Publicadas as bases para a instalación de postos no “Día do Porriño Orgulloso”

 

  • O evento desenvolverase nas inmediacións do río Louro

O Porriño, 11 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño celebrará o vindeiro 28 de xuño o Día do Porriño Orgulloso, unha xornada festiva con actividades lúdicas, música en directo, postos de comida e espazos para a venda de produtos de segunda man.

O evento desenvolverase nas inmediacións do río Louro e está aberto á participación de persoas particulares e profesionais que desexen instalar un posto.

Xa están dispoñibles as bases para a participación, nas que se detallan os requisitos, condicións e documentación a presentar.

Consulta na ligazón de abaixo as bases completas:

Bases para postos Porriño Orgulloso

O Concello do Porriño desvela o terceiro dos cinco galardóns da II edición dos Premios Antonio Palacios

 

  • Paz e Gráficas Bolfer recibirán o Premio Antonio Palacios á Empresa polo seu compromiso coa calidade, a innovación e o desenvolvemento local

O Porriño, 11 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño continúa desvelando os nomes dos galardoados na II edición dos Premios Antonio Palacios, que se entregarán este sábado nunha gala especial. O Premio á Empresa será outorgado conxuntamente ás imprentas Paz e Gráficas Bolfer, dúas entidades fundamentais no tecido económico do municipio.

O galardón recoñece o papel destas dúas imprentas como referentes do sector gráfico, cunha traxectoria que combina tradición familiar, innovación tecnolóxica e compromiso co Porriño. Ao longo das décadas, ambas empresas souberon evolucionar sen perder a súa esencia, apostando pola calidade, a adaptación aos novos tempos e o servizo á comunidade.

“Paz e Bolfer representan o espírito emprendedor e resiliente do Porriño. Son empresas que naceron aquí, medraron aquí e seguen contribuíndo cada día ao progreso da nosa vila. Este premio é tamén un recoñecemento á industria local que crea valor, emprego e identidade”, sinalou o Alcalde, Alejandro Lorenzo.

O Premio Antonio Palacios á Empresa está destinado a destacar o labor de persoas, compañías ou proxectos que teñen un impacto positivo e sostido no desenvolvemento económico e social da contorna. Neste caso, a distinción pon o foco nun sector —o gráfico— clave na historia moderna do Porriño, e que continúa a ser símbolo de profesionalidade, creatividade e compromiso co territorio.

O Concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, engadiu que “estas imprentas son moito máis ca negocios: son parte da memoria viva da vila. Co seu traballo silencioso, teñen contribuído a contar a nosa historia, a dar forma a ideas e a impulsar centos de proxectos culturais, educativos e empresariais. Este recoñecemento era necesario e merecido”.

A gala de entrega dos Premios Antonio Palacios celebrarase este sábado e reunirá a representantes do mundo da cultura, da empresa, da ciencia, do deporte e da sociedade civil, nun evento que quere poñer en valor o talento, a identidade e a excelencia local.

Nos vindeiros días, o Concello continuará anunciando os dous galardoados restantes desta segunda edición, consolidando estes premios como referente de recoñecemento ao talento e ao orgullo porriñés.

O Porriño celebra por todo o alto centenario de Juaniña: pasado, presente e futuro do noso municipio

 

  • A Travesía Domingo Bueno, no tramo que vai dende a Rúa Fernández Areal ata Avenida Domingo Bueno, xa é a “Rúa Juaniña”

O Porriño, 7 de xuño de 2025.–  O Concello do Porriño celebrou esta mañá unha homenaxe moi especial a unha das súas veciñas máis queridas e lonxevas, Juana da Cruz —Juaniña, como é coñecida por todos— que cumpre hoxe 100 anos. Con motivo do seu centenario, o Alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo sorprender a Juaniña cun recoñecemento que permanecerá para sempre: a rúa onde vive pasará a chamarse Rúa Juaniña. “Ti es pasado do Porriño, es presente, pero serás moito futuro tamén do Porriño”, díxolle o rexedor a Juaniña antes de que se descubrira a placa. 

