Millerios de persoas gozaron en Porrigalia que este domingo despediuse ata 2018

Porrrigalia 2017 rematou este domingo con varios dos eventos máis agardados destes días de festa: a final dos Xogos, que este ano consistiron en Tiro de Corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en Raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos; o Desfile das comparsas, e o espectáculo de luz e fume de Troula Animación.

As finais dos xogos desta edición de Porrigalia estiveron moi disputados e houbo que agardar seica ata as últimos intres das distintas probas para coñecer aos gañadores, que recibiron os seus trofeos e medallas de man da alcaldesa, Eva García de la Torre.

Se os xogos levaron a emoción as gradas do ‘circo’, instalado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, o desfile dos romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, castrexos e gregos, estivo aínda máis discutido, posto que todos eles amosaron a súa imaxinación, a súa arte, a súa orixinalidade e a súa forza.

O agardado desfile da Garda Pretoriana, xusto antes do apagado do Pebeteiro, co que se remataba o Porrigalia 2017, foi un dos espectáculos máis aplaudidos destes días xunto co impresionante montaxe de ‘Troula Animación’.

Orcos, trolls e animalias… seres saídos da máis profunda escuridade dos tempos, envolveron aos asistentes no seu delirio de bengalas, instrumentos de percusión, fume, iluminación, levando aos presentes a unha peregrinación eterna, sorprendente e fantástica polas rúas do Porriño.

A noite dixo adeus ao son de ‘Pa ti na ma’, coas mellores versións de flamenco, para despedir esta edición de Porrigalia que viuse completa coa Animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais a Asociación Cultural San Xurxo de Mosende e Os Festicultores.

Ademais, os miles de asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a arte dos Oficios Tradicionais, da Loita Romana, do rock dos galegos de Astarot ou comprobar que Obús segue soando como hai tres décadas.

#Porrigalia2017 segue co ‘Desfile de Comparsas’ e as Finais dos Xogos antes do peche da man de Troula Animación e ‘Pa ti na ma’

Porrigalia seguiu este domingo co Desfile de Comparsas, que saíu preto do mediodía da Capela de San Sebastián cara á Praza de Antonio Palacios, no que, sen dubida, foi un dos momentos máis salientabéis da edición deste 2017. 

Centos de persoas seguiron o desfile, no que participaron representantes de todas ‘civilizacións’ presentes en Porrigalia.

Así mesmo, os membros da Asociación Cultural Os Zoqueiros, da Charanga Os Imperiais e da Asociación Cultural San Xurxo, de Mosende levaron a música por todo o casco urbán dentro de ‘Animación na Rúa’, que seguirá ata as 11 da noite.

Pola tarde chega o momento da emoción coa Final dos Xogos e a Entrega de Trofeos e Medallas, na Praza de Antonio Palacios; o Desfile da Garda Pretoriana-dende a Capela de San Sebastián ata o Concello- e o apagado do pebeteiro.

Ás 11 da noite o Espectáculo de Luz e Lume de Troula Animación percorrerá as rúas da vila antes de que na Praza de Antonio Palacios empece, ás 12 da noite, o Concerto de ‘Pa ti na ma’, co que quedará pechado este Porrigalia 2017.

#Porrigalia2017 O comezo dos Xogos, que este domingo celebran as finais, e o concerto dos míticos ‘Obús’, encheron o Porriño este sábado

Aínda que este sábado empezara con choiva, obrigando á organización a facer algún cambios no programa, centos de persoas saíron á rúa para seguir gozando de Porrigalia 2017, que arrancou con animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais e Os Festicultores.

O público non quixo perderse o Combate de Loita Romana, e tanto as gradas coma os soportais da Praza de Antonio Palacios estaban ateigados para seguir os combates que serviron de ‘aperitivo’ ao arranque dos Xogos.

Nestes, os ‘atletas’-que este domingo disputan a final dende as 6 da tarde- mediron a súa forza, elasticidade, habilidade e preparación no Tiro de corda, Traga-bolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquís Comunitarios e Tiratacos.

Á mesma hora, diante da Igrexa de Santa María, daban comezo as actividades de ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, que seguiron toda a tarde.

Chegadas as 11 e media da noite, saíron aos escenario de Domingo Bueno os míticos ‘Obús’, que amosaron que, coma si os vellos rockeiros nunca morren, no ‘heavy’ pasa o mesmo. Centos de incondicionais da banda integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, cantaron os seus temas máis coñecidos e coñeceron os máis novos deste grupo que leva máis de tres décadas de música.

Este domingo, dende as 11 da mañá, Os Zoqueiros, a Cultural San Xurxo de Mosende e a Charanga Os Imperiais xa puxeron en marcha ‘Animación na rúa’; seguen as demostracións de Oficios Artesanais-canteiría, cerería, ebanistaría e cestería- na Praza do Cristo; de 11 da mañá a 1 da tarde, fronte á Igrexa de Santa María, empeza ‘Pekegalia e Bebegalia’.

