O Concello abre o prazo para solicitar postos de venda e atraccións nas Festas de San Bieito 2026

  • Poderán presentarse solicitudes de participación do 15 ao 26 de xuño ás 14:00 horas

O Porriño, 12 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño vén de aprobar as bases que regulan a adxudicación, instalación e funcionamento temporal de postos de venda, atraccións e casetas con motivo das Festas de San Bieito 2026, abrindo o prazo para que as persoas e empresas interesadas poidan presentar as súas solicitudes.

Prazo de presentación

O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 26 de xuño ás 14:00 horas, ambos incluídos, podendo realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello, da sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa administrativa vixente.

As autorizacións permitirán a instalación de atraccións, quioscos, postos de alimentación, artesanía e venda variada durante a celebración das festas, que terán lugar entre os días 10 e 12 de xullo de 2026.

Distribución dos postos

O recinto feiral distribuirase ao longo da rúa Manuel Rodríguez e nos terreos dispoñibles da rúa Leandro Diz, espazos nos que o Concello organizará a disposición das distintas instalacións garantindo a seguridade, a accesibilidade e a correcta convivencia coa veciñanza.

As instalacións poderán comezar a súa montaxe a partir do 1 de xullo, debendo estar completamente operativas antes do inicio das festas.

Con esta convocatoria, o Concello do Porriño continúa traballando na organización dunhas Festas de San Bieito seguras, accesibles e participativas, favorecendo a actividade económica vinculada ao sector feiral e garantindo ao mesmo tempo a convivencia e o desfrute da veciñanza e das persoas visitantes.

Preme aquí para acceder ás bases para a instalación de postos de venda e atraccións en San Bieito 2026.

O Concello abre o prazo para solicitar os postos de venda de Porrigalia 2026 

  • As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes entre o 15 de xuño e o 3 de xullo ás 14:00 horas para participar no gran mercado temático da festa 

O Concello do Porriño abre o prazo para a presentación de solicitudes para a instalación de postos de venda no recinto de Porrigalia 2026, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de xullo. O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 3 de xullo ás 14:00 horas, ambos incluídos.

Postos dispoñibles e adxudicación

O Concello porá á disposición dos solicitantes 10 carpas e 20 postos de madeira, que serán adxudicados por rigorosa orde de entrada no rexistro. As solicitudes que non obteñan posto inicialmente pasarán a formar parte dunha listaxe de reserva para cubrir posibles vacantes. A relación provisional de admitidos publicarase o 3 de xullo e a listaxe definitiva farase pública a partir do 8 de xullo.

Os postos autorizados poderán ofrecer produtos de alimentación tradicional, artesanía, demostracións de oficios artesanais e antigüidades, sempre respectando o carácter histórico e cultural da celebración.

Horario de funcionamento

Os postos de venda desenvolverán a súa actividade durante os días 24, 25 e 26 de xullo de 2026. O horario de funcionamento establecido será de 10:00 a 01:00 horas o venres 24 sábado 25 e de 10:00 a 00:00 horas o domingo 26, debendo permanecer abertos durante todo o horario autorizado para garantir a correcta dinamización do recinto e a oferta comercial do evento. 

Como presentar a documentación

A documentación poderá entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal. O Concello lembra que as solicitudes deberán estar correctamente cubertas para seren admitidas. 

Podes acceder ás bases de presentación para as solicitudes dos postos de venda de Porrigalia premendo aquí.

O Concello do Porriño da forza ao sector da pedra cun stand en Stonegal para as empresas locais

  • A Stonegala celebrarase de novo nunha canteira do municipio

O Porriño, 8 de xuño de 2026. – O Concello do Porriño presentou esta mañá, na canteira de LR Natural Granite en Atios, a súa proposta expositiva para a feira internacional Stonegal 2026, que se celebrará no IFEVI do 17 ao 19 de xuño. Así, segundo desvelou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a presentación, o Concello porá a disposición das empresas locais un stand institucional de xeito gratuíto, co obxectivo de facilitar a súa participación na feira.

Este stand permitirá tamén poñer o foco no Porriño no IFEVI como o que é na realidade: un emprazamento estratéxico e capital de referencia na industria do granito a nivel internacional.