O acto comezou cun emotivo pasillo formado por veciños e familiares, seguido do Himno Galego interpretado pola banda de gaitas e percusión Os Zoqueiros, e a descuberta da nova placa que bautiza oficialmente a rúa co nome de Juaniña. Este foi un momento especialmente emotivo para a homenaxeada, que ata se animou a cantar. O alcalde entregoulle un ramo de flores como mostra de admiración e cariño. “Toda a miña vida quixen moitísimo a todo Porriño”, afirmou Juaniña. A homenaxe continuou cunha festa, onde non faltaron os pinchos nin as apertas compartidas coa súa familia e amizades.

Un século de historia, elegancia e talento

A historia de Juaniña está fondamente ligada á do Porriño. Viviu a Segunda República, a Guerra Civil e a ditadura, e foi testemuña directa da transformación da vila. A súa figura tamén está ligada ao tranvía que unía o Porriño con Vigo, onde acudía acompañada das súas clientas para mercar tecidos e ver in situ como lles caían os vestidos.

Costureira excepcional, foi quen de replicar traxes icónicos como o de Lady Di ou o da Raíña Fabiola. Na súa sala de costura nunca faltaban revistas de moda internacional, e tiña a habilidade de reproducir os deseños de Chanel, Dior, Valentino ou Versace. A súa elegancia continúa intacta: segue a confeccionar a súa propia roupa.

O alcalde, durante o acto, dirixiu unhas palabras que mesturaron orgullo, afecto e recoñecemento:

“Celebramos os 100 anos dunha veciña que non só viviu a historia do Porriño, senón que axudou a construíla. Juaniña é un exemplo de traballo, de elegancia, de superación. É desas persoas que fan grande unha vila co seu saber facer e o seu trato cercano. Para min é unha honra como alcalde, pero tamén como veciño, poder dicir que temos unha rúa que leva o seu nome. É un xesto pequeno en comparación co que ela representa para todos nós. O Porriño está orgulloso de ti, Juaniña, e hoxe deixámolo escrito nunha placa, pero tamén na memoria de todos nós”.

O Concello do Porriño quere agradecerlle a Juaniña o seu exemplo de vida, traballo e estilo, e a través da nova Rúa Juaniña manter viva a memoria dunha muller que representa o mellor da nosa vila.

Este nomeamento non é só simbólico: o cambio de nome á rúa foi aprobado no Pleno da Corporación Municipal do pasado mes de maio, tras ser unha proposta tratada nunha comisión especifica. Unha rúa que identifica á muller e impulsa o feminismo no Concello. Concretamente será a Travesía Domingo Bueno, no tramo que vai dende a Rúa Fernández Areal ata Avenida Domingo Bueno, a que dende hoxe xa é a “Rúa Juaniña”.

A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo de matrícula para o curso 2025/2026

 

O Porriño, 6 de xuño de 2025. – A Escola Municipal de Música do Porriño anuncia a apertura do prazo de matrícula para o curso académico 2025/2026. A formalización das inscricións realizarase entre os días 9 e 20 de xuño, no primeiro andar da Escola (Centro Cívico da avenida Domingo Bueno, 13), a partir das 16:00 horas.

A inscrición estará organizada en dúas fases:

Do 9 ao 20 de xuño: matrícula para o alumnado xa inscrito durante o curso 2024/2025.

Do 16 ao 20 de xuño: matrícula para novo alumnado, sempre que haxa prazas dispoñibles.

A Escola recomenda que só acuda unha persoa por estudante para realizar o trámite, e no caso de familias con varios membros, que sexa unha única persoa representante.

A folla de matrícula debe recollerse previamente nas instalacións da Escola e poderá entregarse de dúas maneiras:

– Presencialmente, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h).

– Telematicamente, a través da sede electrónica do Concello.

A listaxe co nome, día e hora do alumnado matriculado publicarase o 1 de setembro de 2025 na EMMUS e tamén na porta do Centro Cultural Municipal (Biblioteca).

A semana do 8 ao 12 de setembro, realizarase a elección de horarios de instrumento, convocando ao alumnado por especialidade e respectando a orde de matrícula. Desde a dirección da Escola insístese na importancia da puntualidade e de levar anotadas varias opcións de horario para facilitar o proceso.

A oferta formativa da Escola inclúe:

  • Música e movemento (a partir dos 4 anos).
  • Linguaxe musical para todas as idades.
  • Especialidades instrumentais como: violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, óboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.

