Listaxe das persoas admitidas e reserva no “Campamento de Verán 2022”, organizado polo Concello do Porriño, a través da súa concellería de Igualdade
Listaxe das persoas admitidas e reserva no “Campamento de Verán 2022”, organizado polo Concello do Porriño, a través da súa concellería de Igualdade
A concellería de Emprego e Formación, que dirixe Rosario Costas, xa abriu o prazo para inscribirse nas “Xornadas de técnicas de procura de emprego” que se celebrarán os vindeiros 27 e 29 de xuño nas instalacións de Porremprego.
Nestas xornadas os participantes aprenderán como mellorar as buscas e as chaves para obter máis visibilidade como candidato a un posto de traballo.
A primeira delas terá lugar o luns 27, de 11 h a 14 h, e contará coa presenza de Rosana Vila, Directora de RRHH do Grupo COPO. A segunda será o xoves 29, no mesmo horario, e participará Carlos Casal, Director de RRHH de BENTELER.
As prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa. As persoas interesadas en participar deberán anotarse en Porremprego (Edificio Multiusos/ Torneiros).
Coincidindo co Día Mundial da ELA, que se celebra cada 21 de xuño, o porriñés José Manuel Domínguez “Tonono Bike” deu hoxe a primeira pedalada do seu reto persoal e social: 6000 km pola ELA.
Foi na praza Arquitecto Antonio Palacios, de onde partiu hoxe en bicicleta co obxectivo de recaudar polo menos 6.000 euros para axudar aos enfermos de ELA e ás súas familias, tantos como kilómetros percorrerá durante seis meses visibilizando unha enfermidade que afecta a moitas persoas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, a concelleira de Sanidade, Carolina González, Pilar Guimeráns, representante de AGAELA , familiares e amigos, acompañaron a Jose neste importante momento.
“Coa miña bicicleta e o voso apoio percorrerei o perímetro de España para conseguir fondos que se destinarán na súa totalidade a axudar ás persoas que padecen esta enfermidade”, explicou Jose, “Sei de primeira man o necesaria que esta axuda para que estas persoas teñan unha vida digna, xa que está a afectar a un familiar e amigo, e penso que somos nós, os que gozamos de saúde, os que dalgún xeito debemos colaborar con eles”.
Por iso Jose, músico de profesión, adica a metade do ano ao seu traballo e a outra metade a loitar contra a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) a golpe de pedal.
“O que vai facer Jose é digno de admiración, o seu altruismo e compromiso merece o respaldo de todos e todas, e que en cada pedaleo sinta que dende o Porriño o estamos apoiando”, afirmou Alejandro Lorenzo, “Por iso é necesario que todos e cada un de nós colaboremos na campaña de crowdfunding e difundamos o seu reto para que todo aquel que queira poida sumarse”.
A recaudación de fondos está a facerse a través da plataforma de crowdfunding Migranodearena : https://www.migranodearena.org/reto/pedalear-6000-km-x-6000-x-ela. A totalidade do recaudado destinarase a axudar aos enfermos de ELA e ás súas familias a través da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA).
A casa consistorial ilumínase pola ELA
O Concello do Porriño sumouse hoxe á campaña #LuzporlaELA impulsada por AGAELA en colaboración coa Confederación Nacional de Entidades de ELA (ConELA) con motivo do Día Mundial da ELA. Hoxe a casa consistorial ilumínase en verde xunto a decenas de edificios e monumentos de toda España para visibilizar esta enfermidade e apoiar ás persoas, concienciando á sociedade sobre as dificultades que conleva no día a día.
Sobre a ELA
A ELA é unha enfermidade nerodexenerativa incurable, progresivamente incapacitante e mortal nun prazo de 3 a 5 anos dende o seu diagnóstico, pero isto son só datos obxectivos da enfermidade. A realidade é que en España cada día diagnostícanse tres novos casos de Esclerose Lateral Amiotrófica e falecen outras tres persoas en silencio.
A isto hai que sumar o custe medio dos coidados das persoas con ELA, que alcanza cifras moi elevadas anualmente, o que supón un problema económico inasumible para a mayoría das familias. A dificultade de detectar os síntomas iniciais a nivel de atención primaria e a complexidade do diagnóstico diferencial demoran usualmente o diagnóstico. En España, o tempo medio desde o primeiro síntoma ata o diagnóstico definitivo supera o ano.
