O Porriño e outros nove concellos da contorna deciden manter pechadas as piscinas este verán.

O Porriño e outros nove concellos da contorna acordaron manter pechadas as súas psicinas este verán para garantir a seguridade da cidadanía ante a pandemia do “Covid-19.

A decisión adoptada onte foi notificada mediante un comunicado conxunto polos concellos de O Porriño, Arbo, As Neves, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Tui.

No comunicado, os concellos detallan que adoptaron esta medida tras realizar unha “análise exhaustiva” da situación tras a recepción dos protocolos correspondentes elaborados polo Ministerio de Sanidade. Sinalaron que a normativa esixe unhas condicións que resulta complicado que poidan cumprir os municipios, como continuos labores de limpeza e desinfección, o mantemento da distancia de seguridade entre os usuarios das piscinas e a limitación da súa capacidade, así como do tempo de acceso ás mesmas.

Tanto O Porriño coma os demais concellos apuntan que se establece a necesidade de realizar continuas achegas de auga ás piscinas, controlar a súa cloración e utilizar desinfectantes de modo constante, o que prexudicaría “notablemente” o medioambiente. Ademais, sinalaron que, durante o peche, acometeranse distintas melloras nas instalacións para permitir a súa reapertura cando a situación posibilite que se realice con todas as garantías necesarias.

Concello e Panadeiros do Porriño valoraron realizar unha mostra en outubro e outras accións promocionais


Goberno municipal e panadeiros do Porriño valoraron hoxe a posibilidade de realizar no mes de outubro, unha Mostra do Pan que palie a suspensión da quinta Feira anual, cancelada pola pandemia do Covid-19.


A mostra tería lugar nun único día, probablemente un domingo, nun recinto pechado que podería ser o Pavillón Municipal, o que permitiría establecer controis de acceso e un circuíto de percorrido de entrada e de saída para facer cumprir a garantías sanitarias que se establezan para entón.


Esta posibilidade valorouse na reunión que Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas e Sergio Casal, concelleiro de Comercio mantiveron cos representantes do sector de panadeiros do Porriño. Acudiron Luís Miguel Iglesias, de “A Maquía”; José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende” e Claudio, de “Panaderia Argibay”, acompañados por Noelia Conde, xerente da asociación empresarial ACIPOR.


En vindeiras semanas, ambas partes madurarán esta e outras posibilidades de colaboración. Entre elas, acordouse que a Concelleira de Cultura dea un pulo ao selo “Pan do Porriño” que está actualmente en proceso de certificación. Sería con accións promocionais que inclúan “algún tipo de exposición referida por exemplo á historia dos fornos de pan na vila”, manifestou Cami Moreira, ao termo da reunión.






A Concellería de Medio Ambiente acondiciona a zona de ocio do río Louro, á altura do Albergue

Un equipo de xardineiros está a acondicionar a zona urbana do río Louro, preto do Albergue de Peregrinos, segundo pódese comprobar nas imaxes adxuntas.


Trátase dun espazo de ocio e lecer que “estamos a preparar aínda que restan traballos de limpeza que remataremos entre o luns e o martes desta semana”, manifestou Sergio Casal, concelleiro responsable. Aínda restan traballos de mantemento na ponte do Val e de retirada de plásticos e botellas, segundo precisou o concelleiro.

A Concellería de Deportes informa dos enlaces para solicitar reservas das pistas de tenis e pádel, dende o luns 8 de xuño

 
Cada pista terá unha horaria/quenda de reserva, que poden visualizar a través dos seguintes enlaces do SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES.
 
Os enlaces actualizaranse semanalmente, sendo editados o venres anterior.
 
 
Para esta primeira semana son os seguintes:
 
 
 
Teléfonos de confirmación:
661 53 61 59/670 66 52 29/638 07 13 18.
Fagan as súas consultas preferentemente por WhatsApp.

Protocolo de seguridade e normas para a utilización das pistas de pádel e tenis municipais

A Concellería de Deportes do Concello do Porriño difunde este protocolo e normas de seguridade para a utilización das pistas de tenis e pádel, a partir do luns 8 de xuño.

Con motivo das circunstancias que estamos vivindo pola crise do coronavirus, vémosnos na obriga de realizar un protocolo que regularice a utilización das Pistas municipais de Tenis e Pádel do Concello de Porriño. Unha vez que se supere a crise sanitaria volveremos á normalidade de forma progresiva e escalonada.

