O Concello do Porriño suspenderá temporalmente o mercado ambulante durante as tres vindeiras semanas, segundo acordou hoxe a Comisión Municipal de Seguimento da Covid. Tamén durante ese período de tempo pecharanse os parques infantís e os recintos culturais, sociais e deportivos, conforme ás restricións que acordou a Xunta de Galicia e vixentes ata o 17 de febreiro.
A alcaldesa, Eva Garcia explicou que estas medidas locais de acompañamento ás restricións autonómicas “adóptanse para garantir a seguridade de todos limitando ao máximo a interacción e o contacto social”.
Por outra banda, a proposta do goberno municipal e co acordo dos participantes na Comisión Municipal de Seguimento, determinouse a celebración dun pleno municipal extraordinario para aprobar unha modificación orzamentaria para habilitar un fondo de axudas económicas directas, semellante ao que funcionou en 2020 e repartiu achegas por un importe total superior aos 80.000 €.
“A idea é axudar de xeito especial á hostalería, como sector máis damnificado polas restricións, pero tamén ao comercio e aos autónomos”, engadiu a alcaldesa.
Eva Garcia manifestou, tamén, que agarda “chegar a un consenso con todos os grupos políticos da corporación a contía desas axudas para que esta proposta saia coma unha iniciativa común de toda a corporación”.
O goberno municipal do Porriño presenta ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra catro proxectos que “apostan pola humanización das rúas e polo aumento da rede de saneamento nas parroquias”, segundo explicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas.
Das catro propostas, a máis ambiciosa polo seu coste, é o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez. A actuación será no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.
As obras consistirán no levantamento do pavimento tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes de pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; pre instalación para telecomunicacións e da rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.
O proxecto ten un orzamento de 391.322,95 € mais o IVE do 21% correspondente.
“Unha vez rematada a humanización deste tramo, a rúa Manuel Rodríguez terá un uso totalmente peonil”, segundo avanzou o concelleiro de Infraestruturas.
O Concello tamén presentou para acollerse ás achegas da Liña 1 do Plan Concellos, tres actuacións nas parroquias “coas que seguimos avanzando no aumento da rede de saneamento no rural”, manifestou Pereira Fernández.
Son os seguintes:
Proxecto de saneamento no barrio da Portela do Souto en Atios, cun orzamento de 111.589,47 € mais IVE.
Proxecto de saneamento no Corzón en Pontellas cun orzamento de 46.388,42 € mais IVE
Saneamento de ampliación de rede no barrio da Arrotea – Lameira en Pontellas cun orzamento de 95564,36 mais IVE.
O goberno municipal porriñés levará mañá mércores (13 h.), á consideración da Comisión de Seguimento da Covid, varias propostas entre as que cabe subliñar unha suspensión temporal do mercado ambulante. Sería efectiva a partir do vindeiro 2 de febreiro e por espazo de tres semanas, a mesma marxe de tempo que a Xunta de Galicia establece para que teñan efecto as medidas que entran en vigor este mércores.
Tendo en conta o impacto económico desta medida e tamén do peche da hostalería decidido pola Xunta, o goberno municipal vai trasladar a proposta de crear unha partida orzamentaria para axudas económicas directas. Semellante a que se habilitou en 2020 que repartiu achegas por un importe global superior aos 80.000 € entre autónomos, pemes e microempresas locais.
Por último, tamén o goberno municipal vai expor na Comisión de Seguimento da Covid outras medidas restritivas como o posible peche dos parques infantís e de recintos deportivos, agás aqueles onde poida desenvolverse a práctica de xeito individual como por exemplo as Pistas de Atletismo e o Velódromo.
A Corporación Municipal do Porriño celebrará este mércores 27, sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xaneiro, a partir das 18 horas.
A alcaldesa Eva Garcia, á vista das novas restricións decididas pola Xunta de Galicia ante a virulencia desta terceira vaga da pandemia, acordou que se celebre a sesión de forma telemática. Como xa acontecera coas comisións informativas da semana pasada.
O pleno comezará coa comunicación da renuncia a súa acta como concelleira de Ana María Martínez Paradela, do grupo municipal do PP.
Na orde do día inclúese a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do uso das terrazas.
Engadimos “pdf” coa orde do día.
As novas medidas anunciadas polo presidente da Xunta para frear a expansión da pandemia en Galicia terán unha duración de 3 semanas como mínimo. É dicir, ata o 17 de febreiro.
Son de aplicación no Porriño e en todos os demais concellos galegos
➡️ Peche total da hostalería. Só haberá servizo a domicilio, comida para levar e comedores de empresas.
🛍️ Comercio esencial mantense igual con horario ata as 21:30 h. (supermercados, farmacias, talleres do automóbil, estacións de servizo, entre outros). O resto do comercio pechará ás 18 horas. Os centros comerciais pecharán as fins de semana.
