Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Mercado, os nenos e nenas do Porriño foron hoxe os clientes preferentes da Praza de Abastos.

Os participantes no “MercaPorri”, actividade organizada pola concellería de Mercado que dirixe Antía Carrera, fixeron as súas compras na praza co seu “diñeiro MercaPorri”, que lles daba acceso a agasallos. Os máis pequenos puideron coñecer así aos praceiros e praceiras da vila, a súa profesionalidade, o seu bo facer e a gran variedade de produtos que ofrecen.

No seu empeño de poñer en valor a Praza de Abastos municipal, o Concello do Porriño sumouse á campaña da Xunta “Quere o teu mercado”, que a nivel internacional está organizada pola World Union of Wholesale Markets (Unión Mundial de Mercados Mayoristas) con motivo do do Día Internacional do Mercado.

Ademais das actividades infantís, todos os usuarios e usuarias da praza levaron hoxe as súas bolsas e mandís de regalo.