(VÍDEO 1) #Porriñodeportenacasa propón exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades para levar a corentena


O Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, estrea nas redes sociais do Concello, un ciclo de vídeos baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Segundo explicou Julio Bernárdez, xefe do Servizo de Deportes do Concello, “o propósito é axudar á poboación, nestas datas de confinamento, a realizar certa actividade física”. Conforme as instrucións do concelleiro David Alonso, responsable de Deportes, “pretendese chegar a todos os públicos, incluídos colectivos como terceira idade, embarazadas ou persoas con capacidades diversas que tamén precisan de facer exercicio durante estes días de confinamento”.

Ana Alonso, preparadora física do club “Balonmán Porriño” ofrécenos a primeira clase que vai dirixida especialmente a persoas maiores, entre 70 e 80 anos, con bo estado de saúde e sen patoloxías previas graves.

Pedimos que os netos e netas, fillos e fillas axuden aos avós e aos pais por se tiveran dificultades para ver o vídeo aínda que o procedemento de descarga e visión é moi sinxelo.

https://youtu.be/xisfP9FPfZY

A Concellería de Educación propón traballos manuais, pasatempos e xogos para quedar na casa

A Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) propoñen á infancia e mocidade de Porriño diversas actividades de tempo libre a realizar para seguir quedando na casa, agora que chega a fin de semana.
Tratase de traballos manuais, pasatempos e xogos que se ofrecen a través do enlace coa páxina web de “Cinedomevr360º” , plataforma que colabora coa Concellería de Educación e coa OMIX do Porriño en diversas actividades formativas e de lecer.
Agardamos que sexa do voso gusto.

 

https://www.cinedomevr360.com/newpage6e1a3ae4

O Concello mercará 260 “pinchos” para garantir acceso ás clases pola Internet a todos os alumnos do Porriño


Finalmente o Concello do Porriño non terá que mercar ordenadores portátiles pero si, en cambio, 260 ‘pen drives’ (“pinchos”) de conexión á Internet para outros tantos alumnos de institutos e colexios da vila para que poidan ter acceso ao ensino por vía telemática e rematen o curso en igualdade de condicións cos seus compañeiros. Así determinouse hoxe na segunda reunión que celebraron os directores dos centros docentes do Porriño e Lourdes Moure, concelleira de Educación.

Unha vez identificadas as necesidades, renunciouse a mercar ordenadores por que cos existentes nos centros docentes da vila pódese atender á demanda de nenos e mozos que carecían deles nos seus fogares. Pola contra, é perentoria a necesidade de procurarlles conexión coa Rede para que poidan incorporarse ao ensino “on line” que están a continuar os seus compañeiros.
O Concello solicitou presuposto a varios provedores para determinar custes da adquisición deses 260 ‘pen drives’ con conexión a Internet por 3 meses.

Por outra banda nesta reunión de hoxe tamén acordouse que coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello, os centros docentes entregarán aos pais, nais e titores dos alumnos o material de ensino e libros deste terceiro trimestre do curso que non se retiraron pola suspensión das clases dende o 16 de marzo. Por cada centro docente, dacordo co Concello, determinaranse datas e horas de entrega dese material.

O Concello xa destinou 70.000 € en axuda alimentaria por emerxencia social

O Concello de O Porriño tivo que ampliar a partida, inicialmente de 20.000 euros ata os 70.000 €, para atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que puideran abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade dende que comezou o estado de alarma.

As sucesivas prórrogas obrigaron a incrementar a partida económica, mediante crédito extraordinario. Ademais a previsión inicial de persoas a atender multiplicouse pola prolongada paralización económica que afecta gravemente a máis de 200 familias do concello, que precisan desta axuda de emerxencia.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego non descartou que “teñamos que afrontar unha nova ampliación da partida para esta emerxencia social en caso de novas prórrogas do estado de alarma. É unha circunstancia que valoraremos”, engadiu David Alonso.

Para atender esta emerxencia, o Concello do Porriño establecera un contrato con “Supermercados Froiz” para que as persoas e familias máis desfavorecidas puideran aprovisionarse deses produtos frescos e de primeira necesidade nos establecementos desa firma na rúa Ramón Gónzalez e tamén en Torneiros.
Coa achega municipal, as compras das familias máis desfavorecidas, que previamente valoraron os técnicos de Servizos Sociais, vanse descontando. A cada beneficiario da axuda, atribúeselle unha contía semanal que é o importe das compras que poden realizar no super.

Esta acción extra do Concello de O Porriño complementa á axuda periódica que distribúe o Banco de Alimentos “SOS Porriño” que tamén dobrou o número de demandantes a ta chegar a 300 familias.

O Concello contratará 24 traballadores eventuais durante 6 meses para reforzar diversos servizos municipais

O Concello do Porriño anuncia a contratación de 24 traballadores eventuais durante seis meses para reforzar diferentes servizos municipais.

As prazas que se convocan son:

1 traballador/a social; 1 diplomado/a en Turismo;
3 oficiais de carpintería; 2 oficiais de primeira soldador;
1 oficial de primeira electricista; 4 oficiais de primeira de albanelería;
2 peóns de obras públicas; 1 auxiliar de enfermería;
2 auxiliares de biblioteca; 1 auxiliar técnico de informática/arquivo;
2 peóns forestais; 2 peóns de limpeza 2 2 conserxes.

Todos eles a contratar a xornada completa durante seis meses.

O Concello disporá de 247.680 € para aboar eses 24 contratos que é o importe da achega outorgada pola Deputación Provincial a través da Liña 3 do Plan Concellos 2020. A confirmación da achega recibiuse xa nas dependencias municipais.

