O Consorcio de Augas do Louro aproba un crédito extraordinario de preto de 2 M de euros para obras de saneamento e abastecemento

O Consorcio de Augas do Louro, que preside Alejandro Lorenzo, vén de aprobar unha modificación orzamentaria para acometer inversións de carácter urxente por un importe total de 1.890.000 euros. O Comité Directivo aprobou este crédito extraordinario, financiado co remanente líquido de tesourería para gastos xerais, co fin de  levar a cabo obras e proxectos de saneamento e abastecemento nos catro concellos que integran a entidade.

Tal e como explicou Lorenzo, “o criterio de reparto das contías a investir en cada municipio resolverase en función da participación de cada un deles nos ingresos do Consorcio, tal e como establecen os seus estatutos”.

Así,  no Concello de Mos investiranse 221.275,59 euros con destino a eliminación de verteduras en zonas onde non existe rede de saneamento , tales como a contorna da urbanización San Antoíño ou en varios núcleos das parroquias de Cela e Sanguiñeda.

O Porriño recibirá 1.025.054,46 euros cos que se acometerán proxectos e obras de saneamento nas sete parroquias que conforman o municipio.

Pola súa banda, Salceda disporá de 172.103,24 euros para investir en actuacións de saneamento en Ataúde e Loureiro (Picoña), Ponte do Ameal-Presa (Parderrubias), Outeiro (San Xurxo) e Santa María (Santa María).

Os 472.811,10 euros restantes corresponderán ao Concello de Tui, cos que se realizarán investimentos en diversos ramais da rede de saneamento nos lugares de Laranxeiras, Sardadiñas, Costal, Mallón, Campo de fútbol de Ribadelouro, Mourentán, Souto (Pexegueiro), Magdalena, O Castro e Souto de Arriba, así como obras de renovación das instalacións de abastecemento na rúa San Telmo.

A licitación as obras de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso, que suporán un investimento de case 1M€ e comezarán a executarse na primavera

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, avanzou hoxe a licitación das obras de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso, que suporán un investimento da Xunta de case 1 M€ e comezarán a executarse na primavera. Executaranse

Vázquez Mourelle achegouse esta mañá ata O Porriño para presentar na zona da avenida Buenos Aires a reforma integral que vai realizar a Xunta na vía autonómica PO-329 ao seu paso polo centro urbano. O obxectivo dos traballos, tal e como salientou, é “transformar unha estrada nunha rúa na que os coches ceden protagonismo en favor dos peóns”.

A conselleira explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio da contratación dos traballos para actuar nun treito de case 700 metros desta vía autonómica, na que se reforzará a seguridade a pé dos veciños, ademais de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 23 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A previsión da Xunta é poder adxudicar as obras a finais de marzo para poder inicialas xa na primavera, co que se prevé ter rematadas as actuacións para o desfrute dos veciños a finais do 2023, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses. A titular de Infraestruturas precisou que esta nova actuación na PO-329 dálle continuidade á intervención xa executada no treito inicial da vía autonómica. Trátase, en definitiva, dunha actuación “transformadora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética da PO-329 no Porriño”, concluíu Ethel Vázquez.

O alcalde, pola súa banda, agradeceu a Xunta “esta intervención de gran importancia para O Porriño xa que se trata dun dos principais accesos ao centro urbano” e ademais “contribuirá a dinamizar unha zona que pese a ser céntrica non era moi concurrida nin habitable polo estado no que se atopaba”. Trátase dunhas obras “moi demandadas dende hai tempo que transformarán por completo a contorna”

Actuacións

En liñas xerais, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación; na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación; na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada.

Completarase a intervención coa dotación de mobiliario urbano: disporanse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademais de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

Os traballos dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles.

No primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías do tren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita.

No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta unha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso.

No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade.

E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contenedores e aparcadoiros.

