Avanzamos na creación dunha gran zona verde no centro urbano

O Concello do Porriño deu hoxe un paso importante na humanización do seu centro urbano dotando de partida orzamentaria un dos proxectos urbanísticos de maior impacto: a humanización da contorna do centro social que acondicionará as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Ramón González e Pío XII creando un gran espazo público.
 
A goberno municipal aprobou definitivamente a modificación orzamentaria que consigna a aportación municipal comprometida no convenio asinado coa Deputación de Pontevedra para executar a primeira fase do proxecto. Concretamente 460.000 euros, o 33% do orzamento total. Simultaneamente, a administración local está a adquirir os terreos necesarios para levar a cabo estas obras.
 
Este proxecto consiste na creación dun gran espazo público pensado para dar prioridade á mobilidade peonil e máis importancia ás zonas verdes, ao tempo que se limita o paso de vehículos. Para conseguilo está prevista a creación dun espazo contínuo, accesible e verde, no que se mellorará a comunicación peonil entre o centro urbano e a rúa Pío XII, crearanse novas zonas de convivencia baixo a sombra de novas especies arbóreas e buscarase a apertura da contorna do centro social coa rúa e o parque, ademais de executarse a renovación integral da zona de ocio infantil. Ao mesmo tempo, na calzada de Pío XII renovaranse todas as redes de servizos e dotarase dunha plataforma única que conecte coa nova zona verde da contorna, reducirase o tráfico e a súa velocidade.

O Concello renovará o alumeado público dos polígonos residenciais de Torneiros

O Concello do Porriño xa puxo en marcha o proxecto de sustitución do alumeado público do polígono residencial de Torneiros e parque Piñeiro.

A primeira fase desta actuación xa está aprobada e contempla a renovación de 105 lámpadas por luminarias LED nas zonas peonís das fases II e III. Conta cun investimento de 40.000 euros ao abeiro dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

A intervención neste núcleo de vivendas, un dos que máis poboación concentra do municipio, é global e non se limita a esta área. O Concello ten proxectada unha segunda actuación nas fases I e IV, onde se instalarán 51 luminarias LED. Este proxecto supoñerá un investimento de máis de 34.000 euros.

“Trátase de mellorar a seguridade e a calidade na prestación do servizo de alumeado público nesta zona residencial, xa que a instalación actual está obsoleta, ten unha antigüidade de 30 anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Coa sustitución das luminarias non só melloraremos os niveis de iluminación e de eficiencia enerxética, tamén se reducirá o consumo, o gasto e contribuiremos á mellora medioambiental coa optimización dos recursos enerxéticos”.