O Porriño énchese de cor coa inauguración dos “Mini Can Parede” e o obradoiro “Pintando Cans”

O Porriño, 14 de maio de 2026 – O centro do Porriño transformouse hoxe nunha improvisada galería de arte ao aire libre. O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou esta mañá aos escolares da vila na inauguración da exposición “Mini Can Parede”, unha das actividades máis queridas e agardadas que serven de limiar ao recoñecido Festival de Cans.

Durante a xornada os alumnos máis dun cento de alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos do Porriño participaron nesta xornada de creación colectiva na que decoraron os míticos cans do Festival.

Este proxecto, que tanto éxito acada entre os/as máis cativos/as da vila, volve para facer partícipes a todos os nenos e nenas, traballando xuntos (sen importar a idade) na decoración dun “Can Parede” (unha silueta do noso emblema oficial que a organización lles facilitará aos colexios participantes).

A temática é libre e o material decorativo tamén. Non hai restricións técnicas nin materiais.

Todos os “Mini Can Parede”- 9 siluetas- se exhibirán nos farois da zona peonil do Porriño

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor o talento e o esforzo dos participantes durante o percorrido: “Cada ano os nosos nenos e nenas sorpréndennos coa súa creatividade e ilusión. O ‘Mini Can Parede’ demostra que a cultura pode e debe ser accesible, participativa e integradora dende as primeiras etapas da vida”. Neste mesmo senso a concelleira de Educación, Carolina Gonzalez, destacou que “esta actividade é unha oportunidade para que os rapaces se sintan parte activa do festival, ao tempo que desenvolven habilidades artísticas e valores fundamentais como a cooperación e o respecto polo traballo común”.

NP Este xoves o Porriño inaugura a plaza Antonio I. Paz Valverde

  • Unha homenaxe sonora: destacados músicos interpretarán a obra de Valverde na estrea da súa nova praza.

O Porriño, 11 de maio de 2026. O Concello do Porriño inaugura este xoves 14, ás 20:30 horas, a praza Antonio I. Paz Valverde, un dos espazos creados na humanización de Pío XII, xunto ao parque Fontevella, e onde se empraza a casa do prolífico compositor porriñés. Así, canda o lugar onde naceron gran parte das case 180 obras —entre composicións e arranxos— que ten no seu haber, lembrarase para sempre a este insigne porriñés, falecido no ano 2022.

A súa figura honrarase tamén no momento da inauguración nun acto que pretende ser unha homenaxe ao compositor e director, creador da Coral Polifónica do CRC ou do Orfeón Porriñés. Un home cuxo legado, segundo o Consello da Cultura Galega, “é parte destacada do patrimonio musical de Galicia”. “Non queremos que ese legado se esqueza na súa casa, no Porriño”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, que engade que por iso a música vai ser unha parte importante da inauguración, con pezas de Valverde que serán interpretadas por destacados músicos que, á súa vez, tiveron unha relación especial co autor. É o caso do pianista Alejo Amoedo ou das sopranos Rita Baladrón e Dolores Crespo. O acto contará tamén coa presenza da Banda de Música do Porriño e unha pequena exposición sobre Paz Valverde. “Grazas á xenerosidade da súa familia, poderemos achegarnos á súa vida, á súa obra e á súa figura”, conclúe Lorenzo.

Antonio I. Paz Valverde

Antonio Ignacio Paz Valverde foi un prolífico compositor e director coral porriñés, peza clave na renovación da polifonía galega contemporánea. Destacou pola súa extensa produción relixiosa e por musicar a grandes poetas galegos, deixando un legado que é patrimonio esencial da música de Galicia.

A súa pegada artística transcendeu fronteiras grazas ás gravacións que triunfaron na emigración, en América e en Europa, e ás versións que hoxe seguen a realizar artistas de renome, desde voces líricas ata figuras do pop e o folk internacional.

O Porriño celebra a tradicional “Festa dos Cachos” este domingo 10 de maio

O Porriño, 7 de maio de 2026. – A vila do Porriño prepárase para recibir unha das citas gastronómicas máis senlleiras do calendario primaveral: a Festa dos Cachos 2026, que é en realidad a festa do centolo que se comerá este domingo a un prezo de sete uros na tradicional “carpa dos cachos”. Organizada pola Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra, esta xornada promete converter a localidade no epicentro do sabor mariñeiro.

O evento terá lugar este domingo, 10 de maio, ofrecendo aos asistentes a oportunidade de degustar este prezado marisco (centola) en diferentes modalidades e prezos populares.