“O Porriño non se entende sen a súa pedra, e este stand gratuíto é unha ferramenta directa para que o noso tecido empresarial brille e siga crecendo no mellor escaparate posible”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, engadindo que “participar en Stonegal reafirma o noso papel como motor deste sector en Galicia”. 

Así, baixo o lema “o noso granito, orgullo e memoria”, presentou a imaxe deste stand no que convive, igual que no Porriño, a pedra natural da canteira coas obras máis emblemáticas de Antonio Palacios e incluso novas obras realizadas con granito no municipio. Ese lema está nunha das paredes do stand. A outra versa: “Antonio Palacios escríbese en pedra”, que é tamén o nome do certame recentemente celebrado no municipio onde a canteiría cobra vida.

Durante o acto interviron tamén Carlos Manuel Martínez Nogueira, concelleiro de Industria do Porriño, que foi o encargado de abrir o acto situando a importancia estratéxica do apoio municipal ás empresas locais. Dende Stonegal, foi Alejandro Miras, o seu director, o que debullou os obxectivos e as grandes expectativas desta edición 2026 da feira internacional. . José Antonio Lemos, Presidente do Clúster do Granito , destacou a fortaleza e a capacidade de innovación do sector produtivo, e Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, subliñou o peso estratéxico da minaría sostible na comunidade e o apoio do goberno galego.

Stonegala

Coa colaboración do Concello do Porriño celebrarase tamén a Stone Gala,, unha gala de entrega de premios que terá lugar o 18 de xuño nunha das canteiras do municipio. A gala combinará o simbolismo do lugar coa posta en valor da pedra como material de futuro. 

A Feira

Tedes toda a información sobre a programación e a área expositiva de feira en : https://stone.es/es/bienvenida/

Podes consultar o programa do Stonegal premendo aquí.

O Pleno do Concello do Porriño aproba a adxudicación da obra de Rexeneración Ubana de Torneiros por máis de 2,6 millóns de euros

  • A actuación conta cunha importante inxección de fondos europeos FEDER (60%) e o respaldo da Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincia Extraordinaria.
  • A empresa NAROM L. foi a adxudicataria dos traballos, comprometendo ademais preto de 275.000 euros en melloras para o núcleo urbano.
  • O proxecto conta cun prazo máximo de execución de 14 meses e as obras comezarán tras a formalización do contrato.

O Porriño, 25 de maio de 2026.– O Concello do Porriño deu hoxe o paso definitivo para a transformación integral do núcleo de Torneiros coa aprobación en pleno da adxudicación das obras de rexeneración urbana desta contorna, un ambicioso proxecto estratéxico que suporá un investimento total de 2.628.796,95 euros IVE incluído.

A proposta saíu adiante referendando o acordo da mesa de contratación, que elixiu por unanimidade á entidade NAROM S.L. ao obter a maior puntuación no proceso de licitación, no que tamén competiron Construcciones Castro Figueiro S.L. e Proyecon Galicia S.A. Ademais do orzamento de adxudicación, a empresa comprométese a executar melloras adicionais na contorna urbana por un importe de 274.949,99 euros.

Esta gran intervención en Torneiros é posible grazas á xestión de fondos externos por parte do Concello, minimizando o impacto económico sobre as arcas municipais. De feito a obra enmárcase na estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible polo que conta cunha asignación de fondos FEDER de 1,5 millóns de euros. Asemade a actuación compleméntase cunha achega de 1.1 millóns de euros procedentes do Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra), concedida oficialmente o pasado mes de marzo.

O proxecto de rexeneración urbana, redactado pola enxeñeira de Camiños, Canais e Portos María Ferreiro Núñez (de Ingenia Proyectos Técnicos S.L.), optimiza o gasto público ao lograr unha rebaixa respecto ao orzamento base de licitación, que inicialmente se situaba nos 2,74 millóns de euros.

Próximos pasos

Tras esta aprobación definitiva por parte do Pleno como órgano de contratación, procederase á notificación dos licitadores e á publicación oficial do anuncio no Perfil do Contratante e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). Unha vez transcorrido o prazo legal de 15 días hábiles, formalizarase o contrato coa empresa adxudicataria para dar inicio inmediato aos traballos, que dispoñen dun prazo máximo de execución de 14 meses.

