O Consello da Infancia tratou coa concelleira de Educación sobre “espazos seguros” para a mocidade porriñesa

O Consello da Infancia e Adolescencia do Porriño tratou coa concelleira de Educación, Lourdes Moure e persoal da OMIX sobre entornos seguros para a mocidade porriñesa, na xuntanza celebrada no Centro Cultural Municipal. O encontro gravouse para realizar unha reportaxe que se emitirá na canle municipal on line “Louriña TV Escolar”.

Segundo ven de definir UNICEF España como parte do seu traballo fronte á violencia e os abusos, institucións públicas como o Concello do Porriño que é, ademais, Cidade Amiga da Infancia, deben favorecer a xeración de entornos protectores para á infancia, e impulsar modelos de prevención e atención ás situacións de violencia exercida en contra das nenas e dos nenos.

A concelleira subliñou a importancia de que “o goberno local traballe de xeito coordinado con todos os axentes implicados para conseguir un concello onde nenas, nenos e adolescentes se sintan segur@s para desenvolver as súas vidas”.

 “Dende o goberno, parécenos que contar coa axuda do Consello de Participación da Infancia é de grande axuda. Por iso aproveito este momento para dicirlles as nenas, nenos e adolescentes que se unan ao consello. Precisamos do voso traballo colaborativo para que para crear un concello máis seguro para todas e todos”, manifestou Moure Varela.

Este martes 4, acto “A mocidade coas Letras Galegas 2021”

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto coa Concellería de Normalización Lingüística trae o programa “A mocidade coas Letras Galegas 2021”. Este martes 4 de maio, na Praza do Cristo, para celebrar o Día das Letras Galegas 2021 dedicado á poeta Xela Arias, en horario de mañá, cunha duración prevista de catro horas, desde as 10:00 horas ata as 14:00 horas.

Con esta iniciativa, promóvese o uso da lingua galega entre a mocidade a través dun achegamento máis atractivo e usando os seus códigos nas actividades alternativas baseadas na cultura urbana, concretamente no “rap”. Partindo de contidos culturais relacionados coa nosa comunidade e a nosa contorna, motivamos a nosa rapazada a participar en proxectos creativos.

Por outro lado, dignificase a lingua galega, usando como vínculo artístico, musical e plástico, a figura de Xela Arias, aportando o recoñecemento da poeta e toda a súa traxectoria vital.

Con “A mocidade coas Letras Galegas 2021”, no Porriño, tamén contribuímos a promover e dar visibilidade as actividades de carácter artístico e o uso da lingua galega a través deste programa mediante a súa publicación nas redes sociais, páxinas web e noutros medios de comunicación e difusión.

 

17 de abril, Día Internacional da Información Xuvenil. Omix do Porriño

Cada 17 de abril, as persoas mozas e os Servizos de Información Xuvenil de toda Europa celebran o Día Internacional da Información Xuvenil.
Este día, que foi declarado en 1983 pola Axencia Europea da Información e o Asesoramento Xuvenil (Eryica) e o Instituto da Mocidade de España (Injuve), significa unha oportunidade para recoñecer o labor dos servizos de información xuvenil, especialmente nun momento como o actual.

En España hai máis de 3.000 centros que forman a Rede de Servizos de Información Xuvenil (SIJ), en Galicia a través das OMIX. (Oficinas Municipais de Información Xuvenil, como é o noso caso) e o seu traballo ao longo deste último ano viuse alterado como quizais nunca antes na súa historia.

A nosa Oficina Municipal de Información Xuvenil, OMIX do Porriño, co número de rexistro 36-039-six-063 na Rede Galega de Centros de Información Xuvenil, é unha estrutura informativa de carácter municipal que presta servizos de información directamente aos mozos e mozas do Concello do Porriño e contorna.

