As Festas de San Bieito chegan cargadas de tradición e música

  • Volve o Mano de Santo DJ Festival e as agrupacións musicais do Porriño vístense de longo co 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o décimo aniversario da Agrupación Musical do Porriño.

O Porriño, 2 de xullo de 2026. O Concello do Porriño presentou esta mañá a programación das Festas de San Bieito 2026, que se celebrarán os días 10, 11 e 12 de xullo, cun cartel que combina tradición, música e actividades para todas as idades.

Trátase dunha festa marcada pola devoción e cun forte arraigo no municipio, nunha das zonas máis antigas da vila que mantén viva a paixón por un dos santos máis milagreiros, especialmente en cuestións relacionadas coa pel, como as verrugas. Ademais, no Porriño existe unha tradición única que se repetirá este ano: a poxa das uvas. Acontece logo da misa e a tradicional procesión. É outro dos milagres do 11 de xullo, ter un acio de uvas maduras, polo que a xente poxa ata límites insospeitados, acadando o pasado ano a cifra de 250 euros. Estes cartos, xunto a outros obxectos que se poxan, son doados logo á AECC do Porriño. O total de 2025 ascendeu a 635 euros.

“Estas tradicións son parte da nosa identidade”, asegurou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a presentación, acompañado polo concelleiro de Cultura, Festas e Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez; representantes da Asociación de Veciños de San Bieito e San Sebastián e representantes do Mano de Santo DJ Festival, que seguen a crecer nestas festas.

Programación musical

Precisamente o Mano de Santo DJ Festival é un dos pratos fortes desta festa, cun cartel que une a Kid Mount, Shameless e Juan Demarco na Praza de San Sebastián este 10 de xullo a partir das 22:30 h. “Queremos unhas festas para todos os públicos e, sobre todo, queremos que a xente moza quede no Porriño para desfrutar delas”, explicou Lorenzo xunto a André Vázquez, o organizador deste evento.

“Kid Mount está considerado unha das voces emerxentes da música urbana de Galicia”, explicou André Vázquez, que destaca que desde 2021 consegue fusionar xéneros como o trap, o reguetón e o hip hop con letras en galego, apostando por un estilo persoal que combina emoción, identidade cultural e sons contemporáneos. Actuará xunto a dous DJs locais cunha forte presenza escénica como son Shameless e Juan Demarco.

Aniversarios musicais

Musicalmente, estas Festas de San Bieito déixannos tamén un fito importante coa celebración do 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o décimo aniversario da Agrupación Musical do Porriño. Será nun concerto que reunirá uns setenta participantes o sábado ás 20:00 h. No caso da Coral, é a herdeira desa gran tradición que hai no Porriño que nacerara da man de Antonio Paz Valverde. No caso da banda, naceu tamén no berce da Escola de Música, pero pronto tomou o seu propio camiño. Unha escola que tamén está de aniversario, xa que foi creada no 96 para dar saída a esas vocacións novas do Porriño que tiñan que desprazarse a Vigo para acudir ás clases ou a Pontevedra para facer os exames.

Ese mesmo sábado actuará, tamén na praza de San Sebastián, a orquestra Salsarena ás 21:30 h, á que seguirá unha sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places a partir das 23:45 h. O domingo, a música estará a cargo da orquestra Miramar, a partir das 21:30 h.

Durante a presentación, resaltouse o espírito participativo das festas, que volven ser un punto de encontro da veciñanza porriñesa e unha cita obrigatoria do verán. Alejandro Lorenzo animou a todos os asistentes “a desfrutar dunhas festas no barrio de San Bieito que combinan o mellor da nosa tradición co espírito alegre e familiar que caracteriza ao Porriño”.

O rexedor tivo tamén un recordo moi especial para Ofelia Méndez Souto, falecida recentemente e unha das veciñas de San Bieito que sempre colaborou coa organización da festa e que sempre acompañaba a Asociación de Veciños nas presentacións.