Adxudicadas as obras de saneamento na Devesa que conectarán á rede 14 vivendas

O Concello do Porriño, a través da concellería de Vías e Obras que dirixe Ramón Porto, vén de adxudicar as obras de saneamento no núcleo da Devesa, na parroquia de Budiño. 

O proxecto contempla a conexión da zona coa rede xeral de abastecemento e sanemaneto para o cal se instalará un colector principal de 600 m e colectores de sección de tramos de 72, 75 e 50 m. Inclúe tamén os traballos de pavimentado e renovación do firme na zona de actuación. 

“En total conectaranse á rede 14 vivendas que ata o de agora non dispoñían deste servizo público”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Seguiremos traballando sobre a nosa planificación para avanzar coa maior eficiencia e no menor tempo posible cara a acometida integral da rede pública de saneamento”. 

A obra conta cun orzamento de 96.077,99 euros. Os traballos darán comezo a mediados do mes de xaneiro e teñen un prazo máximo de execución de 3 meses. 

O Concello do Porriño licita as obras de saneamento do Picouzo

A concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, vén de sacar a licitación o proxecto de saneamento para o núcleo de Picouzo, na parroquia de Budiño.

“O proxecto contempla a conexión da zona coa rede xeral de abastecemento e saneamento para o cal se instalarán catro grandes colectores de 542, 404, 370 e 1.010 metros máis colectores de sección de tramos que suman preto de 2 quilómetros máis de tuberías”, explicou o concelleiro Ramón Porto. 

“Esta é unha actuación importante, xa que permitirá  conectar á rede 29 vivendas e o colexio de Budiño, o que supón que beneficiará máis dun centenar de veciños e veciñas”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “Pero non é a única. No Porriño gran parte da veciñanza non dispón aínda de conexión á rede de saneamento pese a ter dereito a este servizo. Por iso elaboramos unha planificación global para poder avanzar dun xeito máis eficaz cara a execución total da rede. Reafirmo o meu compromiso, é unha cuestión prioritaria”.

A obra conta cun orxamento base de 347.953,20 euros.  O prazo para a presentación de ofertas está aberto e o prazo o 21 de novembro e conta cun prazo de execución de tres meses desde a súa adxudicación.

A licitación o vial e parque de Vilafría, en Atios

O Concello do Porriño saca a licitación dun vial municipal en Vilafría, que dende hai anos se atopan en mal e estado e precisan dunha rehabilitación integral do pavimento.

O proxecto, que conta cun orzamento base de 165.019 euros con cargo ao Plan Concellos 22, inclúe a mellora do torreiro de festas e pista deportiva do parque que se atopa na zona, algo moi demandado tanto pola veciñanza como pola comisión de festas.

Os traballos inclúen a mellora e reposición do firme de todo o vial, ademais da creación dunha senda peonil e dun paso de peóns elevado á altura do parque. Dentro do recinto do parque, reasfaltarase unha superficie de preto de 900 m2, que inclúe a cancha de baloncesto e o campo de fútbol onde ademais se instalarán novas porterías e canastas.

“Trátase dunha actuación moi demandada dende hai tempo pola veciñanza xa que o estado no que se atopa este camiño municipal supón un verdadeiro risco para a seguridade de vehículos e peóns”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Non só a estrada, tamén a zona do torreiro e do parque que na actualidade non está en condicións de ser usada nin como zona de lecer nin para a práctica deportiva”.

 

 

 

A Xunta executará ou activará 15,7 M€ en investimentos no que resta deste ano no Porriño

Os delegados territoriais da Xunta en Vigo e Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e Luis López, anunciaron este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 15,7 millóns de euros no que resta do presente ano no Concello do Porriño, segundo se analizou na primeira sesión conxunta da Comisión Provincial de ambas delegacións territoriais, celebrada na casa consistorial deste municipio da Louriña.

