O Concello do Porriño ten actualmente en curso a licitación de máis dunha ducia de contratos que suporán un importe de preto de 3.800.000 euros que axudarán a dinamizar a economía local.

As licitacións abranguen dende aprovisionamentos diversos para vías e obras, aluguer de maquinaria, subministracións varias, ata a prestación de servizos de mantemento dos campos de fútbol municipais ou limpeza dos centros educativos. Tamén están incluídas nese conxunto de licitacións varios proxectos de obra como a humanización da rúa Aloques e a pavimentación de camiños municipais en Torneiros, Centeáns, Covelo e Cavadas que sairán en tres lotes de adxudicacións.

A concelleira Lourdes Moure, responsable de Contratacións e Persoal pondeoru “o excelente traballo realizado polos funcionarios dos departamentos de Contratación, Intervención máis os técnicos municipais que habilitaron as partidas orzamentarias para acometer estas licitacións para servizos fundamentais”.

Engadiu a concelleira que “a progresiva desescalada permitiu a reincorporación da meirande parte dos traballadores e funcionarios do Concello” o que posibilitou que se reactivasen ata catorce licitacións que se resolverán neste mes de xuño.

Todas as licitacións en curso pódense consultar nesta mesma páxina web, no Portal de Transparencia, na pestana “Perfil do Contratante”.