O Concello do Porriño lembra que o prazo para inscribirse ao curso de Monitor de Tempo Libre está a piques de pechar

• Só quedan 5 prazas dispoñibles

O Porriño, 3 de xuño de 2025.- A Concellería de Xuventude do Concello do Porriño, a través da OMIX, organiza un novo Curso Oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, que se desenvolverá no verán de 2025. A formación será impartida pola cooperativa Avada S. Coop. e a Escola de Tempo Libre Scolé, e conta con todas as garantías de calidade e homologación oficial.

O curso realizarase en modalidade semipresencial, cun total de 200 horas teóricas:

    • Sesións presenciais: do 16 ao 27 de xuño, no Centro Cultural Municipal do Porriño (100 horas)
    • Formación en liña: do 28 de xuño ao 11 de xullo (100 horas)

 

Unha vez rematada esta fase, o alumnado deberá completar 150 horas de prácticas obrigatorias en entidades colaboradoras. Ao finalizar, as persoas participantes obterán o O título oficial de Monitor/a de Tempo Libre, requisito imprescindible para traballar en campamentos, ludotecas, granxas escola, actividades extraescolares, establecementos turísticos, entre outros.

O prazo de inscrición está aberto ata o 9 de xuño, mediante o seguinte formulario:

https://forms.gle/xBZoCEv98WYPjRa88

Actualmente, só quedan 5 prazas dispoñibles. As inscricións tramítanse por orde de chegada, e terán prioridade as persoas empadroadas no Porriño.

Para máis información:

escoladetempolibre@avada.gal

Teléfono e WhatsApp: 641 10 97 16

O Concello do Porriño aposta pola formación xuvenil como ferramenta para o emprego, a dinamización do tempo libre e o desenvolvemento persoal.

Non perdas esta oportunidade única de formarte, divertirte e acceder a novas saídas laborais.

 

 

 

 

  •  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición para o Campamento de verán 2025, unha iniciativa para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral

O Porriño, 2 de xuño de 2025.Mañá, 3 de xuño, ás 9:00 horas, abrirase o prazo de inscrición para participar no Campamento de Verán 2025, unha actividade organizada pola Concellería de Igualdade do Concello do Porriño a través do Centro de Información á Muller (CIM). A iniciativa forma parte do programa “O Porriño en favor da conciliación da vida persoal e laboral” e ten como obxectivo facilitar ás familias porriñesas a conciliación durante o período estival.

O campamento está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos cumpridos e desenvolverase dende o 30 de xuño ata o 5 de setembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nas instalacións municipais. Está previsto un límite de 50 prazas por semana, polo que a selección dos participantes realizarase atendendo a dous criterios:

1. Valoración previa das solicitudes, de maior a menor puntuación.

2. Orde de inscrición e prioridade. 

Durante o campamento, os rapaces e rapazas participarán en actividades variadas, diferentes das que realizan habitualmente no seu día a día. As propostas están pensadas para fomentar actitudes saudables, traballar a creatividade e a imaxinación, aprender a ser máis autónomos, manexar situacións da vida cotiá e desenvolverse como persoas, potenciando valores como a empatía, o respecto e a solidariedade.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o 10 de xuño ás 8:59 h. As inscricións poderán formalizarse:

  • Presencialmente no Rexistro Xeral do Concello
  • Telemáticamente, a través da sede electrónica do Concello

FOLLA DE INSCRIPCIÓN CAMPAMENTO DE VERÁN 2025

A organización lembra a importancia de marcar correctamente as semanas de interese, asignando un número do 1 ao 10 segundo a orde de prioridade (1 = máxima prioridade, 10 = menor).

Terán prioridade para acceder ás prazas os nenos e nenas empadroados no Porriño.

Para resolver calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar co persoal do CIM:

 Teléfono: 986 335 000 (Extensión 0)

Correo electrónico: cim@oporrino.org (indicando no asunto: Campamento de Verán 2025)

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa conciliación familiar, o apoio á infancia e a igualdade de oportunidades, ao tempo que ofrece unha alternativa de lecer educativa e segura durante os meses de vacacións escolares.

O Concello do Porriño celebra “Quere o teu mercado” cun showcooking especial do cociñeiro Julio Mato

 

O Porriño, 31 de maio de 2025.– O Concello do Porriño celebrou esta semana unha nova edición da campaña “Quere o teu mercado” cun showcooking especial do cociñeiro Julio Mato, que tivo lugar nas instalacións da Praza de Abastos.