Ofrecemos á mocidade toda aquela información que poida ser de interese para o seu desenvolvemento persoal prestando un servizo de atención e asesoramento informativo, a través de taboleiros de anuncios e expositores con documentación actualizada sobre temas variados e dun servizo de Atención Individualizada (presencial, telefónico e por correo electrónico).

Ademais, programamos, elaboramos, organizamos e xestionamos a realización e difusión dos diferentes programas, servizos, talleres e actividades dirixidos ás persoas mozas da nosa localidade, centros educativos e público en xeral.

Deixamos ligazón coa web de Cultura e co videomapping conmemorativo da efeméride

https://youtu.be/RmXDPwD32nA

Día Internacional da Información Xuvenil

Representantes do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño reencóntranse logo de meses de traballo online.

Cumprindo as medidas de seguridade que permiten reunións de ata 6 persoas non conviventes e aproveitando as vacacións de Semana Santa, algúns dos voceiros/as do grupo de participación infantil do Concello do Porriño mantiveron unha reunión presencial.

Puideron poñerse cara sen unha pantalla de por medio para seguir compartindo ideas, impresións, e preparar o traballo que realizarán nos vindeiros meses.

Entre outras cousas pensaron nas propostas que lle farán ao Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, co que se reunirán nun encontro organizado por UNICEF e no que participarán tamén representantes doutros concellos “amigos da infancia” de Galicia.

Fixérono nos soportais da Casa do Concello, e aproveitaron a ocasión para animar ao resto de xente nova do municipio a unirse ao grupo para acadar así unha representación máis diversa.

Os nenos e nenas que desexen participar poden poñerse en contacto coa OMIX do Concello do Porriño a través do número de teléfono 986 33 76 24 ou directamente co equipo dinamizador no 604 086 970

A páxina web do concurso “Improvisdado” xa está dispoñible

 

A segunda edición do concurso “Batalla de debuxantes Improvisdado” xa ten o seu propio sitio web.
Foi realizado pola entidade “Vella Escola”, produtora do certame, organizado polo Concello de Porriño, a través da Concellería de Cultura e Xuventude.

A través desta ferramenta, proporcionaráselle a todas as persoas interesadas información sobre a convocatoria, o acceso á inscrición e incluso a carteira co deseño para presentar á selección dos finalistas que participarán no concurso, en setembro durante as Festas do o Cristo.

Deixamos ligazón

 

IMPROVISDADO

Presentada a II “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, un certamen único e singular organizado polo Concello

Hoxe presentouse a segunda edición da “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, un certame “singular e único que organiza o Concello do Porriño coa intención de crear novas formas de expresión artística, querendo romper estándares e normas non escritas da arte”, segundo anunciou Cami Moreira, concelleira de Cultura, Mocidade e Festas.

Para esta segunda edición “vaise simplificar o método de inscrición a través dun formulario nunha páxina web específica do concurso Improvisdados que ademais terá vídeos da edición anterior e un capítulo de preguntas frecuentes”, explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, entidade produtora do certame. A páxina web estará dispoñible de xeito inmediato.

Outra dúas novidades serán o aumento da bolsa de premios para os finalistas e o escenario onde terá lugar a final, que este ano representará un taller mecánico, cun coche incluído, como se pode ver na maqueta nunha imaxe adxunta. Precisamente ese escenario da final mudará este ano. Trasladase ao Parque do Cristo.

Cami Moreira manifestou que “no Porriño temos certa tendencia a localizar moitos eventos na praza do Concello e pensamos que é bo explorar outras zonas a ver como funcionan cun evento de visualización tan plástica”, segundo a concelleira.

Este concurso lanzouse no 2020, no primeiro estado de alarma como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento. Realizouse unha convocatoria por redes sociais para debuxantes que, de xeito profesional ou aficionado, desenvolveran algunha disciplina artística relacionada coa pintura. Entre os debuxos presentados, seleccionáronse seis artistas que concorreron á final celebrada nas Festas do Cristo nun escenario habilitado na praza do Concello. O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra foi o gañador daquela.