Por iso, é importante potenciar a innovación e a tecnoloxía, apoiar e fomentar a investigación que nos permitirá atopar a orixe, o diagnóstico rápido e a cura.
A Escola Municipal de Música do Porriño celebra mañá o seu Festival de Fin de Curso no que participarán todas a agrupacións.
O evento comezará ás 19 h na Praza Arquitecto Antonio Palacios e, en caso de choiva, trasladarase ao Círculo Recreativo Cultural.
Os asistentes poderán disfrutar das actuacións da Banda, do Conxunto de Cordas, do Colectivo de Guitarras, o Conxunto de Música Tradicional, as corais de nenos e adultos, así como dos grupos de Música e Movemento.
O centro de día de Aceesca acolleu hoxe a última das sesións de educación asistida con cans de terapias impulsadas pola concellería de Educación do Concello do Porriño.
Nesta actividade participaron preto de 400 escolares de infantil de todo o municipio e tamén do centro de día de Aceesca, co obxectivo de trasladar os beneficios que achegan os animais ás contornas escolares traballar de forma transversal a educación en valores e o coidado responsable de mascotas.
Gofre, Trece e Fox, os tres cans que participaron nesta experiencia de concienciación e mellora da convivencia, visitaron durante tres meses aos usuarios e usuarias de Aceesca. Unha vez á semana achegábanse ao centro a compartir cos diferentes grupos actividades deseñadas dependendo das súas necesidades específicas.
Esta semana chegan as vacacións escolares e o Concello do Porriño quere celebralo cunha festa do máis divertido da que poderán disfrutar todos os nenos e nenas do Porriño.
O vindeiro xoves, 23 de xuño, a praza Arquitecto Antonio Palacios será escenario dunha tarde de reencontros e xogos coa que despedir xuntos o curso. A partir das 17 h un DJ animará a festa na que haberá un gran tobogán de auga e festa da escuma.
O Concello do Porriño reforzará o seu cadro de persoal con 11 novos traballadores e traballadoras que desenvolverán as súas tarefas en diferentes áreas municipais.
Estas contratacións formalizaranse en base a dúas achegas de iniciativa social da Xunta de Galicia.
A primeira delas ascende a 103.244 euros para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga e, ao seu abeiro incorporaranse 2 operarios de mantemento na área de Deportes, 3 peóns de obra pública, 3 peóns forestais e 2 conserxes. A duración destes contratos será de 9 meses con xornada parcial ao 75%.
A segunda, conta cun orzamento de preto de 14.000 euros para a contratación de 1 peón forestal, a xornada completa durante 9 meses, no marco da liña de subvencións para o fomento do emprego no rural (APROL Rural).
“Ademais de supoñer unha nova oportunidade laboral para estas persoas que están en situación de desemprego, estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “As institucións deben ser un instrumento útil para mellorar a vida da veciñanza e iso pasa por ambas cousas”.
O rexedor incidiu en que o goberno municipal continuará desenvolvendo políticas que “prioricen a prestación destes servizos básicos con persoal propio”.
As persoas interesadas en optar a estes postos de emprego deberán estar anotadas no Servizo Público de Emprego, que será quen faga a selección, nos seguintes códigos:
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Vías e Obras e Urbanismo, Ramón Porto e Antía Carrera, presentaron hoxe ante os medios os resultados do estudo que recolle o estado actual da rede de saneamento en todo o termo municipal. Un Plan Director en base ao cal se elaborará a planificación técnica, financieira e temporal para a acometida integral da rede pública.
A planificación encargada polo Goberno Municipal determina con exactitude os tramos e actuacións pendentes de executar en cada unha das parroquias, así como a súa extensión, o número de vivendas sen conexión e orzamento necesario para executala.
“Na actualidade faltan por acometer 91.111 m de rede pública para dar servizo ás 1.611 vivendas que non contan con conexión e teñen que recurrir a sistemas individuais”, explicou o alcalde. Unhas cifras que para Lorenzo supoñen “que estamos fallando aos veciños e veciñas como administración, especialmente aos do rural, ao non prestarlles un servizo público que estamos obrigados a prestar”.
