Porriño demanda á nova delegada territorial da Xunta que axilice diversos asuntos pendentes

 

A nova delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias visitou institucionalmente o Concello do Porriño e mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa Eva García e os concelleiros Pedro Pereira e David Alonso.

O gabinete municipal trasladou á representante da Xunta para a área de Vigo un conxunto de necesidades e demandas que a administración autonómica ten pendentes neste concello.

A necesidade de que a Xunta axilice a ampliación do Centro de Saúde, acometa a descontaminación por lindano en Torneiros pendente dende 2018 dunha asignación orzamentaria e que incremente en 900.000 € a súa achega para cubrir os custes do Servizo de Axuda no Fogar, foron os asuntos principais.

Situación no Porriño: 80 infectados pola Covid e 254 persoas en illamento

O Porriño continúa a ser un dos concellos en alerta vermella por incidencia acumulada de contaxios na área sanitaria de Vigo xa que “a situación segue a ser grave”, segundo valorou a alcaldesa Eva García. Actualmente hai no Porriño 80 infectados confirmados pola Covid e 254 persoas máis que están ílladas como contactos estreitos en seguimento.

Estes datos así como as medidas a desenvolver polo Concello analizaranse o vindeiro luns 16, na reunión da Comisión Municipal de Seguimento convocada para as 13 horas e participada polo goberno local e os grupos políticos da corporación.

Eva García participou onte na reunión telemática que o conselleiro de Sanidade mantivo cos alcaldes e alcaldesas da área de Vigo que están no ámbito do peche perimetral vixente dende o sábado 7.

A alcaldesa porriñesa demandou os datos concretos da incidencia no concello e acadou unha información máis detallada de Julio García Comesaña e o seu equipo. Segundo os datos que lle deron, entre os 80 casos confirmados activos hai 5 traballadores, veciños do Porriño, que proceden dun gromo nunha industria cárnica con máis de 40 afectados.

En canto ás 254 persoas monitorizadas no Porriño e que deben gardar illamento, trátase de todas aquelas que como familiares, conviventes e laborais que tiveran contacto cun caso positivo ata 48 horas antes de ser diagnosticado e illado.

Á vista destes datos e da continuidade do Porriño en máximo nivel de alerta, a alcaldesa reiterou a apelación á veciñanza para que cumpra cos protocolos e acepte as medidas restritivas que son para protexernos e non para amolar a ninguén”, declarou.

 

O Concello adxudica a primeiro lote de axudas pola Covid a autónomos e micro empresas do Porriño

Un primeiro lote de axudas económicas directas por un importe aproximado de 50.000 € adxudicáronse hoxe polo Concello a autónomos, pequenas e medianas empresas e micro empresas do Porriño que solicitaron acollerse á convocatoria realizada pola administración municipal.

Esta primeira quenda de achegas destínanse a 42 peticionarios entre os que predominan establecementos de hostalaría (bares, cafeterías e restaurantes) e comercio de proximidade. A maioría, agás un dos solicitantes, recibirán o máximo estipulado nas bases da convocatoria, é dicir 1.200 € por peticionario, segundo resolveu esta mañá a comisión técnica municipal de avaliación formada por funcionarios do Concello e presidida por David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais. 

A meirande parte deses cartos solicítanse para gastos xerais sobre todo alugueres e amortización de préstamos bancarios. Os demais repártense entre costear gastos de mellora tecnolóxica e medidas anti-covid.

“En breve analizaremos unha segunda quenda de peticións” indicou o concelleiro Alonso Bargiela. En concreto serán 35 solicitudes máis ata o total de 77 que recibíronse no Concello para acollerse a esta liña de axudas que está dotada cun total de 100.000 euros segundo acordo plenario da corporación municipal.

O concelleiro de Emprego informou que o proceso “estará resolto e as achegas aboadas antes de finalizar o ano”.

O Concello lidera un proxecto internacional de empoderamento da mocedade contra o cambio climático financiado pola Unión Europea

O Concello do Porriño acadou a aprobación pola Unión Europea dun proxecto sobre mocedade e cambio climático no abeiro do Programa de Desenvolvemento das Capacidades da Mocedade, xestionado directamente pola Comisión Europea e cun orzamento total de 150.000€.

O proxecto internacional liderado polo Concello de Porriño “inclúe accións de capacitación con cursos, seminarios e campamentos formativos, e accións de mobilidade coa organización de eventos no Porriño e nos países participantes que son Portugal, Cabo Verde e Mozambique”, segundo explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Fondos Europeos.  

