Aprazada a proxección da película ‘Hotel Transylvania 2’, programada para este xoves, 6 de xullo, na Praza de Antonio Palacios

A proxección da película ‘ Hotel Transylvania 2’, que estaba programada para este xoves, día 6 de xullo, ás 10 e media da noite, na Praza de Antonio Palacios, ven de quedar aprazada por mor das condicións climatolóxicas.

Nuns días coñecerase a nova data fixada para a exhibición deste filme que poden ver todos os públicos.

Xa podes inscribirte para participar en Porrigalia 2017

As persoas interesadas en participar en Porrigalia 2017, que se celebra no Porriño, organizada polo Concello, os días 21,22 e 23 de xullo, xa poden entrar no portal web porrigalia.gal e inscribirse dentro dos ‘Gremios’ que  estarán presentes na festa; integrar as Comparsas que desfilarán na mesma ou solicitar un dos postos que se abrirán nela.

En porrigalia.gal atoparán a ‘Folla de incrición de Gremios’ e as bases tanto de Participación de Comparsas como de Funcionamento dos Postos.

O arquitecto Bar Boo e a poetisa Yolanda Castaño, protagonistas da actividade da Biblioteca Municipal

O arquitecto Bar Boo e a poetisa Yolanda Castaño, protagonistas da actividade da Biblioteca Municipal o luns, día 17 e o martes, 18 de abril

A Biblioteca Municipal, en cumprimento dos seus obxectivos de contribuir a poner en valor o patrimonio do Porriño e de potenciar a cultura no eido da nosa vila, organiza dúas actividades do máximo interese.

O vindeiro luns, día 17, o protagonista será o arquitecto Xosé Bar Boo (Vigo 1922-Santiago 1994): a Biblioteca Municipal quere achegar a obra porriñesa deste arquitecto xenial, cun roteiro guiado –de 5 a 8 da tarde- polas edificacions que deixou no Porriño.

Para elo estará presente o fillo do propio arquitecto, Alfonso Bar Blanco, e a visita iniciarase cunha charla na que exporá as ideas crave para entender a obra porriñesa de Bar Bóo, coa proxección de fotografías e modelos dixitais en 3D dos edificios proxectados para o noso concello, tamén os que non chegarían a realizarse, ou se realizaron sen respectar os planos do autor.

Despois os asistentes farán unha visita aos diferentes edificios de Bar Bóo na vila, deténdonos especialmente na espectacular Praza de Abastos.

Trátase dunha actividade gratuíta e aberta para todos os públicos, pero é necesario ser socio/a da biblioteca e inscribirse previamente, presencialmente ou chamando por teléfono (986337624). As prazas son reducidas e cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño.

O martes 18 de abril-ás 11:45 h.- Yolanda Castaño, sen dúbida un dos rostros máis coñecidos da poesía galega, porá en marcha na Biblioteca Municipal o seu espectáculo, cun novo e atractivo xeito de comunicar os seus versos, facéndo que o público dialogue coa linguaxe audiovisual e as novas tecnoloxías.

Ese día os asintentes serán partícipes dunha moderna posta en escena, capaz de conectar mesmo con públicos pouco versados no xénero poético, a través dun recitado de textos acompañado pola proxección de breves videopoemas e bases musicais.

Yolanda Castaño é unha das poetisas actuais en galego máis relevantes: máis de vinte anos publicando, e recibindo premios como o Fermín Bouza Brey, o Johán Carballeira de Poesía, o Premio da Crítica, ou o Premio Fundación NovaCaixaGalicia de Poesía.

Presentadora de televisión, crítica literaria en distintos medios, polifacética e multidisciplinar, e comprometida coa dinamización cultural que a levou a pór en práctica distintos proxectos innovadores ao redor da poesía e a expresión artística.

A actividade, organizada dentro do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia, está dirixida principalmente á mocidade, idealmente para nenos e nenas de 4 a 14 anos; de feito ese día asistirán alumnos e alumnas do IES porriñés Pino Manso…ainda que é un espectáculo en aberto e para todos os públicos.

CINEMA: Sicixia

CINEMA:
16 de abril. 2017
| Ás 19:30 h.
| Círculo Recreativo e Cultural » ver mapa
| Aforo limitado

Sicixia
Ano: 2016
Duración: 98 min.
País: España
Director: Ignacio Vilar
Guion: Ignacio Vilar
Fotografía: Diego Romero Suárez-Llanos
Xénero: Drama. Romance | Vida rural
Productora: Via Láctea Filmes
Público: non recomendada para menores de 12 anos

Reparto:
Monti Castiñeiras, Marta Lado, Arantxa Villar, Melania Cruz, Artur Trillo,Daniel Trillo, Tamara Canosa

Sinopse:
Xiao é un enxeñeiro de son que percorre as localidades e lugares máis recónditos de Galicia en procúraa de sons, da xente e da natureza. Nesta viaxe coñecerá a Olalla, quen traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte.

