Mozos e mozas porriñeses participarán nunha avaliación sobre o cumprimento da Convención dos Dereitos do Neno

 

Mozos e mozas que integran o Consello da Infancia e da Adolescencia do Porriño participarán ao longo do mes de setembro en diferentes grupos focais que traballaran nunha avaliación sobre o grao de cumprimento da Convención dos Dereitos do Neno por parte das institucións do noso país.
Segundo informan a Oficina Municipal de Información á Xuventude, OMIX do Porriño e a Concellería de Educación, os representantes porriñeses abordarán temas de igualdade de xénero, violencia, educación, saúde e benestar, a través do traballo de debate nos grupos de participación.
Os rapaces e rapazas porriñesas participarán na elaboración dun informe sobre diversos asuntos de actualidade que entregarán ao Comité de Dereitos dos Nenos, Nenas e Adolescentes.
Coas conclusións e propostas, os grupos focais, compostos a súa vez por nenas e nenos de todo o país, elaborarán o informe final para o Comité dos Dereitos do Neno. Este informe serviralle ao Comité para avaliar se o estado español está a facer todo o posible para respectar a Convención dos Dereitos do Neno da que forma parte.

Preto de 40 inscritos para participar na “Breaking Battle Porriño” que se celebrará este sábado coa ocasión das Festas de San Bieito

A competición-espectáculo “Breaking Battle Porriño” que constitúe a principal novidade da programación das Festas de San Bieito, celebrarase este sábado coa participación de preto de 40 mozos e mozas de toda Galicia que practican esta modalidade deportiva que será olímpica nos Xogos de París 2024.

Entre os participantes estarán David Amor, un mozo de Neda de 14 anos que xa é o segundo no ranking nacional desta modalidade e foi medalla de bronce no Campionato de España en 2020; e a rapaza ourensá, Alicia Babarro, de 10 anos que actualmente lidera a Liga Galega de Breaking en categoría iniciación.

O evento, incluído pola Concellería de Cultura na programación das festas, terá lugar por primeira vez na nosa vila. Aínda que inicialmente estaba previsto na praza de San Sebastián, acordouse trasladar ao auditorio exterior do Centro Cultural Municipal onde se montará unha pista de PVC. Ademais haberá un espazo con cadeiras reservado para o público asistente e os acompañantes dos participantes.

A concelleira Cami Moreira subliñou “o esforzo conxunto da OMIX do Porriño e das concellerías de Deportes e Festas para achegar novas propostas de lecer, cambiando rexistros e organizando eventos máis demandados pola mocidade”.

A competición durará catro horas (entre as 17:00 e as 21:00) e será “mediante sistema de eliminatorias ata chegar a unha final de un contra un. Tres xuíces, dous galegos e un andaluz, encargaranse da puntuación e control da competición”, segundo explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, produtora do evento.

Os Consellos da Infancia e Adolescencia dos concellos do Porriño, Redondela e Tomiño condearon a morte violenta de Samuel Luiz

Os nenos e nenas que forman os Consellos da Infancia e Adolescencia dos concellos do Porriño, Redondela e Tomiño condearon a agresión e morte do mozo Samuel Luiz, vítima dunha malleira. Na sesión conxunta telemática que mantiveron os compoñentes destes tres consellos, os nenos participantes amosaron a súa preocupación pola “LGTBI fobia” existente na sociedade.

Precisamente a reunión “on line” convocouse para tratar outro problema de convivencia, neste caso nas aulas, o “bullying”. Fixeron especial fincapé na necesidade de levar a cabo accións que se centren nas orixes deste problema en lugar de centrar os esforzos nas consecuencias. “Foron moitas as conclusións ás que chegaron e moi diversas propostas que sairon. Agora haberá que concretar as máis factibles para darlles traslado aos respectivos Concellos”, explicou Noelia de la Fuente, responsable da Oficina Municipal de Información Xuvenil, OMIX do Porriño.  

Na reunión telemática tamén participaron Lourdes Moure, concelleira de Educación do Porriño e as súas homólogas de Redondela, Olga García e Tomiño, Fátima Rodríguez.

 

Mozas e mozos porriñeses fixeron a súa achega á conmemoración do Día do Orgullo, colaborando nun mural no Centro Cultural

Mozas e mozos porriñeses que forman parte do Consello Municipal de Participación da Infancia e Adolescencia, fixeron a súa achega á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ 2021 colaborando na execución dun mural no Centro Cultural Municipal.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX do Porriño) coordinou esta actividade, desenvolvida coa asistencia técnica de “Vella Escola”.A intervención artística realizouse onte mércores, durante tres horas co resultado que se pode apreciar nas imaxes adxuntas.

