A Policía Local detén a un home en busca e captura

A Policía Local do Porriño detivo na tarde de onte a un home que levaba varios meses fuxido da xustiza española. O detido, A.A.G.R., de 36 anos de idade, asentárase en Portugal para eludir as responsabilidades penais que pesaban contra el pola comisión de diferentes delitos.

Na tarde de onte, foi localizado por axentes da Policía Local nun taller mecánico do municipio ao que acudira para posteriormente regresar ao país veciño. Tras realizar as pertinentes comprobacións coa autoridade xudicial e constatar que contra esta persoa estaban ditadas tres ordes xudiciais de busca e captura, procedeuse á súa detención e foi posto a disposición da autoridade xudicial correspondente.

O alumnado-traballador de carpintería do “Porriño Labora” coñece o CIFP Valentín Paz Andrade

O alumnado-traballador da especialidade de Carpintería do obradoiro de emprego “Porriño Labora” visitou hoxe as instalacións do CIFP Valentín Paz Andrade para coñecer polo miúdo a oferta formativa deste centro de formación profesional na súa modalidade.

Durante a visita estiveron acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, que xunto con eles participaron dunha mesa redonda co servizo de orientación do centro para resolver as súas dúbidas. De seguido, realizaron unha visita ás aulas e talleres de formación das que dispón o centro na familia profesional de madeira nas especialidades de “Carpinteria e Moble”, “Instalación e Amoblamento” e “Deseño e Amoblamento”.

“É de vital importancia que, ademais de formarse para obter os seu certificados de profesionalidade e acumular experiencia profesional, coñezan as diferentes opcións coas que contan para ampliar a súa formación e especialización”, explicou o alcalde, “Queremos que os/as participantes no obradoiro conten coas ferramentas necesarias para consolidar a súa carreira profesional no ámbito que elexiron”.

Son dez os alumnos/as-traballadores/as que participan no Obradoiro de Emprego “Porriño Labora” na especialidade formativa de carpintería. Todos eles, contan cun contrato de formación e aprendizaxe de nove meses de duración e, á vez que se forman, levan a cabo diferentes proxectos. Unha vez finalizado o obradoiro os alumnos e alumnas obterán os certificados profesionais de “Mecanizado de madeira e derivados”, “Traballos de Carpintería e Moble” e “Aplicación de barnices e lacas en elementos de carpintería e moble”.

 

A Feira do Libro desembarca no Porriño do 26 ao 29 de maio

As novidades editoriais volven sair á rúa no Porriño para achegarlle á cidadanía o libro e a lectura da man da federación de Librarías de Galicia.

A Feira do Libro de Galicia, que leva polas catro provincias galegas os postos de venta de exemplares xestionados polos libreiros, recala no Porriño cunha extensa programación de actividades paralelas dirixidas a todas as idades como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros, etc… que fan deste evento unha cita de alto interese cultural.

A feira abrirá as súas portas o xoves 26 e extenderase ata o domingo 29 de maio. Será no barrio de San Benito, onde porriñeses e visitantes poderán disfrutar das propostas literarias das librarías participantes: Recondo, Paz, Copi Rey, Pedreira, Uróboros e o stand da Deputación de Pontevedra.

O acto de inauguración, contará coa autora porriñesa Sandra Estévez Calvar como pregoeira. As súas verbas acompañadas pola música da Asociación cultural Lumeirada darán o pistoletazo de saída a catro días de actividades que incluirán a cinco autores locais máis: Beatriz Cabaleiro, Diego Giráldez, Andrea Martínez Baladrón, Sandra Burgos e Begoña Yglesias Porta.

“As rúas do Porriño serán un espazo de encontro e contacto ao que convidamos a todo aquel que queira compartir experiencias ao redor dos libros”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Dende o Concello seguimos dando a man cultura e en especial á literatura, impulsando esta e outras iniciativas que axuden a dinamizar a actividade do sector libreiro e fomenten o hábito da lectura”.

O horario de apertura das instalacións será de 11-14 h e de 17-21 h (o xoves só pola tarde). Cabe destacar que as librarías ofrecerán un 10 % de desconto en todos os libros.

