O Concello subvenciona ao Porriño Industrial con 60.000€

María Gracia Paniccia, presidenta do Porriño Industrial, acompañada de Mario López, coordinador de fútbol base, asinou hoxe co concelleiro de Deportes, David Alonso, o acordo de axuda municipal para este club consistente nunha subvención de 60.000 euros. 

O Porriño Industrial conta con 15 equipos, dos cales 5 son femininos, e un total de 261 licenzas.

O importe da achega municipal ao Porriño Industrial destinarase ao mantemento dos equipos base así como a sufragar parte dos gastos do equipo da Liga Nacional Xuvenil, mentres que o equipo da Rexional Preferente segue agardando a que se adopte unha decisión coa competición, condicionada polas restricións anti-Covid.

Neste ano 2021, o Concello do Porriño adica un total de 476.000 euros en subvencións aos principais clubs do municipio.

 

Cesión temporal da aula restaurante-bar do Multiusos para unha formación de “Aceesca”


O Concello de Porriño e “Aceesca” asinaron hoxe a cesión de uso temporal da aula de restauración existente no Multiusos Municipal de Torneiros para unha formación práctica de alumnos do centro de educación especial.

A cesión realizarase do 23 de febreiro ao 14 de maio, en horario de mañá (de 10:00 a 14:00). A formación será para un curso de “auxiliar de operacións básicas de restaurante-bar” para persoas con discapacidade intelectual. O documento establece que se deben respectar os protocolos de seguridade sanitarios necesarios na prevención do Covid.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais asinou esta mañá con Esteban Bacelo, presidente da Asociación para o Apoio ás Persoas con Diversidade Intelectual, a cesión de uso en presenza de Angeles Leirós, xerente de “Aceesca”.

Porriño e Salceda aportarán unha solución integral ao problema das inundacións en Budiño

A concelleira de Vías e Obras de Porriño, Lourdes Moure e o seu homólogo de Salceda, Miguel González acordaron hoxe dar unha solución máis integral ao problema das inundacións que se produce en Budiño.

A inundación de fincas no Rego da Lama-Casal, viuse agravada polos recentes traballos realizados no almacén de “Amazon” pola empresa “EAM” que xa prometera a semana pasada solucionar desviando a auga á rede de pluviais.

Non obstante, tras a reunión mantida esta mañá no terreo polos concelleiros de ambos municipios, acordouse estender esta canle ata o límite co concello de Salceda, que, pola súa banda, tamén prolongará os traballos para solucionar un problema similar.

A alcaldesa solicita unha reunión co conselleiro de Economía


Eva García de la Torre solicitou unha reunión con Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía da Xunta de Galicia para tratar o desenvolvemento do planeamento urbano e do tecido industrial no concello do Porriño.
A alcaldesa pretende abordar co responsable autonómico cuestións comúns ás dúas administracións relacionadas co presente e futuro do Porriño.

A solicitude de entrevista con Conde, que foi enviada esta mañá a ese departamento autonómico, súmase á que o pasado decembro Eva García fixo ao propio Alberto Núñez Feijóo e que aínda non recibiu resposta do gabinete do presidente do Xunta.

Presentación do equipo ciclista “La Sal Cocinas Louriña” para a tempada 2021

 

Hoxe celebrouse a presentación da tempada 2021 do equipo “La Sal Cocinas Louriña” en Porriño, xunto á escultura que honra a Oscar Pereiro, gañador do Tour de Francia do 2006.  Este club, nacido en 2020, ten 110 licenzas e 5 equipos en categorías elite e menos de 23 homes e mulleres; en xuvenís femininas; en BTT-XCO e na categoría máster (veteranos).

O Concello do Porriño é o principal patrocinador desta escuadra ciclista cunha axuda de 15.000 euros máis outras achegas na organización de probas ao longo da tempada.

O presidente do club, Juan José Alvarez Cerdeira destacou o acordo alcanzado co Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra para incorporar ao equipo xuvenil feminino a cinco das mozas que se forman neste centro de alto rendemento.  Entre elas a triatleta porriñesa, Carla Guisande e Elsa Pena. Mentres que Aida Valiño e Uxía Fernández liderarán o equipo de elite feminino.

No equipo masculino, Iago Lorenzo, en sub 23 e Gustavo Rodríguez, en elite, serán os referentes esta tempada ás ordes de Jacobo Ucha.

Rafa Pérez, no nome de “La Sal Cocinas”, principal patrocinador privado do equipo, explicou que a firma que representa “quixo asociarse cun proxecto deportivo que nos trouxo moitas alegrías no Porriño”.  De xeito especial, o representante da firma “La Sal Cocinas” referiuse “a aposta que fai este club polo ciclismo feminino, tanto en júnior como en elite e sub 23, sacando dous equipos, consolidando o ciclismo como actividade integradora” , dixo Rafa Pérez.

Finalmente, David Alonso, concelleiro de Deportes en Porriño, criticou que institucións “como a Xunta de Galicia dean as costas ao deporte de base e gastan nunha Volta a España, en definitiva, invisten mal, ao noso xuízo”.

O conselleiro compárao co gasto que veñen realizando outras administracións, como o Concello do Porriño.  Alonso Bargiela afirma que “desde 1996 este Concello apoia o ciclismo en deporte de base e categorías inferiores con máis de 1 millón de euros que serviron para conseguir tantos ciclistas como o val da Louriña produciu”.