Programación e Degustación

A xornada estará dividida en dous espazos principais para garantir que ninguén quede sen a súa ración:

A partir das 12:00 h, na Carpa: Abrirá a “Carpa dos Cachos” con venda directa ao público. A oferta gastronómica completarase coa presenza dunha pulpeira e unha rosquilleira, todo isto amenizado por animación de rúa para crear un ambiente festivo e familiar. Haberá tamén empanada. O prezo da degustación dos cachos na carpa será de 7 €.

A partir das 13:00 h, nos Restaurantes: A festa trasládase tamén á hostalería local. Os establecementos participantes, “Pinzas” (Rúa Leandro Diz) e “O Xantar de Pepa” (Rúa Pío XII), ofrecerán o servizo de cachos cun prezo de 8 €.

Un impulso á cultura e á tradición local

A historia desta festa vén de lonxe, remóntase á resistencia porriñesa para evitar a entrada dos franceses na vila. Para conmemorar aquel momento histórico levantouse un cruceiro no Porriño e, ao redor del, foi crecendo un barrio que se converteu nun dos máis emblemáticos da vila.

Honrando ao Cristo dos Aflixidos comezou a celebración dunha festa en maio e aos elementos relixiosos fóronse sumando outras actividades de lecer, entre elas, a parte gastronómica coas centolas como protagonistas; un marisco que aquí chamamos “cachos” como se coñece desde entón ao barrio.

O Concello do Porriño licita o servizo integral de mantemento e vixilancia para centros educativos e instalacións deportivas

  • O contrato divídese en dous lotes cun orzamento base que supera os 250.000 euros anuais.
  • O obxectivo é garantir o perfecto estado dos colexios e o control de accesos nos pavillóns e centros municipais as 24 horas en eventos especiais.

O Porriño, 07 de maio de 2026. O Concello do Porriño anuncia a licitación do novo contrato para a prestación de servizos integrais de mantemento, reparación, vixilancia e conserxería. Este contrato ten como finalidade asegurar que os centros educativos e as instalacións deportivas do municipio conten cun funcionamento óptimo e seguro para todos os usuarios.

Así, o contrato sae a licitación dividido en dous bloques: o primeiro para o mantement integral dos centros educativos, que comprende o CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López, Antonio Palacios, da Ribeira, Atios e Da Cruz Budiño. Este primeiro lote ten un orzamento de 150.000 euros anuais, para un servizo que cubrirá o mantemento preventivo e arranxos de fontanaría, electricidade e carpintaría, o coidado de xardíns, patios e zonas comúns durante a xornada escolar, e o servizo de conserxería con apertura, peche, control de accesos e vixilancia das alarmas.

O segundo lote, cun orzamento máximo de 101.000 euros ao ano, está destinado á vixilancia e control de accesos en instalacións como o Pavillón Municipal, os campos de fútbol de Atios, Mosende, Lourambal, Budiño e Pontellas, o Velódromo e o Centro Multiusos de Torneiros, entre outros. Este servizo inclúe a xestión de entradas, aluguer de pistas ou a vixilanza e custodia das instalacións, tamén o control e bo funcionamento de todos os servicios ou recepción e distribución de material.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explica que con esta nova contratación, o Concello  do  Porriño  reafirma  a  súa  aposta  pola  mellora  e  mantemento das infraestruturas públicas, garantindo espazos máis limpos, seguros e mellor atendidos para toda a cidadanía.

O alcalde do Porriño visita Aceesca Lume para felicitar ás subcampioas galegas de baristas

  • Alejandro Lorenzo destacou o talento de Laura Pampillón e Jesusa Argibay e animou a toda a veciñanza a probar o “café de premio” que serven en

O Porriño, 5 de maio de 2026 – O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, achegouse ata o Centro Cultural Alba de Torneiros para felicitar persoalmente a Laura Pampillón e Jesusa Argibay (Susi), as aprendices de Aceesca Lume que veñen de acadar o segundo posto no IV Campionato Barista de Centros de Educación Especial.

Durante a visita á cafetería Lume: Sabor e Sabero rexedor puido coñecer de primeira man o traballo que realizan estas mozas, que conquistaron ao xurado en Boiro co seu café de especialidade “Sueño Tropical”. Lorenzo destacou que este éxito é o reflexo do esforzo e da calidade do modelo de Formación Dual Adaptada que se desenvolve no Porriño.