A Escola Municipal de Música tamén ofrece a posibilidade de participar nas súas agrupacións:

  • Banda de Música
  • Mini Banda do Porriño
  • Orquestra de Corda
  • Grupo de Música Tradicional
  • Conxunto de Guitarras
  • Coral Infantil
  • Coral Polifónica de Adultos/as

As clases do novo curso comezarán o 15 de setembro de 2025 no edificio do Centro Cívico.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse directamente á Escola Municipal de Música ou consultar a web oficial do Concello do Porriño.

O Concello do Porriño celebra esta fin de semana o “Fli-Po Market”, o primeiro mercado sostible do municipio

 

O Porriño, 6 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño celebrará esta fin de semana, os días 7 e 8 de xuño, a primeira edición do Fli-Po Market, un mercado pioneiro que converterá a Praza 8 de Marzo (Avenida de Galicia) nun espazo de encontro arredor da economía circular, o consumo responsable e a participación cidadá.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia deste mercado como unha acción innovadora e comprometida co medio ambiente, subliñando que “o Fli-Po Market supón unha oportunidade para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir residuos e apostar pola reutilización, co obxectivo de converter O Porriño nun referente en iniciativas sostibles”.

Organizado polo Concello do Porriño, o Fli-Po Market nace co obxectivo de promover hábitos de consumo sustentables e dar visibilidade a proxectos baseados na reutilización, a reciclaxe e a creatividade. Ofrecerá un espazo para a compra, venda e intercambio de produtos de segunda man. Ademais, contará cunha ampla programación de actividades lúdicas, música en directo e unha variada oferta gastronómica con postos de comida.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

SÁBADO 7 DE XUÑO

  • 11:00 h – Apertura do Mercado de artesáns e deseñadores sostibles.
  • 14:30 h – Actuación musical de Sálvora Trío.
  • 16:30 h – 18:00 h – Obradoiro de macramé con refugallos téxtiles, a cargo de Hypathia.
    Obradoiro de petos de macramé con refugallos téxtiles sobre camisetas recicladas. Podes traer a túa propia camiseta ou entregaráseche unha reciclada.
    Para maiores de 11 anos – Máximo 15 prazas.
  • 18:30 h – 20:00 h – Obradoiro “Do vidro á eco-creatividade”, por Kolbéh.
    Elaboración de floreiros con materiais reciclados. Podes traer o teu recipiente ou proprcionaráseche un reciclado. Para maiores de 11 anos – Máximo 15 prazas.
  • 20:30 h – 22:30 h – Sesión musical con DJ Rapante.

DOMINGO 8 DE XUÑO

  • 12:00 h – Apertura do Mercado Popular.
  • 12:15 h – 13:45 h – Charla/Obradoiro con Retoque Retro: Arte cos residuos do mar.
    Obradoiro dirixido a todos os públicos, incluídas familias con nenos/as.
  • 13:45 h – 15:45 h – Actuación musical de Bafana Bafana.
  • 17:00 h – 18:30 h – Charla/Obradoiro con Inda Gargamala: Fractais sobre madeira reciclada.
  • 19:00 h – 19:30 h – Actuación de Laura Carmona, participante de La Voz Kids 2025.
  • 19:30 h – 21:30 h – Actuación musical de Somoza Trío.
  • 21:30 h – Peche do mercado e sorteo da persoa gañadora.

Desde o Concello do Porriño anímase a toda a veciñanza e persoas visitantes a participar activamente neste mercado único, que combina cultura, sustentabilidade e lecer para todos os públicos. 

O Concello do Porriño impulsa a reflexión científica con Martín Barreiro e Ana Mariño na segunda xornada de ACIENCIACERTA 2025

Porriño, 5 de xuño de 2025.– A segunda edición de ACiENCiACERTA, a Mostra de Ciencias na Rúa organizada polo Concello do Porriño, viviu esta mañá un dos seus momentos destacados coa charla “O extraordinario planeta A no que habitamos”, a cargo do meteorólogo Martín Barreiro e da divulgadora ambiental Ana Mariño.

A actividade celebrouse na Praza do Concello e contou coa asistencia do alumnado do IES Ribeira do Louro e do Colexio Hermanos Quiroga. O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acudiu á charla, saudou ao público e puxo en valor “a aposta decidida do Concello por promover espazos de divulgación científica abertos á cidadanía”.

A charla enmarcouse no eixo temático central desta edición de ACiENCiACERTA: o cambio climático e os retos ambientais actuais. Barreiro e Mariño ofreceron unha exposición dinámica e próxima, destacando a beleza, diversidade e vulnerabilidade do planeta Terra.

