliación que mantivo o comité clínico coa Xunta.
O Porriño mantense en nivel medio-alto de restricións o que significa aforos do 30% no interior dos establecementos de hostalaría e do 50% nas terrazas; catro persoas sexan ou non conviventes por mesa e peche ás 17 horas. Tamén continúa o peche perimetral aínda que a mobilidade está permitida con Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar.
Por outra banda, os porriñeses poderán beneficiarse dun axuste do Plan de Nadal da Xunta que anunciou esta mañá o conselleiro de Sanidade. O antedito Plan contempla unha ventá de mobilidade que permitirá as viaxes dos galegos entre concellos, aínda que haxa peches perimetrais. Esa ventá estará activa entre as 0 horas do 23 ata as 23 horas do 25.
Hoxe, a partir das 13 horas, haberá unha nova reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid na que se comentarán as últimas novidades. No que atinxe á evolución no Porriño, hoxe o SERGAS comunicou 65 novos casos diagnosticados no concello e unha incidencia acumulada superior a 250.
As obras acometidas polo Concello consisten no acondicionamento, mellora da drenaxe e pavimentación con aglomerado asfáltico do camiño municipal de Centeans. Fixéronse, ademais, as obras necesarias e complementarias de recollida de pluviais para garantir a conservación do camiño.
As obras contan cun orzamento final, licitación máis IVE, de 67.512 €, con cargo ao Plan Concellos 2020, da Deputación de Pontevedra.
Trátase doutra acción do Concello do Porriño ao abeiro desa achega da Deputación. Hai días, a Concellería de Infraestruturas que dirixe o concelleiro Pedro Pereira executou tamén a pavimentación do camiño municipal de Liboeira a Eidos, na parroquia de Atios. que está a piques de rematarse.
A actividade “Chegou Papá Noel” nos colexios de Primaria do Porriño está a desenvolverse dende hoxe e ata mañá venres 18, organizada pola OMIX do Porriño e a Concellería de Educación.
Debido as circunstancias actuais acordouse realizar esta actividade ante as dificultades que estamos a vivir coa Covid-19 e cumprindo cos protocolos de seguridade para garantir que as nenas e nenos poidan gozar dun Nadal como vimos facendo en anos anteriores e non perderse falar en primeira persoa con Papá Noel.
A actividade realizase nos seguintes centros: CEIP ANTONIO PALACIOS, CEIP DA RIBEIRA, CEIP MOSENDE, CEIP FERNÁNDEZ LÓPEZ,CEIP CRUZ BUDIÑO, CPR STO TOMÁS , CPR HERMANOS QUIROGA e CEIP DE ATIOS.
O Concello rematou hoxe o pagamento mediante transferencia bancaria da segunda e última quenda de axudas económicas directas concedidas pola administración municipal pola Covid. Abonáronse en total 84.589 € entre autónomos e micro empresas do Porriño que se acolleron á convocatoria municipal.
Concedéronse 72 axudas entre o total de 78 solicitudes que se presentaron no prazo correspondente. Denegouse unha por incumprir as bases e 5 por non completar a documentación requirida.
As solicitudes procederon de bares, cafeterías, restaurantes, perruquerías e comercio téxtil, entre outros. A maioría recibiron o máximo estipulado nas bases da convocatoria, é dicir 1.200 € por peticionario, segundo resolveu a comisión técnica municipal de avaliación formada por funcionarios do Concello e presidida por David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais.
A meirande parte deses cartos solicitáronse para gastos xerais sobre todo alugueres e amortización de préstamos bancarios. Os demais repártense entre costear gastos de mellora tecnolóxica e medidas anti-covid.
O Concello do Porriño por acordo plenario da corporación habilitou esta liña de axudas cunha partida de 100.000 euros.
A alcaldesa Eva García sinalou que “aínda que non esgotamos a partida, iso non significa que non vaiamos a habilitar unha nova liña de axudas en 2021 enfocada aos sectores máis necesitados, especialmente comercio e sobre todo a hostalaría que é a gran damnificada polas medidas de restrición. Quero que saiban que este goberno municipal e esta alcaldesa está preocupada e empatiza cos problemas que teñen e estou a súa enteira disposición para seguir artellando as medidas de apoio que necesiten”, engadiu García de la Torre.
Eva García solicitou hoxe ao Conselleiro de Sanidade que o Sergas realice un cribado masivo no Porriño ante o incremento de contaxios que ven producíndose nos últimos días.