Trátase dunha actividade aberta ao público na que as persoas asistentes puideron gozar da elaboración en directo de tres pratos sorprendentes, feitos con ingredientes de proximidade:

● Ensalada líquida

● Bocadillo de costela a baixa temperatura, encurtido galego, pan do Porriño e “a salsa definitiva”

● Tarta de Santiago 3.0

“Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. O obxectivo é poñer en valor o comercio local, os produtos de proximidade e o papel fundamental que xogan os mercados nas nosas vilas.

Todos os produtos empregados por Julio Mato na preparación das receitas puideron ser adquiridos no propio mercado municipal do Porriño, demostrando así que a nosa praza ofrece todo o necesario para elaborar pratos orixinais, saudables e cheos de sabor.

Durante o showcooking, tamén se puxo o mandil o Alcalde Alejandro Lorenzo, que se animou a preparar os diferentes pratos. Cun toque de humor e moitas ganas, demostrou que non hai mellor receita que apostar polos produtos da casa e gozar da experiencia de cociñar en boa compañía.

Desde o Concello do Porriño seguimos apostando polo pequeno comercio, apoiando á nosa praza e fomentando hábitos de consumo sostibles e de proximidade. Na nosa Praza de Abastos podes atopar, ademais de boa xente, peixarías, carnicerías, fruterías, floristerías, supermercado e outros negocios locais que traballan cada día para ofrecernos calidade, trato próximo e produto fresco.

Animámosvos a facer a vosa versión dos pratos mencionados e a subir un vídeo ou unha foto ás vosas redes sociais etiquetándonos.

O Porriño acolle unha espectacular proba do calendario galego de carreiras de drons

  • Catro drons competirán simultáneamente nun circuíto técnico e cheo de obstáculos

O Porriño, 31 de maio de 2025.- O Porriño volverá a converterse nun referente da innovación e do deporte tecnolóxico coa celebración dunha proba puntuable do calendario oficial da Federación Aeronáutica Galega (FAG) na categoría F9U – Drones de Carreiras. O evento está organizado polo Club Furaventos, con sede no noso concello, e terá lugar nas súas instalacións, que xa son un referente no ámbito autonómico.

Durante a xornada disputaranse intensas mangas clasificatorias e eliminatorias nas que catro drons competirán simultáneamente nun circuíto técnico e cheo de obstáculos, loitando por un posto nas seguintes roldas ata chegar á gran final.

Trátase dunha disciplina espectacular: os drons, pequenos pero extremadamente potentes, poden acadar os 200 km/h en só un par de segundos. Os pilotos manexan os dispositivos por radiocontrol mediante gafas FPV (First Person View), que se conectan ás cámaras instaladas nos drons, ofrecendo unha experiencia inmersiva única, como se pilotasen a bordo.

A xornada comezará pola mañá cos adestramentos libres. Tras o xantar, celebraranse as mangas clasificatorias e posteriormente as eliminatorias que darán paso á final. Ao remate, terá lugar a entrega de medallas da Federación Aeronáutica Galega, así como agasallos por parte dos patrocinadores.

O Club Furaventos dá unha especial importancia a esta cita, xa que lles serve como proba técnica para testar novos sistemas e equipamentos que empregarán no Campionato de España, que tamén terá lugar no Porriño a finais de agosto.

Dende o Concello do Porriño animámosvos a coñecer de preto unha modalidade deportiva emerxente que combina tecnoloxía, destreza e espectáculo visual. Unha mostra máis do compromiso deste municipio coa innovación e o apoio ao deporte en todas as súas expresións.

O Porriño, sede hoxe da Final 4 Alevín e Benxamín de Balonmán Base

 

  • O Pavillón Municipal será escenario dos encontros da categoría alevín 7, que se disputarán ao longo da mañá nas dúas pistas dispoñibles

O Porriño, 31 de maio de 2025.– O Porriño acolle hoxe unha das grandes citas do balonmán base galego coa celebración da Final 4 nas categorías alevín e benxamín. O Pavillón Municipal será escenario dos encontros da categoría alevín 7, que se disputarán ao longo da mañá nas dúas pistas dispoñibles.

Esta xornada representa o peche da tempada para o balonmán base e reunirá a nenos e nenas de distintos puntos de Galicia que competirán por acadar o título de campións nas súas respectivas categorías. Máis alá da competición, será unha festa do deporte base, marcada pola ilusión, o esforzo e a convivencia entre deportistas, familias e afección.

Paralelamente, a localidade veciña de Redondela será sede dos encontros das categorías benxamín e alevín 5, completando así esta derradeira Final 4 do ano.

Durante a entrega de premios, que terá lugar ás 14:30 h, estará presente o Alcalde, Alejandro Lorenzo.