A Biblioteca Municipal organiza un “faladoiro” sobre Carlos Casares

A Biblioteca Municipal organiza este luns, día 10 de abril, un ‘faladoiro’ sobre o protagonista do ‘Día das Letras Galegas 2017’, Carlos Casares, a cargo de Gustavo A. Garrido, amigo secretario da fundación que leva o nome do escritor

Dentro das actividades que impulsa a Biblioteca Municipal do Porriño, o seu club de lectura, que se reúne os luns, propón para o vindeiro día 10 un acto especial, aberto a todo o público.

Dado que este 2017 está adicado ao escritor ourensán Carlos Casares, que é o autor protagonista do Día das Letras Galegas, a Biblioteca Municipal segue mergullada na lectura de varias obras desta figura senlleira da nosa literatura, en concreto das súas novelas ‘O sol do verán’, ‘Vento ferido’ e’ Ilustrísima’.

Por tal motivo, organiza un faladoiro sobre a figura e a obra de Casares, no que contará coa participación do secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo A. Garrido que estará Porriño para compartir os seus coñecementos profesionais e persoais sobre Casares, do que ademais dun experto na súa obra, foi un grande amigo.

Esta actividade desenvolverase o vindeiro día 10, na Biblioteca do Porriño, entre as 6 e media e as 8 da tarde.

XVI Marcha BTT Faro de Budiño

300 participantes tomarán a saída na XVI Marcha BTT Faro de Budiño, na que colabora a Concellería de Deportes

BudiñoBike-Canteiros, coa colaboración da Consellería de Deportes do Concello do Porriño, que dirixe Manuel Carrera, organiza o vindeiro domingo, día 26 de marzo, a XVI Marcha BTT Faro de Budiño, sobre un percorrido de 30 quilómetros que sairá do Centro Cultural A Forna ás 9 e media da mañá, pasará pola Picoña, en Salceda, Couso e Atios, para volver A Forna sobre a 1 e media da tarde. Alí os participantes poderán quedar a comer lacón con grelos.

Un ano máis, coma salientou Manuel Carrera, o Concello do Porriño colabora con esta proba, “a máis numerosa da provincia na súa especialidade, con preto de 300 participantes, e unha das máis importantes de Galicia”.

O concelleiro sinalou durante a presentación da proba, que a mesma “amosa a importancia da actividade deportiva no Porriño que é referencia e distintas modalidades, entre elas a da bicicleta de montaña”.

Os organizadores lembraron que esta marcha non ten carácter competitivo o que supón que a dureza da proba está na exixencia que se fagan a sí mesmos cada un dos participantes o cal é un dos seus principais atractivos, xunto coa posibilidade de gozar da beleza do Porriño, algo que non sería posible sen a aportación das distintas comunidades de montes locais, “en especial da Comunidade de Montes de Budiño” .

Aumenta o número de peregrinos no Albergue do Porriño

Aumenta o número de peregrinos que pasaron a noite no Albergue do Porriño ao longo do ano pasado

Un total de 5.214 peregrinos a Compostela durmiron no albergue do Porriño o pasado ano, 386 máis que en 2015, o que supuxo un incremento do 8%. Por segundo ano consecutivo aumenta o número de persoas que dormen no concello no seu paso cara a Santiago.

Os meses de máis actividade no albergue foron os de maio-con 577 persoas-xullo-con 755-, agosto-con 1.138- e setembro- con 873-, mentres que tamén houbo unha actividade salientábel en en abril, con 511 estadías e outubro, con 474.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis.

O Porriño ocupa un lugar ‘clave’ no Camiño Portugués xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

Suspéndese o Gran Desfile de Comparsas

AVISO IMPORTANTE: ***Suspéndese (é decir, non se farán outro día) o Gran Desfile de Comparsas polas malas condicións climatolóxicas.
O Enterro da Sardiña pasa do mércores, día 1, ao sábado, día 4

O Gran Desfile de Comparsas, que debía celebrarse este martes, día 28, ás 6 da tarde no Porriño, con saída dende San Sebastián, queda suspendido a causa das malas condicións climatolóxicas.

Así mesmo, o Enterro da Sardiña, programado para este mércores, día 1 de marzo, ás 7 da tarde, pasa para o sábado, día 4, á mesma hora, co mesmo percorrido: Círculo Recreativo e Cultural, rúa Domigo Bueno, San Sebastián e Praza do Arquitecto Antonio Palacios.