O alumnado participou activamente no coloquio, nun ambiente de aprendizaxe e reflexión que cumpre co obxectivo do evento: achegar a ciencia á rúa, promover o pensamento crítico e espertar vocacións científicas entre os máis novos.

ACiENCiACERTA 2025 continuará durante todo o día, hoxe e mañá, con máis actividades, charlas, obradoiros e co Concurso de Proxectos Cientíicos Escolares, que converterán novamente o centro urbano do Porriño nun espazo de coñecemento, innovación e participación cidadá. Información da programación completa, na web do Concello.

O Concello do Porriño presenta o seu stand na Stonegal 2025 cunha exposición do legado de Antonio Palacios

• Este espazo conta cunha exposición dedicada aos cadernos de viaxe de Antonio Palacios, o ilustre arquitecto porriñés

Porriño, 3 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño presentou hoxe, ás 13:30 horas, o seu stand institucional na feira Stonegal 2025, que se celebra no recinto feiral de IFEVI. O acto contou coa intervención do Alcalde, Alejandro Lorenzo, quen destacou o papel estratéxico do Porriño como motor industrial e cultural dentro da provincia de Pontevedra e de Galicia.

Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor a forza do tecido empresarial local, con máis de 2.200 empresas activas e máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado. “O Porriño é un dos municipios con maior PIB da provincia, un feito que evidencia a relevancia da nosa economía nun modelo de crecemento baseado no talento local e no desenvolvemento sostible”, sinalou.

O stand do Concello do Porriño conta cunha destacada exposición dedicada aos cadernos de viaxe de Antonio Palacios, o ilustre arquitecto porriñés. Estes cadernos constitúen un testemuño único do seu vínculo coa terra, mesturando arquitectura, arte e emoción nunha colección que revela a súa mirada apaixonada e o seu talento excepcional.

“Quero poñer en valor un sector histórico, con pasado, presente e moito futuro. Hoxe tamén nos lembramos de todas as empresas do sector, dos seus traballadores, do traballo dos arquitectos e, por suposto, de Antonio Palacios”. Recordando todo isto, o Alcalde puxo en valor o sector e O Porriño. 

O rexedor quixo agradecer a presenza de representantes da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e dos medios de comunicación, cuxo apoio é clave para dar visibilidade ás iniciativas locais. “O obxectivo é converter o noso espazo nun punto de encontro coa identidade cultural do Porriño. Amosar estes debuxos é tamén unha maneira de seguir fortalecendo a nosa memoria colectiva e de promover o patrimonio que nos fai únicos”, afirmou o Alcalde.

A cidadanía e visitantes están convidados a achegarse ao stand, a gozar da exposición e descubrir todo o potencial que ofrece o Porriño, tanto no ámbito cultural coma no económico.

Podedes acudir á Stonegal no IFEVI hoxe e mañá de 10:00 e as 18:00 h e o xoves de 10:00 a 17:00 h.

O Concello do Porriño apoia a campaña do “Adianta o verán” para impulsar o comercio local

O Porriño, 3 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño, en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), pon en marcha a campaña promocional “Adianta o verán”, que se desenvolverá do 2 ao 20 de xuño de 2025, ou ata esgotar rascas, co obxectivo de dinamizar e fomentar o comercio local no inicio da tempada estival.

Esta iniciativa ofrece aos veciños e veciñas do Porriño a oportunidade de participar de xeito gratuíto nunha promoción na que poderán gañar bolsas neveriñas e bolsas de praia, incentivando así a compra nos establecementos asociados a ACIPOR.

Durante a campaña, os comercios participantes entregarán rascas aos seus clientes por cada compra realizada, que poderán ser canxeados ata o 23 de xuño de 2025 nos establecementos colaboradores: Lola, Zafiro, Lencería Tere, MariVa, Rayuela, La Antigua Mueblería, Mapa e Congelados Frandi.

En total, a promoción conta con 42 bolsas neveriñas e 78 bolsas de praia como premios, e está aberta a todas as persoas físicas que fagan compras nos establecementos asociados durante o período da campaña.

Desde o Concello do Porriño sublíñase a importancia de apoiar ao comercio local como motor económico e social da vila, e animan a toda a cidadanía a participar nesta campaña, que reforza a vinculación entre comercio e veciñanza.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa ACIPOR a través do correo escoladetempolibre@avada.gal ou do teléfono e WhatsApp 641 10 97 16.

