O 19 de outubro celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Por este motivo, este martes, á noitiña, o edificio do Concello do Porriño ten unha iluminación especial en rosa claro, tanto na fachada principal como na lateral.

A OMIX do Porriño xunto coas Concellerías de Educación, e de Cultura e Igualdade, e o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia animan a toda a poboación porriñesa a compartir nas redes sociais, a campaña para motivar ás mulleres a realizar autodiagnóstico co cancelo #DiaInternacionaldelCancerdeMama.

O 19 de outubro é unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

É recomendable que as mulleres fagan os controis necesarios previstos pola sanidade de cada país, así como manter unha alimentación sa e equilibrada, ademais de facer exercicio físico. Todos estes son factores que reducen considerablemente o risco de padecer este tipo de cancro e, en xeral, calquera cancro.