O Concello do Porriño destina preto de 94.000 euros á renovación e mantemento dos parques infantís e áreas biosaudables

  • Os traballos abranguen espazos localizados nas parroquias de Cans, Torneiros, Mosende e Budiño así como a adquisición de nova maquinaria co obxectivo de reforzar o mantemento regular destas áreas.

O Porriño, 12 de maio de 2025.– O Concello do Porriño vén de poñer en marcha un ambicioso plan de renovación e mellora que afecta a cinco parques infantís e unha área biosaudable repartidos por distintas parroquias do municipio. Estes traballos, que teñen un prazo estimado de execución de seis meses, contan cun orzamento total de 74.300 euros, dos cales 10.900 euros proceden de fondos propios do Concello, e o resto está financiado a través do Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

“Estas actuacións responden a un compromiso firme do goberno municipal coa seguridade e benestar das nosas familias, especialmente dos máis pequenos”, subliñou o alcalde, Alejandro Lorenzo, quen destacou que os parques infantís son espazos clave para o desenvolvemento físico, emocional e social da infancia.

As actuacións incluirán a instalación de novos pavimentos amortecedores de impacto, a restauración de xogos danados, a renovación de valados perimetrais e a incorporación de novo equipamento biosaudable. Ademais, todos os espazos contarán con carteis informativos que recollerán datos como as idades recomendadas, teléfonos de contacto para mantemento e emerxencias, e normas de uso que garantan un lecer seguro e responsable.

Os traballos abranguen espazos localizados nas parroquias de Cans, Torneiros, Mosende e Budiño. No caso de Cans, realizaranse melloras tanto no parque da Graña como no do Río  Couso, con especial atención á renovación do pavimento e á reubicación dos elementos biosaludables. En Torneiros actuarase tanto no parque infantil da Fase I, onde se renovará o valado perimetral e a cancela de acceso, restauraranse os elementos de multixogo e instalaranse porterías antivandálicas, como tamén no parque do Alba, onde se substituirán os actuais elementos da área biosaudable por outros novos. No parque da Costeira, en Mosende, acometerase unha mellora integral que inclúe a substitución da valla, o acondicionamento do terreo e a instalación de céspede artificial. Finalmente, en Budiño, no parque da Forna, renovarase completamente a área infantil cun novo deseño de espazo e equipamento, ademais da mellora da superficie e dos bordos.

En paralelo ás obras de mellora, o Concello do Porriño tamén vén de investir na adquisición de nova maquinaria co obxectivo de reforzar o mantemento regular destas áreas. Neste sentido, realizouse unha compra por un importe total de arredor de 19.700 euros, que inclúe un cortacéspede profesional con tracción total e un remolque de grandes dimensións equipado con freos, ramplas e estrutura reforzada. Esta nova dotación permitirá ao servizo municipal de mantemento actuar con maior eficacia e garantir o bo estado das áreas de xogo durante todo o ano.

O concelleiro responsable da área, Marcos Martínez, explicou que este proxecto permite dar resposta a numerosas demandas veciñais acumuladas nos últimos anos e que supón un salto cualitativo tanto en seguridade como en accesibilidade. “Estamos a traballar para que todas as crianzas do Porriño poidan desfrutar de espazos renovados, seguros e atractivos. Pero tamén estamos pensando no día despois: por iso investimos tamén en nova maquinaria para o mantemento, para garantir que estes espazos se manteñan en bo estado durante todo o ano”, afirmou.

O equipo de goberno salienta que esta intervención é unha mostra máis da súa aposta polo equilibrio territorial e polo benestar das familias, e que continuará na mesma liña con novos proxectos nas distintas parroquias. “Queremos que todos os nenos e nenas do Porriño, vivan onde vivan, conten con áreas de xogo seguras, modernas e accesibles. Esta é unha aposta decidida pola igualdade de servizos e pola mellora do espazo público en todo o termo municipal”, concluíu o alcalde.