O “XogaJudo 22” reunirá este sábado no Porriño a 558 judokas

558 judokas procedentes de diferentes puntos de Galicia participarán este sábado 21 de maio, no pavillón municipal do Porriño, nunha xornada de xogo e competición.

A Federación Galega de Judo e D.A., en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello do Porriño, organizan os Xogos Galegos Deportivos “XogaJudo” que esta mañá foi presentado polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas.

“Fomentar a participación, o compañeirismo, o respecto e a amizade, instaurar hábitos deportivos saudables e facer vivir aos nenos e nenas experiencias de xogo enriquecedoras, son algún dos obxectivos deste programa de Deporte Escolar que recala no Porriño”, explicou o rexedor, “Trátase de que os nenos e nenas disfruten e aprendan practicando deporte cun regulamento que dá prioridade á deportividade por riba do resultado deportivo”.

A xornada arrancará ás 10 h e desenvolverase durante toda a mañá en dúas quendas, empezando a segunda delas ás 12:30 h.

“A pista do municipal vestirase de tatamis nos que os/as pequenos/as judokas participarán nas diferentes categorías: benxamín, alevín e infantil”, concluíu o edil de Deportes, “En total serán 35 os clubs que se dean cita no Porriño , un total de 201 judokas en categoría feminina e 357 na masculina”.

O Porriño dinamiza a súa praza de abastos co “MercaPorri”

O Concello do Porriño quere dinamizar a súa Praza de Abastos e achegala á cidadanía. Con este propósito, o vindeiro sábado 28 de maio, organiza “MercaPorri”, unha actividade dirixida aos nenos e nenas na que poderán canxear o seu “diñeiro MercaPorri” por regalos e sorpresas nos diferentes postos da praza, á vez que coñecen como funciona o mercado e os produtos que este ofrece.

O Porriño súmase así á campaña da Xunta, “Quere o teu mercado”, que a nivel internacional está organizada pola World Union of Wholesale Markets (Unión Mundial de Mercados Mayoristas) con motivo do Día Internacional do Mercado.

“Seguimos apostando pola posta en valor do noso mercado”, explicou a concelleira Antía Carrera, “Con actividades como esta queremos incentivar o consumo de productos frescos entre os máis pequenos e promover a compra local, así como a profesionalidade e o bo facer dos nosos praceiros e praceiras”.

Para participar é necesario inscribirse enviando un email a gabinete.alcaldia@oporrino.org

O Porriño instalará casetas para gatos na rúa

O Concello do Porriño instalará casetas para gatos en diferentes espacios da vila para dotar estas zonas de mellores condicións para os felinos das colonias que se están a controlar. Os alumnos/traballadores do Obradoiro de Carpintería foron os encargados de elaborar a primeira estas casiñas que permitirán aos animais resgardarse da choiva e do frío.

Ademais, os participantes do obradoiro veñen de rematar máis dunha ducia de bancos de madeira que se instalarán en diferentes puntos do municipio.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse hoxe ás instalacións onde se desenvolve o Obradoiro de Emprego en Torneiros para coñecer o seu traballo e agradecerlles a súa contribución. O rexedor recordou que “a colocación destas casetas súmase á aposta do noso Concello polo benestar animal e co control ético da poboación felina en liberdade”.

Detido o presunto autor de varios roubos no Porriño

Un operativo conxunto de Garda Civil e Policía Local do Porriño culminou hoxe coa detención do presunto autor de varios roubos con forza no centro urbano.

O detido, un veciño do Porriño de 36 anos de idade, está investigado por un delito continuado de roubo con forza, como presunto autor de máis de 20 roubos no termo municipal. Entre os feitos que se lle imputan están roubos e danos en vehículos, locais comerciais, destrozos no cemiterio municipal e tamén na Capela de San Benito.

O pasado mércores, foi detido e posto a disposición xudicial, decretando o xulgado a súa posta en liberdade. Finalmente, esta madrugada foi interceptado polos axentes esta noite tras roubar e causar cuantiosos danos na Praza de Abastos Municipal.