📚 A Universidade de Vigo e as restantes de Galicia estarán pechadas e sen clase ata o 8 de febreiro. A partir desa data as clases serán en liña exclusivamente e a partir do 17 de febreiro tentarase retomar a educación presencial. O resto da actividade educativa mantense nos colexios, institutos e garderías. Polo tanto continuarán as clases en primaria, infantil, secundaria e bacharelato.
Pechan bibliotecas, museos, centros culturais e suspéndense os espectáculos.
⛹️♀️ Tan só poderá realizarse practica deportiva individual e ao aire libre. Con máscara. Os ximnasios deberán pechar así como os centros deportivos. Suprímese o aforo de público aos espectáculos deportivos nos recintos ao aire libre e nos recintos pechados. E seguen en suspenso as competicións deportivas federadas de ámbito galego.
👥 Reunións limitadas a conviventes
📌 O Porriño continuará pechado perimetralmente. Todos os concellos galegos tamén pecharán perimetralmente.
O toque de queda segue a ser ás 22 horas.
Esta mañá a alcaldesa, Eva García firmou a convocatoria da Comisión Municipal de Seguimento da Covid que finalmente terá lugar o vindeiro luns 25, ás 13 horas.
Garcia de la Torre indicou que a Comisión Municipal avaliará a adopción de posibles medidas locais adicionais, complementarias das que entraron en vigor desde o xoves no Porriño e noutros concellos da zona.
No que atinxe a evolución da situación, O Porriño empeorou hoxe, de novo. Producironse 102 novos contaxios (+10), segundo informou a Xerencia da Área Sanitaria. E a taxa de incidencia elevase a 458, segundo o reporte do Servizo Galego de Saúde.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño informa que realizou diversas intervencións para retirar árbores, postes, toldos e chapas derrubados polos refachos de vento.
A incidencia máis grave ocorreu hoxe, de madrugada. Requiridos polo 112, acudiron a retirar varias árbores que caeron sobre a Autovía A-55 e provocaron unha colisión en cadea de varios vehículos sen feridos. Aconteceu no quilómetro 22, sentido Tui, na recta do Polígono das Gándaras.
Protección Civil atendeu outros avisos para retirar outras árbores que caeron en Filgueira-Mosende; Casal do Vello-Torneiros e na PO-331, estrada de Porriño a Gondomar. Tamén acudiron a retirar un poste telefónico en Torneiros; chapas dun galpón en Chenlo e achicaron balsas de auga en varios puntos do casco urbano e no Polígono da Granxa.
Eva Garcia pediulle ao conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia información máis detallada sobre infectados e hospitalizados por Covid do Porriño. A alcaldesa participou hoxe na reunión telemática que Julio Garcia Comesaña mantivo con todos os alcaldes da área sanitaria de Vigo.
O Porriño presenta hoxe 92 novos contaxios, segundo comunicou a Xerencia da Área Sanitaria ao Concello. A taxa de incidencia elevouse a 438, segundo a actualización do Sergas.
Garcia de la Torre indicou ao remate da reunión que mañá venres convocará a Comisión Municipal de Seguimento da Covid para avaliar a adopción de posibles medidas locais adicionais, complementarias ás que entraron en vigor hoxe no Porriño e noutros concellos da zona.
Por outra banda, a alcaldesa, que permanece en corentena, decidiu que as comisións municipais informativas convocadas para esta tarde e sesión plenaria da corporación que terá lugar na semana que ven, sexan telemáticas.
O Porriño alcanzou unha taxa de incidencia Covid de 405 e rexistráronse 82 novas infeccións, segundo actualizou hoxe a páxina web do Servizo Galego de Saúde. A partir da media noite. O Porriño entrará en maiores restricións do mesmo xeito que outros concellos da área sanitaria de Vigo.
Lembramos que novas restricións supoñen que a hostalería só poida servir en terraza, con 50% da capacidade e ata as 18:00 horas. Non obstante, a Xunta permite aos locais continuar co servizo de recollida no local ou a domicilio. No primeiro caso, condicionado ao toque de queda (actualmente ás 22.00 horas), mentres que o segundo está permitido ata as 24.00 horas.
Outra medida salientable é o peche perimetral individual, co que ninguén pode entrar nin saír do concello agás por causas xustificadas, como sanitarias, laborais ou coidado de maiores e menores.
Eva Garcia, alcaldesa do Porriño que permanece illada no seu domicilio e tele traballando a consecuencia dun positivo entre o persoal de confianza do seu gabinete, participará mañá xoves nunha reunión telemática con Julio Garcia Comesaña, conselleiro de Sanidade e os demais rexedores municipais dos concellos da área sanitaria de Vigo.
A alcaldesa chamou de novo á veciñanza porriñesa a que “usen as máscaras, garden a distancia, cumpran cos protocolos de hixiene e limiten a súa mobilidade a cuestións indispensables. O compromiso de todos nos é fundamental para vencer esta terceira vaga”, reiterou Eva García de la Torre.