Os concelleiros de Medio Ambiente, Marcelino Coto, e de Seguridade, Lourdes Moure, xunto co xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, informaron este luns ás 75 familias da Zona do Contrasto, en Torneiros, que poden estar afectados polo achado de lindano nunha obra de saneamento que se estaba a realizar nesta zona, sobre os resultados das análise feitas en terra polos técnicos da Xunta de Galicia, que ten a competencia no tratamento desta situación.

Como subliñou Marcelino Coto, as analíticas, comunicadas ao Concello pola xefa territorial de Sanidade, indican “valores moi altos de contaminación” na terra do lugar da obra que superan “en máis de 100 veces o valor de referencia”.

Coto aclarou que estas análise non teñen que ver coas das mostras de auga, que aínda están a realizarse e que se coñecerán nuns días, e asegurou que aquelas casas que teñan abastecemento de auga da traída, “non teñen risco algún”, posto que non hai filtracións de lindano neste subministro.

Sí que pediu aos veciños das 13 vivendas da zona que so teñen auga de pozo, que non usen a mesma “nin para beber nin para cociñar” e, así mesmo, que tampouco  se consuman os alimentos que puidesen ter cultivado nos terreos desta zona.

O concelleiro de Medio ambiente, quen recoñeceu que a situación é “preocupante”, pediu que non se cre alarma social e asegurou que nin os obreiros que estaban a facer os traballos de saneamento, “e que estiveron en contacto directo co lindano”, nin os persoal municipal que se achegou ao lugar “tivo reacción algunha”.

Os concelleiros, que están en “contacto diario” cos responsábeis das consellerías de Sanidade e de Medio Ambiente, aseguraron que os veciños estarán informados “en todo momento” e que se lles dará traslado, “de inmediato”, de calquera novidade que haxa.