A Xunta de Galicia centra no Porriño as celebracións do Día de Europa

  • Unha exposición itinerante sobre fondos europeos permanecerá dúas semanas no Porriño antes de continuar o seu percorrido por outras localidades galegas.
  • Durante a tarde, as actividades continuarán con xogos infantís, un espectáculo de maxia e un concerto da cantante Helena Egea, que porá o broche festivo á celebración.

O Porriño, 9 de maio de 2025.– O Concello do Porriño acolleu este venres os actos oficiais do Día de Europa en Galicia, nunha xornada que reuniu a representantes da Xunta, da corporación municipal e da comunidade educativa. A celebración incluíu actividades para a rapazada, o izado da bandeira europea, discursos institucionais e a inauguración dunha exposición itinerante sobre os fondos europeos.

No acto participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, o director xeral de Fondos Europeos, Ángel Tarrío, o delegado territorial de Educación, César Pérez, así como membros da corporación municipal e representantes do CEIP Xosé Fernández López.

Durante a súa intervención, o alcalde Alejandro Lorenzo subliñou o compromiso do municipio co proxecto europeo e o impacto positivo dos fondos comunitarios no desenvolvemento local: “Europa constrúese aquí, nas nosas vilas, nos centros educativos, nas asociacións e nas administracións locais. Porriño é unha vila chea de pasado, presente e futuro, e é hoxe un exemplo vivo de como os fondos europeos contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía”, asegurou.

Pola súa parte, o conselleiro Miguel Corgos destacou o papel fundamental destes fondos na modernización de Galicia, tanto no medio urbano como no rural: “Os fondos europeos son unha ferramenta esencial para avanzar nunha Galicia máis cohesionada e con máis oportunidades. Desde a Xunta facemos unha xestión rigorosa e eficaz destes recursos, que se traducen en investimentos reais en ámbitos como a educación, a sanidade, a innovación, o medio ambiente ou a mellora das infraestruturas”, sinalou. Tamén puxo en valor a colaboración entre administracións para asegurar que os fondos cheguen ao territorio e dean resposta ás necesidades reais da poboación.

A mañá comezou coa participación do alumnado do CEIP Xosé Fernández López, que se implicou activamente en xogos e actividades lúdicas relacionadas coa Unión Europea. Posteriormente tivo lugar o izado da bandeira da UE desde o balcón do Concello e a lectura das declaracións institucionais na praza.

A xornada serviu tamén para inaugurar unha exposición itinerante sobre fondos europeos, composta por 16 paneis informativos que explican a historia e o funcionamento de programas como o FEDER, o Fondo Social Europeo, o Fondo de Transición Xusta ou os Plans Estratéxicos da PAC. A mostra permanecerá dúas semanas no Porriño antes de continuar o seu percorrido por outras localidades galegas.

Durante a tarde, as actividades continuarán con xogos infantís, un espectáculo de maxia e un concerto da cantante Helena Egea, que porá o broche festivo á celebración.

Desde o Concello, convidouse á veciñanza a visitar a exposición e a aproveitar esta oportunidade para coñecer máis de preto como Europa forma parte da vida cotiá do Porriño.

Un soño feito realidade: o BM Porriño xoga a final europea na casa

  • O encontro disputarase este sábado 10 de maio ás 17:00 horas no Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño.
  • Mañá sábado a partir das 14:00 horas, poderase desfrutar de ambiente festivo nunha carpa xigante instalada nas inmediacións do pavillón, con degustación de callos e música ambiente, para que a veciñanza poida reunirse antes do encontro. Habilitarase un servizo especial de tren para facilitar os desprazamentos ata o Pavillón así como a realización de visitas turísticas pola vila.

