Despregue da Policía Local e dos servizos de limpeza nos cemiterios coa ocasión do Día de Todos os Santos

Axentes da Policía Local encargáronse de vixiar o cumprimento da normativa autonómica nas visitas aos cemiterios da vila coa ocasión do Día de Todos os Santos


A mediodía, Lourdes Moure, concelleira de Seguridade comprobou o desenvolvemento do operativo acudindo a varios cemiterios, tanto no municipal como en diferentes parroquias. Segundo indicou a concelleira “o comportamento da veciñanza está sendo moi axeitado, evitando aglomeracións e colaborando cos protocolos”.


Deste xeito deuse cumprimento ao protocolo anti-Covid promulgado o pasado día 22 pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia que limitaba a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo instaba aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas.

Paralelamente, outro departamento do goberno municipal, a Concellería de Limpeza que dirixe Sergio Casal despregou hoxe unha brigada de seis persoas que se encargaron de realizar desinfeccións periódicas nos accesos e zonas comúns dos distintos cemiterios ao longo do día.

Exposición dos calacús de Samaín decorados por nenos e nenas do Porriño

 

A Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, coa ocasión do Samaín  anuncia que mañá sábado exporanse na rúas e nos arredores da Casa Consistorial, as cabazas decoradas por escolares de Primaria dos colexios do Porriño.

A temática  foi  libre e o material decorativo tamén. Non houbo restricións técnicas nin materiais, segundo informou a OMIX.

Os traballos xa rematados, un total de 205 cabazas, recolléronse hoxe venres en cada colexio participante.

Mañá sábado estarán expostos nas rúas da vila dende ás 12:00 ata ás 22 30 horas, a consecuencia da restrición horaria imposta polo toque de queda vixente na comunidade autónoma.
 
Entre as 22,30 e as 22,45 do sábado 31 de outubro, as/os nenas/nenos/pais/nais, que así o desexen poderán pasar a recuperar as súas cabazas. Por tratarse de pezas perecedoiras o concello non se fai responsable da súa integridade.
 
Os demais traballos serán recollidos por persoal do Concello para a súa posterior reciclaxe.

 

O Porriño segue en alerta vermella por sexto día consecutivo. O noso concello non está afectado polas novas restricións que acaba de comunicar a Xunta de Galicia.

O Porriño segue en alerta vermella polo número de contaxios activos de Covid. Por sexto día consecutivo O Porriño manténse nesa relación segundo aparece no mapa actualizado do Servizo Galego de Saúde cos datos ata 18 horas de onte xoves.
O Porriño tiña ata o mércores 52 infectados, segundo a información que a alcaldesa Eva García acadou que lle facilitara onte a Consellería de Sanidade. Hoxe aínda non dispoñemos dun novo dato.
 
A Consellería de Sanidad comunicou este mediodía as novas restricións. Na nosa área, tan só a cidade de Vigo terá limitación de entrada e saída, dende hoxe, a partir das 15 horas e ata o martes 3.
 
O Porriño nin nos restantes concellos da área metroplitana teñen limitación de mobilidade, segundo ven de comunicar a Xunta de Galicia.
 
O PORRIÑO MANTEN AS MEDIDAS DECIDIDAS DENDE A PASADA SEMANA
 
Namentres o Concello manten as mesmas medidas restritivas que acordou dende o pasado xoves 22. As competicións deportivas desta fin de semana serán sen público, tanto en recintos cubertos como ao aire libre.
E do mesmo xeito o vindeiro martes 3 de novembro non haberá mercado ambulante semanal.
 
Tamén a Policía Local fará o domingo 1, festividade de Todos os Santos, un despregue en todos os cemiterios do termo municipal para velar polo cumprimento da normativa promulgada pola Xunta de Galicia que limita a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo insta aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas e evitar as aglomeracións.

 

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes participaron en sendas reunións telemáticas sobre a Volta Ciclista a España e o Camiño de Santiago

 

Eva García, alcaldesa de O Porriño participou este mediodía, xunto con outros alcaldes e alcaldesas de concellos da ruta xacobea, nunha reunión telemática coa presidenta da Deputación. Tratouse dunha reunión da Mesa Provincial do Camiño na que Carmela Silva explicou aos responsables municipais as diferentes iniciativas que a Deputación está a desenvolver para pór en valor este itinerario cultura como un eixe estratéxico da estratexia turística de O Porriño e demais concellos do Camiño.

VOLTA CICLISTA

Por outra banda, David Alonso, concelleiro de Deportes participou noutra reunión telemática de responsables municipais dos concellos pontevedreses polos que transcorrerán etapas da Volta Ciclista a España coa Subdelegada do Goberno e mandos da Garda Civil de Tráfico. Pola súa banda David Alonso estivo acompañado de Julio Bernárdez, xefe de Deportes e Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local.