Dende o Concello do Porriño queremos convidar a toda a veciñanza a achegarse ao Pavillón Municipal e desfrutar dunha mañá única, chea de deporte e valores. O apoio da comunidade é clave para seguir impulsando o deporte base e creando espazos de encontro e formación para a nosa mocidade.

O Concello do Porriño promove a participación na CAE Interrunning´25, un evento que une deporte, empresas e solidariedade

  • Os fondos recadados coas inscricións destinaranse a apoiar a Aceesca, o Banco de Alimentos do Porriño e a Asociación Española Contra o Cancro.

O Porriño, 29 de maio de 2025.– O Concello do Porriño informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para participar na CAE INTERRUNNING’25, que se celebrará o vindeiro 21 de setembro. Trátase dunha cita deportiva consolidada no calendario local, organizada en colaboración co Interrunning Club, que busca fomentar a práctica deportiva, o espírito de equipo entre empresas e veciñanza, e, ao mesmo tempo, contribuír a causas solidarias.

Este evento contará con varias modalidades adaptadas a todos os públicos e niveis: andaina de 8 km, carreiras de 5 km e 10 km, así como probas infantís, o que permite a participación tanto de persoas habituadas á práctica deportiva como de quen se inicia nela. As inscricións poden realizarse xa a través da páxina web www.emesports.es cun prezo simbólico de 6 euros.

Desde o Concello do Porriño anímase a toda a cidadanía, empresas e colectivos a sumarse a esta iniciativa, que non só promove hábitos saudables e o deporte como ferramenta de cohesión social, senón que tamén ten unha importante vertente solidaria. Os fondos recadados coas inscricións destinaranse a apoiar a Aceesca, o Banco de Alimentos do Porriño e a Asociación Española Contra o Cancro.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a relevancia deste evento no ámbito local:

“A CAE Interrunning é moito máis ca unha carreira. É unha oportunidade para que veciños e veciñas, empresas e entidades camiñen ou corran xuntos por un mesmo obxectivo: o benestar da nosa comunidade. Dende o Concello reiteramos o noso compromiso con este tipo de iniciativas que fortalecen o tecido social e promoven valores de solidariedade e cooperación”.

A xornada culminará cunha gran celebración aberta ao público, que incluirá música, agasallos e outras actividades lúdicas, converténdose así nun día de encontro, participación e festa para toda a vila.

O Concello do Porriño reafirma o sea apoio á cultura e á mocidade coa súa participación na entrega do VIII Premio Roberto Vidal Bolaño

 

  • A obra premiada nesta edición, Os rapaces só se tocan para darse de hostias, foi escrita por Iván Caloto e aborda con sensibilidade temas como o acoso, a identidade e a adolescencia.

O Porriño, 29 de maio de 2025.- O Concello do Porriño, representado polo seu alcalde, Alejandro Lorenzo, participou onte na gala de entrega do VIII Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, organizada polo IES Ribeira do Louro. O evento é unha cita de referencia no ámbito cultural e educativo galego, que conta co respaldo institucional do goberno local.

O rexedor quixo acompañar ao equipo docente, ao alumnado e ao autor galardoado, Iván Caloto, para recoñecer públicamente o labor que se realiza dende os centros educativos por impulsar o uso da lingua galega e promover o teatro como ferramenta de expresión e reflexión social.

Dende o Concello do Porriño imos seguir apoiando todas aquelas iniciativas que apostan pola nosa lingua e polo talento dos nosos mozos e mozas. Este premio é exemplo do que se pode conseguir cando se une educación, cultura e compromiso”, destacou Alejandro Lorenzo durante o acto.

A gala contou tamén con actuacións musicais do alumnado de Bacharelato de Música e coa representación da peza O bo veciño, do grupo de teatro do centro. A obra premiada nesta edición, Os rapaces só se tocan para darse de hostias, foi escrita por Iván Caloto e aborda con sensibilidade temas como o acoso, a identidade e a adolescencia.

O Concello felicita ao IES Ribeira do Louro pola súa dedicación á cultura e ao ensino en galego, e reitera o seu compromiso co apoio ás iniciativas que contribúan ao desenvolvemento cultural do Porriño.

 

O Porriño recibe a visita institucional de ASICOTUR no marco do congreso internacional “conecta e lidera 2025”

  • Delegados e delegadas de 17 países coñeceron o patrimonio, a cultura e os recursos turísticos do municipio, e mantiveron un encontro co alcalde

O Porriño, 28 de maio de 2025.-  O Concello do Porriño acolleu hoxe a visita institucional dunha ampla delegación de ASICOTUR (Asociación Internacional para a Cooperación Turística), que se despraza ao municipio no marco do congreso internacional “Conecta e Lidera 2025”, celebrado en Mondariz Balneario.