O vindeiro xoves 19 “haberá unha primeira reunión telemática dos socios do proxecto que suporá o comezo das actividades que se desenvolverán durante 24 meses”, informou Moure Varela que ponderou que “se trata do primeiro proxecto formativo presentado e promovido polo Concello do Porriño que acada financiación europea”.

A concelleira celebrou unha reunión de traballo preparatoria con asistencia da alcaldesa, Eva García; de Noelia de la Fuente, responsable da OMIX e do profesor Amador Ordóñez, coordinador de proxectos internacionais e docente do IES Ribeira do Louro.

Xunto co Concello participarán as ong’s ASPEA (Asociación Portuguesa de Protección Ambiental) e a mozambiqueña ASEJANA (Asociación para a Xuventude e Educación de Adultos de Nampula). Tamén o centro de ensino porriñés IES Ribeira do Louro en representación da Consellería de Ediucación da Xunta de Galicia e finalmente a Universidade de Cabo Verde.  Finalmente serán invitadas a participar asociacións culturais e veciñais e organizacións empresariais e sectoriais.  

O proxecto denominado “EYFEC” (siglas en inglés de “Empowering Youth for Facilitating Ecological Transition”) ten como obxectivo empoderar á mocedade e ás institucións públicas e ás ong’s como axentes de cambio para o desenvolvemento ambiental sostible, obxetivo que cobra especial importancia no contexto actual de crise económica provocada pola pandemia sanitaria.

“Planetario 3D” e visita ás obras de arranxo no CEIP “Antonio Palacios”

 

Esta semana comezou a actividade formativa presencial “Planetario 3D” para alumnos de Infantil e Primaria. A primeira sesión foi onte no no CEIP de Cruz-Budiño e hoxe martes celebrouse no CEIP Antonio Palacios, de Torneiros, onde acudiron a alcaldesa Eva García e a concelleira de Educación, Lourdes Moure este mediodía. Neste mesmo colexio tamén desenvolveuse hoxe unha quenda do obradoiro de educación en valores que imparte con cans de terapia e que tamén está percorrer os colexios do Porriño.

 

PLANETARIO E CINEMA 

“Planetario 3D” é unha proposta formativa que se desenvolve coa ocasión do Día Mundial da Ciencia. Celebrase de xeito presencial namentres que outra actividade denominada “Cinema 360º”, enfocada ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP, terá lugar mediante sesións telemáticas, a partir do vindeiro luns 16 nos institutos do Porriño ata o luns 23. 

Ambas actividades están promovidas polo Concello do Porriño a través da Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX) que asumiron a proposta que fixera no seu día o Consello de Participación da Infancia e Adolescencia do Porriño.


ARRANXOS NO PAVILLÓN VELLO

Coa ocasión da visita ao CEIP de Torneiros, a alcaldesa e a concelleira comprobaron o resultado final dos traballos de arranxo e pintura do vello Pavillón e dos vestiarios do mesmo que se recuperaron para o seu uso cotián. “Esta actuación desenvolveuse con medios propios do Concello, a través do departamento de Vías e Obras e a petición da dirección do colexio xa que, a causa dos protocolos anti-Covid, o pavillón deportivo novo ten que empregarse para as quendas do comedor escolar por necesidades de espazo”, segundo explicou Lourdes Moure.

O Consello Municipal da Infancia participará na sesión telemática do Parlamento de Galicia para conmemorar o Día Universal dos Dereitos dos Nenos

 
 
A pesar das dificultades que supón a situación actual, o traballo no Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño continua preparando a súa intervención que realizará o vindeiro 17 no Parlamento de Galicia.
 
Os nenos e nenas que o compoñen, representando a todos os centros educativos do concello, preparan as propostas que exporá o seu voceiro/a na súa intervención do vindeiro martes 17 do presidente do Parlamento e dos representantes de todos os grupos parlamentarios
 
Trátase dunha actividade organizada por UNICEF Galicia en colaboración co Parlamento de Galicia que desta volta se realizará mediante unha sesión telemática. Do mesmo xeito que o pleno municipal infantil que se celebrará en Porriño o 20 de Novembro, o propio Día Universal da Infancia.
 
A Concellería de Educación do Concello do Porriño e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) que son os promotores da iniciativa teñen previstas outras actividades durante as próximas semanas para conmemorar a efeméride como a iluminación en azul da fachada do casa consistorial ese mesmo día, ou a posta en marcha e dinamización dun perfil propio en Instagram para dar así maior visibilidade ao traballo dos nenos, nenas e adolescentes no consello municipal de infancia.

