• O novo orzamento destina 175.000 euros ás subvencións a comunidades de usuarios de augas

O Concello do Porriño destinará 175.000 euros a axudas para as comunidades de usuarios de auga do municipio. A administración local suma 80.000 euros aos 95.000 consignados no orzamento prorrogado, incrementando nun 84,21% as subvencións para a mellora e mantemento das instalacións das traídas.

Esta nova convocatoria, a de maior contía proposta desde a administración local,  suma unha nova liña destinada a inversións. Así o obxecto destas axudas comprenderá non só o mantemento e reparación das instalacións senón tamén a súa mellora. As beneficiarias poderán optar a financiación para a contratación de obras de reparación, substitución ou ampliación de redes de distribución, analíticas de control sanitario ou mantemento e conservación en captación, mantemento das instalacións ou sistemas de almacenamento e potabilización.

O concelleiro, Marcos Martínez, adiantou que “nas próximas semanas publicaranse as bases da convocatoria de axudas, á que poderán optar todas as comunidades de augas do Porriño que estean formalmente constituídas. En calquera caso, informaremos a todas as traídas para explicarlles máis polo miúdo o obxecto destas bases e facilitarlles a tramitación das solicitudes”.

“Con estas axudas queremos axudar ás traídas a aumentar a calidade do servizo que prestan á veciñanza, contribuír a mellorar tanto o sistema de abastecemento como a calidade da auga. Ademais, por suposto, de promover un uso máis eficiente dos recursos hídricos dos que dispoñemos, algo de vital importancia nun momento no que as alertas por seca son cada vez máis habituais”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.