O Concello do Porriño súmase un ano máis á iniciativa solidaria #GivingTuesday, cunha recollida específica de alimentos, leite e produtos de hixiene para bebés

Mañá 1 de decembro é o “Giving Tuesday” ou “Martes de dar”, un movemento internacional que quere incentivar e multiplicar as boas accións das persoas.

Este ano 2020, por iniciativa dos nenos e nenas do Porriño e segundo acordouse no último pleno infantil celebrado, realizarase unha recollida específica de alimentos, leite e produtos de hixiene para bebés para a súa posterior distribución entre as familias do concello con menores recursos. Recomendase doar cremas, toalliñas, purés, leites e alimentos infantís de todo tipo.

A actividade central de recollida terá lugar o martes 1 de decembro, e realizarase fundamentalmente en colaboración cos centros escolares, nos que se instalarán os puntos de recollida.
A alcaldesa Eva Garcia e a concelleira de Educación, Lourdes Moure acudirán ás 12,30 horas ao CEIP “Fernández López” a comprobar como vai a campaña de recollida.

O “Giving Tuesday” ou “Martes de dar” naceu como alternativa ao Black Friday e Cyber Monday, que promoven o consumismo.

O Concello autoriza unha celebración parcial do mercado ambulante a partir do 8 de decembro

 

A melloría no Porriño segue a confirmarse como acreditan os 62 casos activos de infectados, segundo comunicou hoxe o SERGAS. Supoñen unha notable rebaixa dos que tiñamos hai unha e dúas semanas atrás, segundo valorou hoxe a Comisión Municipal de Seguimento da Covid que celebrou reunión telemática, presidida pola alcaldesa Eva García.

Á vista da contrastada melloría que reflicten os datos, o goberno municipal tomou a decisión de autorizar a celebración do mercado dos martes, a partir do vindeiro 8 de decembro aínda que con certas restricións. A decisión trasladouse hoxe aos representantes dos demais grupos políticos da Corporación na reunión de comisión de seguimento na que participaron os membros do goberno local e os responsables da Policía Local e Protección Civil.

O concelleiro delegado de Mercados, Sergio Casal explicou que acordou hoxe cos representantes dos vendedores ambulantes que tan só autorizarán instalar en cada quenda a un 50% dos ambulantes, é dicir, uns 70 postos. O postos con número impar asignado, montarán o día 8 e os postos con número par, o farán o día 15. Esa cadencia manterase á expensas da evolución dos datos da pandemia.

O mercado ambulante dos martes, non se celebra no Porriño dende o 27 de outubro por decisión municipal cando se adoptaron a primeira batería de medidas de prevención contra a Covid.

Visita e reunión de traballo con parlamentarios, centrada na supresión do paso a nivel

“Podemos felicitarnos todos de que o proxecto de soterramento do tren polo Porriño, coa eliminación dese paso a nivel anacrónico, vai ser moi cedo unha realidade”, afirmou hoxe o deputado Guillermo Meijón nunha reunión de traballo coa alcaldesa e concelleiros do goberno municipal.
 
Meijón Couselo xunto con Angeles Marra, deputada e Marica Adrio, senadora todos eles parlamentarios socialistas pola provincia de Pontevedra, mantiveron unha reunión de traballo con Eva García e os concelleiros Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso a propósito do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021.
 
Previamente acudiron ao paso a nivel onde comentaron as últimas novidades sobre a tramitación do proxecto. A redacción do mesmo adxudicouse por 854.603 € e deberá plantexar estudo de alternativas, proxecto básico e proxecto constructivo. Entre as alternativas figura a posibilidade de soterrar tamén a actual estación ferroviaria. O contrato formalizouse hai uns días polo ADIF coa ute formada polas empresas de enxeniería “GOC” e “Prointec”.
 
En palabras do deputado Guillermo Meijón “nunca miraramos aun goberno tan convencido e comprometido para que este compromiso poida concretarse e de feito xa é un gran avance que se adxuicase o proxecto e que teña un prazo de entrega de 16 meses pot que a partir de ahí damos por seguro que O Porriño por fin poderá liberarse dese paso a nivel”, manifestou o parlamentario pontevedrés.
 
Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu que “esta visita trouxera tan boas novas sobre a intención e o compromiso do Goberno de España para acadar a eliminación do paso a nivel no centro do Porriño”. “Sei que nun futuro non moi lonxano veremos cómo será realidade”, engadiu Eva García.
 
Antes de despedirse os parlamentarios recibiron como agasallo unha bola de Pan do Porriño.
 

Doazón do “Grupo Coren” ao Banco de Alimentos “SOS Porriño”

 

O “Grupo Coren” vai realizar unha doazón ao Banco de Alimentos “SOS Porriño” para este Nadal con varios lotes de produtos, despois das xestións realizadas polo concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso. De entrada recibíronse onte un cargamento de 200 capóns conxelados, cun peso medio de 5 quilos cada un, que se distribuirán co reparto de lotes de alimentos que se fará en decembro.
Agárdanse, ademais, que en vindeiras datas cheguen outros lotes de produtos da empresa cárnica.

Rebaixa no ritmo de contaxios no Porriño segundo os datos trasladados polo conselleiro de Sanidade

 

Na última semana producíronse no Porriño 33 novos contaxios  pola Covid, fronte aos 46 ocorridos na semana anterior “o que indica o ritmo de infectados descende e polo tanto supón unha boa nova para este concello”, valorou Eva Garcia de la Torre.

A rexedora participou este mediodía na xuntanza telemática que mantivo o conselleiro de Sanidade cos alcaldes e alcaldesas dos concellos da área de Vigo en confinamento dende o pasado 7 de novembro.

