Xuntanza informativa cos veciños de Liboreira (Covelo-Atios) para acometida do saneamento


A Concellería de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure mantivo unha xuntanza informativa con veciños do lugar de Liboreira-Covelo-Atios coa ocasión da acometida á rede de saneamento nun tramo no que hai preto de vinte vivendas.


A concelleira explicoulles a ordenanza municipal aprobada no pasado mes de setembro que establece a obriga de conectarse e que poden afrontar o custe nun pago único ou de xeito aprazado.
Aínda que asistiron a meirande parte dos veciños afectados, os que non acudiron deberán poñerse en contacto coa Concellería de Vías e Obras para cumprimentar unha solicitude aportando a referencia catastral da súa propiedade e indicando a forma de pago que elixen.

A concelleira de Educación reclama á Xunta de Galicia información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes do Porriño


Lourdes Moure, concelleira de Educación reclamou no nome do Concello do Porriño á Xunta de Galicia “información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes da vila”.

A concelleira expresou “o malestar fronte á Consellería de Sanidade pola falta de información que temos sobre a incidencia do Covid no concello e particularmente na parte que me toca, na comunidade educativa”. Lourdes Moure lembrou que tivemos casos en dous centros, “Aceesca” e no CEIP “Fernández López” dos que “enterámonos de xeito extraoficial e a través de terceiros”, engadiu a concelleira.

Lourdes Moure manifestou que a súa Concellería tamén trasladará este malestar á FEGAMP para sumarnos aos demais concellos que tamén reclaman á Xunta de Galicia información diaria da incidencia do Covid nos nosos axuntamentos”.

Moure Varela lembrou que concellos como O Porriño “estamos a facer un esforzo orzamentario moi importante en asumir tarefas como a desinfección diaria de colexios e garderías aínda de que se trata dunha competencia impropia que asumimos pola seguridade dos nosos nenos e nenas”, rematou.

Policía Local e Garda Civil interceptaron unha operación de compra venda de marihuana no Porriño que rematou con 4 detidos


Policía Local do Porriño e Garda Civil impediron una operación de compra venda de dous quilos de marihuana e detiveron a catro persoas en relación con estes feitos. Tamén os axentes interviñeron preto de 7.000 euros en efectivo.

A transacción impedida polo operativo policial tiña lugar en Porriño. Detivéronse aos compradores, dous veciños de Portugal e aos dous responsables da venda, veciños do Porriño e Madrid.

As investigacións, coordinadas pola Garda Civil, iniciáronse a mediados de setembro por mor dunha alerta cidadá informando dun posible punto de venda de marihuana nunha parroquia do municipio porriñés, segundo informou a Subdelegación do Goberno.

As pescudas, que se desenvolveron coa colaboración de varios compoñentes da Policía Local porriñesa, deron o seu froito a semana pasada cando se intercepta un vehículo con placas de matrícula portuguesas, que acaba de realizar unha compra de marihuana na mesma parroquia do Porriño.

Garda Civil e Policía Local do Porriño outorgan unha importancia sobranceira á colaboración cidadá que facilitou o traballo de investigación dos corpos policiais.

Novo horario da Sala de Estudo Municipal que tamén abrirá de tarde

 

A Sala de Estudo Municipal, habilitada no Centro Cívico, vén de ampliar o seu horario de apertura: de 8:30 a 14:00 h. e de 15:00 a 20:30 h., de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria oportunas pola COVID-19, segundo anunciou hoxe Cami Moreira, concelleira de Cultura.


Esta Sala de Estudo abriu o pasado 9 de xuño por decisión da concelleira, para complementar á Biblioteca Municipal, na procura dunha separación de espazos para maior funcionalidade.

Deixamos ligazón coa web do departamento de Cultura para máis información.

http://ecultura.net/novo-horario-da-sala-de-estudo-municipal/

Unha campaña de promoción do produto local escolle a José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende” e o Pan do Porriño, como reclamo de calidade

 

A campaña “Parte de ti”, promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural do que forma parte o Concello do Porriño, pon en valor o produto local, baseado nas historias persoais de alguén, como José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende”, que elabora o noso pan porriñés de xeito tradicional.

A historia deste emprendedor é unha das que se relatan nos vídeos que sustentan esta campaña de valorización do produto local e rural que presentouse nun acto celebrado no Mercado de Tomiño, coa asistencia de David Alonso, concelleiro de Turismo e Emprego, en representación do Porriño, e do propio José Manuel Fernández.

Sandra Gónzalez, alcaldesa de Tomiño e anfitriona da presentación subliñou que “a campaña ‘Parte de ti’ é froito do traballo e implicación de moitas desas persoas anónimas que temos no rural”.

Deixamos ligazón coa páxina web da campaña para visionar o vídeo adicado ao Pan do Porriño e José Manuel Fernández

https://partedeti.eurural.org/historias/jose-manuel-fernandez/

 

O Porriño celebrou a XXVII Festa dos Callos

Preto de trinta establecementos do Porriño participaron na 27ª edición da Festa dos Callos que se celebrou este domingo. Segundo acordaron establecementos e organizadores, cun novo prezo único, de 6 euros que incluía ración de callos, pan e a cazola conmemorativa.