Actos relixiosos

Os actos relixiosos comezan o xoves 2 de xullo coa subida do Santo á Igrexa logo da misa de nove, e co inicio da novena ás 19:30 h ata o 10 de xullo. O venres 10 haberá misa ás 9:00 h na capela de San Bieito, e o sábado 11 de xullo haberá misas ás 9:00 h de novo na capela, ás 10:00 h e ás 20:00 h na igrexa de Santa María e misa solemne ás 12:00 h tamén na Igrexa con procesión ata a capela.

Programación:

Do xoves 2 ao mércores 9 de xullo

  • 19:30 h – Inicio da novena (repítese cada día ata o 10 de xullo).

Venres 10 de xullo

  • 09:00 h – Misa na capela de San Bieito.
  • 19:30 h – Novena.
  • 22:30 h – Mano de Santo DJ Festival (con Kid Mount, Shameless e Juan Demarco) na Praza de San Sebastián.

Sábado 11 de xullo

  • 09:00 h – Misa na capela de San Bieito.
  • 10:00 h – Misa na igrexa de Santa María.
  • 12:00 h – Misa solemne na igrexa de Santa María, seguida da tradicional procesión ata a capela e a posterior poxa das uvas (e outros obxectos) a beneficio da AECC do Porriño.
  • 20:00 h – Misa na igrexa de Santa María.
  • 20:00 h – Concerto especial polo 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o 10º Aniversario da Agrupación Musical do Porriño.
  • 21:30 h – Actuación da orquestra Salsarena na Praza de San Sebastián.
  • 23:45 h – Sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places.

Domingo 12 de xullo

  • 21:30 h – Actuación da orquestra Miramar para pechar as festas.

O Concello do Porriño convida a toda a cidadanía a participar activamente nestas festas, agradecendo a colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián e de todas as entidades que fan posible esta celebración ano tras ano.

Porriño transformará o parque Alcalde Ordóñez nun referente de accesibilidade cun 70 % de financiamento da Xunta de Galicia

  • O proxecto de reforma integral, deseñado pola arquitecta María Fandiño, recuperará 2.280 metros cadrados de espazo público a través do Plan Hurbe, baseándose na economía circular, a eliminación de barreiras e a creación dun novo pulmón verde articulado en torno a unha lámina de auga central.
  • A intervención reordenará todo o enclave salvagardando a memoria histórica e a identidade do parque mediante a restauración e posta en valor de todos os seus elementos artísticos e escultóricos preexistentes.

O Porriño, 22 de xuño de 2026. O ambicioso proxecto de reforma urbana, paisaxística e de accesibilidade do do emblemático parque Alcalde Ordóñez, conta co respaldo económico da Xunta de Galicia: o Consello da Xunta ven de aprobar a súa inclusión no Plan Hurbe, e polo tanto a financiación do 70 por cento do seu coste, logo de comprobar que o proxecto busca, ademais de converter este espazo nun entorno máis verde e humano, eliminar as barreiras arquitectóncias actuais e cohesionalo no espazo no que está emprazado.

A intervención, deseñada pola arquitecta paisaxista galega María Fandiño, expón unha metamorfose integral dun espazo de 2.280 metros cadrados. O núcleo da proposta radica en dar unha resposta contemporánea ás necesidades do centro urbano, pero espectando os seus elementos máis característicos.  Asi, o novo deseño erradica as importantes barreiras arquitectónicas actuais mediante un sistema de ramplas suaves de pendentes controladas (de entre o 0,5% e o 8%), integrando de forma natural os desniveis no percorrido lúdico e de estancia do parque.

Outro dos alicerces fundamentais da obra será a aplicación de criterios de economía circular. O proxecto contempla o desmantelamento de pavimentos obsoletos e da antiga fonte de auga, pero lonxe de refugar os materiais, os formigóns limpos extraídos serán triturados in situ para conformar as novas subbases dos chans.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliña que esta reforma “non só modernizará a estética urbana da vila, senón que será un paso importante na accesibilidade, creando ademais un novo pulmón verde, un novo espazo con vexetación, chorros,  e unha lámina de auga central, salvagardando a memoria histórica do parque”. Elementos de alto valor artístico e identitario, como as dez esculturas dispostas nos muros de cantería exteriores e as dúas esculturas da fonte orixinal, serán minuciosamente protexidas, restauradas e integradas de forma harmoniosa na nova paisaxe, apuntou.

