A Concellería de Cultura impulsa actos de Conmemoración e Recuperación da Memoria

Durante o mes de abril a Concellería de Cultura dirixida pola nacionalista Cami Moreira programa actividades sobre a represión franquista e a Revolución dos Cravos

Revolución dos Cravos

Os actos comezan o venres coa proxección do filme “Capitáns de Abril”, de María de Medeiros. A cita é no Centro Cultural Municipal ás 19h.  O propio domingo 25 de abril, a partir das 12h, repartiranse caraveis e postais conmemorativas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios (Praza do Concello). Haberá música ambiental con cancións de José Afonso. “Queremos poñer en valor o que significou a Revolución dos Cravos, na que o levantamento militar e popular derrocou a ditadura en Portugal. Un feito histórico que sempre foi vivido con proximidade e afecto polo pobo galego”, sinalou a concelleira de Cultura, Cami Moreira.

Memoria do 36

A pasada semana tamén se levou a cabo un acto de lembranza da represión franquista. No contexto do 90 aniversario da proclamación da II República e baixo o lema “Non deixemos a memoria soterrada nas foxas”, familiares das vítimas do alzamento do 36 e xente vinculada á memoria do Porriño e da contorna deron lectura a  parágrafos dos libros “Un cesto de mazás” de Montse Fajardo, “Non des a esquecemento” de Luis Bará e “O Porriño 1936” de Xosé Ramón Paz Antón.  Contouse coa presenza das propias persoas autoras. Este acto pretende ser o inicio de outros que, dirixidos á recuperación da memoria histórica, está a impulsar a Concellería de Cultura como o proxecto de realizar un documento sonoro recollendo a narración das persoas que viviron a dura represión franquista.

O Concello outorgou hoxe licenza de construción ao Sergas para a ampliación do Centro de Saúde que “unha vez máis urximos”.

 

Con data de hoxe, o Concello do Porriño comunicou ao SERGAS a concesión de licenza de construción para a proxectada reforma e ampliación do Centro de Saúde, segundo comunicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo. O primeiro tenente de alcalde manifestou que “unha vez máis urximos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para que acometa a prometida ampliación”.
O licenza de construción é para unha ampliación de 1.105 metros cadrados do actual inmoble e conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros.
A licenza outorga concédese baixo varias condicións: previo ao comezo das obras, o Servizo Galega de Saúde deberá achegar ao Concello entre outros trámites, proxecto de execución e constituír unha garantía cuxo importe calcúlase nunha cantidade de 7.800 euros para facer fronte a posibles danos na vía pública e nos bens municipais durante a execución das obras.

A alcaldesa convoca comisión municipal de seguimento da Covid e exhorta á veciñanza a participar no cribado anunciado polo Sergas para o domingo

 
 

A alcaldesa Eva Garcia convocou para mañá venres, ás 11 horas, reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid na que se abordarán as últimas novidades entre as que figura a realización dun cribado polo Servizo Galego de Saúde que convocará a 6.000 persoas da contorna. As probas de PCR realizaranse o domingo 25.

Ao respecto, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente desculpouse hoxe coa alcaldesa Eva Garcia por non ter informado previamente ao Concello do Porriño da previsión dese cribado a realizar no Polideportivo Municipal. O xerente atribuíu o erro ao seu gabinete que informou da previsión sen ter falado aínda cos concellos que se citan nunha nota informativa, entre eles, O Porriño, que se difundiu onte.
O Concello porá o Pavillón número 2 do Polideportivo Municipal a disposición do SERGAS para a realización desas probas.
 
A alcaldesa exhorta á veciñanza a participar neste cribado para contribuír á localización de posibles asintomáticos. Eva Garcia agarda a colaboración da cidadanía xa que os últimos cribados convocados polo SERGAS na área de Vigo están a ter moi baixa participación.
 

Atopado o último tesouro, remata o Xogo “A Miña Avoa”

Coa localización do último “tesouro” que aconteceu onte martes, remata o xogo “A Miña Avoa”, unha iniciativa promovida polo Concello para dinamizar o consumo no comercio de proximidade e na hostalería locais.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX de Porriño) organizou a iniciativa co apoio da Concellería de Festexos e da Concellería de Comercio, as asociacións de comerciantes “ACIPOR” e de hostaleiros “AHOSPOR” e coa produción a cargo da firma “Especialistas Hípica Celta”.

En total 145 establecementos de hostalería e comercio de proximidade participaron desta iniciativa.

A veciñanza porriñesa participou dun xeito moi activo e acadou descubrir nun tempo record os seis “tesouros”, pois o xogo comezou o sábado 10 de abril e tense rematado en dez días cando a previsión era que durase ata primeiros de xuño.