A alcaldesa propuxo a Julio García Comesaña que o Servizo Galego de Saúde “retome esa idea que se manexou semanas atrás cando O Porriño estaba cunha incidencia moi elevada pero que logo desestimouse pola melloría”, segundo manifestou Eva Garcia durante a reunión telemática por vídeo conferencia que hoxe mantivo co Conselleiro de Sanidade e os demais alcaldes e alcaldesas da área sanitaria de Vigo.
A rexedora porriñesa valorou que os datos que lle participou o conselleiro sobre o repunte de contaxios “son preocupantes”. O Porriño rexistrou 17 novos contaxios nos últimos 3 días; 30 nos últimos 7 e 66 casos activos nos últimos 14 días. E ademais a taxa de incidencia pasou de 180 a 307 o que supón a máis alta na área sanitaria de Vigo.
A alcaldesa indicou de “de momento” non hai cambios nas restricións que afectan ao Porriño que seguen a ser: aforos do 30% no interior e 50% nas terrazas dos establecementos da hostalaría que deberán pechar ás 17 horas; reunións limitadas a 4 persoas, sexan ou non conviventes; aforos de 250 persoas en recintos deportivos pechados e 500 en recintos abertos e observar todos os demais protocolos de hixiene e distancia.
A alcaldesa exhortou á veciñanza a que “sexamos conscientes de que parar o virus está na nosa man e polo tanto seremos responsables das consecuencias na saúde, na economía e na demora na volta á normalidade”, manifestou García de la Torre.
O programa de formación e inserción “Porriño Accede” obtivo a inserción laboral de 75 persoas, todas elas residentes no municipio, durante este ano 2020. A maioría das inseridas no mercado laboral estaban desempregadas. Todos eles participaron nos cursos de aprendizaxe impartidos por “Porremprego” no Multiusos de Torneiros así como nas posteriores prácticas nas empresas colaboradoras con esta iniciativa do Consello, a través da Concellería de Emprego.
Este mecanismo de colaboración e formación chámase “Porriño Accede” co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos porriñeses. Ao longo deste ano rexistráronse 165 inscricións nos cursos impartidos. E organizáronse 104 entrevistas de traballo en empresas.
Segundo o Informe 2020, baixo a protección de “Porriño Accede” impartíronse 15 cursos de formación sobre especialidades como operador de carretillas elevadoras: manipulación de alimentos; empregados das gasolineiras; axudantes de almacén ou soldadura “mig mag”, entre outros.
O Departamento de Emprego agradece a colaboración das seguintes empresas colaboradoras: “Maviva”, “Izmar Automotive”; “Comercial Udra”, “Alonarti Envases”; “Staroil Porriño”; “Stef Transportes”; “Fegoblan”; “Chousal”; “Peinador SL”, “Inversiones Febeco”; “Construcións Vidal Salvaterra”; “Asentos de Galicia”; “Obradoiros de montaxe de servizos Recan”; “Copo Galicia” e “Gestamp Vigo”.
O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, establecido no polígono da Granxa do Porriño, desenvolveu un sistema intelixente de axuda á condución que recibe información en tempo real dos semáforos para a mellora de seguridade viaria.
Os responsables do CTAG, encabezados polo director xeral, Luis Moreno explicaron o sistema que aínda está en fase de proba á alcaldesa de Porriño, Eva García, e aos concelleiros de Tráfico, Sergio Casal e Novas Tecnoloxías, David Alonso. Foi durante unha viaxe de demostración en varios vehículos equipados con esta tecnoloxía.
A proba tivo lugar na avenida Domingo Bueno e na avenida Antonio Palacios. Nas dúas rúas hai un total de sete semáforos equipados con dispositivos “V2X” que envían o sinal a través de ITS, G5 ou a teléfonos móbiles. Informan sobre a fase na que se atopa o semáforo (verde, ámbar ou vermello) e sobre o tempo restante para que o semáforo cambie de fase.
Ao remate da viaxe a alcaldesa Eva García manifestou “o orgullo que sentimos no Porriño pola contribución que centros de investigación como o CTAG realizan para a mellora da seguridade, que supón un pulo para o desenvolvemento tecnolóxico”. “Como falaba con Luis Moreno, teño a satisfacción de ser a alcaldesa dunha cidade laboratorio”. O director xeral do CTAG engadiu que “nos imos perder o tempo investigando o xenoma da miñoca, senón que temos como norte desenvolver tecnoloxía útil”.