Unha recomendación para toda a veciñanza

O alcalde, tras compartir un momento co equipo, non dubidou en facer un chamamento a todos os porriñeses e porriñesas: “Recomendo a todo o mundo que veña ata Lume a tomar un café de premio”. Lorenzo subliñou que, alén do galardón, o que se ofrece nesta cafetería é un servizo profesional de alta calidade que demostra que a inclusión laboral é unha realidade con resultados excelentes.

“Valoramos moito a implicación do Concello do Porriño neste proxecto. A visita do Alcalde é un recoñecemento ao traballo diario que facemos en Aceesca Lume e demostra que, cando as institucións se comprometen coa inclusión, funcionan como unha lanzadeira para o talento. Este apoio axuda a que éxitos como o de Laura e Susi sexan máis visibles e cheguen máis lonxe”, aseguró Ángeles Leirós, gerente de la Asociación de Apoyo a Personas con Diversidad Intelectual.

Un proxecto de éxito e formación real

O equipo de Aceesca Lume destacou por enriba de outros oito centros de toda Galicia grazas á súa técnica e dominio sensorial. Este recoñecemento consolida a Lume “Sabor e Saber” como un referente na formación de persoas con diversidade intelectual en contornas de traballo reais.

A cafetería funciona de luns a venres como un establecemento aberto ao público, permitindo que as aprendices se preparen para o mercado laboral ordinario servindo almorzos e comidas con plenas garantías de profesionalidade.

Desde hoxe, o “café de prata” de Galicia agarda por toda a población da contorna, servido polas mans expertas de Laura e Susi.

O Porriño achega a formación en primeiros auxilios á veciñanza con novas charlas de Protección Civil en Pontellas e Budiño

  • Dúas sesións gratuítas en maio permitirán aprender a actuar ante situacións de emerxencia como paradas cardiorrespiratorias, afogamentos ou ictus

O Porriño,  2 de maio de 2026.– Saber como actuar nos primeiros minutos dunha emerxencia pode marcar a diferenza. Con esta premisa, o Concello do Porriño, a través de Protección Civil, segue a impulsar unha iniciativa formativa aberta á cidadanía: un ciclo de charlas de primeiros auxilios que xa teñen pasado por diferentes parroquias e que  se desenvolverá durante o mes de maio en Pontellas e Budiño.

En concreto, as charlas, de carácter gratuíto, celebraranse o martes 5 de maio a partir das 17:00 horas na Asociación Cultural de Pontellas e o martes 19 de maio, tamén desde as 17:00 horas, na Asociación Cultural O Mosteiro de Budiño. Dous espazos de encontro nos que o coñecemento se compartirá de maneira práctica e participativa, facilitando que calquera persoa poida adquirir habilidades fundamentais para actuar ante unha emerxencia.

Baixo o lema “Aprende a salvar vidas”, estas sesións teñen como obxectivo dotar á veciñanza de coñecementos básicos e ferramentas prácticas para responder con seguridade ante situacións críticas como unha parada cardiorrespiratoria, un atragoamento, queimaduras, cortes ou un posible ictus. Unha formación accesible e útil que busca achegar a prevención e a intervención básica ao día a día da cidadanía.

A través desta iniciativa, o Concello do Porriño reforza o seu compromiso coa seguridade e o benestar da súa veciñanza, promovendo a formación como ferramenta clave para salvar vidas. “Unha aposta por unha cidadanía máis preparada, consciente e capaz de responder con eficacia nos momentos nos que cada segundo conta”, apunta o alcalde, Alejando Lorenzo.

O Concello do Porriño saca a licitación as obras de renovación dos tres parques infantís de Torneiros

  • O investimento ascende a 999,99 euros
  • As obras deberán estar rematadas, segundo o prego de condicións, antes do 30 de xuño

O Porriño, 30 de abril de 2026. O Concello do Porriño saca a licitación as obras dos novos parques infantís e equipamentos deportivos en Torneiros cun orzamento de 124.999,99 con IVA.

Estes traballos de mellora afectan e cambiarán a fisonomía das áreas de recreo das Fases I,II e III desta zona residencial.

Na Fase I, cun orzamento de 13.829,48 €, instalarase un novo balanceador de madeira laminada e aceiro, realizarase unha limpeza do multixogo xa existente e instalaranse novos asentos nos columpios (incluíndo un para bebés) ademais dun valado de madeira de 66 metros de lonxitude. Prepararase unha base de zahorra e céspede artificial en 175 m2, xunto coa restauración e renovación dos columpios e xogos infantís.