20 caixóns de solidariedade para axudar ás familias porriñesas que máis o necesitan

O espírito solidario da veciñanza do Porriño segue a evidenciarse cando de atender ás familias que o necesitan se trata. Desta vez, foron os máis pequenos os que aportaron o seu gran de area para axudar a quen está a pasar un mal momento.

20 caixóns repletos de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e alimentación para bebés se recolleron nos centros educativos e pavillón municipal, atendendo á chamada do banco municipal de alimentos SOS PORRIÑO.

Máis de 1000 kg de alimentos e produtos infantís que o SOS PORRIÑO destinará atender ás 150 familias usuarias do servizo municipal.

O concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, quixo agradecer “a impagable resposta da cidadanía á petición que fixemos dende o banco de alimentos, demostrando unha vez máis que a veciñanza porriñesa está disposta sempre a tender a man e sumar esforzos cando é necesario”.

Dende o Concello estase a traballar para reforzar este servizo municipal. Con tal motivo, nos últimos meses leváronse a cabo obras de mantemento nas instalacións, eliminación de humidades, pintado, etc…

“A resposta da cidadanía do Porriño foi extraordinaria, como sempre, e isto é algo que agradecemos enormemente”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Moitos dos nosos veciños están a pasar situacións complicadas e dende o Concello intentamos poñer en marcha todos os recursos que están ao noso alcance para darlles a atención adecuada, e para iso é indispensable a colaboración da veciñanza”. 

Os colexios do Porriño implícanse coa compostaxe

Os nenos e nenas do CEIP da Ribeira mergúllanse no mundo da compostaxe da man do Concello do Porriño. O alumnado do centro participou esta semana na “Posta en marcha do composteiro” e, da man da técnico de medio ambiente, montaron o seu propio composteiro para o cole.

As rapazas e rapaces, moi implicados e voluntariosos, aprenderon cal é a utilidade deste elemento no seu colexio, que se pode botar dentro e que non, como traballar con el e que tipo de tarefas son necesarias para que o proceso de compostaxe sexa o correcto, como tapar ben con estruturante a materia orgánica, remexer e regar de cando en vez… Posteriormente, realizarán xuntos o baleirado para que comproben o froito do seu traballo e coñezan os usos do compost.

As concellerías de Medio Ambiente e Limpeza, que dirixen Antía Carrera e Jose Carlos González, están volcadas no fomento da reciclaxe no municipio e parte importante deste empeño é a sensibilización e formación dos máis pequenos. Por iso, están programadas máis actividades educativas nos centros escolares do Porriño adaptadas ás necesidades de cada un deles.

 

 

 

O Porriño proxecta a construción do seu primeiro centro residencial de maiores

O Concello do Porriño proxecta a construción dun centro residencial para maiores con capacidade para 24 usuarios/as. Un proxecto que foi presentado ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a súa financiación a través dun convenio con cargo a fondos europeos.

“Trátase dun proxecto ambicioso que ascende a 1,2 M de euros, pero que supoñerá un salto cualitativo na atención aos nosos maiores”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Traballamos e seguiremos traballando para conseguir inversións que melloren a calidade de vida da veciñanza do Porriño”.  

A residencia ubicaríase na parroquia de Budiño, nunha parcela de titularidade municipal situada na marxe do Polígono Industrial SUR PPI-6 de máis de 4.000 m2.

“O centro residencial que propoñemos evoca a idea dunha gran vivenda na que os inquilinos farían vida familiar, cun porche exterior, un xardín para pasear e un bosque que os separía do polígono industrial e daría intimidade aos residentes” , apuntou Lorenzo, “Trátase de que se sintan integrados no barrio, como un veciño máis”.

As instalacións, de planta baixa, contarían con doce habitacións dobres dotadas de baño propio, salón de perruquería, multiusos, comedor… Como explicou o rexedor, a zona axardinada será parte importante.  Todo o necesario para garantir a confortabilidade dos usuarios e usuarias.