Máis vexetación e conservación de elementos artísticos

O aspecto natural e paisaxístico dará un envorco cualitativo grazas á implantación dunha densa trama de vexetación deseñada especificamente para o clima local. O novo parque contará con parterres xeométricos de plantación, taludes verdes e unha estrutura de mallas para o guiado de especies trepadoras. Este pulmón verde articularase en torno a unha lámina de auga central na que se instalarán os elementos escultóricos a preservar, concibida como o elemento dinamizador e refrescante do espazo público.

De feito, preservarase todo aquelo que caracteriza a este parque, entre elo,as dez pezas escultóricas que actualmente están integradas nos muros exteriores de mampostería. Serán restauradas e reubicadas en paramentos verticais específicos na nova configuración. Tamén as columnas de farolas. Neste caso desmontaranse e restauraranse. Tamén os báculos de iluminación ou os muros perimetrais.

Entre as incorporacións ao proxecto, ademais da eliminacion das barreiras ou aumentar as zonas verdes, está a presencia do granito para as zonas de lecer.

Cohesión urbana

Dende a súa inauguración no ano 1991, o parque experimentou un deterioro progresivo debido en gran parte ao seu deseño pechado. Pola súa ubicación, actúa case como unha barreira física que separa o centro da vila co barrio da Malladoura e xera un entorno inseguro, con baixa visibilidade e áreas de difícil acceso. Por iso, o Concello do Porriño proxectou a súa mellora, recuperando o parque para a veciñanza e convertíndoo nun pulmón verde que impulse a dinamización da zona.

 

Máis de 20 fogueiras iluminarán no Porriño a noite de San Xoan

  • O dispositivo municipal para a noite do 23 de xuño xa está preparado para garantir o correcto desenvolvemento dunha das celebracións máis esperadas do calendario festivo

O Porriño, 20 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño ultima o dispositivo especial para a celebración da noite de San Xoán no municipio. Ata o momento xa foron autorizadas 21 fogueiras, entre públicas e privadas, distribuídas por distintas parroquias do termo municipal.

Haberá fogueiras en todas as parroquias e no centro urbano impulsadas polo tecido asociativo,  como as impulsadas pola Asociación de Veciños San Benito e San Sebastián, a Asociación Cultural A Forna, a Sociedade Cultural Recreativa Mosteiro Budiño, a Asociación de Veciños O Castelo, a Asociación Cultural As Mimosas Carracido, a Asociación Comisión de Festas da Costeira en Mosende, a Asociación de Festas San Benito Covelo, en Atios, e a Asociación Cultural de Pontellas.  En total, dez cacharelas públicas onde o lume convivirán coa gastronomía e a tradición. O “Meigas fóra!” volve a ter no Porriño diferentes espacios.

Desde o Concello lémbrase que todas as fogueiras autorizadas deben cumprir as condicións recollidas no bando regulador, que establece as medidas de seguridade necesarias para protexer ás persoas, os bens e o medio natural. “Queremos que, como sempre, sexa unha noite máxica no municipio, pero primando a seguridade”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Entre outras condicións, as fogueiras deberán situarse en lugares despexados e manter unha distancia mínima de 15 metros respecto de vivendas, árbores ou outras instalacións. A súa estrutura non poderá superar os catro metros de diámetro nin os dous metros de altura e unicamente poderá empregarse madeira natural, quedando prohibida a queima de plásticos, pneumáticos, espumas, aceites, sprays ou calquera outro material contaminante ou perigoso.

“San Xoán é unha das noites máis especiais do ano para a nosa veciñanza. Queremos que siga sendo unha celebración de encontro, de convivencia e de tradición, pero tamén unha festa segura, organizada e respectuosa coas normas que nos permiten gozala con total tranquilidade”, engadiu o alcalde. 