Con este acordo plenario, o Concello do Porriño arranca unha das obras máis agardadas do mandato, reafirmando o seu compromiso coa sostibilidade, a accesibilidade e a mellora directa da calidade de vida das veciñas e veciños de Torneiros.

“Non se trata só de cambiar o asfalto ou mellorar as tubaxes, que tamén, senón de devolverlle o espazo público ás persoas, de facer unha parroquia máis humana, accesible, segura para os nosos nenos e maiores, e cunhas zonas de lecer de primeiro nivel como o novo parque acuático. Torneiros merece esta gran inxección de futuro”, explicou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

O proxecto

O proxecto de rexeneración urbana do núcleo de Torneiros contempla unha actuación integral sobre o espazo público e as infraestruturas existentes, coa finalidade de mellorar de maneira sostida as condicións urbanas, sociais e ambientais da parroquia.

Entre as actuacións previstas inclúese a renovación das redes de abastecemento de auga potable, a modernización do saneamento e a mellora do sistema de drenaxe pluvial, co obxectivo de garantir un funcionamento máis eficiente dos servizos básicos e previr problemas derivados das choivas intensas.

No ámbito da mobilidade e da accesibilidade, o proxecto aposta pola redistribución do espazo viario, favorecendo a mobilidade peonil fronte ao tráfico rodado. Prevese a ampliación das zonas peonís, a mellora e ampliación das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a adaptación dos itinerarios a criterios de accesibilidade universal e a creación de percorridos máis seguros, especialmente nos contornos de equipamentos de alta afluencia como os centros educativos, o multiusos de Torneiros e o centro cultural Alba.

A intervención inclúe tamén a renovación integral do alumeado público, que será substituído por luminarias LED de alta eficiencia enerxética, permitindo reducir o consumo eléctrico, mellorar a iluminación dos espazos públicos e diminuír as emisións de CO₂.

Así mesmo, incorporarase novo mobiliario urbano, mellorarase a calidade paisaxística do espazo público mediante a introdución de vexetación e zonas verdes, e crearase un entorno máis amable, seguro e sostible, pensado para o uso e desfrute da veciñanza.

O proxecto complétase coa creación dun parque acuático no Parque Alba, concibido como un novo espazo de lecer familiar e deportivo que reforzará a oferta de equipamentos públicos, fomentará a convivencia interxeracional e contribuirá á integración social da parroquia.

Industria, automoción, loxística e enxeñería lideran os perfís máis demandados no primeiro Talent Hub de “O Porriño Conecta Talento”

  • O espazo expositivo permanecerá aberto de 09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas, permitindo ás persoas asistentes contactar directamente coas empresas participantes, coñecer as súas ofertas e participar en procesos de selección
  • Entre as entidades participantes figuran firmas de referencia como Zendal, Magna, BorgWarner, Constellium, Unimate, Maier Ferroplast, Seur, Serveo, Mapfre, Abanca, Aimen, Ceamsa ou Citic Censa, ademais de empresas de traballo temporal
  • O Foro reúne a expertos de Recursos Humanos que darán claves de cómo enfrentarse a unha entrevista de traballo


O Porriño, 17 de maio de 2026. Máis de 50 empresas e entidades participarán o vindeiro 19 de maio no primeiro Talent Hub de O Porriño Conecta Talento, un gran encontro orientado a conectar talento e oportunidades laborais nunha contorna dinámica na que empresas e candidatos poderán establecer contacto directo, realizar entrevistas e explorar novas posibilidades profesionais.

O evento, que se desenvolverá no Polideportivo Municipal ao longo de toda a xornada, reunirá compañías de sectores estratéxicos como a automoción, industria, alimentación, loxística, servizos, banca, recursos humanos e innovación.

Entre as entidades participantes figuran firmas de referencia como Zendal, Magna, BorgWarner, Constellium, Unimate, Maier Ferroplast, Seur, Serveo, Mapfre, Abanca, Aimen, Ceamsa ou Citic Censa, ademais de empresas de traballo temporal …

O espazo expositivo Talent Hub permanecerá aberto de 09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas, permitindo ás persoas asistentes contactar directamente coas empresas participantes, coñecer as súas ofertas e participar en procesos de selección.