O Porriño, 9 de maio de 2025.– Esta mañá celebrouse no Templete de San Luis o acto de presentación oficial do partido de ida da FINAL DA EUROPEAN CUP FEMININA 2025, que enfrontará ao Conservas Orbe ZENDAL BM Porriño contra o club islandés Valur. Un evento que marca un antes e un despois no deporte galego e, especialmente, no balonmán feminino.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o significado desta cita para a vila. Destacou que “esta final é moito máis que un partido: é o reflexo do traballo, da constancia e do talento das nosas xogadoras, e un orgullo para toda a vila. O Porriño converterase este sábado nun referente do deporte feminino europeo”. Lorenzo animou tamén á cidadanía a participar deste momento histórico: “Agardamos ver o pavillón cheo, con todas e todos arroupando ao equipo e gozando deste momento único. Sentir ese alento desde as bancadas será fundamental para as xogadoras”.

O alcalde tamén quixo compartir a súa implicación persoal co club ao longo dos anos: “Como alcalde, nada me enche máis de orgullo que ver a un club da nosa vila chegar tan alto. Este soño empezou a facerse realidade hai pouco máis dun mes e hoxe está ás portas de culminar. Deséxolles o mellor, e sobre todo, que gocen cada segundo como o estamos facendo toda a vila”. Así mesmo manifestou o agradecemento ao equipo e todas as administracións e empresas implicadas que fan posible que este soño se faga realidade.

O encontro disputarase este sábado 10 de maio ás 17:00 horas no Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño, e a vila xa respira a emoción desta cita continental. A final europea supón un fito sen precedentes tanto para o club como para toda a comunidade local.

Abel Estévez, presidente do Club Balonmán Porriño e concelleiro de Deportes, afirmou que “non só estamos facendo historia deportiva, senón tamén social: poñemos en valor o balonmán feminino e demostramos que desde un concello como O Porriño podemos chegar á elite europea”.

A capitá do Conservas Orbe ZENDAL BM Porriño, Sarai Samartín, tamén tomou a palabra no acto para expresar o sentir do vestiario: “Imos deixar todo na pista. Xogar esta final diante da nosa xente é un soño feito realidade e queremos que sexa unha festa do balonmán”.

O evento contou coa participación do adestrador do primeiro equipo, Ismael Martínez, e outras autoridades locais e deportivas. Ao remate da presentación, celebrouse un Media Day oficial, no que xogadoras e corpo técnico estiveron á disposición dos medios de comunicación para entrevistas, fotografías e declaracións.

Como parte da celebración desta xornada histórica, mañá sábado a partir das 14:00 horas, poderase desfrutar de ambiente festivo nas inmediacións do pavillón, con degustación de callos e música ambiente, para que a veciñanza poida reunirse antes do encontro. Ademais, habilitarase un servizo especial de tren para facilitar os desprazamentos ata o Pavillón así como a realización de visitas turísticas pola vila.

Dende o Concello, animase a toda á cidadanía a formar parte deste día inesquecible para o deporte feminino galego.

O Consorcio de Augas do Louro alerta de chamadas e visitas dunha empresa allea ao servizo que cuestiona a calidade da auga co obxectivo de vender aparatos para o tratamento da auga da billa

 

O Consorcio de Augas do Louro e Aqualia informan que tiveron coñecemento, nos últimos días, de chamadas telefónicas e visitas a domicilios por parte de persoas alleas ao servizo de abastecemento, durante as cales, alegando presuntos problemas de calidade da auga da billa, instan os veciños a mercar e instalar nas súas casas uns mecanismos para o tratamento da auga.

Estas persoas están a xerar unha alarma inxustificada sobre a calidade da auga subministrada, chegando a realizar nas casas unha proba química enganosa durante a cal a auga da billa vólvese escura, mentres a que eles amosan como tratada polo mecanismo que comercializan non sofre ese cambio de cor.

O Consorcio de Augas do Louro quere deixar claro que a calidade da auga subministrada polas redes municipais está garantida por un exhaustivo sistema de control sanitario que a certifica como TOTALMENTE APTA PARA O CONSUMO HUMANO. Ademais, informa que o Consorcio e Aqualia, como proba do seu compromiso coa calidade do servizo prestado, analizan a auga da rede de distribución en puntos especialmente habilitados para iso, sen necesidade de acceder ao interior das vivendas.