O Concello do Porriño continúa traballando para fomentar iniciativas que impulsen o desenvolvemento económico local e o benestar da súa cidadanía.

 

O Concello do Porriño lembra que o prazo para inscribirse ao curso de Monitor de Tempo Libre está a piques de pechar

• Só quedan 5 prazas dispoñibles

O Porriño, 3 de xuño de 2025.- A Concellería de Xuventude do Concello do Porriño, a través da OMIX, organiza un novo Curso Oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, que se desenvolverá no verán de 2025. A formación será impartida pola cooperativa Avada S. Coop. e a Escola de Tempo Libre Scolé, e conta con todas as garantías de calidade e homologación oficial.

O curso realizarase en modalidade semipresencial, cun total de 200 horas teóricas:

    • Sesións presenciais: do 16 ao 27 de xuño, no Centro Cultural Municipal do Porriño (100 horas)
    • Formación en liña: do 28 de xuño ao 11 de xullo (100 horas)

 

Unha vez rematada esta fase, o alumnado deberá completar 150 horas de prácticas obrigatorias en entidades colaboradoras. Ao finalizar, as persoas participantes obterán o O título oficial de Monitor/a de Tempo Libre, requisito imprescindible para traballar en campamentos, ludotecas, granxas escola, actividades extraescolares, establecementos turísticos, entre outros.

O prazo de inscrición está aberto ata o 9 de xuño, mediante o seguinte formulario:

https://forms.gle/xBZoCEv98WYPjRa88

Actualmente, só quedan 5 prazas dispoñibles. As inscricións tramítanse por orde de chegada, e terán prioridade as persoas empadroadas no Porriño.

Para máis información:

escoladetempolibre@avada.gal

Teléfono e WhatsApp: 641 10 97 16

O Concello do Porriño aposta pola formación xuvenil como ferramenta para o emprego, a dinamización do tempo libre e o desenvolvemento persoal.

Non perdas esta oportunidade única de formarte, divertirte e acceder a novas saídas laborais.

 

 

 

 

  •  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición para o Campamento de verán 2025, unha iniciativa para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral

O Porriño, 2 de xuño de 2025.Mañá, 3 de xuño, ás 9:00 horas, abrirase o prazo de inscrición para participar no Campamento de Verán 2025, unha actividade organizada pola Concellería de Igualdade do Concello do Porriño a través do Centro de Información á Muller (CIM). A iniciativa forma parte do programa “O Porriño en favor da conciliación da vida persoal e laboral” e ten como obxectivo facilitar ás familias porriñesas a conciliación durante o período estival.

O campamento está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos cumpridos e desenvolverase dende o 30 de xuño ata o 5 de setembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nas instalacións municipais. Está previsto un límite de 50 prazas por semana, polo que a selección dos participantes realizarase atendendo a dous criterios:

1. Valoración previa das solicitudes, de maior a menor puntuación.

2. Orde de inscrición e prioridade. 

Durante o campamento, os rapaces e rapazas participarán en actividades variadas, diferentes das que realizan habitualmente no seu día a día. As propostas están pensadas para fomentar actitudes saudables, traballar a creatividade e a imaxinación, aprender a ser máis autónomos, manexar situacións da vida cotiá e desenvolverse como persoas, potenciando valores como a empatía, o respecto e a solidariedade.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o 10 de xuño ás 8:59 h. As inscricións poderán formalizarse:

  • Presencialmente no Rexistro Xeral do Concello
  • Telemáticamente, a través da sede electrónica do Concello

FOLLA DE INSCRIPCIÓN CAMPAMENTO DE VERÁN 2025

A organización lembra a importancia de marcar correctamente as semanas de interese, asignando un número do 1 ao 10 segundo a orde de prioridade (1 = máxima prioridade, 10 = menor).

Terán prioridade para acceder ás prazas os nenos e nenas empadroados no Porriño.

Para resolver calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar co persoal do CIM:

 Teléfono: 986 335 000 (Extensión 0)

Correo electrónico: cim@oporrino.org (indicando no asunto: Campamento de Verán 2025)

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa conciliación familiar, o apoio á infancia e a igualdade de oportunidades, ao tempo que ofrece unha alternativa de lecer educativa e segura durante os meses de vacacións escolares.