O Porriño e outros nove concellos da contorna acordaron manter pechadas as súas psicinas este verán para garantir a seguridade da cidadanía ante a pandemia do “Covid-19.

A decisión adoptada onte foi notificada mediante un comunicado conxunto polos concellos de O Porriño, Arbo, As Neves, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Tui.

No comunicado, os concellos detallan que adoptaron esta medida tras realizar unha “análise exhaustiva” da situación tras a recepción dos protocolos correspondentes elaborados polo Ministerio de Sanidade. Sinalaron que a normativa esixe unhas condicións que resulta complicado que poidan cumprir os municipios, como continuos labores de limpeza e desinfección, o mantemento da distancia de seguridade entre os usuarios das piscinas e a limitación da súa capacidade, así como do tempo de acceso ás mesmas.

Tanto O Porriño coma os demais concellos apuntan que se establece a necesidade de realizar continuas achegas de auga ás piscinas, controlar a súa cloración e utilizar desinfectantes de modo constante, o que prexudicaría “notablemente” o medioambiente. Ademais, sinalaron que, durante o peche, acometeranse distintas melloras nas instalacións para permitir a súa reapertura cando a situación posibilite que se realice con todas as garantías necesarias.