 

NORMAS XERAIS
 Os positivos por COVID 19, aínda asintomáticos, non poderán iniciar a práctica deportiva.
 Recoméndase que todos os usuarios, realicen unha vixilancia activa dos seus síntomas. Ante calquera síntoma ou en caso de sospeita de estar infectado, ou estar en contacto con persoas infectadas ou baixo sospeita de estalo, débese evitar calquera actividade, poñéndose en contacto de forma inmediata cos servizos sanitarios e seguir todas as súas indicacións.
 Recoméndase o control de temperatura previamente antes de comezar calquera actividade ou acceder á instalación deportiva.
 O deportista terá coidado de non tocar no posible obxectos ou equipamento de uso colectivo.
 Aconséllase a limpeza e desinfección da raqueta/pala antes e logo do seu uso.
 Os deportistas han de manter as pautas estritas de aseo persoal, conduta e coidado para evitar contaxios. Lavarse as mans antes e logo de entrar ou saír das pistas.
 Recoméndase o uso de mascarillas, luvas, cintas ou panos para o cabelo, así como o uso de lentes, sempre que a actividade deportiva así o permita.
 É obrigatorio o uso de mascarilla ata estar dentro do recinto de xogo. Observando especial cumprimento nas zonas de tránsito no que poida haber risco de proximidade doutros usuarios.
 Antes e logo da práctica deportiva é moi importante lavarse as mans con auga e xabón ou solucións de gel hidroalcohólico, sendo necesario que se leve polo deportista botes de gel de uso individual.

HORARIO DE USO DAS
 Pistas de tenis.

 Doantes de Sangue:
 Luns a venres de 8,00 a 14,00
 Luns a Xoves 17,00 a 22,00 (Reservadas Club Tenis Porriño)

 Polígono da Granxa:
 Luns a venres de 8,00 a 14,00

 Pistas de Padel.

 Polideportivo Municipal:
 Luns a venres de 8,00 a 14,00

NORMAS DE USO DAS PISTAS

 Limítase a 1 hora como máximo a reserva de cada pista . Para evitar aglomeracións o deportista deberá chegar 5 minutos antes da súa hora de entrada. O tempo máximo de reserva é de 1 hora por parellas, non por cada un dos xogadores.
 A reserva e abono do aluguer das pistas será fórmame telemática, a través de enlace creado polo SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES, aplicándose as taxas expostas na Ordenanza Municipal de Prezos no caso das pistas de padel.
 Respecta en todo momento os horarios e pista asignada.
 Recolle a chave de acceso no polideportivo municipal.
 Os vestiarios e as duchas permanecerán pechadas. Tan só permanecerá aberto un aseo (WC) por sexo no polideportivo municipal, no mesmo só estará permitido o acceso a unha soa persoa á vez.
 As palas e raquetas son de uso privativo, non estando permitido compartir as mesmas.
 Considérase necesario o uso individual de botellas de auga ou bebidas isotónicas.
 Os deportistas non deben compartir ou intercambiar ningún material, toallas, botellas, bebidas, alimentos, linimentos ou outros produtos. Recoméndase desinfectalo todo ao termino dos adestramentos.
 Durante a práctica deportiva manterase en todo momento as distancias de seguridade de 2 metros, establecida polas autoridades sanitarias.
 O acceso ás pistas será o que habitualmente vénse realizando, salvo que a Dirección da instalación fixe outro atendendo ás medidas de circulacións e seguridade.
 É totalmente necesario abandonar a instalación en canto finalícese a práctica deportiva para evitar calquera contacto físico e evitar riscos.
 Recoméndase o uso de bólas novas e palas propias. Aconséllase utilizar o menor número de pelotas posibles.
 Non está permitido cambiar de lado nos xogos impares.
 Evitarase tocar vallas e portas de acceso ás pistas, así como postes e rede. Deixar as portas abertas.
 Usar a raqueta/pala e o pé para recoller a pelota e enviarlla ao adversario. Recoméndase utilizar tubos recolle pelotas ou similar.
Recorda:
Cumprir e respectar todas as normas e protocolos de seguridade e hixiene que se establezan que protexen a túa saúde e a dos demais. Rógase a máxima responsabilidade e prudencia, priorizando sempre minimizar o risco dun posible contaxio.
Toda persoa que acceda a unha instalación deberá cumprir cos protocolos publicados no BOE, resolucións da Presidencia, do Consello Superior de Deportes, polos que se aproban, publican e actualizan os protocolos básicos de actuación para a volta aos adestramentos, práctica deportiva e o reinicio das competicións.
Estas recomendacións en todo momento estarán suxeitas ás indicacións das autoridades sanitarias.

 

Apertura da primera Sala de Estudo do Concello do Porriño

O vindeiro martes 9, o Concello abrirá a primeira Sala de Estudo Municipal, nas instalacións do Centro Cívico, na rúa Domingo Bueno,. nº 13. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira.