O Concello sumase á conmemoración do Día Mundial da Diabetes


O vindeiro sábado 14 de novembro conmemórase o Día Mundial da Diabetes e coa ocasión desta efeméride, o Concello do Porriño colaborará con ANEDIA (Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes en Galicia) nunha acción informativa que terá lugar no Centro Cultural Municipal.

No vestíbulo do Centro proxectarase un vídeo para dar a coñecer as causas, os síntomas, o tratamento e as complicacións asociadas á enfermidade. Ao coincidir a celebración en sábado, o vídeo proxectarase nos días próximos a esta data.

Non obstante deixamos ligazón coa páxina web do departamento de Cultura onde se pode ver o vídeo

Conmemoración do Día Mundial da Diabetes

 

Comeza a actividade “Planetario 3D” polos centros educativos coa ocasión do Día Mundial da Ciencia


Hoxe comezou no CEIP de Cruz-Budiño a actividade “Planetario 3D” que xunto coa denominada “Cinema 360º”, están promovidas polo Concello do Porriño a través da Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX).

Esta proposta formativa desenvolvese coa ocasión do Día Mundial da Ciencia. Terá lugar dende hoxe ata o 23 de novembro polos centros educativos da vila, de xeito presencial e tamén en liña con horarios de mañá e tarde.

Trátase dunha actividade proposta no seu día polo Consello de Participación da Infancia e Adolescencia do Porriño que aprobou o Concello.

“Planetario 3D” vai dirixido aos ciclos de educación infantil e primaria, mentres que o “Cinema 360º” enfocase ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional.

Deixamos ligazón coa páxina web do departamento de Cultura

Planetario 3D – Cinema 360º

A deputada Leticia Gallego trasladará no Parlamento a demanda do Concello para reactivar a ampliación do Centro de Saúde

 

A deputada autonómica do PSdG-PSOE, Leticia Gallego recolleu hoxe diversas solicitudes da alcaldesa Eva García e concelleiros socialistas do goberno municipal para darlles traslado ante o Parlamento de Galicia. A parlamentaria realizou unha visita ao Concello e mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa e cos concelleiros Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso.

Entre as peticións recollidas, a principal é a ampliación do Centro de Saúde, demandada dende hai unha década. O Concello do Porriño cedeu os terrenos para acometer a execución do proxecto comprometido polos sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Precisamente a alcaldesa informou á deputada que no pasado mes de setembro solicitou unha entrevista ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña para interesarlle polo estado dese proxecto e que aínda non tivo resposta.

Leticia Gallego tamén recolleu outras demandas do goberno municipal como a construcción dun novo colexio que sustitua ao actual CEIP Fernández López, totalmente desfasado e que soporta o maior número de escolares entre os centros docentes da vila. Asimesmo a deputada informouse tamén do problema da descontaminación por lindano e tomou nota da petición do Concello porriñés para demandar que a Xunta de Galicia habilite unha partida orzamentaria para executar os traballos na parroquia de Torneiros, segundo o compromiso adquirido en 2018 pola administración autonómica.

O encontro serviu tamén para que a deputada informase do ocorrido o pasado mércores 4, na Comisión de Industria do Parlamento coa ocasión de debaterse a situación da empresa porriñesa “Maderas Iglesias”. Leticia Gallego explicou que os votos do Partido Popular que ten a maioría, impediron que prosperase unha proposición non de lei do PSOE que instaba ao vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde a convocar unha reunión de urxencia co comité de empresa cara a paralizar a poxa desta firma.

A alcaldesa Eva García e a deputada Leticia Gallego lamentaron que “esta mostra de falta de empatía e sensibilidade do Partido Popular vaia impedir unha solución para 150 traballadores, na súa meirande parte mulleres abocandolles a unha situación sen retorno”, segundo valoraron.

A Concellería de Deportes reitera a orde de que os eventos deportivos sexan sen público

 

A Concellería de Deportes enviou unha comunicación aos clubs porriñeses que esta fin de semana terán partidos como locais nas súas respectivas competicións, reiterándolles que segue en vigor a orde de que se celebren sen público.

A comunicación informa que segue en vigor o decreto municipal do pasado 22 de outubro que determinaba, entre outras medidas restritivas anti-Covid, que os eventos deportivos se celebren a porta pechada, xa sexan en recintos cubertos como ao aire libre.

Esta comunicación reiterouse ao C.D. Pontellas que xoga como local o domingo en San Campío. E tamén indicóuselle ao Porriño Baloncesto Base que celebra partido no Polideportivo Municipal da Liga EBA que se retoma.