O Concello informa dun corte na rede de abastecemento de auga situada nas rúas Buenos Aires e Progreso para a realización de melloras. O servizo verase interrompido ata as 11:00 h.
O Concello informa dun corte na rede de abastecemento de auga situada nas rúas Buenos Aires e Progreso para a realización de melloras. O servizo verase interrompido ata as 11:00 h.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, comprobaron de primeira man os avances da segunda fase das obras de mellora e humanización que se están a desenvolver no parque da urbanización Alameda, na Avenida de Galicia.
As continuas filtracións que se daban neste espazo de uso público estaban a causar danos estruturais no soporte da praza e afectando ao garaxe que se atopa baixo a mesma, algo que estaba a causar numerosos perxuízos aos usuarios destas prazas de aparcamento.
Co fin de resolver este problema, o Concello do Porriño acometeu as obras de impermeabilización deste espazo, que abrangue unha superficie de 2.000 metros cadrados, aproveitando a actuación para levar a cabo a humanización da outra parte da praza e o seu acondicionamento como espazo público de lecer, creando un novo parque infantil para disfrute dos máis pequenos.
“Coa primeira fase xa executada, continuamos coa humanización da praza cunha segunda intervención de substitución do pavimento existente e a impermeabilización do soporte estrutural da propia praza”, explicou Lorenzo, “Ademais, facilitarase a accesibilidade ás vivendas e baixos comerciais con acceso ao interior da praza, xa que algún deles presentaba desniveis que dificultaban a accesibilidade”.
O orzamento desta segunda fase do proxecto ascende a 83.182,61 euros. A humanización e mellora desta céntrica praza supuxo unha inversión de 138.868 euros, financiada na súa totalidade a través dun convenio de colaboración asinado coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.
Dende as concellerías de Parques e Xardíns e Limpeza denuncian que nos últimos días téñense producido unha serie de danos contra o mobiliario urbano, aparecendo pintadas nos elementos de xogo dos parques infantís, colectores de lixo, marquesinas e outros elementos que se atopan na vía pública.
Isto conleva que teñan que ser inutilizados para a súa reparación e un perxuízo económico que pagamos todos, o mobiliario urbano é patrimonio de todas as veciñas e veciños do Porriño. Por iso, dende o Concello do Porriño facemos un chamamento ao civismo e a que non se repitan estas accións que perxudican ao conxunto da cidadanía.
Lembramos que estes feitos son constitutivos de infracción administrativa, contemplando sancións económicas que van dende os 100 aos 600 euros
O Concello informa dun corte na rede de abastecemento de auga situada nas rúas Tarela, Navuxil, Aloques e Malladoura para realizar a reparación dunha avería. O servizo verase interrompido ata as 11:00 h.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe o inicio das obras de humanización e acondicionamento das rúas Buenos Aires e Progreso, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, técnicos do departamento autonómico de Infraestruturas e da empresa adxudicataria.
Os traballos, que contemplan a reforma integral da PO-329 ao seu paso polo centro urbano transformándoa nunha rúa na que os coches ceden protagonismo aos peóns, deron comezo hoxe e teñen un prazo máximo de execución de 5 meses.
“Con esta actuación daremos vida a unha zona do centro urbano que precisa dinamizarse e acondicionaremos un dos principais accesos á vila, reforzando a seguridade peonil, mellorando a accesibilidade e a estética e favorecendo a integración urbana, ademais de retirar o paso de vehículos pesados da zona”, explicou o alcalde.
Os traballos comprenden a intervención nun treito de case 700 metros desta vía, na que se reforzará a seguridade a pé dos vecinos, ademáis de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. En concreto, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación, na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada. Completarase a actuación coa dotación de mobiliario urbano: dispoñeranse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademáis de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.
Os traballos proxectados polo departamento de Infraestruturas da Xunta dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles. NO primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías dotren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita. No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.