Presentada no Concello, a edición de “A cámara escura”, o traballo gañador do III Premio Roberto Vidal Bolaño

A primeira edición da obra “A cámara escura”, de José Luis Baños, gañadora da III edición do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, realizada pola Editorial Galaxia, presentouse hoxe no Concello do Porriño.

A concelleira de Educación, Lourdes Moure, actuou como anfitrioa do acto xunto co autor, José Luis Baños, e acompañada por Francisco Castro, director xeral da editorial e Raquel Castro, secretaria do xurado permanente do certame.

O premio está instituído pola Editorial Galaxia e o Instituto Ribeira do Louro do Porriño e o Concello do Porriño é o patrocinador cunha achega anual de 2.000 euros.

José Luis Baños, o autor galardoado en 2020, reivindicou “a importancia deste premio por promover a escrita teatral para adolescentes, que vén cubrir un oco que existe entre o teatro familiar e que xa se centra nos adultos”.

A profesora Raquel Castro, secretaria do xurado, valorou que o texto de José Luis Baños “presente un rexistro de linguaxe urbana próximo á mocidade”.  Engadiu que “esperamos que poida representarse en escea, unha vez que saiamos das restricións actuais”.

Francisco Castro, director xeral da “Editorial Galaxia”, agradeceu o compromiso de gobernos municipais como o Concello do Porriño no apoio á cultura.  “Necesitamos políticos que, como sucede aquí no Porriño, con vostede Lourdes, sexan cómplices da cultura”.  Francisco Castro lamentou que “mentres os estancos están abertos desde o primeiro día do estado de alarma, como servizo esencial, as librarías teñen que pechar”, segundo reclamou o director da editorial.

Por último, Lourdes Moure, afirmou que “mentres eu estea a cargo destas responsabilidades públicas como concelleira de Educación, o Concello do Porriño manterá o seu apoio a este premio”.  “Dende o primeiro momento tiven claro que o noso deber como administración pública era estar ao lado dunha iniciativa tan lúcida e á vez tan centrada na nosa mocidade”, concluíu Moure Varela.

Acordo entre Concello e veciños de Budiño para arranxar inundacións en fincas ao carón da nave de “Amazon”

A concelleira de Obras, Lourdes Moure, en compañía do enxeñeiro e o responsable das obras municipais, acudiu hoxe a Rego da Lama-Casal en Budiño para comprobar sobre o terreo as inundacións de fincas próximas ás instalacións da empresa “Amazon”.

A orixe do problema está nas recentes obras de canalización realizadas nestas instalacións pola empresa “EAM”.

A representación municipal acordou coa empresa e cos veciños afectados que a próxima semana, unha vez que o tempo mellore, executarase unha solución ás inundacións mediante un desvío de auga á rede de pluviais.

O Concello agradece a “Frigolouro” pola súa permanente colaboración co Banco de Alimentos

 

A alcaldesa, Eva García e o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira reuníronse con Natalio Rodríguez, director xerente do centro de procesamento “Frigolouro-Coren” nas instalacións deste grupo industrial no Porriño.
Na reunión abordáronse temas comúns nun clima de diálogo amigable e colaboración mutua. A representación municipal aproveitou a reunión para agradecer ao xerente a colaboración permanente que mantén “Frigolouro-Coren” co Banco de Alimentos “SOS Porriño” con achegas periódicas de produtos cárnicos que se distribúen entre as persoas máis necesitadas do municipio. A alcaldesa tamén recoñeceu a cooperación de Frigolouro coas accións de formación e promoción de emprego levadas a cabo polo Concello a través de” Porremprego “.

O Porriño súmase á celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O Concello do Porriño súmase este xoves 11 de febreiro á celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, baixo o lema (en inglés) “No more Matildas”.

A ONU declarou esta data coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais, acadar a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.

A Biblioteca Municipal do Porriño e a Concellería de Igualdade súmanse a esta celebración co obxectivo de difundir a labor científica das mulleres e fomentar a vocación nas nenas e adolescentes da nosa comunidade.

Para iso, a Biblioteca e a Concellería ofrecen información sobre as inicitivas existentes neste ámbito, e unha serie de lecturas infantís seleccionadas da colección dixital da Biblioteca, todas elas accesibles a través da plataforma de ebooks, GaliciaLe.

https://bibliotecadoporrino.com/2021/02/10/dia-internacional-da-muller-e-a-nena-da-ciencia/

Ademais na páxina web de Cultura (ecultura.net) hai un enlace directo coa páxina web da Biblioteca (bibliotecadoporrino.com) para ler en streaming ou descargar, debido as actuáis restricións coa Covid.

https://ecultura.net/dia-internacional-da-muller-e-a-nena-da-ciencia-iniciativas-e-lecturas/

 

O Porriño adhírese ao convenio entre a Axencia Tributaria de Galicia e a Fegamp


O Concello do Porriño adhírese ao convenio de colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a transferencia de información tributaria, na loita contra a fraude fiscal. Así mesmo, o intercambio de información entre a Autoridade Tributaria de Galicia e os concellos abrangue outros ingresos de dereito público para a concesión de axudas, subvencións e contratación coa administración.
A adhesión foi acordada e asinada pola alcaldesa Eva García quen informará desta resolución no próximo pleno da corporación municipal porriñesa.