En breve comunicaremos a apertura do prazo para a recepción de curriculums de interesados que se recibirían e tramitaran nas oficinas de Porremprego.

Gráfico informativo sobre axudas para traballadores autónomos do Porriño afectados pola paralización da actividade económica


A Concellería de Emprego distribúe estes gráficos que resultan moi intuitivos e sinxelos para que os traballadores autónomos do Porriño dispoñan de información actualizada á data de hoxe.

Detállase as prestacións extraordinarias que se poden solicitar por cese de actividade ou redución substancial dos ingresos; a moratorias outorgadas polo Goberno para as cotizacións da Seguridade Social e obrigas fiscais e outras axudas a cargo da Xunta de Galicia, a través do IGAPE.

A Concellería de Educación estuda cos directores dos centros as necesidades para achegar o ensino ‘on line’ a todos os alumnos

A Concellería de Educación e as direccións dos centros de Primaria e Secundaria do vila establecerán as necesidades que poden atenderse dende o Concello para equilibrar a participación de todos os alumnos no ensino por vía telemática como consecuencia da prórroga do estado de alarma sanitaria.

Segundo estableceuse hoxe nunha reunión mantida por Lourdes Moure, concelleira de Educación cos directores dos centros docentes no salón de plenos e coas garantías hixiénicas necesarias, o Concello de Porriño non vai a realizar e repartir fotocopias de apuntes entre os alumnos de familias que carezan de posibilidades de conexión coa Rede e de ordenadores nas súas casas, como se está a facer nalgún concello da contorna. “Entendemos que esa fórmula non equilibra senón que agudizaría os desequilibrios”, explicou Moure Varela.

De tal xeito que o vindeiro venres 17, a concelleira responsable reunirse cos directores dos centros educativos que xa aportarán listados identificando as necesidades que se precisan atender. O Concello do Porriño encargarase de aportar ordenadores portátiles e “pinchos” aos centros educativos para que os fagan chegar aqueles nenos e mozos cuias familias carezan de medios telemáticos ou de conectividade.

Disporase dos ordenadores que hai nos centros, renovaranse cargadores externos e mercaranse portátiles e “pinchos” con conexión a Internet por 3 meses que se facilitarán en préstamo ás familias. Cando remate o estado de alarma, ordenadores e demais material devolverase e quedará en depósito nos centros educativos.

O Concello “afrontará este gasto extra dispoñendo fondos dunha subvención outorgada pola Deputación Provincial ante esta situación de emerxencia que debemos afrontar aínda que se trata dunha competencia que correspondería á Consellería de Educación da Xunta de Galicia”, indicou Lourdes Moure.

Segue a distribución de máscaras protectoras entre traballadores


Hoxe continuou o reparto de máscaras protectoras nos accesos aos polígonos industriais do Porriño, a cargo de axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil, en colaboración coa Garda Civil, como pódese apreciar más imaxes.

Entréganse aos traballadores que se desprazan nos seus vehículos particulares ou de empresa así como no transporte público e requiran ese material de protección, segundo precisou a Delegación do Goberno Central en Galicia que é o organismo que coordina este operativo.

A OMIX colabora coas actividades do 17 de abril, Día Europeo da Información Xuvenil

O Concello do Porriño, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información á Xuventude), está a colaborar coas actividades do 17 de abril, Día Europeo da Información Xuvenil. A OMIX está a colaborar na difusión da actividade proposta pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

“Aínda que nestes momentos estamos confinados polo andazo do ‘Covid-19’ que isto non nos desanime e poidamos facer unha programación física para celebrar de xeito virtual esta data”, manifestou Cami Moreira, concelleira de Xuventude.

Deste xeito a OMIX apoia a campaña “Un minuto de información xuvenil” que propón que cada mozo e moza do Porriño grave e envíe un vídeo de 60 segundos no que resuma o que significa para ti a información xuvenil e o que se está a facer nese eido durante esta situación de confinamento.

Os vídeos poderanse enviar ao enderezo electrónico: información.xuventude@xunta.gal e serán colgados na conta de Instagram da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta @xuventudegalicia , a partir do venres 17.

A Concellería de Cultura renova a “Programación para pasar unha corentena” cun xogo de coñecemento sobre O Porriño e unha mostra colaborativa de videos


O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, incorpora novas propostas á “Programación para pasar unha corentena” que puxo en marcha hai dúas semanas. Tratase dun xogo a realizar pola Internet contestando preguntas sobre o nivel de coñecemento de Porriño, e dunha mostra colaborativa de videos, a través da participación cidadá, sobre cómo están a vivir estes días, titulada “Amosa a túa corentena”.

Segundo explicou a concelleira Cami Moreira, “dende o Concello do Porriño e o departamento de Cultura que dirixo, seguimos porfiando nunha programación para pasar esta corentena con propostas que resulten atraentes”.
“Tanto co xogo de coñecemento sobre O Porrriño que é interactivo como coa mostra de video ‘Amosa a túa corentena’, mediante a que cedemos o protagonismo á cidadanía para compartir todas aquelas ideas e recursos imaxinativos que nos axuden a pasar este confinamento”, segundo valorou a concelleira Moreira Fontán.

Para o xogo, a través dun enlace na web do departamento de Cultura do Concello (www.ecultura.net) accedese ao cuestionario formado por preguntas tipo test con varias opción de resposta. Versan sobre historia, edificios, tradicións e cultura do Porriño.


No que atinxe á mostra colaborativa de videos, apelase á participación cidadá. A Concellería de Cultura convida á veciñanza para que bote unha man a alixeirar este confinamento.
As regras e instruccións para poder participar e mandar os videos ao departamento de Cultura do Concello, explicanse na web www.cultura.net

http://ecultura.net/amosa-a-tua-corentena/