A zona de maior intervención, cun orzamento de 70.234,82 €, é a fase II que inclúe a creación dunha zona nova de xogo de 11×16,5 m con pavimento de céspede artificial, a instalación dun novo multixogo e unha mesa de xogos con bancos. Ademais, proxéctase un estanque ornamental accesible de 38 m2 con iluminación LED subacuática un banco corrido de granito do Porriño.

O granito do Porriño en bancadas e xardineiras complementa un novo espazo verde dando identidade e e harmonía cromática ao conxunto. Ademais en todo o contorno do parque renovarase a xardinería con especies arbustivas e tapizantes adaptadas ao clima atlántico, mediante unha composición de baixo mantemento formada por arbusto estrutural e especies tapizantes para xerar un espazo verde, confortable e harmonioso, integrado co entorno.

Na Fase III instalarase unha casiña infantil que de seguro fará as delicias da cativada.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que esta actuación “non é só unha reforma estética, senón unha aposta decidida pola calidade de vida e a seguridade das familias de Torneiros”. O rexedor subliñou o valor de utilizar materiais da terra, como o granito Rosa Porriño, para embelecer os espazos públicos

As obras estarán rematadas antes do 30 de xuño, xa que están financiadas pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, dentro do Plan Recuperación, Transformación e Resiliencia, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

A 44ª edición do Trofeo Horacio Barros chega ao parque de Torneiros o 1 de maio

  • A proba, organizada por Master da Louriña, reunirá a nenos e nenas de diferentes idades nunha cita que combina deporte, habilidade e aprendizaxe.

O Porriño, 29 de abril de 2026.– O parque de Torneiros converterase o 1 de maio nun espazo de referencia para o ciclismo base coa celebración da 44 edición do Trofeo Horacio Barros, que reunirá aos ciclistas máis mozos nun circuíto pensado para poñer a proba a súa destreza, equilibrio e capacidade técnica sobre a bicicleta.

A actividade, organizada pola entidade Master da Louriña coa colaboración do Concello do Porriño, está dirixida a nenos e nenas das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís e cadetes, tanto en modalidade masculina como feminina, así como á categoría junior feminina.

“Con iniciativas coma esta, reafirmamos o noso compromiso co deporte base e coa promoción de actividades que favorezan o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade”, explicaba o alcalde Alejandro Lorenzo xunto a Horacio Barros e o presidente do Club Master da Louriña e parte da Xunta Directiva, na presentación do evento.

Ao longo da xornada, o parque transformarase nun percorrido dinámico no que cada participante terá que afrontar diferentes retos técnicos. O circuíto incluirá unha xincana composta por probas como paralelas, labirintos de distinta dificultade, voltas a un círculo, exercicios de puntería, balancíns ou probas de equilibrio como o surplace, ademais doutros obstáculos como a recollida de bidón ou o paso de altura. Un conxunto de exercicios deseñados para traballar habilidades clave no ciclismo base dun xeito lúdico e formativo.

As saídas das distintas categorías realizaranse de maneira progresiva ao longo da xornada, adaptándose ao desenvolvemento da competición e garantindo unha organización fluída do evento. A normativa aplicable rexerase polo regulamento da Real Federación Galega de Ciclismo, que tamén resolverá calquera situación non prevista.

Máis alá da competición, esta cita deportiva busca fomentar a práctica do ciclismo entre a mocidade, promovendo hábitos saudables e valores como o esforzo, a superación e o respecto polas normas. Ao mesmo tempo, contribúe a dinamizar o uso dos espazos públicos do municipio, convertendo o parque de Torneiros nun punto de encontro para o deporte e para unha convivencia saudable.

O Porriño vive unha exitosa Fashion Weekend

  • A Shopping Night do venres e o gran desfile do sábado converteron a vila nun fervedoiro de xente, superando todas as expectativas de participación e vendas.

O Porriño, 25 de abril de 2026.- O Porriño pecha unha fin de semana histórica na que o comercio local demostrou a súa forza e capacidade de convocatoria. A cuarta edición da Fashion Weekend saldouse cun éxito absoluto, cumprindo o obxectivo de dinamizar a economía local e situar á vila no mapa das grandes citas da moda en Galicia.

A programación arrancou o venres coa Shopping Night, onde o comercio local viviu unha xornada de actividade frenética coas tendas abertas ata a media noite, veciños e visitantes aproveitaron os descontos e sorpresas nun ambiente festivo grazas á música dos seis DJ’s que encheron de ritmo as rúas do centro.

