Lourdes Moure, concelleira de Educación visitou esta tarde o obradoiro sobre ciberseguridade que está a desenvolverse nos centros de ensino secundario porriñeses. A concelleira compartiu actividade con alumnos e alumnas de 3º da ESO no IES Pino Manso.

A concelleira explicou que esta actividade ven motivada polas “novas formas de aprender, crear e comunicarse de xeito que nenas e nenos acceden cada vez máis cedo a dispositivos conectados a Internet. Xa sexa dende o móbil, o ordenador, a tablet ou a videoconsola, se non se forman en ciberseguridade poden correr riscos innecesarios”.

“As ameazas máis habituais nestas idades son o ciberacoso e a ciberviolencia, a suplantación de identidade, as fake news (noticias falsas), as estafas e incluso as adiccións dixitais. Por iso dende o Concello de O Porriño e a OMIX promovemos estas formacións dirixidas a 3º da ESO, para que saquen todo o partido a Internet protexendo a súa integridade física e mental”, engadiu a concelleira Moure Varela.

Trátase dunha actividade escolar das que organiza cada ano a Concellería de Educación coa OMIX do Porriño en colaboración cos centros de ensino do concello. Precisamente Lourdes Moure indicou que o vindeiro mércores 27 de outubro terá lugar a reunión preparatoria coas direccións dos centros educativos para determinar o calendario de actividades de 2022.