20 persoas desempregadas do Porriño fórmanse mentres traballan no obradoiro dual de emprego `Porremprego Cualifica´, promovido polo Concello do Porriño e subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 503.987 euros, que se está a desenvolver nas instalacións do multiusos de Torneiros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou esta semana aos alumnos do obradoiro para coñecer de primeira man como se está a desenvolver a formación e os proxectos nos que traballan nas dúas especialidades que se imparten: a de Cociña e a de Atención Sociosanitaria en domicilio e institucións.

“Un municipio como o noso, cunha hostalería funcionando a pleno rendemento, necesita profesionais cualificados, e o mesmo no eido da atención a persoas dependentes, é algo que require de formación adecuada para poder prestar o mellor coidado”, apuntou o alcalde que asegurou aos alumnos e alumnas que “o día de mañá seredes profesionais en dous sectores de moita importancia e estou seguro de que o que hoxe estades a aprender servirá para axudar a moitísima xente”.

Un Porriño máis humano: comedor social

A especialidade de Cociña de `Porremprego Cualifica´ plantexa axudar a aquelas persoas e familias do Porriño que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. A tal fin, poñerase en marcha un comedor social nas instalacións do multiusos con capacidade para 20 comensais que abrirá as súas portas dous días á semana e será xestionado a través dos servizos sociais do Concello. “Sabemos que neste momento hai moitas persoas atravesando momentos de dificultade e coa  implicación do persoal do obradoiro e dos traballadores e traballadoras do mesmo queremos axudalos”, concluíu o alcalde, “Temos que estar á altura das circunstancias e facer do Porriño unha vila máis humana e solidaria se cabe”.

O comedor social prevé iniciar a súa actividade  a mediados do mes de xaneiro, os martes e xoves.

Comida solidaria de Nadal

Dende o Concello do Porriño propóñense que ninguén quede sen celebrar este Nadal. Así, nestas datas tan entrañables, os alumnos/as traballadores/as da especialidade de cociña prepararán un xantar de Nadal para levar para a casa este 22 de decembro. Serán 6O as persoas beneficiarias, xestionadas a través dos servizos sociais. O menú constará de dous pratos e postre.