“O Porriño é un dos concellos máis importantes de Galicia, cun gran valor estratéxico, moito peso empresarial e unha dinámica ascendente, xa que foi o último en incorporarse ao destacado grupo dos 23 concellos galegos de máis de 20.000 habitantes. Ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna, polo que dende a Xunta apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías con moita intensidade e que amosan o absoluto compromiso do Goberno galego para colaborar co seu desenvolvemento”, manifestou Marta Fernández-Tapias.

Os delegados territoriais, acompañados polas dúas secretarias territoriais e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foron recibidos no Concello polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e por outros representantes municipais e agradeceron a acollida e a cesión deste espazo para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia. Cómpre sinalar que, no marco da política de descentralización e cercanía da Xunta por todo o territorio, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente en municipios como Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures ou Rodeiro e chegan por vez primeira á bisbarra da Louriña.

Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, abordando a situación sanitaria da pandemia da covid-19 e a inoculación da cuarta dose da vacina, o axeitado inicio de curso en todas as etapas educativas, a parte final do Xacobeo, -ao que lle restan 82 días-, a fase final da época de alto risco de lumes forestais ou as distintas liñas de axudas para incentivar o consumo e axudar ás familias durante o outono, como o Bono Turístico 2022, o Bono Activa Comercio ou o Bono Cultura, entre moitas outras cuestións.

Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 15,7 millóns de euros para o Concello do Porriño, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.

As actuacións máis destacadas para o que resta de ano enmárcanse, principalmente, en cuestións sanitarias, educativas, empresariais e de infraestruturas, xa que figuran a ampliación, xa en marcha, do centro de saúde ata os 3.000 m2 (4,5 millóns de euros); o vindeiro Centro de Fabricación Avanzada de Automoción (4,3 millóns de euros); a rehabilitación integral do IES Pino Manso e outras melloras nos CEIP Xosé Fernández e da Ribeira, así como a implantación do Ciclo Medio de Pedra Natural no IES Ribeira do Louro, que suman 2,1 millóns de euros; ou as tres sendas para mellorar a seguridade viaria nas estradas autonómicas PO-407, PO-510 e PO-329. Deste xeito, xa están redactados os proxectos, para a súa próxima contratación, dos itinerarios peonís entre Budiño e o límite con Salceda (1 millón de euros), da vía cara ao municipio de Mos (200.000 euros) e da zona urbana da PO-329 (1,2 millóns de euros).

Tamén figuran o recentemente iniciado obradoiro de emprego, dotado con 504.000 euros, os 1,55 millóns de euros en investimentos sociais para o Servizo de Axuda no Fogar, as prazas de atención ao Alzhéimer, o Risga ou o Plan Concertado, aos que haberá que engadir o importe pola gratuidade de 396 prazas nas seis escolas infantís do municipio, as 40 prazas de atención a maiores ou a mellora de equipamentos na ducia de centros sociais do Porriño. Finalmente, a Xunta destinará máis de 310.000 á mellora de camiños rurais a través do Plan Marco é á renovación de equipamentos e infraestruturas urbanas co Fondo de Cooperación Local, o Fondo de Compensación Ambiental ou a orde de infraestruturas de uso público.

Licitadas as obras para dotar de beirarrúas e aparcamento a Fase I de Torneiros

O Concello do Porriño vén de pechar o prazo de presentación de ofertas da licitación do contrato para a dotación de beirarrúas no vial da Fase I de Torneiros, cun orzamento de licitación de máis de 81.000 euros, a fin de solventar os problemas de falta de aparcamento e seguridade vial na zona.
 
A adxudicación do concurso público resolverase nos próximos días e as obras, que contan cun prazo de execución de dous meses, comezarán o antes posible para resolver de maneira urxente un problema que a veciñanza da zona arrastra dende hai tempo.
 
“Falamos dunha actuación moi demandada pola veciñanza que permitirá reordenar o tráfico na zona, garantir a seguridade peonil e habilitar algunhas prazas de aparcamento para a veciñanza destes bloques de vivendas, que na actualidade teñen un problema de aparcamento ao carecer de zonas onde estacionar preto das súas vivendas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenza.
 