Á súa chegada ao recinto, os asistentes poderán consultar no stand de Porremprego os perfís profesionais demandados por cada unha das empresas participantes e solicitar unha entrevista coa compañía do seu interese.

As citas, que serán limitadas, comezarán a asignarse a partir das 09:30 horas. No caso de non conseguir entrevista, os asistentes poderán igualmente visitar o Talent Hub e remitir directamente a súa candidatura ás empresas expositoras desde o seu dispositivo móbil mediante a captura dos códigos QR que cada compañía terá visibles no seu stand.

Entre os perfís máis demandados destacan postos vinculados á industria, automoción, mantemento industrial, robótica, soldadura, loxística, alimentación, administración, enxeñaría, telecomunicacións, comercio e atención ao cliente, entre outros.

O encontro contará tamén cunha zona de networking destinada a favorecer un contacto máis próximo entre empresas e candidatos nun ambiente distendido, promovendo a creación de conexións profesionais e novas oportunidades de emprego.

A programación complementarase con relatorios, obradoiros e conferencias centradas na orientación laboral, a formación e as necesidades actuais do mercado de traballo, coa participación de profesionais e expertos como Joaquín Dosil, Pedro Rodríguez ou Emilio Duró, que ofrecerán sesións orientadas á motivación, á empregabilidade e ao desenvolvemento persoal e profesional.

Expertos en recursos humanos darán as claves
O mercado laboral actual esixe unha conexión real entre as necesidades das empresas e o potencial dos candidatos. Ademáis da conferencia que impartirá a Universidade de Vigo, haberá unha sesión Coach con Joaquín Dosil sobre “Actitude que transforma: claves para converter metas en logros”; un obradoiro práctico impartido por Pedro Rodríguez sobre “Motivación e Habilidades para a Búsqueda de Emprego: Descubre o teu Oceano”, ou un Talent Pitch: “O teu talento en 2 minutos” . Ademais, claro, a conferencia de Emilio Duro sobre “Vivir con Sentido, Optimismo e Esperanza” .

Ademais celebrarase un Talent Briefing sobre necesidades reais de talento no mercado laboral. Nesta xornada, expertos de primeiro nivel de sectores estratéxicos como o industrial, biotecnolóxico e servizos compartirán a súa visión sobre o que as organizacións buscan hoxe en día e como os profesionais poden destacar nun proceso de selección.

Así, na mesa, que terá lugar o martes 19 de maio ás 12:30 h participarán: Ana Alonso, vicedirectora xeral en CITIC HIC Gándara Censa; Mª Eugenia Blanco, responsable de Recursos Humanos, Prevención e Medio Ambiente en Gonvarri Steel Industries; Cecilia Mariño, directora corporativa de Recursos Humanos en Zendal; Gorka Hermo, HR Manager en Constellium; Pablo Búa, director de Persoas en GANAIN; Cristian Pereyra,, HR Director de Magna e especialista en transformación organizativa e estratexia de talento; Flavia González, técnica de Selección de Persoal en Clece S.A.; Emilio Troncoso, director de Recursos Humanos de Grupo Taprega, e Jorge Trigo, director de Recursos Humanos en CEAMSA – Compañía Española de Algas Mariñas.

O obxectivo principal do encontro é desmitificar a entrevista de traballo e achegar a realidade dos despachos de selección á rúa. “Tamén as claves do que valoran as empresas”, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño. Os relatores abordarán temas como as competencias máis demandadas, a importancia da actitude, a adaptación ás novas contornas dixitais e como construír unha carreira sólida na Galicia de 2026.

Este evento supón unha oportunidade única para que demandantes de emprego, estudantes e profesionais en activo coñezan de primeira man o que as empresas están a buscar “detrás do currículo”, fomentando un diálogo directo entre o talento local e os responsables de contratación.