“Dende O Porriño ata París”: presentada a “Breaking Battle” que se celebrará ao abeiro das Festas de San Bieito

O Concello do Porriño vai celebrar o sábado 10 de xullo a “Breaking Battle Porriño” que será unha competición/encontro de Breaking Dance que terá lugar por primeira vez na nosa vila.

Celebrarase ao abeiro das Festas de San Bieito na praza de San Sebastián onde se montarán unha pista principal e dúas máis pequenas para quecemento dos participantes. Ademais haberá un espazo con cadeiras reservado para o público asistente e os acompañantes dos participantes.

A concelleira subliñou “o esforzo conxunto da OMIX do Porriño e das concellerías de Deportes e Festas para achegar novas propostas de lecer, cambiando rexistros e organizando eventos máis demandados pola mocidade”.

Agardase “unha alta participación aproveitando que o breaking está declarada modalidade olímpica para os Xogos de París 2024”, segundo lembrou Pablo Castiñeira, representante de “Vella Escola”, produtora do evento.

Entre os participantes que se darán cita no Porriño agardase o concurso de David Amor, un mozo de Neda de 14 anos que xa é o segundo no ranking nacional desta modalidade e foi medalla de bronce no Campionato de España en 2020. De aí que a concelleira de Festas, Cami Moreira concluíse coa frase “Dende O Porriño a París” tendo en conta as posibilidades do mozo nedense de ser seleccionado para as vindeiras Olimpíadas.

 

Obradoiro sobre novas profesións para o alumnado de ensino secundario

A Oficina Municipal de Información á Xuventude xunto coa Concellería de Educación levan a cabo, ata o 31  de maio, a actividade “Mentoring para adolescentes: obradoiro sobre novas profesións, Pensando no meu Futuro”, que se imparte polos centros de ensino secundario do Porriño. Hoxe correspondíalle ao alumnado de 4º da ESO do IES Ribeira do Louro.

¿Cómo podemos tomar boas decisións sobre o noso futuro? ¿Que opcións temos? ¿Cómo podemos saber que é axeitado para nós?. Os adolescentes enfróntanse a moitas preguntas e vense na obriga de tomar decisión sobre os seus estudos case sen reflexionar ou investigar as mellores opcións para eles. Este obradoiro aborda o proceso de autocoñecemento e as novas profesións nun formato de duas horas. Neste tempo proporcionarase aos estudiantes unha visión de conxunto sobre as novas profesións que existen grazas á tecnoloxía, cales poden desenrolar en Galicia e como coinciden eses perfís profesionais coas súas habilidades e intereses naturais.

Indice de contidos:

  • Novas profesións relacionadas coa tecnoloxía: intelixencia artificial, automatización e robótica, etc.
  • Sectores productivos en Galicia e estudios relacionados.
  • Moocs e formación online gratuita.
  • Detección de fortalezas e definición de obxectivos.

Estes obradoiros (teórico-práctico de 2 horas) son impartidos dende o 13 de maio e chegarán a un total de 177 alumnos de 3º e 4º da ESO.

 

 

O Consello da Infancia tratou coa concelleira de Educación sobre “espazos seguros” para a mocidade porriñesa

O Consello da Infancia e Adolescencia do Porriño tratou coa concelleira de Educación, Lourdes Moure e persoal da OMIX sobre entornos seguros para a mocidade porriñesa, na xuntanza celebrada no Centro Cultural Municipal. O encontro gravouse para realizar unha reportaxe que se emitirá na canle municipal on line “Louriña TV Escolar”.

Segundo ven de definir UNICEF España como parte do seu traballo fronte á violencia e os abusos, institucións públicas como o Concello do Porriño que é, ademais, Cidade Amiga da Infancia, deben favorecer a xeración de entornos protectores para á infancia, e impulsar modelos de prevención e atención ás situacións de violencia exercida en contra das nenas e dos nenos.

A concelleira subliñou a importancia de que “o goberno local traballe de xeito coordinado con todos os axentes implicados para conseguir un concello onde nenas, nenos e adolescentes se sintan segur@s para desenvolver as súas vidas”.

