A sesión plenaria ordinaria deste mes será telemática

A sesión plenaria ordinaria que celebrará este mércores a corporación porriñesa será telemática, en aplicación dos protocolos anti-covid, segundo decidiron a alcaldesa e os voceiros dos grupos políticos municipais.

A sesión comezará ás 18 horas e será retransmitida a través desta mesma páxina web, na mediateca municipal.

Deixamos ligazón coa orde do día en “pdf”. 

PLENO OCTUBRE 2020

 

Renovados os postes das bandeiras no balcón principal do Concello

 

Hoxe instaláronse os novos postes das bandeiras no balcón principal do Concello do Porriño. Retiráronse os anteriores, de madeira, que databan da época de Xosé Manuel Barros como alcalde, que estaban moi deteriorados. Substituíronse por outros de aceiro inoxidable que dignifican o aspecto da casa consistorial,  obra de Antonio Palacios, precisamente no día no que se conmemora o 75 aniversario. da morte do arquitecto porriñés.

 

Cunha ofrenda floral comezaron hoxe os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios”

 

Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal, o Concello do Porriño comezou os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento que se cumpre hoxe o 27 de outubro. 

Trátase dunha iniciativa das Concellerías de Cultura e Turismo que dirixen Cami Moreira e David Alonso, respectivamente que hoxe acudiron ao cemiterio a realizar a ofrenda ante a tumba de Palacios.

O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de outubro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.

Algúns deses actos terían que comezar hoxe pero adiáronse debido ás medidas restritivas anti-Covid. Entre elas, unha serie de visitas guiadas teatralizadas a obras de Antonio Palacios, así como un encontro de arquitectos sobre o significado do seu legado.

 

O Porriño segue por terceiro día consecutivo en alerta vermella


O Porriño segue hoxe martes 27 na relación de concellos de Galicia en alerta vermella ou nivel 3 por número de contaxios en función da súa poboación, segundo publica hoxe o mapa de situación do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os datos están actualizados ata as 18 horas de onte luns.

Aínda que a autoridade sanitaria segue sen informar directamente aos concellos do número exactos de casos positivos, na web subliñase que O Porriño está en alerta vermella por ter máis de 21 casos diagnosticados.

Precisamente hoxe non se celebrou o mercado ambulante por decisión do goberno municipal. Foi unha das restricións que se decidiron dende o pasado xoves 22 e que se manteñen.

O Banco de Alimentos “SOS Porriño” entrega a domicilio para evitar aglomeracións

 

O concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso con voluntarios e persoal de Protección Civil iniciou esta mañá a distribución de caixas de alimentos entre as familias en emerxencia social do concello que reciben axuda a través de “SOS Porriño”.
Na actualidade 430 familias, practicamente 1.300 persoas, precisan da axuda mensual prestada polo Concello a través de “SOS Porriño”.

A gran novidade é que a partir deste mes lévase a cabo na casa para evitar as aglomeracións que se produciron diante da sede do Banco de Alimentos.

Ao longo de hoxe os 50 primeiros lotes repartiranse entre familias de Torneiros, Chenlo, Atios, Mosende, Budiño e na zona urbana de Porriño.

 

O Porriño segue en alerta vermella

Por segundo día consecutivo, o concello do Porriño mantense no nivel 3 ou alerta vermella por un aumento das infeccións por Covid.

O mapa de alertas actualizado diariamente na páxina web do Sergas volve situar hoxe ao noso municipio en vermello ao superar as 21 infeccións nos últimos sete días.

O goberno municipal mantén as restricións que decidiu o pasado xoves 22. Entre elas a supresión do mercado ambulante semanal que, polo tanto, non se celebrará mañá martes.