Os horarios do Porriño Conecta Talento


09:30 h. – Recepción de asistentes
Acreditación, benvida e recollida de documentación.
09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. – Talent Hub
10:00 h. – Apertura e inauguración das xornadas
Acto institucional de benvida.
10:30 h. – Relatorio
“Oferta formativa Universidade de Vigo”
Relator: Área de Captación de Alumnado. Universidade de Vigo
11:00 h. – Sesión Coach
“Actitude que transforma: claves para converter metas en logros”
Imparte: Joaquín Dosil
12:30 h. – Talent Briefing: Necesidades reais de talento no mercado laboral
13:30 h. – Espazo de networking con aperitivo
Momento para xerar contactos, intercambiar ideas e oportunidades.
Tarde
16:00 h. – Obradoiro práctico
“Motivación e Habilidades para a Búsqueda de Emprego: Descubre o teu Oceano”
Imparte: Pedro Rodríguez
17:00 h. – Talent Pitch: “O teu talento en 2 minutos”
17:30 h. – Conferencia inspiradora
“Vivir con Sentido, Optimismo e Esperanza”
Relator: Emilio Duró
19.00 h. – Acto de Clausura
Peche institucional da xornada e agradecemento ás persoas participantes.

O Concello do Porriño dedicará cada 14 de maio ao mestre Antonio I. Paz Valverde

  • O Centro Cultural acollerá unha exposición permanente sobre o compositor

O Porriño, 15 de maio de 2026. Nunha praza ateigada de xente, este xoves destapouse o gravado en bronce que dá nome á nova praza Antonio Ignacio Paz Valverde. Un espazo no corazón do municipio, na nova humanización de Pío XII, que se atopa fronte á casa do aclamado compositor.

Alí, xunto ao piano no que compuxo a maioría das súas case 180 obras, un dos pianistas máis destacados de Galicia, Alejo Amoedo, tocou varias das súas pezas, acompañado de Dolores Crespo, soprano e destacada figura da lírica galega, e de Rita Baladrón, unha das mellores voces que saíron do municipio do Porriño e parte daquela coral que fundara Paz Valverde.

Foi unha emotiva homenaxe, na que participou tamén a Banda de Música do Porriño e, claro, a familia do compositor. A súa neta, Águeda, agradeceu que o seu legado puidera ser visible no municipio, mentres o alcalde, Alejandro Lorenzo, foi máis alá e anunciou que cada 14 de maio, data de nacemento do compositor, se lembrará no Porriño ao mestre. Ademais, engadiu que a exposición que durante a homenaxe presidiu a praza, na que figura gran parte da vida e da obra de Paz Valverde, será trasladada como exposición ao Centro Cultural, onde os músicos máis mozos poderán coñecer de preto a un gran referente que revitalizou a música galega nas décadas dos 60, 70 e 80.

Antonio foi un referente no Porriño, fundador da Coral Polifónica do CRC e, máis tarde, do Orfeón Porriñés, tamén do Coro Infantil. Pero a súa pegada viaxou moito máis alá desta vila. Autor de case 180 obras, entre composicións e arranxos, destacando a súa extensa produción relixiosa e tamén esas pezas nas que musicaba a grandes poetas do século XX, modernizando tamén a música polifónica do país. Poetas como Cunqueiro, Manuel María ou Celso Emilio Ferreiro, con quen mantiña correspondencia. Música que seguiu sendo e aínda hoxe é interpretada por grandes artistas como Carlos Núñez ou María do Ceo.

Música que se escoitou nunha homenaxe sentida e aplaudida no Porriño.

O alcalde do Porriño reforza a colaboración co tecido industrial para impulsar novas infraestruturas e a atracción de investimentos

  • O encontro serviu tamén para ultimar detalles do foro de emprego “O Porriño Conecta Talento”

O Porriño, 14 de maio de 2026. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cunha ampla representación de empresas e asociacións empresariais situadas no municipio. Este encontro forma parte da folla de ruta do Goberno local para manter un contacto directo co sector industrial, motor económico da vila, que conta cunha superficie de solo industrial de preto de e 3,5 millóns de metros cadrados.