 

As limitacións impostas polos protocolos anti-covid obrigaron a organizadores e Concello a reducir os actos públicos. A agrupación musical Feixoada encargouse da animación de rúa.

  

As asociacións AHOSPOR e ACIPOR, co apoio do Concello do Porriño, organizaron este certame que practicamente pechou as Festas do Cristo 2020.

A concelleira de Educación entrega un lote de máscaras de protección aos centros de ensino da vila

A concelleira de Educación Lourdes Moure fixo entrega hoxe dunha partida de 1.500 máscaras de protección a distribuir entre centros de ensino da vila. Directores e representantes dos colexios Fernández López, Antonio Palacios, Atios, Ribeira, Budiño, Santo Tomás e Hermanos Quiroga; do centro de Aceesca e dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro acudiron ao salón de sesións do Concello onde fíxose a entrega.   

Trátase de parte do lote de 3.000 máscaras de protección enviadas polo Ministerio de Sanidade que corresponderon ao Concello do Porriño segundo o reparto que o Goberno Central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) acordaron. 

Por outra banda, a concelleira aproveitou o encontro para intercambiar impresións cos responsables dos centros educativos sobre o desenvolvemento das tarefas de desinfección de colexios e garderías que onte iniciou o Concello pese a tratarse dunha competencia impropia pois corresponderíalle á Xunta de Galicia.   

 

 

A concelleira de Educación, Lourdes Moure deu máscaras
O conselleiro aproveitou a reunión celebrada no salón de sesións do Concello para intercambiar opinións cos responsables dos centros educativos sobre o avance das tarefas de desinfección en xardíns de infancia e colexios que o Concello asumiu dende o 1 de outubro.

 

Unha avaría na central de “Movistar” no Porriño afecta ás liñas telefónicas fixas de 1.300 clientes. Entre eles, as oficinas do Concello


Unha avaría telefónica na central “Movistar” en Porriño, situada no edificio que esta empresa ten na praza do Cristo, afecta a 1.300 subscritores de liña fixa. Entre os afectados está o Concello do Porriño, que desde o xoves está sen servizo de telefonía fixa nas oficinas do concello.

Segundo “Movistar”, a falla xurdiu á unha da tarde de onte e esta mañá aínda estaba sen resolver.

Porriño convocará unha xuntanza de concellos e comité de empresa de “Maderas Iglesias”

 

O vindeiro xoves 8 de outubro, o Concello do Porriño acollerá unha xuntanza de alcaldes e alcaldesas dos 16 concellos que teñen entre os seus veciños, traballadores afectados polo risco de peche da empresa “Maderas Iglesias”. Reuniranse co comité de persoal da factoría que actualmente ten 148 operarios, na súa meirande parte mulleres.

O goberno municipal e concelleiros dos restantes grupos políticos da Corporación porriñesa reuníronse hoxe co comité de empresa de “Maderas Iglesias” no salón de sesións, ao remate da manifestación que os traballadores realizaron dende a factoría ata a praza do Concello.

Ademais de convocar a devandita reunión de alcaldes e alcaldesas para o 8 de outubro, os grupos políticos da corporación porriñesa comprometéronse a trasladar aos seus deputados no Parlamento de Galicia este asunto para demandar explicacións do Conselleiro de Economía e Industria. Tamén, Pedro Pereira, en condición de alcalde accidental manifestou que solicitará unha reunión urxente co director do IGAPE (Instituto Galego de Apoio e Promoción Económica) para instar a súa intervención para evitar o peche de “Maderas Iglesias”. 

Paralelamente os sindicatos e o comité de empresa da firma anunciaron que continuarán con máis mobilizacións. “O vindeiro mércores día 7, os traballadores de Maderas Iglesias nos trasladaremos ata Vigo, diante da delegación territorial da Xunta de Galicia e se temos que ir cara a Santiago, faremo-lo”, manifestou Vicente Molares, voceiro do comité.

 

A Corporación Municipal do Porriño apoiará hoxe a manifestación dos traballadores de “Maderas Iglesias”



Os voceiros e concelleiros dos grupos políticos da corporación local do Porriño acordaron por unanimidade apoiar coa súa presencia a manifestación que hoxe realizarán os traballadores de “Maderas Iglesias”.


A manifestación partirá finalmente ás 11 horas (adiouse a hora de saída). Arrincará nas instalacións de “Maderas Iglesias” e rematará diante da casa consistorial, na praza Arquitecto Antonio Palacios.


O acordo, adoptado no pleno municipal de onte á noite, a raíz dunha moción proposta polo grupo municipal socialista, demanda da Consellería de Economía da Xunta de Galicia que intermedia na procura dunha solución que evite o peche desta empresa con 148 traballadores, na súa meirande parte, mulleres.