O Concello celebrará esta tarde tres comisións municipais telemáticas


O Concello do Porriño celebrará esta tarde tres comisións municipais informativas como preparación para o próximo pleno ordinario corporativo que terá lugar o mércores 28.
As tres comisións que se desenvolverán a partir das 19:00 horas serán telemáticas, a través da sede electrónica.
A primeira comisión será a de Economía e Facenda, que abordará a modificación do IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) e do ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras).
Seguiralle a comisión de Urbanismo e Medio Ambiente que informará sobre a aprobación definitiva da nova ordenanza que regula as terrazas, entre outros asuntos. Tamén tratará da actualización da ordenanza medioambiental reguladora de ruidos.
A última comisión da tarde será a de Servizos Sociais e Igualdade, que tratará a proposta dun manifesto e concentración institucional que se celebrará o 25 de novembro para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

Concello e COGAMI debaten sobre a creación dunha comisión municipal de accesibilidade

Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade valoraron a creación dunha Comisión Municipal de Accesibilidade.  Sería un órgano participado polos grupos políticos da corporación e COGAMI.  Foi un dos asuntos tratados, na reunión celebrada hoxe no Concello, presidida pola alcaldesa Eva García, coa asistencia do concelleiro de Asuntos Sociais, David Alonso, así como de Anxo Queiruga, presidente de COGAMI que asistiu acompañado de Celso Álvarez e Isra Mercader.

COGAMI solicitou ao Concello unha posible subvención nominativa, a cambio da súa participación en cursos de formación e inserción laboral e de contar co asesoramento da Confederación de Persoas con Discapacidade en obras públicas e proxectos de mobilidade co fin de eliminar as barreiras arquitectónicas.

A subvención a COGAMI a cambio destas consideracións incluiríase no orzamento municipal para 2021, que está actualmente en preparación.

O Porriño sae de alerta vermella e baixa a laranxa. Non obstante o Concello non modificará, polo momento, as restricións decididas onte

 

O Porriño abandonou hoxe a relación de concellos galegos en nivel vermello ou máximo de contaxios na que entrara onte. O concello porriñés baixou ao nivel laranxa, segundo informa a autoridade sanitaria.

A actualización dos datos pódese seguir a través do mapa de alertas de Galicia que renova actualiza a diario o Servizo Galego de Saúde na súa páxina web coronavirus.sergas.gal.

Non obstante, a pesar do cambio de nivel, o goberno municipal porriñés non modificará, polo momento, as medidas restritivas que onte se decidiron e comunicaron á cidadanía. A razón é que é unha situación fluctuante e cambiante sen que sexa posible descartar que nos próximos días e durante a próxima semana os indicadores non empeoren de novo.

A alcaldesa Eva García de la Torre manifestou ao respecto que “a decisión do goberno municipal de tomar algunhas medidas restritivas contra a liberdade de circulación e reunión non vai en contra de ninguén.  Son para protexernos a todos.  Por iso quero que sexan comprensivos e adopten todos os protocolos necesarios para protexerse a eles mesmos, aos seus e especialmente aos nosos maiores” declarou a rexedora porriñesa.

Lembramos que o goberno municipal decidiu as seguintes medidas:

  • Suspender o mercado ambulante dos martes
  • Precintar os parques infantís
  • Establecer na Praza de Abastos, un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída.
  • Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
  • Peche da Sala de Estudo Municipal
  • Competicions deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

(Ampliación) A Concellería de Deportes comunica que as competicións en recintos pechados e abertos serán sen público

A Alcaldía e a Concellería de Deportes do Porriño comunican a decisión de prohibir o acceso de público aos eventos deportivos que se celebren en recintos pechados como o Polideportivo Municipal así como tamén nas instalacións ao aire libre, incluídos os campos de futbol.  

A restricción é para competicións federadas de ámbito autonómico e nacional. A medida é de aplicación a partir desta fin de semana e estará vixente en tanto en canto persista a actual situación sanitaria. Dende hoxe, O Porriño atópase en alerta vermella (nivel 3) cun total de 26 contaxios activos, segundo informouse a Alcaldía ante a Conselleria de Sanidade.

David Alonso, concelleiro de Deportes admitiu que “é unha decisión dura”. “Coido que debíamos adiantarnos ao avance do virus, a pesar de que no DOG informabase de que poderían permitirse certos cupos de espectadores”, manifestou o concelleiro.