Durante a xuntanza, Lorenzo loubou o tecido empresarial porriñés e debullou os plans de modernización das áreas industriais. O rexedor destacou que, ademais dos investimentos realizados con fondos propios, o Concello está a ultimar proxectos que contarán co apoio financeiro da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

Unha das principais novidades será a creación de novas áreas de estacionamento, unha demanda tanto do empresariado como dos cadros de persoal, co obxectivo de mellorar a mobilidade e a funcionalidade diaria dos polígonos.

Compromiso fiscal: Orzamentos 2026

Co proxecto de orzamentos municipais xa finalizado o alcalde trasladou unha mensaxe de estabilidade e apoio ao sector: “A nosa prioridade é facilitar a actividade económica. Por iso, os novos orzamentos non inclúen subas de taxas tampouco para as empresas e manteñen as bonificacións fiscais para todas aquelas que decidan apostar polo Porriño para instalar os seus proxectos”, sinalou Alejandro Lorenzo. Para promover a implantación de novas empresas e o crecemento das que xa están instaladas, existen, de feito, bonificacións fiscais de ata o 95% nos impostos, sendo os máis baixos de Galicia . Tamén para promover a creación de emprego.

Conta atrás para ‘O Porriño Conecta Talento’

O encontro serviu tamén para ultimar detalles do foro de emprego “O Porriño Conecta Talento”, que terá lugar o vindeiro martes 19 de maio. Os empresarios trasladaron o seu máximo interese por esta iniciativa, que reunirá a medio cento de compañías.

Este primeiro Foro de Emprego, Formación e Oportunidades nace coa vocación de converterse nunha ponte directa entre as necesidades de contratación das empresas locais e o talento dos demandantes de emprego, fortalecendo a competitividade do Porriño como referente industrial de Galicia.

NP Este xoves o Porriño inaugura a plaza Antonio I. Paz Valverde

  • Unha homenaxe sonora: destacados músicos interpretarán a obra de Valverde na estrea da súa nova praza.

O Porriño, 11 de maio de 2026. O Concello do Porriño inaugura este xoves 14, ás 20:30 horas, a praza Antonio I. Paz Valverde, un dos espazos creados na humanización de Pío XII, xunto ao parque Fontevella, e onde se empraza a casa do prolífico compositor porriñés. Así, canda o lugar onde naceron gran parte das case 180 obras —entre composicións e arranxos— que ten no seu haber, lembrarase para sempre a este insigne porriñés, falecido no ano 2022.

A súa figura honrarase tamén no momento da inauguración nun acto que pretende ser unha homenaxe ao compositor e director, creador da Coral Polifónica do CRC ou do Orfeón Porriñés. Un home cuxo legado, segundo o Consello da Cultura Galega, “é parte destacada do patrimonio musical de Galicia”. “Non queremos que ese legado se esqueza na súa casa, no Porriño”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, que engade que por iso a música vai ser unha parte importante da inauguración, con pezas de Valverde que serán interpretadas por destacados músicos que, á súa vez, tiveron unha relación especial co autor. É o caso do pianista Alejo Amoedo ou das sopranos Rita Baladrón e Dolores Crespo. O acto contará tamén coa presenza da Banda de Música do Porriño e unha pequena exposición sobre Paz Valverde. “Grazas á xenerosidade da súa familia, poderemos achegarnos á súa vida, á súa obra e á súa figura”, conclúe Lorenzo.

Antonio I. Paz Valverde

Antonio Ignacio Paz Valverde foi un prolífico compositor e director coral porriñés, peza clave na renovación da polifonía galega contemporánea. Destacou pola súa extensa produción relixiosa e por musicar a grandes poetas galegos, deixando un legado que é patrimonio esencial da música de Galicia.

A súa pegada artística transcendeu fronteiras grazas ás gravacións que triunfaron na emigración, en América e en Europa, e ás versións que hoxe seguen a realizar artistas de renome, desde voces líricas ata figuras do pop e o folk internacional.

