O mércores 24 reunirase de novo a Comisión Especial do Líndano

 

A alcaldesa Eva Garcia asinou hoxe a convocatoria da Comisión Especial para a Descontaminación de Líndano, que se reunirá de novo o mércores 24, ás 19:00 horas, no salón de plenos do Concello.

Nesta reunión, o goberno local informará sobre as calicatas que están a desenvolver no municipio as empresas “Geocysa” e “Edafotec”.

Esta Comisión constituíuse o 19 de febreiro de 2020, para cumprir un mandato da corporación que aprobou unha moción formulada polo grupo municipal de EU SON que propiciou o acordo plenario unánime para a creación desta Comisión Especial.

Forman parte da mesma todos os grupos políticos da corporación (PP, PSOE, EU SON, BNG e UDDL). Tamén están representadas as Consellerías de Medio Ambiente e de Sanidade da Xunta de Galicia; os tres principais sindicatos (CCOO, UXT e CIG); representantes veciñais de Relva, Alba e San Salvador; a Plataforma de Afectados polo Líndano e, a partir deste vindeiro mércores, incorporase a asociación “Ecoloxistas en Acción”.

Un contedor amarelo xigante fronte á Casa Consistorial explica o reto “Recicla e Supérate”

Un contedor amarelo xigante instalado fronte á Casa Consistorial, actuando de expositor efémero para aprenderlle á cidadanía como reciclar adecuadamente no colector amarelo e así superar o reto “Recicla e Supérate”, promovido dende Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coa entidade sen ánimo de lucro, dedicada á reciclaxe e á economía circular, Ecoembes.

Esta acción de impacto na rúa desenvólvese de simultaneamente nos 15 concellos galegos convocados nesta segunda edición do reto que ten como obxectivo último incrementar a conciencia de reciclaxe e seguir afianzando o hábito continuado entre a poboación.

Este reto ten unha premisa sinxela: os concellos participantes que melloren, cando menos un 10% a súa achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, comparado co mesmo período do ano anterior, conseguirán un premio de 2.000 euros para dedicar a unha causa social local da súa elección.

O reto está convocado nos 15 concellos que participan nesta segunda edición e que terán que superarse a si mesmos. Concretamente, <<Recicla e supérate. Únete ao reto!>> desenvólvese en Ourense, Ferrol, Arteixo, Carballo, Ribeira, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Boiro, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Tui, Viveiro e Cambados.

Para conseguir que os concellos superen o Reto, están programadas unha serie de accións de comunicación coas que preténdese comprometer aos concellos e á cidadanía na mellora das cifras de reciclado de envases de plástico, latas e briks, nos seus respectivos municipios.

É por isto que durante os 3 meses de duración do reto, desenvolveranse diferentes actividades de comunicación como a instalación de contedores amarelos xigantes e stands/colectores, a planificación de intensas campañas en medios de comunicación e redes sociais etc. que teñen como finalidade animar á cidadanía a participar á vez que se lles aprende como reciclar mellor.

O Concello realizou unha nova entrega de trampas contra a velutina

A Concellería de Medio Ambiente, a través do seu responsable, Sergio Casal, entregou a José Porto, en representación dos apicultores do Porriño, materiais para a loita contra o avance da vespa velutina.

O concelleiro entregou 120 litros de líquido atractivo e 30 trampas para protexer as colmeas da abella autóctona e a produción do mel galego.

Sergio Casal explicou que con esta nova achega xa hai máis de 300 trampas instaladas e distribuídas entre os produtores de todo o municipio para combater a praga da avespa velutina.

Acordada e definida a composición da Comisión para o Lindano

A Xunta de Voceiros Municipais do Concello de O Porriño, dando cumprimento a un acordo unánime acadado na última sesión plenaria, determinou onte a composición que terá a Comisión de Seguimento da Descontaminación do Lindano.

A solicitude acordada en pleno partiu do grupo EU SON cuio voceiro prantexou que na devandita Comisión houbera representantes das Consellerías da Xunta de Galicia implicadas (Sanidade e Medio Ambiente) así como dos sindicatos.

Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde propuxo a incorporación de membros das asociacións veciñais activas na zona.

Finalmente acordouse a creación da Comisión co seguinte composición:
– 1 Titular e 1 suplente do Grupo Socialista.
– 1 Titular e 1 suplente do Grupo Popular.
– 1 Titular e 1 suplente do Grupo do Bloque Nacionalista Galego.
– 1 Titular e 1 suplente do Grupo de Eu Son do Porriño.
– 1 Titular do Grupo Mixto.
– 1 Titular e un 1 suplente da Plataforma de Afectados do Lindano.
– 1 representante da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
– 1 representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
– 1 representante do sindicado CIG
– 1 representante do sindicato UXT
– 1 representante do sindicato CCOO
– Un representante das tres asociacións veciñais de Torneiros (Relva, Alba e San Salvador)
– Un técnico nomeado polo Concello.

O Concello do Porriño secundará a ‘Hora do Planeta’

O Concello do Porriño secundará o sábado, día 25, a ‘Hora do Planeta’, e invita a todas as veciñas e veciños a apagar as luces unha hora para sumarse á loita contra o cambio climático

O Porriño sumarase este sábado, día 25, á ‘Hora do Planeta’ e apagará as luces do edificio do Concello o 25 de marzo, de 20:30 á 21:30 h. A vila secunda deste xeito a loita global en contra do cambio climático impulsada, este sábado, a nivel mundial con este ‘apagón’ ao que o Goberno local invita a todas as veciñas e veciños a sumarse.

Esta iniciativa,que ten coma lema ‘O planeta primeiro. Que ninguén te pare’, estará respaldada por diferentes asociaciones, entidades e organismos.