Un dos momentos máis agardados de Porrigalia 2017 será o ‘Desfile de Comparsas’ dende as 11 e media da mañá-con saída dende a Capela de San Sebastián cara ao Concello-, e outro as finais dos xogos-seguidas das entregas de trofeos e medallas-, na Praza de Antonio Palacios, dende as 6 da tarde.

Ás 10 da noite chegará a hora do Desfile da Garda Pretoriana e apagado do pebeteiro, ás 11, polas rúas do casco urbano, o Espectáculo de luz e lume de Troula Animación, e as 12 da noite o concerto de ‘Pa ti na ma’, na Praza de Antonio Palacios.

 

#Porrigalia2017 Millerios de persoas saen ás rúas do Porriño para desafiar aos romanos

Porrigalia 2017 segue este sábado, día 22, pero con algúns cambios, por mor da choiva, na programación prevista para hoxe.

A loita romana,anunciada para a 1 da tarde, pasa ás 6 da tarde, no mesmo lugar: a Praza de Antonio Palacios; rematada a loita darán comezo os Xogos- Tiro de corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos-, tamén na Praza de Antonio Palacios.

‘Pekegalia e Bebegalia’, anunciados para as 6 da tarde fronte á Igrexa de Santa María do Porriño, adiántanse ás 4 da tarde, no mesmo lugar.

Mantense na súa hora o concerto dos míticos ‘Obús’, que comezará ás 23:30 h. en Domingo Bueno.

Este venres, milleiros de persoas participaron no primeiro día de Porrigalia 2017 que quedou aberto co ‘Defile das Civilizacións’, que saíu ás 9 da noite da Capela de San Sebastián e rematou diante do Concello, na Praza de Antonio Palacios, na que se instalaran gradas e unha pantalla xigante para a ocasión.

Romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, gregos e castrexos, desfilaron diante do público, montados a cabalo, bailando, facendo piruetas, brincando e desafianzo o poderío do exército de Roma, que ‘conquistou’ o centro da vila coas súas lexións.

Pasadas as 10 da noite, o campión de España de Aro, integrante do Club Ximnasia Porriño, Hernán Sío, xunto coa alcaldesa, Eva García de la Torre, prendeu o pebeteiro, situado na porta principal do Concello, dando por inaugurada esta nova edición de Porrigalia.

De seguido, na rúa Domingo Bueno, empezou o concerto banda galega Astarot, ‘a lenda viva do rock galego’, que tocou os temas do seu novo traballo e os xa históricos do grupo, atendendo as peticións do público.

A Policía Local informa dos cortes de tráfico no casco urbano pola celebración de Porrigalia

Co gallo da celebración de Porrigalia, dende este venres, día 21, ao vindeiro domingo, 23 de xullo, a Policía Local informa de que será necesario cortar ao tráfico varias rúas do casco urbano do Porriño.

O Venres, día 21, dende as 7 da mañá, estará cortada a circulación na rúa Domingo Bueno, dende a ‘Rotonda Aloques’ ata a rúa Pío XII, nos dous sentidos. Ao mesmo tempo estará aberto un desvío, so para turismo, pola rúa Pinar; os autobuses e camións farano pola Autovía.

As paradas de buses manteranse en: Avenida de Galicia, en todos os sentidos, ‘La Casilla’, cruce de Salceda, e quedarán suprimidas as paradas entre ‘La Casilla’ e Aloques. As paradas sentido Porriño-Ponteareas, non estarán afectadas.

Domingo 23 de xullo.– dende as 10 da mañá abrirá ao tráfico a rúa Domingo Bueno.

A rúa Manuel Rodríguez quedará cortada á circulación ata Leandro Diz, dende as 7 da mañá do venres, para a instalación das casetas de Porrigalia, ata o domingo, día 23 ás 10 da noite.

Polo que se refire aos garaxes que estarán afectados polas restricións de circulación e cortes de tráfico, os seus usuarios deberán consultar á Policía Local.

Todo o programa de ‘Porrigalia 2017’ que dende o venres ao domingo ateigará O Porriño de diversión

Xa está todo listo para o comezo de ‘Porrigalia 2017’ que dende este venres, día 21, ata o domingo, 23 de xullo, ateigará as rúas do Porriño de animación, traxes de época, comparsas, castrexos, romanos, galos, exipcios, vikingos, gregos e celtas, música e a exhibición dos atletas que participarán nos xogos.

Durante eses tres días, os participantes na festa deste ano terán a ocasión de asistir a Demostracións de Oficios Artesanais, na Praza do Cristo. Nela estarán Mestres especializados en Cantería, Cerería, Ebanistería e Cestería, que compartirán o seu saber e coñecemento co público.

O venres, 21, o programa empezará ás 9 da noite co ‘Desfile das Civilizacións’, dende a Capela de San Sebastián ata a Praza de Antonio Palacios. Nesta praza terá lugar, ás 10 da noite, da man do Campión de España de Aro, Hernán Sío, o ‘Aceso do Pebeteiro’.

