Dende o momento mesmo no que se tivo coñecemento da presenza de lindano nas obras de saneamento de Pereira-Contrasto, o Goberno local deu conta, “de inmediato, polo miúdo e a todas veciñas e veciños, un por un, en persoa e telefonicamente” de todas as incidencias e resultados das analíticas realizadas no lugar.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, lembra que foi o Concello quen informou-primeiro aos cidadáns e logo a todos os medios de comunicación- da presenza de lindano. Foi o Goberno local quen solicitou a primeira reunión con responsábeis e técnicos da Xunta de Galicia-que ten as competencias en Medio Ambiente-, xuntanza que se levou a cabo o 27 de outubro pasado en Compostela, con técnicos de Sanidade e de Medio Ambiente, e na que estivo presente a alcaldesa.
García de la Torre, subliña que foi ela a que convocou a todas e todos os veciños do barrio do Contrasto a unha primeira xuntanza conxunta o pasado día 8 de novembro e, 9 días despois, a unha segunda reunión, no Salón de Plenos do Concello, con técnicos da Xunta de Galicia.
A esas alturas, e logo de falar, “un por un, con cada afectado, en diferentes ocasións”, o Concello xa fixera chegar auga en garrafas a cada unha das casas do Contrasto que so tiñan subministro de auga de pozo, “entrega de auga, necesaria para poder beber e cociñar, que continúa na actualidade”.
O día 25 de novembro, o Concello colocou nas vivendas afectadas depósitos de 1.000 litros de auga-nalgún caso ata dous-con motores que garanten a súa chegada ás casas, “que se limpan e revisan cada tres días e que se enchen cando o demandan as veciñas e veciños”.
Dende o 4 de decembro pasado, o Goberno local ten xa o proxecto para levar a rede municipal de saneamento a todas e cada unha das casas afectadas polo lindano, unha obra orzamentada en máis de 350.000€, que asumirá na súa totalidade o Concello do Porriño, sen axuda algunha da Administración Autonómica, e que está pendente dun permiso da Xunta de Galicia para poder iniciarse.
Hai un mes, como aprobara o Pleno do Concello, a Xunta de Voceiros aprobou a constitución da ‘Comisión de Seguimento do Lindano’, con presenza de todos os grupos políticos municipais, representantes da nova Plataforma de Afectados polo Lindano e a que se invitou a participar a responsábeis da Xunta de Galicia.
Así mesmo, o Goberno municipal contratou os servizos dunha empresa especializada en tratamento da terra na que apareceron restos de lindano, “seguindo as indicacións, criterios e normas do Servizo de Xestión de Residuos e da Administración Autonómica”. Procedeuse, ao mesmo tempo, a un dobre asfaltado da zona na que se realizaban as obras de saneamento na zona de Pereira-Contrasto e, “en cando o permitan as condicións meteorolóxicas, se retirará todo o xabre do lugar e se realizará unha nova limpeza intensiva por si quedasen aínda residuos”.
O pasado día 21 de decembro, Eva García de la Torre mantivo unha reunión en Vigo con 11 técnicos e responsábeis das consellerías de Medio Ambiente e Sanidade do Goberno de Galicia na que, ademais de dar conta das accións emprendidas polo Concello do Porriño, única administración que vén de destinar orzamentos e tomar medidas concretas e avaliábeis para protexer ás veciñas e veciños -como puido comprobar a propia alcaldesa nunha visita á zona de Pereira-Contrasto- recibiu información das accións que tiña previsto impulsar a Xunta, “que ten a competencia absoluta nesta materia”, e que ata o día de hoxe non se plasmaron en actos concretos.
Nestas semanas o Goberno local informou de cada incidencia e dos resultados das análise a cada veciña ou veciño que puideron ver, na mesma Alcaldía, as comunicacións remitidas pola Xunta. Ademais, a alcaldesa recibiu a todas aquelas persoas que o solicitaron e mantivo xuntanzas con quen o pediu, “xuntanzas algunhas delas ás que foi convocado o voceiro municipal de EU-SON, que non asistiu”.
O voceiro de EU-SON tamén recibiu “toda a información da que se dispón no Concello”, incluíndo todas as analíticas e comunicados remitidos pola Xunta de Galicia, e tivo a oportunidade de consultar canta documentación requiriu, “a última vez este mesmo xoves, día 11 de xaneiro, sen ir máis lonxe”.
Nos vindeiros días, logo de rematar o traballo para recompilar a mesma, o Concello enviará á Valedora do Pobo todo canto informe, factura, documento, analítica, proxecto e acción puxo en marcha a administración municipal nos últimos meses.
“Toda esta documentación estivo sempre, sen límite algún”, a dispor tanto dos cidadáns coma dos representantes dos grupos municipais, como ven sabe o voceiro de EU-SON.
Chama a atención que este representante, integrante dun grupo que nunca, en ningunha circunstancia, se ocupara da contaminación por lindano, ou presentara iniciativa algunha neste senso -maila que di coñecer a xestión doutras administracións e doutros partidos políticos, dende os anos 80 e 90 en todo O Porriño-, acuse agora ao actual Goberno local de “tentar tapar e silenciar” esta situación, como él mesmo declarou, sabendo que non era certo, a un medio de comunicación.
O representante de EU-SON coñece, “exactamente e paso a paso” o traballo que sen ten feito dende o Goberno local dende o primeiro intre, viu todos os documentos, estivo informado, “puntual e persoalmente”, de cada acción, proposta e iniciativa e consultou, cando pareceulle ben, os resultados das analíticas enviadas por Sanidade e Medio Ambiente ao Concello do Porriño.