Abel Estévez, concelleiro de Seguridade, explica que  dispositivo municipal contará coa coordinación da Policía Local, Protección Civil e dos diferentes servizos municipais, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da noite de San Xoán en todo o termo municipal.

O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición para participar nos desfiles de comparsas de Porrigalia 2026

As ANPA, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do municipio e a AECC poderán presentar as súas solicitudes ata o 17 de xullo
• O Concello destina un total de 5.400 euros en premios á participación para dinamizar un dos actos máis multitudinarios da festa

O Porriño, 17 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño publicou as bases reguladoras dos desfiles de comparsas de Porrigalia 2026 coa apertura do prazo de inscrición para todas aquelas entidades interesadas en formar parte desta celebración ambientada nas grandes civilizacións da antigüidade.

Poderán participar as ANPA dos centros educativos, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do Concello do Porriño e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), sempre que as comparsas estean integradas por un mínimo de oito compoñentes e se caractericen conforme a algunha das civilizacións que forman parte do universo de Porrigalia: galos, romanos, castrexos, exipcios ou gregos.

As inscricións deberán formalizarse a través do Rexistro Xeral ou da sede electrónica municipal mediante o formulario habilitado para este fin. O prazo permanecerá aberto ata o 17 de xullo de 2026, non admitíndose solicitudes presentadas fóra do período establecido.

O Concello destina a esta convocatoria unha contía máxima de 5.400 euros, premiando a cada comparsa de polo menos 8 compñentes con 300 euros pola súa asistencia. A distribución realizarase ata esgotar a partida orzamentaria dispoñible e seguindo rigorosamente a orde de inscrición. As comparsas que desexen participar unha vez completado este orzamento poderán facelo igualmente, aínda que sen dereito ao premio económico.

A orde de saída dos desfiles establecerase tamén segundo a orde de inscrición das comparsas participantes. Cada agrupación deberá portar un cartel identificativo co seu nome, número de integrantes e a civilización elixida. Ademais, deberán respectar as medidas de seguridade establecidas pola organización, quedando expresamente prohibido o uso de animais, sprays ou material pirotécnico.

Os desfiles celebraranse nas datas previstas dentro da programación de Porrigalia 2026 e percorrerán as principais rúas do centro urbano, con saída desde o Templete da Rede de San Luis e paso polos barrios de San Sebastián e San Bieito, continuando pola rúa Ramón González ata rematar na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

A valoración e control da participación corresponderá a un comité de observación e seguimento nomeado por resolución de Alcaldía, integrado por un número impar de membros.

As bases establecen tamén que a inscrición supón a autorización para que o Concello poida realizar fotografías e gravacións das comparsas participantes con fins promocionais e documentais relacionados coa festa.

A participación implica a aceptación íntegra das bases reguladoras, podendo perderse o dereito aos premios no caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas.

As persoas interesadas poden consultar e descargar as bases completas, así como os anexos necesarios para formalizar a inscrición, a través da páxina web ecultura.net.

Tamén podes premer aquí para acceder ás bases e aos dous anexos que se deben presentar para a solicitude.

O Concello abre o prazo para solicitar postos de venda e atraccións nas Festas de San Bieito 2026

  • Poderán presentarse solicitudes de participación do 15 ao 26 de xuño ás 14:00 horas

O Porriño, 12 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño vén de aprobar as bases que regulan a adxudicación, instalación e funcionamento temporal de postos de venda, atraccións e casetas con motivo das Festas de San Bieito 2026, abrindo o prazo para que as persoas e empresas interesadas poidan presentar as súas solicitudes.

Prazo de presentación

O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 26 de xuño ás 14:00 horas, ambos incluídos, podendo realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello, da sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa administrativa vixente.

As autorizacións permitirán a instalación de atraccións, quioscos, postos de alimentación, artesanía e venda variada durante a celebración das festas, que terán lugar entre os días 10 e 12 de xullo de 2026.