Ás 10 e cuarto da noite chegará o Pregón do Anunciatis e ás 11 menos cuarto será a hora da actuación do grupo galego de heavy ‘Astarot’, na rúa Domingo Bueno.

O sábado, día 22, ‘Porrigalia 2017’ espertará ás 11 da mañá co Anunciatis polas rúas do Porriño e a ‘Animación na Rúa’, que chegará ata as 11 da noite, a cargo da Asociación Cultural ‘Os Zoqueiros’ do Porriño’, a ‘Charanga Os Imperiais’ e Os Festicultores.

De 11 da mañá a 1 da tarde, desenrolarase ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María do Porriño.

Ás 11 e media darán comezo os Xogos, na Praza de Antonio Palacios. Este ano os atletas medirán as súas forzas, pericia, habilidade e preparación  no Tiro da Corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en Raia, Canasta, Esquís Comunitarios e Tiratacos.

Á 1 da tarde chegará o intre do Combate de Loita Romana, na Praza de Antonio Palacios e dende as 6 da tarde ata as 10 da noite, seguirá adiante ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María.

Ás 11 e media da noite dará comezo o concerto estrela deste ‘Porrigalia 2017’ o de ‘Obús’, a mítica banda integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos.

O domingo, día 23, ás 11 da mañá empezará o Anunciatis polas rúas da vila; a esa mesma hora dará comezo ‘Animación na Rúa’-que seguirá ata as 11 da noite- da man da Asociación Cultural ‘Os Zoqueiros’ do Porriño’,a Asociación Cultural San Xurxo, de Mosende, e a Charanga Os Imperiais.

De 11 a 1, estará en marcha ‘Pekegalia ‘ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María do Porriño.

Ás 11 e media empezará o ‘Desfile de Comparsas’, dende a Capela de San Sebastián á Praza de Antonio Palacios.

De 6 da tarde a 11 da noite volve ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, fronte á Igrexa de Santa María; ás 6 da tarde empezará a Final dos Xogos e a posterior entrega de Trofeos e Medallas.

O final da Porrigalia 2017, co apagado do pebeteiro será ás 10 da noite, co Desfile da Garda Pretoriana, dende a Capela de San Sebastián á Praza de Antonio Palacios que dará paso, ás 11 da noite, ao Espectáculo de luz e lume de Troula Animación, polas rúas do Porriño, xusto antes do concerto de ‘Pa Ti Ma Na’ , ás 12 da noite, na Praza de Antonio Palacios.

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, campión de España de Aro, prenderá a chama de Porrigalia

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, que o pasado mes de xuño proclamouse campión de España de Aro, subcampión con mans libres e medalla de bronce xeral na categoría alevín, será quen encenda o ‘pebeteiro’ de Porrrigalia 2017.

Hernán xunto con todas as integrantes do Club Ximnasia Porriño- que este ano clasificouse por primeira vez para o Campionato de España-, recibiron a homenaxe do Concello pola excepcional tempada, sendo recibidos polo alcalde accidental e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o a concelleira de Educación e Xuventude, Lourdes Moure.

Hai que lembrar que Porrigalia, que se celebra dende o vindeiro venres, día 21, ata o domingo, 23, ten ao grupo ‘Obus’, unha das lendas do ‘heavy metal’ en España, como a ‘estrela’ desta edición.

A banda, integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, actuará o vindeiro sábado, día 22 de xullo, ás 23:30 horas, como anuncia xa na súa páxina web.

Outra das actuacións importantes desta edición será a de Astarot, o grupo galego ‘heavy’ que cumpre neste 2017 os seus primeiros 34 anos de vida, e que chegará a Porrigalia o venres, día 21 de xullo ás 22:45 h. no mesmos escenario que os ‘Obús’: na rúa Domingo Bueno.

Aberto ao público o Parque Infantil do Cristo, logo dunha reforma integral e a colocación dun novo bambán para persoas con diversidade funcional

Dende este xoves está aberto ao público o parque infantil do Cristo logo dunha reforma total do mesmo que abrangue a arranxo duns bambáns e substitución doutros, a retirada do chan de área e a colocación dun novo xogo adaptado a persoas con diversidade funcional, como adiantara o concelleiro de Parques e Xardíns, Orlando Márquez, hai unhas semanas.

En total, o Concello investiu neste proxecto, desenrolado por HPC Ibérica, un total de 34.000€, incorporando un novo chan de caucho continuo ‘anti-impacto’, o devandito bambán para persoas con diversidade funcional– orzamentado en 4.000€- o peche do perímetro e a colocación de entradas ‘anti-can’.

Orlando Márquez, que este xoves estivo acompañado por Israel Mercader, que como noutros traballos do Concello, asesorou neste proxecto sobre integración e accesibilidade, sinalou que nas vindeiras semana empezará o labor para acondicionar tamén os parques do Centro Social de Atios,  de Orbenlle, e A Forna, na parroquia de Budiño, os do centro social de Pontellas, o de Fontevella, na rúa Pío XII, ou o do Matadeiro, á beira do Louro.