O Consorcio de Augas do Louro quere transmitir a súa plena confianza no exhaustivo control que realiza sobre a auga distribuída nos concellos que xestiona, realizando máis de 23.000 determinacións analíticas ao ano en laboratorios acreditados baixo a norma ISO-17025, cumprindo estritamente co establecido no RD 3/2023, do 10 de xaneiro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo, o seu control e subministración.

Ademais, e como reforzo adicional á calidade da auga que distribúe, quere informar os veciños de que as Autoridades Sanitarias da Xunta de Galicia realizan os seus propios controis de vixilancia nas instalacións municipais, levando a cabo as correspondentes análises de contraste. Deste xeito, a suma dos dous tipos de control garante a calidade da auga subministrada.

Todos os datos relativos á calidade da auga distribuída e os resultados das mostras analíticas efectuadas poden ser consultados a través do Sistema de Información Nacional de Consumo –SINAC– do Ministerio de Sanidade.

O Consorcio de Augas do Louro e Aqualia reiteran o seu compromiso cos veciños e traballan día a día para ofrecer auga de gran calidade, poñendo ao dispor do servizo os medios humanos e técnicos máis avanzados que garantan un exhaustivo control da auga subministrada.

Para máis información:

900 810 103

contacto@consorcio.es

www.aqualia.com

https://www.aqualia.com/es/area-de-cliente/prevencion-fraudes

O Porriño amplía a súa oferta de actividades para mellorar a calidade de vida das persoas maiores co programa “COMBIACTÍVATE”

  • Durante as sesións, combinaranse exercicios físicos con actividades de estimulación cognitiva, co obxectivo de que os participantes se sintan máis activos, autónomos e conectados coa contorna.

O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Concello do Porriño continúa ampliando a súa oferta de actividades destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Nesta ocasión, faino a través do programa de envellecemento activo “CombiActívate”, promovido en colaboración co Centro de Día do Porriño, que ofrecerá talleres de memoria e actividade física no Centro Cultural Alba, en Torneiros.

As sesións desenvolveranse todos os martes, de 16:00 a 17:00 horas, durante os meses de maio e xuño —comezando a vindeira semana— e retomaranse de setembro a decembro. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición directamente no Centro de Día do Porriño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “seguimos traballando para que os nosos maiores teñan acceso a programas que favorezan un envellecemento activo e saudable. Este tipo de iniciativas non só melloran o seu benestar físico e mental, senón que tamén fortalecen o tecido social da nosa comunidade”.

O programa busca ofrecer un espazo de encontro e dinamización no que as persoas maiores poidan manterse activas tanto física como mentalmente, promovendo a súa autonomía e benestar emocional.

Pola súa parte, a concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, destacou que “a colaboración entre o Centro de Día e o Concello está a dar moi bos resultados. Estes talleres son unha ferramenta clave para manter as capacidades cognitivas e físicas dos nosos maiores, e tamén para previr o illamento social”.

Durante as sesións, combinaranse exercicios físicos con actividades de estimulación cognitiva, co obxectivo de que os participantes se sintan máis activos, autónomos e conectados coa contorna.

O Concello do Porriño ADÍA o “FLI-PO MARKET” para os días 7 e 8 de xuño e reabre o prazo de inscripción

 

  • Debido á previsión de fortes precipitacións para esta fin de semana, o Concello do Porriño apraza a celebración do Fli-Po Market e reabre o prazo de inscrición ata o 30 de maio.

O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Concello do Porriño informa que, debido á previsión de fortes choivas para esta fin de semana, o Fli-Po Market queda adiado. O evento celebrarase finalmente os días 7 e 8 de xuño, mantendo o seu emprazamento na Praza 8 de Marzo (Avenida de Galicia).

A decisión foi adoptada mediante Decreto de Alcaldía co fin de garantir a seguridade das persoas asistentes e participantes, así como o bo desenvolvemento de todas as actividades programadas.