A delegación está integrada por representantes de 17 países e forma parte dunha rede internacional presente en 37 estados e composta por máis de 125 delegados e socias/os de honra, con forte presenza nos ámbitos hispano e lusófono. A visita ao Porriño supón unha oportunidade estratéxica para proxectar o potencial turístico, cultural e patrimonial do municipio a nivel internacional.

Durante a xornada, as persoas participantes foron recibidas polo alcalde, Alejandro Lorenzo, nun acto institucional. Posteriormente realizaron a Ruta de Antonio Palacios xunto coa concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, coñecendo de primeira man o legado do insigne arquitecto porriñés, así como outros elementos emblemáticos do patrimonio local. 

ASICOTUR é unha organización sen ánimo de lucro que promove a cooperación turística internacional, o intercambio de experiencias e a creación de proxectos conxuntos, especialmente orientados ao desenvolvemento turístico sostible en países emerxentes. Conta co respaldo de ONU Turismo.

O congreso “Conecta e Lidera 2025”, no que se enmarca esta visita, reúne durante dúas xornadas a expertos e emprendedores de Europa, África e América para debater sobre retos clave no sector, como o emprendemento feminino e xuvenil, a intelixencia artificial, o turismo inmersivo, a cooperación internacional ou novas tendencias como a gamificación e o turismo deportivo. Tamén inclúe obradoiros prácticos, espazos de networking e actividades formativas de alto valor académico.

Desde o Concello do Porriño, valoramos moi positivamente esta visita e agradecemos a elección do noso municipio como parte deste evento internacional. Seguiremos traballando para situar O Porriño no mapa do turismo sostible, cultural e patrimonial a nivel global.

O Concello do Porriño súmase ao plan SEVIC da Deputación para mellorar a xestión de residuos e cumprir coa normativa estatal

 

  • Durante estas visitas, facilitaranse guías informativas para resolver calquera dúbida que poidan ter os axentes económicos e sociais locais.

O Porriño, 28 de maio de 2025. – O Concello do Porriño informa da súa adhesión ao Plan Bianual 2024-2025 do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos (SEVIC), impulsado pola Deputación de Pontevedra, que ten como obxectivo garantir o cumprimento da Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

A par4r deste 28 de maio, os técnicos do SEVIC iniciarán as primeiras visitas formativas e informativas aos produtores de residuos do municipio, incluíndo establecementos comerciais, servizos e outros xeradores significativos de residuos non domésticos. Estas accións están centradas na comprobación da correcta separación das distintas fraccións de residuos (biorresiduos, papel, vidro, envases, aceites usados, téxtil, voluminosos, entre outros), así como na información sobre os procedementos axeitados para a súa xestión.

Durante estas visitas, facilitaranse guías informativas e porase á disposición un número de contacto telefónico para resolver calquera dúbida que poidan ter os axentes económicos e sociais locais.

“A nosa prioridade é avanzar cara a unha xestión máis sostible e eficiente dos residuos, e facelo da man da Deputación supón unha oportunidade para mellorar os servizos que prestamos e adaptarnos ao marco legal vixente”, sinalou o alcade, Alejandro Lorenzo.

 

O alcalde do Porriño visita as obras da nova planta de Ganain no polígono PPI-7

  • O investimento empresarial próximo aos 10 millóns suporá a creación de 150 empregos directos e consolida ao Porriño como referente industrial na comarca
  • O calendario de execución prevé que as obras estean rematadas no prazo dun ano, co obxectivo de que a actividade industrial comece no verán de 2026.

O Porriño, 28 de maio de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, realizou esta mañá unha visita institucional ás obras da nova planta de GANAIN, no polígono industrial PPI-7, onde xa deron comezo os movementos de terras para a construción dunha nave de 11.000 metros cadrados.

Acompañado por directivos da empresa, entre eles Rubén García, director xeral e CEO de GANAIN, e Pablo Búa, director de Persoas, o alcalde coñeceu de primeira man os detalles dun proxecto que suporá un investimento próximo aos 10 millóns de euros e que xerará 150 postos de traballo directos na comarca.

Durante a visita, o rexedor destacou “a importancia estratéxica deste proxecto para O Porriño, tanto pola súa dimensión industrial como polo impacto positivo que terá no emprego, na economía local e no posicionamento do noso concello como polo industrial de referencia en Galicia”.

A planta, cuxa primeira fase será executada pola empresa MASCON, contará coa dirección técnica da enxeñaría RÍAS BAIXAS, con sede no propio Porriño. O calendario de execución prevé que as obras estean rematadas no prazo dun ano, co obxectivo de que a actividade industrial comece no verán de 2026.