Distribución dos postos

O recinto feiral distribuirase ao longo da rúa Manuel Rodríguez e nos terreos dispoñibles da rúa Leandro Diz, espazos nos que o Concello organizará a disposición das distintas instalacións garantindo a seguridade, a accesibilidade e a correcta convivencia coa veciñanza.

As instalacións poderán comezar a súa montaxe a partir do 1 de xullo, debendo estar completamente operativas antes do inicio das festas.

Con esta convocatoria, o Concello do Porriño continúa traballando na organización dunhas Festas de San Bieito seguras, accesibles e participativas, favorecendo a actividade económica vinculada ao sector feiral e garantindo ao mesmo tempo a convivencia e o desfrute da veciñanza e das persoas visitantes.

Preme aquí para acceder ás bases para a instalación de postos de venda e atraccións en San Bieito 2026.

O Centro de día de Atios estará en marcha na antiga unitaria no ano 2027

  • O consello da Xunta aproba a cofinanciación das obras para rehabilitar o edificio cuxa licitación publicarase este mes de xuño

8 de xuño de 2026, O Porriño.- O Centro de Día de Atios está un pouco máis preto de facerse realidade coa aprobación no consello da Xunta do cofinanciamento das obras. Así, do total do investimento, 431.000 euros, a administración autonómica achegará 150.000 euros. Este mesmo mes de xuño publicarase a licitación para transformar o antigo edificio nun servizo de atención a persoas maiores.

“Os investimentos centrados nas persoas son fundamentais para O Porriño”, asegura o alcalde, Alejandro Lorenzo, que ten este proxecto como prioritario entre todas as obras proxectadas polo goberno municipal. “Comprometinme coa veciñanza de Atios a que terían un centro de día e a antiga escola unitaria do Covelo terá ese centro”, apunta Lorenzo, que sentencia ademais que seguirá “traballando e loitando para que todas as parroquias conten con todos e cada un dos servizos que tamén merecen, porque as parroquias tamén son O Porriño”.

Tras a correspondente tramitación administrativa ante a Consellería de Política Social e Igualdade, a administración autonómica cofinanciará o proxecto, o que permitirá que as obras de acondicionamento poidan comezar en breve no lugar do Covelo.

Un proxecto de rehabilitación integral

O proxecto técnico, redactado polo arquitecto Alberto Quintáns Arrondo, prevé a rehabilitación e adecuación funcional da antiga escola unitaria de Atios, un edificio construído orixinalmente en 1985 e que hoxe se atopa en desuso. O solar conta cunha superficie de parcela de máis de 2.700 m² e unha edificación que suma 318,08 m² construídos en planta baixa.

Así, entre as actuacións máis salientables da proposta inclúense espazos diáfanos incorporando o antigo pórtico cuberto da fachada posterior como espazo interior, transformando a nave central en dúas grandes salas totalmente diáfanas destinadas a sala de estar (64 m²) e sala multiusos (108,91 m²). A nave sur albergará catro aseos adaptados para os usuarios e unha sala de fisioterapia e curas de máis de 21 m², e na nave norte situaranse o vestíbulo de entrada (cun sistema de cortaventos), o despacho de administración, os vestiarios para o persoal e unha cociña con despensa e cuarto de lixo.

Para mellorar a accesibilidade, derrubaranse as rampas de acceso actuais para substituílas por unha nova plataforma horizontal. Ademais, modificarase a topografía do terreo para xerar unha pendente suave (inferior ao 6%), garantindo un itinerario totalmente accesible e seguro.

Co visto bo ao cofinanciamento e os plans técnicos listos, a licitación sacarase este mes de xuño para converter a antiga escola de Atios nun equipamento social moderno e de proximidade.

