A alcaldesa, Eva García de la Torre, manterá este xoves, día 21, ao mediodía, na delegación da Xunta en Vigo, unha xuntanza con ata once técnicos e representantes políticos do Goberno de Galicia para tratar sobre as actuacións que se puxeron en marcha dende que se detectara a presenza de lindano no barrio do Contrasto, na parroquia de Torneiros.

García de la Torre, quen exporá polo miúdo as medidas que ten impulsado o Concello do Porriño, esixirá, aos representantes da Administración galega que “asuman a súa responsabilidade”, lembrándolles que “é a Xunta de Galicia a que ten que facer as análises, e  quen ten que proporcionar ao Concello os medios económicos e materiais para afrontar esta situación”.

Onte, a alcaldesa estivo reunida cos voceiros dos grupos municipais e con afectados, logo da creación da Comisión Municipal de Seguimento do Lindano, no que a propia rexedora cualificou de un encontro “tenso”, no que os veciños presentaron as súas queixas pola descordinación na información das analíticas facilitadas pola Xunta, unha información que entenden que é contraditoria.

García de la Torre volve a instar aos conselleiros de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a que “reciban á alcaldesa do Porriño e presenten, de xeito prioritario e urxente, as súas proposicións e iniciativas para afrontar este grave problema”.

“Xa esta ben de que abandonen as súas obrigas e tenten desentenderse delas rebotándoas ao Concello que é a administración que menos posibilidades técnicas e económicas ten para afrontar unha circunstancia desta gravidade ”,engade a alcaldesa.