O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta nunha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso. No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade. E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns
O comité directivo do Consorcio de Augas do Louro, presidido por Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, aceptou a proposta de adxudicación para a contratación de seis obras en materia de saneamento no Concello do Porriño. As actuacións supoñen unha inversión de máis de 900.000 euros e darán servizo a preto de 300 veciños de distintas parroquias.
Serán unhas 80 vivendas as que a finais deste 2023, algunhas delas antes xa de rematar o verán, estarán conectadas ao sistema de saneamento do Louro. “Trátase de darlle á veciñanza un servizo básico que lle corresponde, que neste caso levamos a cabo con fondos propios do Consorcio, que non debemos esquecer que dependen dos recursos que aporta cada municipio (Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui), co pago dos impostos dos seus cidadáns, pero que dende todos os concellos debemos impulsar e dar prioridade a actuacións como estas, con axuda tamén doutras entidades supramunicipais, para dar resposta a todas as demandas”, explica o presidente Alejandro Lorenzo.
Estas seis actuacións no termo municipal do Porriño son: na Rebouza, parroquia de Atios, onde se instalarán 700 metros de tubaxe que conectarán á rede de saneamento a unha ducia de casas, beneficiando a máis de 40 veciños, cunha inversión de 145.436,17 euros. Outro dos proxectos engloba catro actuacións dúas en Atios (Portela de Souto e en A Rocha-Covelo), unha en Pontellas (Igrexa-Centeáns Arrotea) e outra en Torneiros (San Roque-A Areeira), nas cales a inversión chega aos 310.846,18 euros e suporán a posta en funcionamento de máis dun quilómetro de canalización, dando servizo a 19 casas e preto de 70 usuarios. Por último, a de maior magnitude en canto a inversión e beneficiarios, é a proxectada na estrada de Mosende a Tui, en Madorras, onde se instalarán seis colectores cunha lonxitude de 1.100 metros e unha estación de bombeo, ademais esta actuación permitirá anular un canon de vertido non autorizado da CHMS e poñer en servizo outros 1.200 metros lineais de canalizacións existentes posibilitando así a conexión á rede de medio cento de edificacións, entre as que se atopa tamén a Escola de Mosende, e preto de 200 habitantes; a inversión neste caso é de 450.460,17 euros.
Prevese que ao longo do vindeiro mes de xuño comecen a executarse os traballos de todas estas actuacións, quedando rematadas antes de que finalice o ano.
Con todo, Lorenzo volve facer fincapé en que “as inversións continuaranse nos próximos meses: máis proxectos, licitacións e recepcións de obras que irán completando e tecendo toda a rede de saneamento dos catro municipios para dar servizo á totalidade da veciñanza”.
O Porriño contará cunha área de caravanas e autocaravanas en pleno centro urbano, un servizo que vén a sumarse aos que xa de por si ofrece o municipio.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo presidente da Asociación de Autocaravanas de Galicia (Aga), Manuel Fernández-Arruti, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitou esta mañá a parcela na que se habilitará o aparcamento para valorar de maneira conxunta as actuacións a realizar para a súa pronta posta en marcha.
A zona que se acondicionará ocupará uns 200 m2 da parcela de Leandro Diz habilitada como aparcamento gratuíto e estará acondicionada con todos os servizos necesarios.
“O turismo de autocaravana tense consolidado como unha alternativa ás viaxes tradicionais. É unha modalidade en auxe que se caracteriza pola liberdade que ofrece, por iso hai tanta demanda e por iso moitos concellos de todo o país dispoñen xa dese servizo. O Porriño non vai quedar atrás”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
O Concello do Porriño continúa coa recuperación da emblemática fonte de San Sebastián. Tras levar a cabo as obras de acondicionamento do manantial e canalización do caudal para evitar focos de contaminación que afectaban á calidade da auga e causaban reiterados cortes no subministro, a concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, deu comezo hoxe aos traballos de reposición da pérgola que cubre o conxunto patrimonial.