Co cambio de datas, ábrese tamén un novo prazo para a presentación de solicitudes, co obxectivo de facilitar a incorporación de novas propostas. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 30 de maio ás 14:00 horas, conforme ás condicións recollidas nas bases dispoñibles na web municipal.

O Fli-Po Market, organizado polo Concello do Porriño, é unha iniciativa pioneira para fomentar o consumo responsable e dar visibilidade á economía circular. O evento contará con postos de venda, troco e doazón de produtos de segunda man, ademais dunha ampla programación que incluirá obradoiros creativos, concertos, actividades infantís e propostas gastronómicas.

Desde o Concello anímase a toda a cidadanía e visitantes a participar nesta edición reprogramada, que combina sustentabilidade, cultura e lecer nun formato innovador e inclusivo.

A tradición toma a praza Antonio Palacios do Porriño este sábado

  • A cita desenvolverase a partir das 19:00 horas na Praza Antonio Palacios e converterá este emblemático espazo nun escenario de encontro coa tradición e co folclore galego da man de diferentes agrupacións do municipio

O Porriño, 2 de maio de 2025.– O Porriño celebra este sábado, 3 de maio, o Festival Folclórico das Asociacións Culturais e Veciñais. A cita desenvolverase a partir das 19:00 horas na Praza Antonio Palacios e converterá este emblemático espazo nun escenario de encontro coa tradición e co folclore galego, da man de diferentes agrupacións do municipio que traballan na preservación e difusión da nosa cultura popular.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “a celebración deste festival é unha oportunidade para recoñecer o labor das asociacións culturais que manteñen vivas as nosas tradicións. É tamén un momento para reforzar a identidade colectiva e o orgullo de pertencer a unha vila con tanta riqueza cultural”.

Durante a tarde, o público poderá gozar das actuacións do Grupo Cantareiras da Forna Budiño, o Grupo de Gaitas de Chenlo, o Grupo de Cantareiras de Carracido, o Grupo Acordecans e Os Penedíños de Atios. Todos eles ofrecerán unha mostra do seu repertorio tradicional, nunha cita que promete música, cor e sentimento de pertenza.

O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, expresou o seu agradecemento ás entidades participantes e destacou que “este festival é un exemplo do enorme potencial cultural do Porriño. As nosas asociacións non só conservan o patrimonio inmaterial, senón que fan que forme parte activa da vida cultural do municipio”.

A organización do festival é froito da colaboración entre o Concello do Porriño e as propias asociacións culturais e veciñais, que suman esforzos para que esta xornada se converta nun punto de encontro para a veciñanza.

Segundo Alejandro Lorenzo, “eventos coma este fortalecen os lazos entre parroquias e xeran espazos de convivencia arredor da nosa cultura, algo fundamental para seguir construíndo unha sociedade cohesionada e orgullosa da súa historia”.

O Concello anima a toda a cidadanía a achegarse á Praza Antonio Palacios e participar nesta festa da tradición, que ofrece unha ocasión única para desfrutar do folclore local en comunidade.

 

Zelnova Zeltia impulsa desde O Porriño a innovación sostible na industria europea.

  • Cunha traxectoria de máis de 80 anos e unha facturación anual de 85 millóns de euros, os seus produtos chegan a máis de 50 países.
  • A visita do alcalde Alejandro Lorenzo puxo en valor a aposta da compañía pola innovación sostible e o crecemento industrial.

O Porriño, 30 de abril de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá as instalacións de Zelnova Zeltia, compañía referente na fabricación de produtos para o fogar e líder no seu sector a nivel europeo. Acompañado polo tenente de alcalde, Carlos Martínez, e pola concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, o rexedor percorreu as instalacións e coñeceu de primeira man os novos proxectos e investimentos que a empresa está a desenvolver.

Durante a visita, Alejandro Lorenzo destacou a importancia estratéxica de Zelnova Zeltia para o tecido industrial do municipio: “Zelnova Zeltia é un orgullo para O Porriño e un exemplo de como se pode apostar pola innovación e a sustentabilidade sen renunciar ás raíces locais. Que empresas coma esta aposten por crecer dende aquí é unha garantía de futuro para o noso concello e para Galicia”, asegurou o alcalde.