A Caravana Municipal do Porriño volve saír á rúa: tramitacións e atención directa sen saír da parroquia 

  • Arranca en Cans un percorrido que visitará todas as parroquias ata xullo 

O Porriño, mércores 4 de xuño. O Concello do Porriño iniciou esta mañá na parroquia de Cans unha nova rolda de visitas da súa Caravana Municipal de Atención Cidadá. Esta oficina móbil, impulsada polo goberno local, ten como obxectivo prioritario achegar os servizos administrativos ao rural e facilitar que a veciñanza poida realizar trámites directamente desde a súa contorna sen necesidade de desprazarse ata o centro urbano. O alcalde, Alejandro Lorenzo, estivo presente neste primeiro encontro para recoller de primeira man as peticións de cada residente.

A caravana funciona como unha extensión do propio consistorio e ofrece unha ampla carteira de servizos públicos integrados. A través desta oficina itinerante, os veciños teñen a posibilidade de realizar diversas xestións administrativas, tramitar solicitudes oficiais e acceder de forma áxil a información municipal de interese. A cercanía as súas vivendas posibilita que poidan achegase sen coller o vehículo pero ademáis permite poder visitar no momento o espazo concreto das súas demandas. 

Así, ademais do alcalde, nesta xornada estiveron presentes na caravana Bárbara Troncoso, concelleira de atención cidadá e protocolo; Marcos Martínez, concelleiro de parroquias, comunidades de augas e montes e parques infantís; Bienvenido Estévez, concelleiro de cultura, festas e novas tecnoloxías; Carlos González, concelleiro de parques e xardíns, cemiterios, limpeza viaria e lixo; e Teresa Veloso, concelleira de emprego e formación. 

Seguintes paradas

Tras esta primeira parada en Cans, a caravana municipal continuará o seu itinerario polas demais parroquias do municipio ao longo das vindeiras semanas en horario de mañá. O calendario oficial proseguirá o vindeiro xoves 11 de xuño en Atios, mentres que a seguinte cita terá lugar o luns 15 de xuño en Mosende. Posteriormente, a oficina móbil visitará Carracido o xoves 25 de xuño e desprazarase a Budiño o xoves 2 de xullo. O percorrido polos núcleos rurais do Porriño pecharase durante o mes de xullo coas visitas programadas a Torneiros o xoves 9, a Pontellas o xoves 16 e, finalmente, á parroquia de Chenlo o xoves 23 de xullo.

O Pleno do Concello do Porriño aproba a adxudicación da obra de Rexeneración Ubana de Torneiros por máis de 2,6 millóns de euros

  • A actuación conta cunha importante inxección de fondos europeos FEDER (60%) e o respaldo da Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincia Extraordinaria.
  • A empresa NAROM L. foi a adxudicataria dos traballos, comprometendo ademais preto de 275.000 euros en melloras para o núcleo urbano.
  • O proxecto conta cun prazo máximo de execución de 14 meses e as obras comezarán tras a formalización do contrato.

O Porriño, 25 de maio de 2026.– O Concello do Porriño deu hoxe o paso definitivo para a transformación integral do núcleo de Torneiros coa aprobación en pleno da adxudicación das obras de rexeneración urbana desta contorna, un ambicioso proxecto estratéxico que suporá un investimento total de 2.628.796,95 euros IVE incluído.

A proposta saíu adiante referendando o acordo da mesa de contratación, que elixiu por unanimidade á entidade NAROM S.L. ao obter a maior puntuación no proceso de licitación, no que tamén competiron Construcciones Castro Figueiro S.L. e Proyecon Galicia S.A. Ademais do orzamento de adxudicación, a empresa comprométese a executar melloras adicionais na contorna urbana por un importe de 274.949,99 euros.

Esta gran intervención en Torneiros é posible grazas á xestión de fondos externos por parte do Concello, minimizando o impacto económico sobre as arcas municipais. De feito a obra enmárcase na estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible polo que conta cunha asignación de fondos FEDER de 1,5 millóns de euros. Asemade a actuación compleméntase cunha achega de 1.1 millóns de euros procedentes do Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra), concedida oficialmente o pasado mes de marzo.