 “Dende o goberno, parécenos que contar coa axuda do Consello de Participación da Infancia é de grande axuda. Por iso aproveito este momento para dicirlles as nenas, nenos e adolescentes que se unan ao consello. Precisamos do voso traballo colaborativo para que para crear un concello máis seguro para todas e todos”, manifestou Moure Varela.

Este martes 4, acto “A mocidade coas Letras Galegas 2021”

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto coa Concellería de Normalización Lingüística trae o programa “A mocidade coas Letras Galegas 2021”. Este martes 4 de maio, na Praza do Cristo, para celebrar o Día das Letras Galegas 2021 dedicado á poeta Xela Arias, en horario de mañá, cunha duración prevista de catro horas, desde as 10:00 horas ata as 14:00 horas.

Con esta iniciativa, promóvese o uso da lingua galega entre a mocidade a través dun achegamento máis atractivo e usando os seus códigos nas actividades alternativas baseadas na cultura urbana, concretamente no “rap”. Partindo de contidos culturais relacionados coa nosa comunidade e a nosa contorna, motivamos a nosa rapazada a participar en proxectos creativos.

Por outro lado, dignificase a lingua galega, usando como vínculo artístico, musical e plástico, a figura de Xela Arias, aportando o recoñecemento da poeta e toda a súa traxectoria vital.

Con “A mocidade coas Letras Galegas 2021”, no Porriño, tamén contribuímos a promover e dar visibilidade as actividades de carácter artístico e o uso da lingua galega a través deste programa mediante a súa publicación nas redes sociais, páxinas web e noutros medios de comunicación e difusión.

 

17 de abril, Día Internacional da Información Xuvenil. Omix do Porriño

Cada 17 de abril, as persoas mozas e os Servizos de Información Xuvenil de toda Europa celebran o Día Internacional da Información Xuvenil.
Este día, que foi declarado en 1983 pola Axencia Europea da Información e o Asesoramento Xuvenil (Eryica) e o Instituto da Mocidade de España (Injuve), significa unha oportunidade para recoñecer o labor dos servizos de información xuvenil, especialmente nun momento como o actual.

En España hai máis de 3.000 centros que forman a Rede de Servizos de Información Xuvenil (SIJ), en Galicia a través das OMIX. (Oficinas Municipais de Información Xuvenil, como é o noso caso) e o seu traballo ao longo deste último ano viuse alterado como quizais nunca antes na súa historia.

A nosa Oficina Municipal de Información Xuvenil, OMIX do Porriño, co número de rexistro 36-039-six-063 na Rede Galega de Centros de Información Xuvenil, é unha estrutura informativa de carácter municipal que presta servizos de información directamente aos mozos e mozas do Concello do Porriño e contorna.

Ofrecemos á mocidade toda aquela información que poida ser de interese para o seu desenvolvemento persoal prestando un servizo de atención e asesoramento informativo, a través de taboleiros de anuncios e expositores con documentación actualizada sobre temas variados e dun servizo de Atención Individualizada (presencial, telefónico e por correo electrónico).

Ademais, programamos, elaboramos, organizamos e xestionamos a realización e difusión dos diferentes programas, servizos, talleres e actividades dirixidos ás persoas mozas da nosa localidade, centros educativos e público en xeral.

Deixamos ligazón coa web de Cultura e co videomapping conmemorativo da efeméride

https://youtu.be/RmXDPwD32nA

Día Internacional da Información Xuvenil

Representantes do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño reencóntranse logo de meses de traballo online.

Cumprindo as medidas de seguridade que permiten reunións de ata 6 persoas non conviventes e aproveitando as vacacións de Semana Santa, algúns dos voceiros/as do grupo de participación infantil do Concello do Porriño mantiveron unha reunión presencial.

Puideron poñerse cara sen unha pantalla de por medio para seguir compartindo ideas, impresións, e preparar o traballo que realizarán nos vindeiros meses.

Entre outras cousas pensaron nas propostas que lle farán ao Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, co que se reunirán nun encontro organizado por UNICEF e no que participarán tamén representantes doutros concellos “amigos da infancia” de Galicia.

Fixérono nos soportais da Casa do Concello, e aproveitaron a ocasión para animar ao resto de xente nova do municipio a unirse ao grupo para acadar así unha representación máis diversa.

Os nenos e nenas que desexen participar poden poñerse en contacto coa OMIX do Concello do Porriño a través do número de teléfono 986 33 76 24 ou directamente co equipo dinamizador no 604 086 970