Cabe destacar que estas melloras executaranse grazas ao convenio de cesión asinado recentemente entre o Concello do Porriño e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Torneiros que permite á administración local facer uso duns terreos dos comuneiros situados fronte á Fase I, concretamente, unha parcela segregada de 914 m2. Un acordo entre entidades polo que o rexedor reiterou o seu “agradecemento á CM de Torneiros pola disposición que mostraron para chegar a acordos que beneficien aos veciños e veciñas da parroquia e do resto do Porriño”.
 
O proxecto contempla a construción dun tramo de beirarrúa de 290 m que conectará as xa existentes e, para iso, será preciso construír tamén dous tramos de 16 e 11 m de muro de pedra para a contención de terras ademais de execución de pluviais, sinalización e alumbrado.

Rematado o acondicionamento do acceso a Torneiros dende a PO-331

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, comprobaron o resultado das obras de acondicionamento do acceso a Torneiros dende a PO-331, cuxos traballos finalizaron esta mesma semana.

A actuación, que supuxo un investimento de 142.000 euros, continuou coa humanización e construción de beirarrúas do vial, para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade vial dende o cruce da estrada provincial ata a entrada de Lonza, aprobada no 2021.

Os traballos incluíron a mellora da pavimentación e a dotación ás vivendas dos servizos necesarios, incluíndo melloras nas redes de pluviais e saneamento e tamén no alumbrado. Ademais, acondicionouse o lavadoiro da Relva.

Durante a visita á zona, o rexedor reiterou que a mellora do viais  segue a ser “un dos obxectivos prioritarios da acción de goberno”

“Neste momento temos proxectos preparados para executar pendentes só das pertinentes autorizacións por valor de 1.300.000 euros”, concluíu o alcalde, “Todas elas son actuacións necesarias en todas as parroquias, que van dende asfaltados, melloras da iluminación, obras de saneamento e humanizacións”.

Concedida unha axuda provincial de preto de 2.800 euros para asistencia técnica

A Deputación de Pontevedra vén de conceder unha achega para o financiamento dos gastos derivados da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables ao abeiro da convocatoria do PIREP local.

Así, o ente provincial aprobou a achega de 2.752,75 euros para asistencia na solicitude, tramitación e xestión da subvención á liña 1 do PIREP local, concretamente para un proxecto de mellora do centro cultural.

O Porriño incorporará 11 traballadores/as ao seu cadro de persoal

O Concello do Porriño reforzará o seu cadro de persoal con 11 novos traballadores e traballadoras que desenvolverán as súas tarefas en diferentes áreas municipais.

Estas contratacións formalizaranse en base a dúas achegas de iniciativa social da Xunta de Galicia.

A primeira delas ascende a 103.244 euros para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga e, ao seu abeiro incorporaranse 2 operarios de mantemento na área de Deportes, 3 peóns de obra pública, 3 peóns forestais e 2 conserxes. A duración destes contratos será de 9 meses con xornada parcial ao 75%.

A segunda, conta cun orzamento de preto de 14.000 euros para a contratación de 1 peón forestal, a xornada completa durante 9 meses, no marco da liña de subvencións para o fomento do emprego no rural (APROL Rural).

“Ademais de supoñer unha nova oportunidade laboral para estas persoas que están en situación de desemprego, estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e  reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “As institucións deben ser un instrumento útil para mellorar a vida da veciñanza e iso pasa por ambas cousas”.

O rexedor incidiu en que o goberno municipal continuará desenvolvendo políticas que “prioricen a prestación destes servizos básicos con persoal propio”.

As persoas interesadas en optar a estes postos de emprego deberán estar anotadas no Servizo Público de Emprego, que será quen faga a selección, nos seguintes códigos:

  • 71911023 – Operario de mantemento
  • 96011029 – Peón de obra pública
  • 95431028 – Peón forestal
  • 58331022 – Conserxe