A Praza de Abastos converteuse nun punto de concienciación sobre a xestión de residuos e reciclaxe

A Praza de Abastos de Porriño converteuse hoxe nun punto de encontro para a concienciación sobre a xestión de residuos e a reciclaxe. Desde as 10:00 ata as 13:00 horas, instalouse unha mesa informativa dirixida tanto aos/as  usuarios/as do mercado como aos/as praceiros/as, co obxectivo de promover prácticas sostibles no manexo de residuos.

Desde as concellerías de Medio Ambiente e Limpieza, que dirixen Antía Carrera e José Carlos González, apuntan que a correcta xestión do lixo no fogar e en espazos como a Praza de Abastos é fundamental, xa que se xera un volume significativo de residuos, especialmente orgánicos. “É esencial que todos tomemos conciencia da importancia de separar e reciclar adecuadamente, non só para reducir a cantidade de residuos que enviamos ás entulleiras, senón tamén para contribuír á saúde do medio ambiente”, explicou a concelleira, Antía Carrera..

Un dos puntos destacados da mesa informativa foi a promoción do uso de composteiros. “Compostar os restos orgánicos non só axuda a diminuír a cantidade de lixo, senón que tamén produce un abono natural que pode ser utilizado en xardíns e hortas, pechando así o ciclo natural”, engadíu a edil.

O Concello de Porriño está comprometido coa ecoloxía e a sustentabilidade, e esta iniciativa é só una das moitas accións que se están levando a cabo para concienciar á veciñanza do impacto das nosas accións na contorna.   “Agradecemos a todos os que se achegaron á mesa informativa xa que xuntos, podemos marcar unha gran diferenza na xestión de residuos e na promoción dun estilo de vida máis sostible”, indicou o concelleiro, José Carlos González.

O Punto de Información Catastral retoma a súa actividade

O Punto de Información Catastral do Concello do Porriño retoma a súa actividade este mes de outubro. Trátase dun servizo gratuíto que estará ubicado nas oficinas do departamento de Urbanismo (2ª planta-Casa Consistorial).

A través deste recurso a veciñanza poderá obter certificacións, localizar parcelas, realizar trámites en liña como presentación de documentación catastral, recursos, contestar requerimentos catastrais, cambios de dominio, así como asistencia e información en materia catastral. Tan só é preciso a presentación do DNI.

O PIC estará aberto ao público os  xoves de 16 h a 19 h. É recomendable solicitar cita previa, indicando o trámite a realizar. Pode facerse a través do teléfono 986 335 000, a través da Sede Electrónica ou presencialmente no Departamento de Urbanismo.