O Concello do Porriño convoca o II Mercado Sostible “FLI-PO” para fomentar a economía circular

  • O Concello abre o 11 de maio o prazo de inscrición para os 45 postos dispoñibles, sendo de balde para particulares e asociacións na xornada dominical
  • Tes as bases completas ao final do documento

O Porriño, 11 de maio de 2026.- O Concello do Porriño bota a andar a segunda edición do II Mercado Sostible: FLI – PO Market, unha iniciativa que busca converter a Praza 8 de Marzo nun punto de encontro para o consumo ético e responsable. O evento celebrarase a fin de semana do 6 e 7 de xuño, ofrecendo á veciñanza unha oportunidade única para dar unha segunda vida a produtos usados e minimizar o impacto ambiental da industria téxtil. Así o mercado do sábado está orientado a profesionais, pero o domingoa postor de particulares.

Quen queira participar pode inscribirse dende este luns, 11 de maio no rexistro do Concello de de 9:00 a 14:00 horas, ou a través da sede electrónica do concello do Porriño: https://oporrino.sedelectronica.gal/info.0 . Poderá haber un máximo de 45 postos e como novidade, este ano, os profesionais tamén poderán solicitar o seu espazo o domingo se queda sitio libre tras a adxudicación aos particulares. Pola súa banda, as asociacións sen ánimo de lucro e os postos de comida poden participar en ambas xornadas.

O mercado, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde (sábado de 11:30 a 22:00 e domingo de 12:00 a 21:00), non será só un espazo de venda, senón unha xornada festiva completa con actividades lúdicas, música en directo e postos de comida.

“Con esta segunda edición do FLI – PO Market, dende o Concello queremos consolidar un espazo onde a sustentabilidade non sexa só un concepto, senón unha práctica real e divertida para todos os porriñeses e porriñesas. O noso obxectivo é triplo: axudar ás familias a dar saída a obxectos que xa non usan, ofrecer produtos a prezos accesibles e, sobre todo, concienciar sobre a importancia de reducir os residuos nunha industria tan contaminante como a téxtil”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso e o concelleiro de Medio Ambiente, José Carlos González.

Postos

O Concello porá a disposición dos participantes 20 postos xa instalados, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. Unha vez esgotados, o resto dos participantes ata completar o máximo de 45 poderán levar a súa propia infraestrutura.

FLI – PO Market preséntase como a mellor vitrina para baleirar os trasteiros e fomentar un Porriño máis sostible.

Bases II Mercado Sostible

 

“O Porriño Conecta Talento”: Unha cita clave o 19 de maio para atopar emprego en máis de 50 grandes empresas

  • Inclúe un “Talent Pitch”, un foro que permitirá aos candidatos expoñer as súas competencias e habilidades fronte a todas as empresas colaboradoras.
  • Medio cento de empresas participarán no “Talent hub”
  • O Concello do Porriño é un dos municipios co PIB máis alto de toda Galicia, con 2,200 empresas e 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial

O Porriño, 4 de maio de 2026.O Concello do Porriño organiza este 19 de maio o foro de emprego e desenvolvemento empresarial “O Porriño Conecta Talento”, unha xornada chea de contidos que busca dinamizar o mercado laboral local conectando a grandes empresas instaladas en Galicia con profesionais e persoas en busca de novas oportunidades.

Lonxe de ser unha feira de emprego ao uso, o foro nace como un evento dinámico e con varias vertentes. A máis novidosa é a celebración dun “Talent Pitch”, un foro que permitirá aos candidatos expoñer as súas competencias e habilidades fronte ás empresas colaboradoras. Aquelas candidaturas que esperten interese poderán continuar vinculadas aos procesos de selección asociados ao programa TOP ABANCA, reforzando así o carácter práctico e orientado a oportunidades que ofrece esta experiencia.

“O teu talento en dous minutos”, así se chama este apartado no foro no que os candidatos terán ese tempo para mostrarse á empresa. Tras exposicións iniciais, para as que os candidatos xa poden enviar os seus currículos a conecta.talento@oporrino.org, os tres mellor valorados accederán directamente a unha entrevista con Abanca. Ademais, outros perfís que resulten de interese poderán ser convidados a continuar o proceso de selección.

Esta actividade, novidosa, servirá para saír do foro cun contrato de traballo, pero tamén para que aquelas persoas que participen saían do proceso cun retorno sobre a súa intervención e os puntos a mellorar. Para aquelas persoas sen experiencia nos procesos de selección servirá tamén, como espectadores, para aprender os puntos claves destas entrevistas.

