Aínda que este sábado empezara con choiva, obrigando á organización a facer algún cambios no programa, centos de persoas saíron á rúa para seguir gozando de Porrigalia 2017, que arrancou con animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais e Os Festicultores.

O público non quixo perderse o Combate de Loita Romana, e tanto as gradas coma os soportais da Praza de Antonio Palacios estaban ateigados para seguir os combates que serviron de ‘aperitivo’ ao arranque dos Xogos.

Nestes, os ‘atletas’-que este domingo disputan a final dende as 6 da tarde- mediron a súa forza, elasticidade, habilidade e preparación no Tiro de corda, Traga-bolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquís Comunitarios e Tiratacos.

Á mesma hora, diante da Igrexa de Santa María, daban comezo as actividades de ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, que seguiron toda a tarde.

Chegadas as 11 e media da noite, saíron aos escenario de Domingo Bueno os míticos ‘Obús’, que amosaron que, coma si os vellos rockeiros nunca morren, no ‘heavy’ pasa o mesmo. Centos de incondicionais da banda integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, cantaron os seus temas máis coñecidos e coñeceron os máis novos deste grupo que leva máis de tres décadas de música.

Este domingo, dende as 11 da mañá, Os Zoqueiros, a Cultural San Xurxo de Mosende e a Charanga Os Imperiais xa puxeron en marcha ‘Animación na rúa’; seguen as demostracións de Oficios Artesanais-canteiría, cerería, ebanistaría e cestería- na Praza do Cristo; de 11 da mañá a 1 da tarde, fronte á Igrexa de Santa María, empeza ‘Pekegalia e Bebegalia’.

Un dos momentos máis agardados de Porrigalia 2017 será o ‘Desfile de Comparsas’ dende as 11 e media da mañá-con saída dende a Capela de San Sebastián cara ao Concello-, e outro as finais dos xogos-seguidas das entregas de trofeos e medallas-, na Praza de Antonio Palacios, dende as 6 da tarde.

Ás 10 da noite chegará a hora do Desfile da Garda Pretoriana e apagado do pebeteiro, ás 11, polas rúas do casco urbano, o Espectáculo de luz e lume de Troula Animación, e as 12 da noite o concerto de ‘Pa ti na ma’, na Praza de Antonio Palacios.