O proxecto de rexeneración urbana, redactado pola enxeñeira de Camiños, Canais e Portos María Ferreiro Núñez (de Ingenia Proyectos Técnicos S.L.), optimiza o gasto público ao lograr unha rebaixa respecto ao orzamento base de licitación, que inicialmente se situaba nos 2,74 millóns de euros.

Próximos pasos

Tras esta aprobación definitiva por parte do Pleno como órgano de contratación, procederase á notificación dos licitadores e á publicación oficial do anuncio no Perfil do Contratante e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). Unha vez transcorrido o prazo legal de 15 días hábiles, formalizarase o contrato coa empresa adxudicataria para dar inicio inmediato aos traballos, que dispoñen dun prazo máximo de execución de 14 meses.

Con este acordo plenario, o Concello do Porriño arranca unha das obras máis agardadas do mandato, reafirmando o seu compromiso coa sostibilidade, a accesibilidade e a mellora directa da calidade de vida das veciñas e veciños de Torneiros.

“Non se trata só de cambiar o asfalto ou mellorar as tubaxes, que tamén, senón de devolverlle o espazo público ás persoas, de facer unha parroquia máis humana, accesible, segura para os nosos nenos e maiores, e cunhas zonas de lecer de primeiro nivel como o novo parque acuático. Torneiros merece esta gran inxección de futuro”, explicou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

O proxecto

O proxecto de rexeneración urbana do núcleo de Torneiros contempla unha actuación integral sobre o espazo público e as infraestruturas existentes, coa finalidade de mellorar de maneira sostida as condicións urbanas, sociais e ambientais da parroquia.

Entre as actuacións previstas inclúese a renovación das redes de abastecemento de auga potable, a modernización do saneamento e a mellora do sistema de drenaxe pluvial, co obxectivo de garantir un funcionamento máis eficiente dos servizos básicos e previr problemas derivados das choivas intensas.

No ámbito da mobilidade e da accesibilidade, o proxecto aposta pola redistribución do espazo viario, favorecendo a mobilidade peonil fronte ao tráfico rodado. Prevese a ampliación das zonas peonís, a mellora e ampliación das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a adaptación dos itinerarios a criterios de accesibilidade universal e a creación de percorridos máis seguros, especialmente nos contornos de equipamentos de alta afluencia como os centros educativos, o multiusos de Torneiros e o centro cultural Alba.

A intervención inclúe tamén a renovación integral do alumeado público, que será substituído por luminarias LED de alta eficiencia enerxética, permitindo reducir o consumo eléctrico, mellorar a iluminación dos espazos públicos e diminuír as emisións de CO₂.

Así mesmo, incorporarase novo mobiliario urbano, mellorarase a calidade paisaxística do espazo público mediante a introdución de vexetación e zonas verdes, e crearase un entorno máis amable, seguro e sostible, pensado para o uso e desfrute da veciñanza.

O proxecto complétase coa creación dun parque acuático no Parque Alba, concibido como un novo espazo de lecer familiar e deportivo que reforzará a oferta de equipamentos públicos, fomentará a convivencia interxeracional e contribuirá á integración social da parroquia.

Arte, concienciación e benestar animal danse a man na primeira edición ‘ O Porriño Animal Fest’ para dicir “non ao maltrato animal

  • O evento celebrarase o sábado día 30 de maio coa participación de 15 protectoras e seis artistas que intervirán 6 contenedores adaptados para las colonias felinas

O Porriño, 21 de maio de 2026.- O Porriño serán o escenario o vindeiro sábado 30 de maio de 2026 dunha xornada para a defensa dos animais. Baixo o lema “O noso encontro cos animais”, participarán nel un total de 15 asociacións protectoras e asociacións da rexión e de ámbito estatal, sendo orgaizado por Gatitude e o Concello do Porriño.

Este evento, de entrada totalmente gratuíta, nace co obxectivo principal de alzar a voz contra o maltrato animal, promover o benestar das mascotas e concienciar á cidadanía sobre a tenencia responsable. Trátase dunha resposta colectiva ante a necesidade urxente de visibilizar e concienciar sobre a situación de vulnerabilidade que sofren miles de animais, dando a coñecer o labor diario das protectoras para evitar o abandono.