A alcaldesa atribúe ese descenso “á mellora do comportamento da veciñanza no cumprimento dos protocolos anti-Covid”.

A pesar dese descenso de novos casos, a cifra actual de infectados segue en 80, segundo comunicou o conselleiro Julio Garcia Comesaña que indicou á alcaldesa que tamén no Porriño se farán cribados entre sectores da poboación como se están a realizar noutros concellos da área.

Doazón de “Fundación La Caixa” ao Banco de Alimentos do Porriño


O almacén do Banco de Alimentos “SOS Porriño” recibirá esta tarde unha achega de 4.500 quilos de produtos non perecedoiros, grazas á doazón de 5.000 euros realizada pola “Fundación La Caixa”.
Esta achega constitúe unha axuda moi importante para o Banco de Alimentos de cara ao reparto de decembro. Actualmente “SOS Porriño” está a distribuír lotes de alimentos entre 430 familias do municipio o que supón que unhas 1.300 persoas que son beneficiarias directas.


Este mediodía os representantes da entidade financeira, Gonzalo Dopazo, director, e María Eugenia Rial, subdirectora da oficina “store” de “La Caixa” no Porriño fixeron a entrega simbólica ao Concello, representado pola alcaldesa Eva García e o concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso, nas instalacións do “EKO-MAX” da cadea de distribución “Froiz” no polígono industrial de A Granxa.
A alcaldesa manifestou o agradecemento do Concello á “Fundación La Caixa” por que “sempre está a amosar unha disposición permanente a colaborar en este tipo de accións sociais”. Gonzalo Dopazo, no nome da Fundación, manifestou que “La Caixa neste intre tan difícil para todos, prioriza a colaboración en achegas para colectivos en risco de exclusión”.

#25N: A proxección do filme “Trote” rematará este venres a programación da Concellería de Igualdade

A proxección da película galega “Trote”, dirixida por Xacio Baño, que terá lugar este venres 27, no Centro Cultural Municipal, rematará a programación da Concellería de Igualdade coa ocasión do #25N Día Internacional contra a violencia de xénero.

“Trote” relata o rol da muller como coidadora que non atopa o xeito de saír dun ambiente opresivo

Haberá dous pases (18,30 e 20,30). Cada un deles cun aforo restrinxido de 30 persoas que deberán inscribirse previamente por correo electrónico no enderezo cultura@oporrino.org
Aínda está aberta a inscrición.
Más información nesta ligazón


http://ecultura.net/proxeccion-do-filme-trote-de-xacio-bano/

A corporación municipal acorda esixir á Xunta que deixe de desprezar ao Porriño nos Orzamentos Xerais de Galicia

A corporación municipal acordou cos votos do PSOE, EU SON e UDDL e as abstencións do BNG, esixir á Xunta de Galicia que “deixe de desprezar ao concello do Porriño e aos seus 20.000 habitantes nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma”.

O grupo municipal socialista presentou “in vocce” unha moción na sesión telemática que se celebrou hoxe, despois de ter coñecemento que no proxecto dos Orzamentos de Galicia 2021 “non aparece consignado nin un só euro para O Porriño”. “Trátase dunha circunstancia que se repite dende hai seis anos”, argumentaba a moción que presentou ao pleno corporativo o concelleiro socialista Sergio Casal.

Sobre este asunto, a alcaldesa Eva García de la Torre valorou como “indignante e impresentable” que os Orzamentos de Galicia para 2021 “cometan este desprezo cun dos concellos máis dinámicos da comunidade autónoma”.

A rexedora que lembrou as demandas máis importantes que ano tras ano O Porriño require á administración autonómica detívose no proxecto de ampliación do Centro de Saúde que non aparece consignado no proxecto orzamentario da Xunta. Eva García considera que “nos tomaron o pelo co anterior conselleiro de Sanidade facendo un convenio para construír esa infraestrutura sanitaria tan necesaria e seguimos igual”.

Por último, a alcaldesa emprazou a Alejandro Lorenzo, voceiro municipal e deputado provincial do Partido Popular, que “esixa á Xunta de Galicia que se comporte, que deixe de mirar a cor política de cada territorio para decidir o que inviste en cartos públicos que tamén pagamos os cidadás do Porriño”.

O Concello adxudicou o segundo lote de axudas pola Covid a autónomos e micro empresas do Porriño

 

Un segundo lote de axudas económicas directas por un importe de 24.990 euros adxudicáronse hoxe polo Concello a autónomos, pequenas e medianas empresas e micro empresas do Porriño que solicitaron acollerse á convocatoria realizada pola administración municipal.

Nesta segunda quenda de achegas destínanse a 21 solicitantes entre os que existen bares, cafeterías, restaurantes, perruquerías e comercio téxtil, entre outros.   A maioría recibirán recibirán o máximo estipulado nas bases da convocatoria, é dicir 1.200 € por peticionario, segundo resolveu esta mañá a comisión técnica municipal de avaliación formada por funcionarios do Concello e presidida por David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais. 

O concelleiro informou ao remate da reunión que “hoxe mesmo realizáronse as transferencias bancarias aos adxudicatarios da primeira quenda de axudas que cobrarán esta semana”. Alonso lembrou que foron 42 peticións atendidas por un importe aproximado de 50.000 €.

A meirande parte deses cartos solicítanse para gastos xerais sobre todo alugueres e amortización de préstamos bancarios. Os demais repártense entre costear gastos de mellora tecnolóxica e medidas anti-covid.

O Concello do Porriño por acordo plenario da corporación habilitou esta liña de axudas cunha partida de 100.000 euros.