O xogo que era aberto a toda a cidadanía da vila, consistiu na procura dos seis “tesouros”, premios de 50€ para consumir no comercio e na hostalería locais. Dando protagonismo á economía local, non só coa súa implicación, senón tamén, porque os premios reverten no consumo das propias empresas locais. Era imprescindible para participar, facer previamente algunha compra nos establecementos asociados e dispor do ticket de compra correspondente.

O último “tesouro” atopouno Blanca Inés Gómez Fortes. Estaba agochado nun muro preto do Albergue de Peregrinos. Blanca mercou no establecemento “Meigallo Porriño” e coa pista que colleu, localizouno. A pista dicía así: “”Que gran xente esa que fai o camiño de Santiago… Dío o valado que contempla o descanso do peregrino. E ao pé do camiño ata podes atopar un tesouro pequeniño.”

Inscrición aberta para o acto de clausura da exposición “Texturas dunha guerra invisible” no Centro Cultural Municipal

 

A Concellería de Cultura programou para o vindeiro sábado 24, coa ocasión de finalizar a exposición “Texturas dunha guerra invisible” no Centro Cultural Municipal, un acto de clausura. Consistirá na proxección da película “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén, seguida dun faladoiro coa participación da Asociación Solidariedad Galega co Pobo Saharui e a artista Galia Baba Chamah.

Comezará a partir das 19 horas, no propio Centro Cultural Municipal. Haberá prazas limitadas.

Para asistir é precisa inscrición previa que se pode realizar ata o 22 de abril, por correo electrónico no enderezo cultura@oporrino.org, indicando os seguintes datos:

  • Nome e apelidos de cada participante.
  • Número de teléfono.
  • Indicar en asunto: “Inscrición proxección filme Hamada”.

 

Convocadas comisións informativas que prepararán o pleno municipal ordinario de abril

O Concello informa da convocatoria de dúas comisións municipais, a celebrarse hoxe mércores., que prepararán o temario de asuntos que formarán parte da orde do día do pleno municipal de abril.

Na comisión de Urbanismo (18 h) o asunto máis salientable é a moción que traslada o grupo municipal de EU SON para un plan de vixilancia ambiental sobre a actividade mineira na parroquia de Budiño.

Na comisión de Economía (18,15) levase a aprobación dun suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería, por importe de 457.000 €. Unha parte desa cantidade (415.000 €), para abonar el servizo de recadación municipal delegado no ORAL. A parte restante, 42.000 € son para abonar facturas en cumprimento de sentenzas xudiciais.

Deputados provinciais, alcaldesa e concelleiros comprobaron os traballos de asfaltado realizados en Torneiros con cargo ao Plan Concellos

 

Os deputados provinciais, Santos Héctor e Ana Laura Iglesias, acompañados da alcaldesa do Porriño, Eva Garcia, do primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira e dos concelleiros Lourdes Moure e David Alonso comprobaron hoxe en Torneiros o resultado das obras de asfaltado realizadas polo Concello, sufragadas coa achega da Deputación de Pontevedra, a cargo do Plan Concellos 2020. Tamén participaron do percorrido Enrique Navarro, xerente e Lucía Barros, directora de obra da empresa “Fechi” que foi a contratada para executar os asfaltados. 

 

En concreto, a achega da Deputación foi de 90.249 € que a xuízo do deputado provincial responsable de Cooperación cos Concellos “á vista do resultado, non podo dicir outra cousa máis que é un investimento moi ben feito”. Santos Héctor valorou que “é unha actuación moi relevante para Torneiros que ten o 25% da poboación total do concello dos traballos”, significou que serven para “mellorar o entramado urbano da parroquia” e “para garantir a seguridade vial”.

Pola súa banda, a alcaldesa subliñou que os asfaltados realizados en diversas rúas de Torneiros “forman parte das actuacións de mellora e posta en valor desta zona”. Eva Garcia agradeceu o traballo feito polo primeiro tenente de alcalde “na supervisión das actuacións” e recoñeceu “a capacidade que acredita Pedro Pereira”.  E por último, a alcaldesa deu as grazas, “moitas grazas á Deputación pola atención que ten co Porriño como sei que tamén o fai co resto dos concellos” e comparouna coa Xunta de Galicia que “fai un investimento de cero euros no Porriño”.

Aberta a inscrición para a seguinte proxección do ciclo “Cinema Dirección de Mulleres” coa película “Capitáns de abril”

A Concellería de Cultura informa que está aberto, aínda, ata o xoves 22 de abril o prazo de inscrición para asistir á proxección da película “Capitáns de abril”, programada para o vindeiro venres 23, ás 19 horas, no Centro Cultural Municipal. Estableceuse polo protocolos anti-Covid, un aforamento limitado de 50 persoas.