 
Na reunión telemática con Maica Larriba repasaron o libro de ruta nas diferentes etapas e as previsións de paso polas localidades. No caso de O Porriño, o vindeiro xoves 5 de novembro, terá lugar a saída lanzada da etapa decimo quinta, a partir das 10:50 horas.
A caravana sairá de Mos e chegará ao Porriño pola Avenida de Galicia de xeito neutralizado sendo a saída lanzada dende a rotonda dos Aloques e avenida Antonio Palacios en dirección a Ponteareas.
Segundo as previsións da organización será preciso cortar o tráfico por todas estas vías e outras afectadas, como a rúa Domingo Bueno aproximadamente media hora antes do paso da comitiva.

O IES Ribeira do Louro acolleu unha acción polo clima do programa “DepoRúARTE”

 

A alcaldesa Eva García e a concelleira de Educación, Lourdes Moure compartiron visita con Olga García, deputada delegada de Cohesión Social, ao Instituto de Ensino Secundario Ribeira do Louro onde presenciaron o resultado final dunha “Acción polo Clima” realizada por alumnos e alumnas.


A intervención artística formou parte das actividades promovidas pola Deputación Provincial a través do programa “DepoRúARTE 2020” que ten por finalidade levar a cabo actividades educativas e de lecer que reforcen a conciencia pública do colectivo xuvenil.
No caso da acción no IES porriñés, consistiu nun mural pintado nunha das paredes do patio do centro docente por 19 alumnas e alumnos do curso 3º A da ESO.

 

 

A Policía Local vixiará polo cumprimento dos protocolos anti-Covid nos cemiterios do Porriño


O Concello, a través da Concellería de Seguridade, anuncia que coa ocasión da festividade do 1 de novembro, Día de Todos os Santos haberá un despregue da Policía Local en todos os cemiterios do Porriño.
Segundo indicou Lourdes Moure, a concelleira responsable, haberá un policía no acceso a cada un dos cemiterios, tanto no municipal de O Porriño como nos das respectivas parroquias.

Deste xeito darase cumprimento ao protocolo anti-Covid promulgado o pasado día 22 pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia que limita a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo insta aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas e e evitar as aglomeracións.

A Consellería de Sanidade recoñece á alcaldesa Eva García que O Porriño acadou 46 positivos por Covid

 

A alcaldesa de O Porriño, Eva García considera que a situación sanitaria do Porriño polo número de infectados por Covid “é verdadeiramente preocupante“, segundo valorou despois de recibir este mediodía datos concretos sobre a incidencia actual da pandemia no concello. O número de persoas infectadas ata onte é de 46 das que 19 son contaxios acaecidos entre o luns (12) e martes (7).

O Porriño permanece dende hai catro días no grupo de concellos en alerta vermella polo número de contaxios en relación coa a súa poboación.

A alcaldesa explicou que o Concello “adoptou medidas a maiores porque sabemos que hai sitios onde a xente non garda a distancia de seguridade. Foi a razón pola que pechamos os parques infantís; non `polos nenos senón polos maiores; ou a razón pola que ordenamos que as competicións deportivas sexan a porta pechada”.

Eva García engadiu que “sei que ás veces é difícil de aceptar esas medidas pero eu como responsable do que ocorra no concello do Porriño teño que tomar esas decisións para velar pola saúde de todos“.

Limitadas a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios, segundo a normativa da Xunta


O Concello do Porriño informa á veciñanza da normativa decidida pola Xunta de Galicia que será de aplicación ás visitas aos cemiterios coa ocasión da festividade de Todos os Santos e Defuntos.


A normativa autonómica limita a catro persoas “do mesmo grupo familiar ou conviventes” as que poden acudir. E establece que a duración das visitas aos cemiterios “deberá ser o máis breve posible e, en ningún caso, debe ser superior aos 30 minutos”.


Engadimos ligazón co documento en “pdf” coa normativa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia.

Prevencion_cemiterios_Galicia

Non hai cambios, O Porriño segue en alerta vermella no mapa do Sergas

O Porriño é un dos dezaoito concellos da provincia de Pontevedra e preto de 40 de Galicia que se atopan no nivel 3 ou alerta vermella por número de infectados por Covid en relación a súa poboación. Por cuarto día consecutivo, O Porriño aparece no mapa de alertas do coronavirus que publica o Servizo Galego de Saúde na súa páxina web.


O Sergas informa dos datos actualizados ata as 18 horas do día anterior, neste caso ata onte martes 27. Sen detallar cantos infectados hai, o Sergas atribúe ao Porriño alerta vermella por máis de 21 casos diagnosticados nos últimos sete días.


En consecuencia, o goberno municipal mantén as restricións acordadas dende o pasado xoves 22. Lembramos:
– Suspensión do mercado ambulante dos martes
– Precinto dos parques infantís
– Circuítos de entrada e saída na Praza de Abastos.
– Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
– Peche da Sala de Estudo Municipal
– Competicións deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

Tamén como consecuencia dos protocolos, o pleno ordinario da Corporación Municipal celebrarase esta tarde en en sesión telemática, a partir das 18 horas.