O equipo directivo da compañía, encabezado polo seu presidente Pedro Fernández Puentes, explicou o proceso de expansión sostida que está a vivir Zelnova Zeltia, cun modelo baseado na innovación, o compromiso ambiental e a internacionalización. Fernández Puentes salientou: “Estamos nun momento clave para a compañía. Demostramos que é posible crecer de forma sostida apostando pola innovación, a sustentabilidade e o compromiso con Galicia”.
Ademais, destacou a importancia de manter as operacións no Porriño:
“Para nós é fundamental seguir desenvolvendo a nosa actividade desde O Porriño, xerando emprego e valor na contorna”.

A compañía, cunha traxectoria de máis de 80 anos, alcanzou unha facturación anual de 85 millóns de euros en 2023 e conta cunha presenza internacional que supera o 55 % das súas vendas fora de España. Con máis de 250 traballadores, Zelnova Zeltia mantén as súas fábricas e laboratorios en España, ademais de contar con oficinas comerciais en Italia.

Durante a visita, o alcalde tivo ocasión de coñecer algúns dos logros máis destacados da empresa no eido da innovación e a sustentabilidade. Zelnova Zeltia foi pioneira na fabricación do primeiro insecticida en aerosol en España e no lanzamento do primeiro ambientador eléctrico a nivel mundial. Ademais, leva décadas comprometida coa protección ambiental, sendo unha das primeiras compañías en empregar propelentes que non danan a capa de ozono.

Desde o Concello do Porriño reiteramos o noso compromiso co apoio ás empresas que apostan polo desenvolvemento sostible, pola xeración de emprego de calidade e pola proxección internacional dende a nosa terra. O éxito de Zelnova Zeltia é, sen dúbida, un reflexo do potencial industrial e humano do Porriño.

O Porriño acolle a presentación da “IX CHALLENGE AS RÍAS BAIXAS”, referente do ciclismo galego

  • Douscentos ciclistas das categorías máster e xuvenil participarán esta fin de semana nunha proba por etapas que percorrerá os concellos de Mos, Ponteareas e O Porriño, nun desafío que mestura esixencia física, organización exemplar e paixón polo ciclismo galego.

O Porriño, 30 de abril de 2025.– O Concello do Porriño foi escenario esta mañá da presentación oficial da IX Challenge As Rías Baixas, unha das citas máis importantes do ciclismo galego, que reunirá a douscentos corredores das categorías máster e xuvenil durante a fin de semana do 3 e 4 de maio. A proba, organizada polo club ciclista Master da Louriña, percorrerá os municipios de Mos, Ponteareas e O Porriño nun percorrido esixente que combina tramos en liña e contrarreloxo.

No acto participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, así como os seus homólogos de Ponteareas e Mos, Nicolás Rodríguez e Camilo Grandal, respectivamente. Tamén asistiron o presidente do club organizador, Juan José Álvarez Cerdeira, por parte da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez,  Rafael Pérez, representando a unha das empresas patrocinadoras do evento deportivo e Horacio Barros.

Alejandro Lorenzo salientou a importancia que ten para O Porriño ser sede dunha proba desta dimensión, afirmando que “a Challenge As Rías Baixas é moito máis ca unha competición deportiva; é unha oportunidade para mostrar o dinamismo e o compromiso dos nosos concellos coa promoción da actividade física e coa organización de eventos de primeiro nivel”. O rexedor destacou tamén o impacto positivo que terá na economía local e no tecido asociativo, animando a toda a cidadanía a vivir esta festa do ciclismo.

Pola súa parte, Abel Estévez destacou o traballo conxunto realizado entre administracións e entidades deportivas para facer realidade esta nova edición. “Estamos moi orgullosos de acoller unha cita que combina deporte de alto nivel e participación cidadá”, asegurou o concelleiro de Deportes, quen engadiu que “o ciclismo representa valores fundamentais como o esforzo, a solidariedade e a superación, principios que desde O Porriño queremos seguir impulsando entre os máis novos”.