A actividade está enmarcada no ciclo “Cinema Dirección de Mulleres” que consiste nun espazo cultural aberto onde se oferta cinema á veciñanza porriñesa e da contorna para a divulgación das actividades audiovisuais como expresión artística, segundo explicou Cami Moreira, concelleira responsable das áreas de Cultura e Igualdade.
Vai dirixido ás persoas interesadas en entender a linguaxe audiovisual, sensibilizándoas en distintas temáticas de interese xeral, como son: ecoloxía, feminismo, memoria histórica, medio ambiente, etc., creando un colectivo público que non sexan só espectadores, senón que, co intercambio de opinións e reflexións, construír unha visión crítica.

Ao finalizar cada proxección, como actividade complementaria pero esencial, haberá un foro que propicie o intercambio de opinións, reflexións, ideas, un diálogo sobre a análise do filme en si mesma e da proposta temática, alentado pola asistencia de persoas convidadas relacionadas ou co filme ou coa temática.

Ciclo Cinema, Dirección de Mulleres. Proxección do filme: Capitanes de abril

O Concello insta ao Bispado, ás empresas e ás aseguradoras a que cheguen a un acordo para arranxar a capela e reabrir o parque do Cristo

O Concello de O Porriño “agarda que o Bispado de Tui-Vigo e as empresas e aseguradoras implicadas, cheguen a un acordo para resolver as actuais diferenzas que manteñen e se poida arranxar a capela e, por conseguinte, a administración municipal sexa quen de reabrir o parque e a zona de lecer pública”, manifestou hoxe Pedro Pereira, concelleiro responsable do Patrimonio.

Pereira avogou por “unha saída dialogada e razoable” do contencioso existente desde que o 16 de marzo do ano pasado, un guindastre de grandes dimensións precipitouse contra a cuberta da capela e tamén alcanzou ao edificio líndante de “Telefónica”. Aquel suceso saldouse só con danos materiais e sen feridos, grazas a que a poboación estaba confinada no primeiro estado de alarma pola pandemia.

Desde entón, o recinto relixioso e parte dos espazos públicos do parque do Cristo permanecen valados e pechados.

O concelleiro fixo esta apelación tras ter coñecemento o Concello de que a Diocese de Tui-Vigo, propietaria da capela do Cristo, ven de presentar unha reclamación contra as empresas e aseguradoras implicadas por aquel sinistro. En concreto, a demanda admitida a trámite polo Xulgado nº 2 do Porriño, presentouse contra “Promociones Romansil SL”; “Allianz compañía de seguros”; “Grupo de Montaje Espinosa Gruesga SL”; “Asefa SA seguros y reaseguros”; “Tüv SüD Atisae” e “Caser seguros”.

Se a demandante e os demandados non acadan antes unha solución negociada, o caso chegará a xuízo ordinario.

17 de abril, Día Internacional da Información Xuvenil. Omix do Porriño

Cada 17 de abril, as persoas mozas e os Servizos de Información Xuvenil de toda Europa celebran o Día Internacional da Información Xuvenil.
Este día, que foi declarado en 1983 pola Axencia Europea da Información e o Asesoramento Xuvenil (Eryica) e o Instituto da Mocidade de España (Injuve), significa unha oportunidade para recoñecer o labor dos servizos de información xuvenil, especialmente nun momento como o actual.

En España hai máis de 3.000 centros que forman a Rede de Servizos de Información Xuvenil (SIJ), en Galicia a través das OMIX. (Oficinas Municipais de Información Xuvenil, como é o noso caso) e o seu traballo ao longo deste último ano viuse alterado como quizais nunca antes na súa historia.

A nosa Oficina Municipal de Información Xuvenil, OMIX do Porriño, co número de rexistro 36-039-six-063 na Rede Galega de Centros de Información Xuvenil, é unha estrutura informativa de carácter municipal que presta servizos de información directamente aos mozos e mozas do Concello do Porriño e contorna.

Ofrecemos á mocidade toda aquela información que poida ser de interese para o seu desenvolvemento persoal prestando un servizo de atención e asesoramento informativo, a través de taboleiros de anuncios e expositores con documentación actualizada sobre temas variados e dun servizo de Atención Individualizada (presencial, telefónico e por correo electrónico).

Ademais, programamos, elaboramos, organizamos e xestionamos a realización e difusión dos diferentes programas, servizos, talleres e actividades dirixidos ás persoas mozas da nosa localidade, centros educativos e público en xeral.

Deixamos ligazón coa web de Cultura e co videomapping conmemorativo da efeméride

https://youtu.be/RmXDPwD32nA

Día Internacional da Información Xuvenil