“O entramado de madeira que cubre a fonte atopábase nun deficiente estado de conservación, supoñendo un perigo para a seguridade das persoas que fan uso deste espazo”, explicou o concelleiro, “Retiraranse todos os elementos e substituiranse por novas vigas e correas de madeira de iroko, coas mesmas dimensións e características que as actuais”.
A estrutura ten unha dimensión total de 13 m e 5 m e está formada por 18 pezas, dúas vigas lonxitudinais e cinco transversais, con oito correas transversais e tres lonxitudinais.
“A fonte de San Sebastián é sen dúbida un icono patrimonial do Porriño e hai que poñelo en valor”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E non só hai que ter en conta o seu valor patrimonial, tamén o social, xa que se trata dun lugar ao que moitos veciñas e veciñas se achegan cada día a coller auga e tamén, como é ben sabido, moitos grupos de ciclistas. Por iso é importante que se atope en bo estado”.
Os traballos termínanse que estén rematados no prazo dunha semana.
A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, vén de acometer os traballos de limpeza e reparación da cuberta do CEIP Cruz Budiño, ante o risco de que se produciran danos persoais pola caída de cascallos do tellado do centro.
As malas condicións meteorolóxicas dos últimos meses puxeron ao descuberto o mal estado no que se atopa parte da cuberta deste centro escolar. “Dende a dirección do colexio trasladaron ao Concello o problema co que se atopaban, xa que se estaban a desprender tellas que caían ao patio, polo que este permanecía precintado para que os cativos non accederan á zona polo perigo que entrañaba”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Había anacos de tella soltos na cuberta que cun simple refacho de vento podían caír”.
Ante esta situación, acordouse actuar de maneira urxente e proceder á limpeza do tellado e reparación das partes danadas. Tal e como explicou o concelleiro, Ramón Porto, “estas melloras realizáronse con medios propios. A seguridade dos nenos e nenas é unha cuestión prioritaria e hai que facer o preciso, non se pode dilatar no tempo”.
As obras céntranse na reparación dos elementos de cuberta e impermeabilización, e estenderanse ao parque Piñeiro, no que está proxectada a ampliación e mellora da zona de xogo infantil e o acondicionamento das instalacións deportivas
O Concello do Porriño deu comezo esta semana ás obras de reparación e mellora do Centro Cultural Alba, na parroquia de Torneiros.
Debido á antigüidade do inmoble e á falta de mantemento durante anos, as cubertas están danadas e non cumpren coa súa función de imperbealización producíndose humidades no interior que imposibilitan o uso do edificio.
“O Centro Cultural non podía usarse xa que o seu estado supón un risco para os usuarios, por iso é necesario acometer de maneira urxente estas reparación integral que poñerá fin ás filtracións para que se poida retomar a actividade con seguridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Os traballos, que comezaron esta semana, contemplan a sustitución e reparación de todos os elementos do edificio que se atopen deteriorados, a reparación integral da cuberta, reparación das canaletas exteriores e interiores, reparación e sellado das ventás, reposición das baixantes e a construcción dun canal de remate final da fachada no encontro co terreo.
“Falamos dun punto neurálxico da vida social e cultural da parroquia de Torneiros que non pode permanecer inutilizado, non só as instalacións do centro cultural senón a totalidade do parque Piñeiro para o que temos en marcha un proxecto de mellora e reacondicionamento que ampliará a zona de xogo infantil e reacondicionará as pistas deportivas”, apuntou Lorenzo, “Unha intervención integral que este parque viña necesitando hai anos”.
Refírese o rexedor ao proxecto posto en marcha polo Concello para dar resposta ao amplísimo número de veciños e veciñas de Torneiros con cativos que dan uso a estas instalacións municipais e que contempla a ampliación do parque infantil, reparando os xogos xa existentes que se atopan nun estado moi degradado e instalando novos elementos así como a de amortiguación. A zona de xogo abranguerá unha superficie total de 1.850 m2 e incluirá a instalación dunha gran tirolina de 20 m de percorrido. Tamén se actuará nas instalacións deportivas que se atopan no recinto.
As melloras que se efectuarán supoñen unha inversión de máis de 100.000 euros.