Un programa completo para toda a familia

A xornada, que convida a participar a todas as familias na praza Arquitecto Antonio Palacios e na praza do Cristo, teñan ou non mascota, contará con actividades solidarias e culturais. Por un lado haberá unha intervención artística na que participarán Eva Casais, Emma Suárez, Anxo Facal y Xabela García Rionegro, Sheila Viqueira y Miriam Benítez, El Taller de la Musa e Bruno Vázquez y sus alumnos da Escola de Arte de Ponteareas, creando e decorando seis contenedores adaptados para as colonias felinas. Unha intervención que será refuxio o arte no municipio.

Ademais celebrarse unha mesa redonda na que que se falará do maltrato e o abandono desde distintas perspectivas: a da administración, a das protectoras ou a dos adoptantes.

Haberá ademáis postos informativos e de recadación de fondos de cada protectora, que inclúe un posto principal de comida e bebida, unha tómbola con premios doados polo comercio e hostalería local, e un caricaturista solidario.

Durante a xornada, haberá música para todos os gustos. O público disfrutará dunha proposta aberta a todos os xéneros grazas as sesións de DJ Dorman e Dj Mario e as actuacións en vivo dos grupos de Holy Honey Live set, Grupo 4 Notas, Grupo “Fuchi”s band” e Grupo Silenzio, entre outros.

“A música e a concienciación social serán o fío condutor de todo o día”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. A entrada será libre, nun evento que se celebrará entre as 11:00 e ás 21:00h.

O Concello do Porriño dedicará cada 14 de maio ao mestre Antonio I. Paz Valverde

  • O Centro Cultural acollerá unha exposición permanente sobre o compositor

O Porriño, 15 de maio de 2026. Nunha praza ateigada de xente, este xoves destapouse o gravado en bronce que dá nome á nova praza Antonio Ignacio Paz Valverde. Un espazo no corazón do municipio, na nova humanización de Pío XII, que se atopa fronte á casa do aclamado compositor.

Alí, xunto ao piano no que compuxo a maioría das súas case 180 obras, un dos pianistas máis destacados de Galicia, Alejo Amoedo, tocou varias das súas pezas, acompañado de Dolores Crespo, soprano e destacada figura da lírica galega, e de Rita Baladrón, unha das mellores voces que saíron do municipio do Porriño e parte daquela coral que fundara Paz Valverde.

Foi unha emotiva homenaxe, na que participou tamén a Banda de Música do Porriño e, claro, a familia do compositor. A súa neta, Águeda, agradeceu que o seu legado puidera ser visible no municipio, mentres o alcalde, Alejandro Lorenzo, foi máis alá e anunciou que cada 14 de maio, data de nacemento do compositor, se lembrará no Porriño ao mestre. Ademais, engadiu que a exposición que durante a homenaxe presidiu a praza, na que figura gran parte da vida e da obra de Paz Valverde, será trasladada como exposición ao Centro Cultural, onde os músicos máis mozos poderán coñecer de preto a un gran referente que revitalizou a música galega nas décadas dos 60, 70 e 80.

Antonio foi un referente no Porriño, fundador da Coral Polifónica do CRC e, máis tarde, do Orfeón Porriñés, tamén do Coro Infantil. Pero a súa pegada viaxou moito máis alá desta vila. Autor de case 180 obras, entre composicións e arranxos, destacando a súa extensa produción relixiosa e tamén esas pezas nas que musicaba a grandes poetas do século XX, modernizando tamén a música polifónica do país. Poetas como Cunqueiro, Manuel María ou Celso Emilio Ferreiro, con quen mantiña correspondencia. Música que seguiu sendo e aínda hoxe é interpretada por grandes artistas como Carlos Núñez ou María do Ceo.

Música que se escoitou nunha homenaxe sentida e aplaudida no Porriño.