“Falamos dunha inversión de 14.064.036 euros , algo inasumible para calquera concello, que impón un compromiso firme pola nosa parte”, continuou o rexedor, “Non estou aquí para facer política nin enganar á veciñanza prometendo cousas que non podo cumprir. Estou aquí para resolver e dar solucións, esa é a miña obriga e ese é o meu compromiso”.
“Planificación fronte á improvisación para conquerir con maior eficiencia a financiación que nos permita que o saneamento chegue a todas as vivendas do Porriño no menor tempo posible”, concluíu o alcalde, e para iso, anunciou que levará ao pleno da corporación a dotación dunha partida de 500.000 euros para a elaboración dos proxectos de obra e solicitará ao Consorcio de augas do Louro que se inicie unha operación de crédito que permita costear parte do montante total da execución, así como a financiación por parte das restantes administracións.
Cabe destacar que a eiva na prestación deste servizo básico no Porriño evidenciase máis en contraposición cos restantes concellos que forman parte do Consorcio de Augas do Louro, aínda tendo unha extensión similar: en Salceda completar o saneamento requeriría unha inversión de 7.347.246 euros, Tui 2.059.636 euros e Mos 1.478,914 euros.
O rexedor adiantou tamén que o executivo que preside levará a pleno unha operación de crédito negociada co resto dos grupos da corporación de máis de 5 M de euros para financiar con fondos propios obras de execución de saneamento, soterramento da liña férrea e construción de vivenda de protección oficial e dotacións.
Rebaixa na taxa de baleirado de fosas sépticas
Durante a súa comparecencia o Alcalde explicou a reclamación trasladada ao Consorcio de Augas do Louro, entidade que preside, para a modificación da ordenanza que permita rebaixar a taxa que a veciñanza que non dispón de conexión á rede está obrigada a pagar polo baleirado da fosa séptica. “Non é de recibo que, ademais de non beneficiarse dun servizo básico e esencial ao que teñen dereito como o resto de cidadáns, teñan que pagar unhas taxas desmesuradas”, concluíu Lorenzo.
A concellería de Deportes procedeu hoxe ao peche temporal da piscina municipal para subsanar unha contaminación das augas detectada nun dos controis rutinarios e obrigatorios realizados na mañá de hoxe.
Os mesmos arroxaron baixos niveis da bacteria E.coli polo que, por precaución tal e como marca a normativa sanitaria, as instalacións permanecerán pechadas para seguridade dos bañistas e para realizar ao tratamento da auga.
Como xa dixemos, os niveis detectados son moi baixos, polo que se levará a cabo un tratamento de choque leve e agardase que a piscina poida abrir en 48 horas. Unha realizado, farase unha nova analítica para asegurar que os niveis volven á normalidade antes de reabrir as instalacións.
O Centro Cultural Municipal acolle a exposición dos traballos que os alumnos e alumnas do IES Ribeira do Louro desenvolveron durante este curso nas asignaturas de debuxo técnico e debuxo artístico.
A mostra foi inaugurada onte nun acto que contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a profesora de Debuxo Técnico e Debuxo Artístico do IES Ribeira do Louro, María José Iglesias, e dos autores das obras.
Baixo a premisa de imaxinar un Porriño diferente, os mozos e mozas de primeiro a cuarto da ESO deseñaron proxectos arquitectónicos cos que transformar a contorna na que viven.
“O obxectivo era que aprendesen a proxectar doutra maneira e a ver O Porriño dunha forma diferente, máis moderna, actual, con máis luz…”, explicou a súa profesora, “Hoxe vemos aquí o resultado. Traballar duro pero traballar ben sempre é satisfactorio”.
O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, felicitou aos mozos e mozas “por ter unhas ideas brillantes e a capacidade de plasmalas para deixar a súa pegada”. Unhas ideas que van dende aparcadoiros, parques, museos ou miradores que adaptarían O Porriño á visión da xuventude.
“É moi importante que as novas xeracións nos marquen o camiño a seguir coa súa creatividade e ilusións, coa súa maneira de ver o seu pobo e deseñar o seu futuro”, afirmou o alcalde, “Coa súa ilusión ilusiónannos a todos”.
A mostra pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal (3º andar) ata o día 30 de xuño.