Vídeo4# Porriñodeportenacasa: Ana Cristina Oya, do Club Patín Porriño, incorpora nesta quenda unha clase de baile


Publicamos hoxe a cuarta quenda quenda do ciclo de vídeos de #Porriñodeportenacasa. Ana Cristina Oya, segunda adestradora do Club Patín Porriño, amósanos unha sinxela clase de baile para axudarnos a facer exercicio e levar mellor a corentena.

Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, iniciou o pasado venres 17, este ciclo baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Nas tres entregas anteriores foron Ana Alonso, preparadora física do Balonmán Porriño , Xoel Souto, da U.D. Atios e Mary Atós do Club Patín Porriño, os encargados de darlles pautas de mantemento físico.

https://youtu.be/MZPfmUF2c5U

Dez voluntarios envasan a seguinte remesa de máscaras de protección que repartirá o Concello esta tarde e nos vindeiros días


Hoxe dez voluntarios comezaron a envasar a seguinte remesa de máscaras de protección que o Concello do Porriño vai distribuír entre a poboación, casa por casa e tamén nos establecementos que poden estar abertos. En total é unha partida de 13.000 máscaras.
O traballo realizase no salón de plenos do Concello e continuará durante os vindeiros días. O concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso que participou nestas tarefas quixo destacar a colaboración dos alumnos do curso de “Cross-fit” do ximnasio local “Jovhe Sport”.

Esta mesma tarde reanudarase o reparto porta a porta con dous grupos. Un deles distribuirá polo centro urbano e o outro pola parroquia de Torneiros.
Nos vindeiros días continuara o envasado e reparto de máscaras polo Concello.

Estas máscaras de protección son de tela, lavables a 90 graos e reutilizables. Están confeccionadas por mulleres de O Porriño grazas ás doazóns de tecido que recibiron. Antes do seu envasado, foron esterilizadas. No envase aparece unha pegatina co logo do Concello do Porriño e instrucións para o seu uso e conservación. E lembrase a importancia de seguir mantendo a distancia de seguridade entre persoas (metro e medio a dous metros) e de lavarse asiduamente as mans.

O Concello acordará unha modificación orzamentaria para destinar fondos á axuda social e tamén para apoiar ó pequeno comercio e á hostalaría

Eva García, alcaldesa de O Porriño poñerá en común cos voceiros dos restantes grupos políticos da corporación, a proposta de acordar unha modificación orzamentaria para destinar fondos e partidas que non van a empregarse en axuda social aos máis desfavorecidos e apoio aos sectores económicos máis sensibles do municipio.

A proposta do goberno municipal consiste en destinar achegas e partidas orzamentarias que non se empregarán, por exemplo, en eventos deportivos ou festivos, para manter axudas por emerxencia social nos colectivos máis castigados polo confinamento, e tamén, empregar eses cartos en inxectar liquidez no tecido do pequeno comercio e hostalaría para axudarlles a remontar a crise.

A alcaldesa trasladará esta proposta aos grupos políticos na vindeira reunión da Comisión Municipal Especial de Seguimento do Covid-19 que volverá a reunirse o vindeiro luns 27. Nesa reunión, o goberno municipal tamén informará aos voceiros dos restantes grupos da corporación, das medidas despregadas ata de agora polo Concello en materia de limpeza, desinfección, achegas de axudas alimentarias e económicas á poboación en risco de exclusión e outras accións en diferentes eidos. Asimesmo nesa reunión, goberno e grupos comezarán a estudar como pode ser a desescalada a nivel local segundo as pautas que marquen tanto o Goberno Central como a Xunta de Galicia.

Finalmente, na reunión de Comisión de Seguimento do Covid-19, alcaldesa e grupos acordarán a data e o xeito de celebración dun pleno da corporación municipal. Decidirase se é presencial coas medidas de hixiene e aloxamento precisas ou ben telemática.
O Concello do Porriño dispón do programa “Séneca” (o mesmo que ten o Parlamento de Galicia, por exemplo) que permite a celebración de sesións telemáticas. E por outra banda, a Deputación Provincial implementou o sistema “Xestiona” para que os concellos pontevedreses poidan celebrar reunións “on line” dos seus órganos de goberno.

Doazón de produtos de “Coren” ao Concello para o Banco de Alimentos “SOS Porriño”


Esta mañá, a factoría do grupo “Coren” no Porriño fixo entrega dunha nova doazón de produtos ao Concello para o Banco de Alimentos “SOS Porriño”. Esta achega, como outras procedentes de empresas da contorna, adquiren unha importancia moi grande debido ao incremento de demandantes de axuda alimentaria na vila, a consecuencia de prolongarse o estado de alarma.
David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais, persoal de Protección Civil e voluntarios do Banco de Alimentos recolleron os lotes que un camión de “Coren” trasladou ata o almacén de “SOS Porriño”.

#Porriñodeportenacasa: nesta quenda, Mary Artos ensina exercicios para coidas das costas



Publicamos hoxe a terceira quenda do ciclo de vídeos de #Porriñodeportenacasa. Mary Artos, primeira adestradora do Club Patín Porriño, amósanos exercicios para a columna e zona lumbar para o mellor coidado das nosas costas.

Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, iniciou o pasado venres 17, este ciclo baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Nas dúas primeiras entregas foron Ana Alonso, preparadora física do Balonmán Porriño e Xoel Souto, da U.D. Atios os encargados de darlles pautas de mantemento físico aos nosos maiores para mellor levar o confinamento.
 https://youtu.be/RZRrufkRNkU

Iniciase a través do SEPE, a preselección de interesados nos 24 postos de traballo que vai contratar o Concello

O Concello do Porriño anuncia, a través de “Porremprego”, que dende esta semana abrese o proceso de preselección de aspirantes á contratación de 24 postos de traballo eventuais durante seis meses que reforzarán diferentes servizos municipais. O proceso realizase a través da oficina do Servizo Público de Emprego (SEPE).


Segundo informa “Porremprego”, as persoas que estean interesadas en participar na preselección que fará a oficina do SEPE terán que poñerse en contacto a través do correo electrónico oficina.emprego.porrino@xunta.es ou a través do teléfono 886 110 404. Deste xeito pode´ran comprobae se xa están inscritos cos códigos correspondentes nas ocupacións demandadas ou ben anotarse no caso de non estiveran inscritos.


A selección final e contratación levarase a cabo en “Porremprego”, servizo dependente do Concello do Porriño, entre as persoas preseleccionadas polo SEPE. Evidentemente ese proceso final de selección e contratación terá lugar cando demita a actual situación de estado de alarma.

Lembramos que as prazas que se convocan son:
1 traballador/a social; 1 diplomado/a en Turismo;
3 oficiais de carpintería; 2 oficiais de primeira soldador;
1 oficial de primeira electricista; 4 oficiais de primeira de albanelería;
2 peóns de obras públicas; 1 auxiliar de enfermería;
2 auxiliares de biblioteca; 1 auxiliar técnico de informática/arquivo;
2 peóns forestais; 2 peóns de limpeza e 2 conserxes.
Todos eles a contratar a xornada completa durante seis meses.

O Concello disporá de 247.680 € para aboar eses 24 contratos que é o importe da achega outorgada pola Deputación Provincial a través da Liña 3 do Plan Concellos 2020.

O Concello repartirá a domicilio máscaras de protección reutilizables


Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil repartirán a domicilio máscaras de protección reutilizables e lavables para os veciños e veciñas de O Porriño.

O reparto realizarase tanto no casco urbano como nas parroquias, porta a porta. Tamén distribuíranse nos establecementos comerciais que permanecen abertos.
Nunha primeira quenda que comezará entre esta tarde e mañá martes, repartiranse 3.000 máscaras e nos vindeiros días agardase chegar a distribuír máis de 20.000, segundo estimacións do goberno municipal.

Veciñas de O Porriño realizan, de xeito desinteresado, estas máscaras con tecido doado por firmas téxtiles da contorna. Despois da súa elaboración son esterilizadas e logo envasadas nunha bolsa na que aparece unha etiqueta que informa que son reutilizables, lavables a unha temperatura recomendada de 30 graos e que se recomenda gardar unha distancia social entre persoas e manter a hixiene nas mans.

(Vídeo 2) Nesta segunda quenda #Porriñodeportenacasa propón exercicios de mantemento físico para maiores de 80 anos


Xoel Souto, preparador físico da Unión Deportiva Atios, é o encargado de facer esta segunda entrega do ciclo #Porriñodeportenacasa que subimos hoxe ás redes sociais do Concello.

Nesta quenda, Xoel preparou unha serie de exercicios para o mellor mantemento físico das persoas maiores de 80 anos que a consecuencia do estado de alarma, permanecen confinados nos seus fogares e non poden saír ás rúas.

Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, iniciou o pasado venres 17, un ciclo de vídeos baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Na primeira entrega, foi Ana Alonso, preparadora física do club “Balonmán Porriño” ofreceunos unha clase dirixida especialmente a persoas maiores, entre 70 e 80 anos, con bo estado de saúde e sen patoloxías previas graves.

Pedimos que os netos e netas, fillos e fillas axuden aos avós e aos pais por se tiveran dificultades para ver o vídeo aínda que o procedemento de descarga e visión é moi sinxelo.

 https://youtu.be/f1D93UZ0sg4

A Policía Local interceptou a un reincidente por incumprir o estado de alarma, acompañado dunha muller oculta no coche e con posibles síntomas de “Covid-19”


A Policía Local do Porriño informa da interceptación, por segunda vez en tres días, dun conductor que infrinxiu o estado de alarma. Nesta segunda ocasión, ía acompañado dunha muller que estaba oculta, nos asentos traseiros. Segundo o atestado policial, a muller presentaba síntomas compatibles co “Covid-19” e foi trasladada en ambulancia.

Os feitos acaeceron na noite do venres 17. Nun control da Policía Local, o vehículo que conducía este individuo foi interceptado. Ainda que inicialmente intentou fuxir do control, rematou desistindo e obedecendo os sinais de alto dos axentes.
Comprobouse que xa fora detido nun anterior control, o martes 14 e que tiña o permiso de conducir suspendido. Por estes feitos, ambos ocupantes do coche foron denunciados por incumprir o estado de alarma. E a maiores, o conductor denunciado ante o xulgado de garda por presunto delito contra a seguridade vial e o vehículo inmovilizado.

Por outra banda, a Policía Local do Porriño informa que ata o mediodía do sábado 18 de abril e dende o inicio do estado de alarma, impuxeronse 285 denuncias por diversas infraccións. A tramitación das correspondentes sancións económicas corresponderá á Subdelegación do Goberno. A contía das multas oscila entre 600 e 30.000 €.