O obradoiro de alimentación saudable “Ti si que es un bo peixe!” chega ao Porriño o vindeiro 15 de xullo. A iniciativa, impulsada pola Consellería do Mar en colaboración co Concello do Porriño, está dirixida aos cativos e cativas de entre 3 e 14 anos e é totalmente gratuíta.  

O obxectivo principal desta actividade é fomentar o consumo de produtos frescos da pesca e da acuicultura entre a poboación infantil e xuvenil á vez que se conciencia sobre a necesidade de equilibrar as dietas neste sector da poboación.

A tal fin, dun xeito lúdico, daráselle información sobre 9 especies mariñas de amplo consumo en Galicia, e indicarase o seu hábitat, forma de recolección ou pesca e método de consumo. O vehículo condutor será a música, con cancións e coreografías deseñadas especialmente para esta campaña.

“O incremento do consumo de peixe e produtos do mar entre os máis cativos, polas súas importantes calidades nutricionais, preséntase como unha ferramenta eficaz para mellorar a súa dieta, xa que estes constitúen unha excelente fonte de nutrintes saudables”, explicou a concelleira Antía Carrera, “De aí a importancia de que fomentar o seu consumo entre eles”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, animou aos nenos e nenas a participar desta actividade e “afondar no coñecemento das especies de peixe máis comúns e tamén do noso papel como consumidores á hora de preservar os recursos do mar”.

O obradoiro desenvolverase no Centro Cultural a partir das 9:30 h e as prazas son limitadas polo que se require inscrición previa (a través do email gabinete.alcaldia@oporrino.org).