Segundo explicou a concelleira, “este novo espazo vén complementar á Biblioteca Municipal, coñecida polo seu labor e sentido de pertenza tanto de porriñesas e porriñeses, como da contorna”. “Ao mesmo tempo esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico, facendo deste goce un agradábel convite”, engadiu Cami Moreira.

A concelleira de Cultura sinalou que “en definitiva, pretendemos converter a Biblioteca nun lugar polivalente que non exclúa ningunha posibilidade, sendo máis atractiva, e con diversidade nos espazos”.

Esta nova experiencia abrirá as súas portas de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria polo COVID-19.

O Concello licita contratos por 3,8 millóns de € que axudarán a dinamizar a economía local

O Concello do Porriño ten actualmente en curso a licitación de máis dunha ducia de contratos que suporán un importe de preto de 3.800.000 euros que axudarán a dinamizar a economía local.

As licitacións abranguen dende aprovisionamentos diversos para vías e obras, aluguer de maquinaria, subministracións varias, ata a prestación de servizos de mantemento dos campos de fútbol municipais ou limpeza dos centros educativos. Tamén están incluídas nese conxunto de licitacións varios proxectos de obra como a humanización da rúa Aloques e a pavimentación de camiños municipais en Torneiros, Centeáns, Covelo e Cavadas que sairán en tres lotes de adxudicacións.

A concelleira Lourdes Moure, responsable de Contratacións e Persoal pondeoru “o excelente traballo realizado polos funcionarios dos departamentos de Contratación, Intervención máis os técnicos municipais que habilitaron as partidas orzamentarias para acometer estas licitacións para servizos fundamentais”.

Engadiu a concelleira que “a progresiva desescalada permitiu a reincorporación da meirande parte dos traballadores e funcionarios do Concello” o que posibilitou que se reactivasen ata catorce licitacións que se resolverán neste mes de xuño.

Todas as licitacións en curso pódense consultar nesta mesma páxina web, no Portal de Transparencia, na pestana “Perfil do Contratante”.

Desconvocado o pleno para sorteo das mesas electorais


O pleno extraordinario da Corporación Municipal que se ía celebrar este mediodía para realizar o sorteo de membros das mesas electorais, desconvocouse. O alcalde accidental, Pedro Pereira comunicoulle a decisión aos voceiros dos grupos municipais.

O motivo foi un erro na interpretación do calendario fixado pola Xunta Electoral para os comicios galegos do 12 de xullo.
Ese pleno municipal para realizar o sorteo das mesas electorais, volverá a convocarse en vindeiras datas, a partir do día 15 de xuño.

O Concello celebrará mañá venres pleno extra para sortear de novo os memrbos das mesas electorais

O Concello do Porriño ven de convocar para mañá venres, ás 13 horas, pleno extraordinario da Corporación Municipal para realizar o sorteo dos veciños que serán membros das mesas electorais para os comicios galegos do vindeiro 12 de xullo.

Dado que se trata dunha sesión moi breve consistente en accionar o procedemento informático para o sorteo que se realiza automáticamente, determinouse que o plena sexa presencial xa que non é precisa a presenza da maioría dos corporativos.

Dase a circunstancia de que o pasado 6 de marzo, noutro pleno extraordinario xa se celebrara este sorteo. Pero entón, a desconvocatoria das eleccións inicialmente datadas para o 5 de abril, obriga a repetir mañá o proceso.

 

Sae a licitación o proxecto de humanización da rúa Aloques co cargo o Plan Concellos 2020

O Concello do Porriño ven de sacar a licitación pública a humanización da rúa Aloques, cun orzamento de 422.636 €, que se financiarán con cargo ao Plan Concellos 2020.

Este proxecto do goberno municipal, a proposta do concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira expón o tratamento deste espazo urbano cunha mellora que abrangue a renovación e ampliación dos servizos existentes. A tal fin compre a demolición do firme actual e a súa substitución por un en-lousado en pedra. E ademais acometerase a recollida de pluviais, saneamento, abastecemento de auga, telecomunicacións e electricidade.

Como apreciase nas imaxes de recreación virtual que acompañan esta nova, a rúa Aloques quedará de tránsito peonil, sen tráfico de vehículos agás residentes, segundo o proxecto que foi presentado previamente polo concelleiro de infraestruturas aos residentes na reunión que celebraron o pasado 5 de decembro que tivo lugar na casa do Concello.


Nesta mesma páxina web do Concello, no Portal de Transparencia, na pestana Perfil do Contratante, pódense consultar as condicións do prego.

A licitación, aberta, dende o martes 2, establece que unha vez adxudicado o contrato, as obras comezarán en setembro e terán un prazo de execución de 4 meses.