A IX Challenge As Rías Baixas desenvolverase en tres etapas moi esixentes. O sábado 3 de maio disputarase o Gran Premio de Mos, cun percorrido en liña de 79 quilómetros e 800 metros de desnivel acumulado. Esa mesma tarde terá lugar a contrarreloxo individual de Ponteareas, sobre un trazado técnico de 11 quilómetros. O domingo 4, o Gran Premio do Porriño pechará a competición cun percorrido de 85 quilómetros e preto de 1.000 metros de desnivel, nunha etapa que decidirá os vencedores finais.

O evento premiará aos líderes das diferentes clasificacións xerais e de especialidades, co obxectivo de fomentar a competitividade e a emoción ata a última pedalada. Desde a organización e os concellos implicados convidan a todos os veciños e visitantes a apoiar aos corredores, convertendo esta IX Challenge As Rías Baixas nunha verdadeira festa do ciclismo galego.

O Concello do Porriño aproba un crédito extraordinario para acometer unha obra de emerxencia en Gulpilleira debido ao perigo existente pola escorrentía da A- 52

  • Un investimento de máis de 340.000 euros fará posible a reparación das infraestruturas afectadas en Gulpilleira.
  • O Concello traballa para alcanzar un convenio co Ministerio de Fomento que permita cofinanciar a actuación.

O Porriño, 29 de abril de 2025.– O Pleno do Concello do Porriño aprobou a concesión dun crédito extraordinario, financiado con Remanente Líquido de Tesourería, para afrontar diversos investimentos urxentes, entre os que destaca a execución da obra de Renovación das redes de saneamento nos viais do lugar de Gulpilleira pola escorrentía de augas pluviais da A-52, cun importe de adxudicación de 327.943,81 euros, máis 16.846,81 euros destinados á dirección de obra e á coordinación de seguridade e saúde.

Esta actuación foi declarada de emerxencia mediante Decreto da Alcaldía, debido ao grave deterioro do firme viario e á inclinación dos peches das propiedades, poñendo en risco a seguridade de viandantes, peóns e condutores. A situación agravouse tras os últimos temporais, xerando un escenario de alto perigo, tal e como sinalaron os informes dos técnicos municipais.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a situación na Gulpilleira é insostible e non podemos seguir agardando polo Ministerio. A protección dos nosos veciños está por riba de calquera outra consideración. O Concello actúa con responsabilidade, e tanto os nosos técnicos como a Deputación de Pontevedra sinalan que a tubaxe existente resulta insuficiente para recoller e desaugar os caudais procedentes da drenaxe transversal da A-52, o que provoca problemas de acumulación e deterioro no lugar. Estamos en contacto co Ministerio para lograr un convenio que permita que Fomento asuma parte dos custes desta intervención tan necesaria”.

Pola súa parte, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, subliñou que “esta escorrentía foi causada pola propia construción da A-52 sen prever un sistema de drenaxe adecuado. Agora, décadas despois, somos nós quen temos que poñer solución a un problema que, por xustiza, debería resolver o Ministerio. Iso si, ante o perigo actual, o Concello ten que actuar de forma inmediata para garantir a seguridade cidadá”.

O proxecto contempla ademais a renovación completa das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, así como a reposición dos pavimentos e renovación da iluminación pública e canalizacións de telecomunicacións. As obras, que afectarán a viais de titularidade municipal como a rúa Gulpilleira, Antonio Palacios e Fernández Areal, terán un prazo estimado de execución de seis meses.

A día de hoxe, o Concello atópase á espera da emisión dos informes sectoriais correspondentes por parte do Ministerio de Fomento para poder iniciar as obras, comprometéndose a seguir traballando para que se concrete o convenio de colaboración.

Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa seguridade cidadá e a mellora das infraestruturas municipais.