Tres horas de moda e a sorpresa de Maison

O prato forte chegou o sábado coa gran pasarela na Praza Antonio Palacios. Durante tres horas de desfile, conducido pola carismática Lucía Rodríguez, o público puido coñecer de primeira man as propostas do comercio local grazas aos modelos de Small Big Models .Os 27 establecementos participantes e as 10 perruquerías e salóns de beleza implicados demostraron o músculo do comercio local e o ben que lucen sobe a pasarela. Nada que envexar, como se dixo na presentación, a Milán ou Paris.

Un dos momentos máis aplaudidos da tarde foron as intervencións da escola Maison. Os seus alumnos protagonizaron pases con actuacións integradas que achegaron unha gran frescura á pasarela. Porén, o momento máis impactante foi un flash mob multitudinario que pillou ao público por sorpresa: unha decena de artistas xurdiron de lugares insospeitados, como o balcón do Concello e outros puntos estratéxicos da praza, creando un espectáculo visual e sonoro que deixou a todos os asistentes abraiados.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do evento: “Dixemos que non tiñamos nada que envexar a Milán ou París, e hoxe quedou demostrado. O Porriño é unha vila viva e o noso comercio é o mellor motor para a cohesión social e económica”.

Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, destacou a gran afluencia de visitantes: “Conseguimos que a xente vivise unha experiencia única. A resposta do público e o esforzo dos comerciantes fan que a Fashion Weekend sexa xa unha cita imprescindible, como imprescindible todo o ano é o noso comercio local”.

A xornada completouse coa espectacular performance de Pablo Méndez, poñendo o broche de ouro a unha fin de semana onde a moda, a música e o talento local foron os únicos protagonistas.

 

O Porriño celebra no parque Alba de Torneiros a V Xuntanza Literaria: unha xornada adicada á lectura en galego 

  • Máis de 400 persoas participarán o 24 de abril nun encontro interxeracional que reivindica a lectura en galego como ferramenta de unión e inclusión 
  • Haberá música, engadindo unha dimensión lúdica á xornada.

22 de abril de 2026, O Porriño. O parque Alba de Torneiros converterase o vindeiro 24 de abril nun gran espazo de encontro arredor da palabra. Alí máis de 400 persoas —entre alumnado, profesorado, persoas maiores e usuarios de entidades sociais— daranse cita na V Xuntanza Literaria, unha iniciativa que medra ano tras ano e que consolida ao Porriño como referente na promoción da lectura en galego.

Impulsada polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación, Normalización Lingüística e a OMIX, en colaboración cos departamentos de Biblioteca dos centros educativos do municipio, a xornada desenvolverase de 10:30 a 13:00 horas cun programa que mestura lectura, convivencia e expresión artística.

A mañá comezará coa chegada das persoas participantes e dará paso a un tempo compartido de lecturas individuais e colectivas, recomendacións literarias e intercambio de experiencias. Un exercicio colectivo no que a lingua galega será o fío condutor, unindo xeracións distintas nun mesmo espazo e arredor dun mesmo interese: o pracer de ler.

Nesta edición volverán estar presentes centros educativos de todo o municipio: o CPR Santo Tomás, o  IES Pino Manso, o CEIPP Fernández López, o CPR Hermanos Quiroga, o CEIPP Antonio Palacios, o IES Ribeira do Louro, o CEIP da Cruz-Budiño, o CEIPP de Atios e o CEIPP da Ribeira— xunto con entidades como ACEESCA, o Centro de Día de Torneiros e a Asociación AFAGA, reforzando así o carácter inclusivo desta cita.

A música, como extensión natural da palabra, terá tamén o seu espazo a partir das 12:00 horas coa actuación “Isto é Rock!”, un concerto didáctico para toda a familia a cargo de Javier Becerra e Carolina Rubirosa. Un espectáculo pensado para achegar a música dun xeito próximo e participativo, engadindo unha dimensión lúdica á xornada.

A Xuntanza Literaria celébrase coa vontade de fomentar o uso da lingua galega e o hábito lector entre a infancia e a mocidade, pero tamén de tender pontes entre xeracións, promovendo a transmisión cultural e a inclusión social a través da cultura. Un encontro no que a lectura deixa de ser un acto individual para converterse nunha experiencia compartida.

“Esta actividade busca fomentar o hábito lector entre a mocidade, así como impulsar a creatividade e a capacidade de expresión do alumnado. É importante crear espazos de encontro arredor da literatura, favorecendo a participación activa dos escolares e o seu achegamento á cultura dun xeito lúdico e enriquecedor”, sinala a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González Costas.

Con esta quinta edición, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa lingua galega e coa cultura como ferramentas de cohesión social, facendo da lectura un punto de encontro aberto, diverso e vivo.