Por segundo ano consecutivo, O Porriño súmase ao Encontro Autonómico de Consellos da Infancia e da Adolescencia, organizado por UNICEF Comité Galicia que vai ter lugar mañá venres 22 e o sábado 23. O encontro desta volta será telemático para protexer o benestar das persoas participantes.

O Porriño xunto cos demais concellos galegos declarados “Cidades Amigas da Infancia”, está convidado a participar para que nenos, nenas e adolescentes fagan as súas propostas á Xunta de Galicia. Por Porriño participarán cinco mozos e mozas que son: Nicolás Freiría Casal, Kiara Vázquez Lescano, Laura Carmona García, Alex Loureiro López e Carla Godoy Magalhaes. 

Este ano versarán sobre o medio ambiente. Segundo informa a OMIX do Porriño que coordina a participación dos representantes locais, nestes dous días estarán debatendo e elaborando propostas para que a nosa comunidade autónoma sexa un lugar máis sostible, verde, menos contaminante e teña en conta a participación da xente máis nova.

No mes de novembro, unha persoa de cada concello pertencentes aos grupos de participación, levarán todas as propostas que traballen estes dous días, ao pleno infantil que celebrará o Parlamento de Galicia o día 16.