Será un evento de dinámica áxil e directa orientada a conectar talento e empresa nun formato breve pero de alto impacto.

Ademais, como O Porriño Conecta Talento busca ser un lugar onde atopar emprego de forma inmediata, contará tamén cun “Talent Hub” que propiciará o contacto directo entre as empresas con procesos de selección abertos e os candidatos. Neste caso os participantes poderán ter acceso a entrevistas persoais co medio cento de empresas confirmadas para este evento e que chegan tamén con procesos de selección abertos. O acceso realizarase mediante cita previa, que poderá solicitarse no stand de Porremprego a partir das 9:30 h.

Medio cento de expositores

Polo momento hai máis de medio cento de empresas confirmadas, moitas cunha importante carteira de pedidos e en procesos de contratación. “Non só queremos achegar xente a este foro, queremos que este foro os achegue ao seu futuro”, explicou o alcalde este luns durante a presentación do evento, destacando tamén que haberá unha zona específica de networking para fomentar o contacto directo.

Ademais, co obxectivo de axilizar o proceso e favorecer unha xestión máis eficiente e ecolóxica, non se recollerán currículos en papel. Cada empresa identificará as súas ofertas mediante un código QR, a través do cal as persoas participantes poderán enviar o seu CV de maneira directa. Desde o stand de Porremprego ofrecerase apoio e asistencia a todas aquelas persoas que o precisen durante o proceso.

Networking

Espazo destinado á xeración de contactos, intercambio de información e identificación de oportunidades profesionais.

Haberá tamén un obradoiro práctico sobre motivación e habilidades para a busca de emprego

Foro experiencias

O Porriño Conecta Talento inclúe tamén un “foro de experiencias” con vivencias e consellos prácticos de profesionais referentes que buscan expoñer as claves do éxito empresarial cun ciclo de conferencias no que participarán importantes nomes propios do mundo da empresa e da economía que darán “o consello que pode cambiar a túa vida”. O concello non desvelou aínda os nomes que participarán neste apartado, pero o alcalde do Porriño adiantou que serán “nomes de importante prestixio profesional” e moi recoñecidos, non só no mundo da empresa.

De momento, no apartado de conferencias o concello confirma unha sesión de coach, unha destacada charla sobe experiencia inspiradora ou un Talent Briefing no que participarán os directores de RRHH de importantes empresas da contorna. Haberá tamén un obradoiro práctico entre as moitas actividades do foro.

Destaca Lorenzo a aposta do goberno local polo emprendemento, o tecido empresarial, a creación de emprego e a formación. Unha aposta que se escenificará neste foro onde se porán fronte a fronte grandes empresas e empresarios, desempregados e estudantes para buscar sinerxias. Lembra Lorenzo que o emprazamento non pode ser mellor, sendo o Concello do Porriño un dos municipios co PIB máis alto de toda Galicia, con 2.200 empresas e 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial.

Foco na educación

O evento postúlase como unha oportunidade estratéxica tanto para persoas en procura activa de emprego como para estudantes de 4º da ESO, Bacharelato e Formación Profesional, que atoparán información clave sobre as múltiples saídas para dirixir o seu futuro profesional. Neste apartado, por exemplo, haberá unha conferencia sobre a “Oferta formativa da Universidade de Vigo”, ademais da presenza de centros de FP e escolas de negocios que asesorarán aos mozos sobre as competencias máis demandadas polo mercado actual.

Este tipo de foros resultan esenciais para o ámbito educativo, xa que permiten reducir a fenda entre as aulas e o mundo laboral real. Ao interactuar directamente cos responsables de RRHH, os estudantes non só descobren que perfís buscan as empresas, senón que tamén comprenden a importancia das “soft skills” ou habilidades brandas, como a comunicación e a resiliencia.

Deste xeito, no “Porriño Conecta Talento” convértese nunha ferramenta de orientación vocacional de primeira orde, motivando ao alumnado a enfocar a súa formación cara a sectores con alta empregabilidade e fomentando un espírito emprendedor desde as etapas temperás da súa aprendizaxe.